Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 24 de xullo de 2014 Páx. 32359

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 16 de xullo de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Feaga, e se convocan para o ano 2014.

A Consellería do Medio Rural e do Mar publicou o 24 de decembro de 2013 as bases reguladoras das axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) mediante a Orde do 16 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Feaga, e se convocan para o ano 2014.

Estas axudas derivan do Regulamento (CE) 1234/2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, e do Regulamento (CE) 555/2008 que o desenvolve, así como do Real decreto 548/2013, do 19 de xullo, para a aplicación das medidas do Programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola español, que establece as bases de xestión das axudas.

O 28 de xuño de 2014 publicouse o Real decreto 549/2014, que modifica o Real decreto 548/2013 en aspectos relativos á presentación de garantías de boa execución así como á tramitación de anticipos.

Por outra parte, o Regulamento (CE) 555/2008 foi modificado parcialmente polo Regulamento de execución (UE) 752/2013 da Comisión, do 31 de xullo de 2013, polo que se modifica o Regulamento (CE) 555/2008 no que respecta aos programas nacionais de axuda e os intercambios comerciais con terceiros países no sector vitivinícola, que introduce cambios na tramitación dos anticipos das axudas.

Conforme isto, procede modificar as bases reguladoras das axudas para adaptalas aos cambios introducidos na normativa básica.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 16 de decembro de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Feaga, e se convocan para o ano 2014.

Primeira. Modificación do punto 3 do artigo 7 da Orde do 16 de decembro de 2013

O punto 3 do artigo 7 (Resolución) da Orde do 16 de decembro de 2013 quedará redactado como segue:

«3. No caso de resolución positiva, os beneficiarios comunicarán á Consellería do Medio Rural e do Mar, nos quince días seguintes á notificación da resolución, a aceptación desta nos termos establecidos ou se é o caso, a renuncia. Nos dous meses seguintes á notificación da resolución, os beneficiarios deberán presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar unha garantía de boa execución, de acordo coas condicións previstas no Regulamento de execución (UE) nº 282/2012, da Comisión, do 28 de marzo, por un importe do 15 por cento do montante do financiamento comunitario, co fin de asegurar a correcta execución do proxecto».

Segunda. Modificación do punto 1 do artigo 10 da Orde do 16 de decembro de 2013

O punto 1 do artigo 10 (Anticipos) da Orde do 16 de decembro de 2013 quedará redactado como segue:

«1. Segundo o establecido no punto 2 do artigo 19 do Regulamento (CE) 555/2008, modificado polo Regulamento de execución (UE) 752/2013, o beneficiario poderá presentar unha solicitude de anticipo que non superará o 20 % da axuda pública concedida. Non obstante, no caso dos investimentos con axudas concedidas mediante decisión adoptada nos exercicios 2013, 2014 ou 2015, o importe do anticipo poderá aumentarse ata o 50 % da axuda pública relativa ao investimento».

Terceira. Engadir un punto 6 e un punto 7 no artigo 10 da Orde do 16 de decembro de 2013

Engádese un punto 6 e un punto 7 no artigo 10 (Anticipos) da Orde do 16 de decembro de 2013 co seguinte texto:

«6. Os beneficiarios de anticipos deberán comunicar cada ano ao organismo pagador, antes do 31 de outubro, unha declaración dos gastos que xustifiquen o uso do anticipo ata o 15 de outubro correspondente e a confirmación do saldo restante do anticipo non utilizado na data do 15 de outubro. Esta declaración de gastos farase por primeira vez antes do 31 de outubro de 2015.

O organismo pagador deberá remitir ao Fega a información comunicada sinalada no paragrafo anterior antes do 20 de xaneiro para a súa remisión á Comisión Europea.

7. Para os efectos do artigo 18, número 2, do Regulamento de execución (UE) nº 282/2012, sobre liberalización de garantías, as probas de dereito á concesión definitiva que deberán presentarse serán a última declaración de custos e a confirmación do saldo a que se fai referencia no anterior punto 6».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2014

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar