Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 30 de setembro de 2014 Páx. 42664

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final.

A venda directa en feiras e mercados constituíu durante séculos a canle principal de comercialización dos produtos agrarios. O crecemento da poboación e o desenvolvemento da sociedade en modelos urbanos requiriron contar coa garantía dun abastecemento alimentario en cantidade e calidade suficiente. Esta necesidade transformou profundamente a estrutura da cadea de valor da produción alimentaria. O sistema tradicional de comercialización mudou ata esquemas de maior complexidade, caracterizados pola importante presenza de intermediarios e a influencia decisiva das empresas de distribución na fixación dos prezos agrarios. Simultaneamente, as persoas produtoras foron perdendo capacidade negociadora e diminuíndo a posibilidade de fixar marxes comerciais axeitados para acadar unha rendibilidade suficiente da súa actividade.

A análise do tecido agrario galego actual amosa a consolidación dunha dualidade estrutural: por unha parte, un grupo limitado de medianas e grandes explotacións xestionadas a tempo completo por agricultores/as e gandeiros/as, que fan delas o seu único medio de vida; doutra, un grupo crecente de pequenas explotacións multifuncionais que requiren dunha ocupación a tempo parcial que completa as rendas das persoas titulares. Ambas as dúas alternativas contribúen positivamente á xeración de emprego agrario e á fixación da poboación no medio rural.

Dunha relación comercial máis directa entre produtores/as e persoas consumidoras resulta un maior equilibrio na repartición do rendemento económico xerado na cadea de valor alimentaria. Por esta razón, a recuperación e regulación da venda directa dos produtos primarios pódese converter nun instrumento eficaz de fomento da produción agraria, particularmente das pequenas explotacións multifuncionais, ao mesmo tempo que permite o acceso ao mercado de produtos de gran calidade obtidos sobre a base de determinadas razas animais ou variedades vexetais autóctonas ou utilizando sistemas de cultivo ou cría tradicionais, que non adoitan chegar á gran distribución polas canles tradicionais.

A posibilidade de regular a venda directa está recollida na normativa comunitaria. Así, os Regulamentos (CE) 852/2004 e (CE) 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, integrantes, xunto a outras normas, do chamado paquete de hixiene, exclúen do seu ámbito de aplicación a subministración directa polos/as produtores/as de pequenas cantidades de produtos primarios á persoa consumidora final ou a establecementos locais de venda polo miúdo para o abastecemento ao/á consumidor/a final, e indican que os Estados membros deben regular, segundo o dereito nacional, este tipo de actividades garantindo que se acaden os obxectivos comunitarios na materia. Deste xeito, esta exclusión non implica que non teñan que ser respectados os principios básicos da seguridade alimentaria e da protección da persoa consumidora definidos no Regulamento (CE) 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, senón que estes quedan baixo o ámbito regulador das autoridades nacionais.

Por todo o anterior, cómpre establecer en Galicia as normas xerais reguladoras da venda directa dos produtos primarios pola persoa produtora ao consumidor final ou a establecementos locais de venda polo miúdo para o abastecemento ao consumidor final, o cal é o obxecto deste decreto. Para iso, é necesario acoutar esta actividade e definir un conxunto de medidas para garantir o dereito das persoas consumidoras á protección da súa saúde e a recibir a información necesaria sobre os alimentos que adquiren.

Así, por unha parte, defínense as obrigas dos titulares das explotacións agrarias que queiran acollerse a esta modalidade de venda e as condicións que deben reunir os produtos, para os cales se establece unha lista dos que poden ser obxecto desta forma de venda e as cantidades máximas que se poden comercializar por explotación e ano. Esta lista abrangue os produtos para os cales o marco normativo vixente permite esta regulación e son sempre produtos procedentes da explotación agraria que se acolle ao réxime de venda directa, coa única excepción dos cogomelos silvestres, que poden ser recollidas fóra dela. En relación con esta produción, avaliouse a lista positiva que se recolle no anexo A do Real decreto 30/2009, do 16 de xaneiro, polo que se establecen as condicións sanitarias para a comercialización de cogomelos para uso alimentario, e non se considerou necesario facer ningunha restrición nesa lista para a nosa comunidade autónoma.

Por outra parte, no relativo á garantía das condicións hixiénicas e da correcta información ao consumidor, o autocontrol, a posibilidade de implantación de guías de boas prácticas e a obriga de etiquetaxe figuran como elementos imprescindibles.

Por outra parte, nesta regulación será necesario observar as limitacións derivadas da normativa estatal básica. En particular, o artigo 4.1 do Real decreto 640/2006, do 26 de maio, polo cal se regulan determinadas condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios, prohibe en España a venda directa de aves de curral e lagomorfos sacrificados nas explotacións, motivo polo que estes produtos non se recollen no anexo do decreto coa lista de produtos e cantidades máximas por explotación e ano.

O artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 11, 13, 38, 131 e 149.1 da Constitución. Así mesmo, o artigo 33.1 do dito estatuto atribúe á Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, e o punto 4 do mesmo artigo engade que a Comunidade Autónoma galega poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados con estas materias, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social, e reserva ao Estado a alta inspección conducente ao cumprimento destas funcións.

Así, por iniciativa da conselleira do Medio Rural e do Mar e da conselleira de Sanidade, por proposta do conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e no uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto deste decreto é regular en Galicia a venda directa de produtos primarios polos/as produtores/as á persoa consumidora final ou a establecementos de comercio polo miúdo para o abastecemento ao/á consumidor/a final.

2. O presente decreto ten tamén por obxecto crear no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) unha sección destinada á inscrición das explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Este decreto será de aplicación a todas as explotacións agropecuarias con actividade inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que producen alimentos destinados ao consumo humano, as cales deberán cumprir as condicións establecidas no capítulo II.

2. A actividade de venda regulada neste decreto limítase exclusivamente ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O decreto será de aplicación á venda directa de produtos primarios que cumpran os requisitos establecidos no capítulo III.

Artigo 3. Definicións

1. Para os efectos do presente decreto establécense as seguintes definicións:

a) Produto primario: produto procedente da produción primaria da terra e da gandaría, excluída a caza, con destino á alimentación humana, e incluídos os cogomelos silvestres.

b) Venda directa: a venda ou calquera outra forma de transferencia, xa sexa a título oneroso ou gratuíto, realizada directamente polo/a produtor/a á persoa consumidora final ou a un establecemento de venda polo miúdo para o abastecemento ao/á consumidor/a final. A venda directa á persoa consumidora final poderá efectuarse in situ, ou en mercados.

c) Venda in situ: venda directa que se produce na propia explotación agropecuaria.

d) Venda en mercado: venda directa que se realiza nun lugar público destinado permanentemente ou en días sinalados para vender, comprar ou permutar bens ou servizos.

e) Establecemento de venda polo miúdo: establecemento comercial rexistrado que vende alimentos ou produtos alimentarios ao/á consumidor/a final. Inclúense nesta definición as actividades de restauración colectiva, os comedores de empresa, os servizos de restauración de institucións, os restaurantes e outros servizos alimentarios similares.

2. Para as definicións non recollidas expresamente na epígrafe primeira, serán de aplicación as descritas no Regulamento (CE) 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria; e no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, polo que se aproba a norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios.

Artigo 4. Modalidades de venda

A venda ao consumidor final poderá realizarse:

a) In situ na explotación produtora.

b) En mercados, directamente polas persoas titulares da explotación, parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.

c) En establecementos de venda polo miúdo á persoa consumidora final, sempre que a transacción entre o/a produtor/a e o establecemento de venda se realice directamente, sen intermediarios.

CAPÍTULO II
Condicións das explotacións agrarias

Artigo 5. Rexistro das explotacións

1. Para poder realizar a venda directa regulada neste decreto, os produtos primarios obxecto de venda deberán proceder de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como comunicar á consellería competente por razón da materia a súa intención de acollerse a este réxime, para a súa inscrición de oficio na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).

2. As explotacións agrarias que realicen a venda directa non precisarán da súa inscrición no rexistro establecido polo Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, sobre Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, nin no rexistro regulado polo Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa).

Artigo 6. Seguridade e hixiene

1. As persoas titulares das explotacións que realicen venda directa ao amparo deste decreto son responsables da seguridade e inocuidade dos produtos que producen e teñen que cumprir as normativas que afecten as súas actividades.

2. As explotacións que realicen venda directa levarán un rexistro básico cos seguintes contidos: produto vendido, cantidade, data de venda e lugar da venda. No caso de venda a establecementos de venda polo miúdo, deixarase constancia da identificación do establecemento.

3. O rexistro estará na explotación á disposición da autoridade competente e conservarase durante dous anos como mínimo.

4. A produción para a venda directa exixirá que as persoas produtoras apliquen nas súas explotacións sistemas de autocontrol axeitados, para o cal poderán aplicar as guías de boas prácticas de hixiene específicas que estean publicadas e sexan aplicables ás actividades concretas que se vaian desenvolver. De for o caso, os/as produtores/as estarán en condicións de acreditar o correcto seguimento destas guías.

CAPÍTULO III
Condicións dos produtos de venda directa

Artigo 7. Requisitos relativos aos produtos primarios e á súa obtención

1. Poderanse vender directamente os seguintes produtos primarios nas cantidades máximas producidas por produtor/a e ano referidas no anexo II:

a) Mel, pole, própole, xelea real.

b) Ovos.

c) Froitas e froitos silvestres.

d) Legumes e hortalizas.

e) Cogomelos, nas condicións establecidas polo Real decreto 30/2009, do 16 de xaneiro, polo que se establecen as condicións sanitarias para a comercialización de cogomelos para uso alimentario.

f) Cereais.

2. Só poderán comercializarse en venda directa, baixo as condicións deste decreto, os produtos producidos na explotación da persoa vendedora, agás no caso dos cogomelos silvestres, que poderán ser recollidos fóra desta.

3. No caso dos ovos, non estará permitida a venda directa na modalidade de venda a establecementos de venda polo miúdo que se recolle na letra c) do artigo 4.

Artigo 8. Presentación dos produtos

Agás no caso da venda in situ, os produtos presentaranse á venda consonte as prescricións establecidas no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, polo que se aproba a norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios, e demais normas que sexan aplicables en cada caso á comercialización do produto.

Artigo 9. Información alimentaria

1. Os/as produtores/as que comercialicen produtos primarios baixo o amparo do presente decreto proporcionarán por medio da preceptiva etiquetaxe a información alimentaria obrigatoria prevista no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, polo que se aproba a norma xeral da etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios. De acordo co citado real decreto, entenderase por etiquetaxe as mencións, indicacións, marcas de fábrica ou comerciais, debuxos ou signos relacionados cun produto alimenticio que figuren en calquera envase, documento, rótulo, etiqueta, faixa ou colariño que acompañen ou se refiran ao dito produto alimenticio.

2. En particular, no relativo aos datos da persoa responsable do produto, figurarán o nome da persoa titular da explotación, o número do Reaga e o enderezo da explotación.

3, No caso de transaccións efectuadas con establecementos de venda polo miúdo á persoa consumidora final, a etiquetaxe poderá consistir no documento comercial en que figure a información preceptiva.

4. No caso de vendas in situ a etiquetaxe non será necesaria e poderá substituírse pola información oral transmitida polo/a produtor/a, agás no caso dos produtos que preceptivamente teñan que ser comercializados envasados, nos cales será de aplicación o establecido no punto 5 deste artigo.

5. En calquera caso, cando os produtos se presenten envasados, as indicacións da información da etiquetaxe figurarán no envase ou nunha etiqueta unida a este.

6. As mencións na etiquetaxe á procedencia galega dos produtos vendidos axustaranse ás prescricións do Decreto 124/2010, do 15 de xullo, polo que se regulan as mencións relativas á orixe ou procedencia galega na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios.

CAPÍTULO IV
Sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa

Artigo 10. Creación da sección

Créase no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) a sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI), no cal se inscribirán de oficio as comunicacións realizadas polas explotacións agrarias que teñan a intención de realizar a venda directa dos seus produtos.

Artigo 11. Procedemento de inscrición

1. As persoas titulares de explotacións que desexen iniciar a venda directa de produtos primarios regulada neste decreto deberán comunicalo previamente á consellería competente en materia de agricultura e gandaría para a súa a inscrición de oficio na SEVEDI.

2. A comunicación a que fai referencia o número anterior será condición suficiente para poder comezar a realizar a venda directa, sen prexuízo doutras autorizacións que foren precisas relacionadas coa actividade concreta que se vaia desenvolver e dos controis oficiais que poida efectuar a autoridade competente.

3. As comunicacións de inicio, baixa ou modificación da actividade de venda directa deberán presentarse dirixidas ao/á xefe/a territorial da consellería competente en materia de agricultura e gandaría, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as comunicacións en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, que figura como anexo I deste decreto.

4. Os servizos territoriais correspondentes da consellería competente en materia de agricultura e gandaría procederán a inscribir de oficio na sección a comunicación realizada pola explotación, logo de verificar a súa inscrición previa no Reaga.

5. A SEVEDI disporá dos seguintes contidos:

a) Datos do Reaga da explotación.

b) Produtos primarios en venda.

6. Son causas de baixa na SEVEDI o cesamento da actividade agraria ou a comunicación de cesamento da actividade de venda directa formulada polo titular da explotación perante o/a xefe/a territorial da consellería competente en materia de agricultura e gandaría, mediante o modelo de comunicación de inicio da actividade, baixa ou modificación establecido no anexo I, ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

CAPÍTULO V
Inspección e réxime sancionador

Artigo 12. Inspección

As consellerías competentes en materia de sanidade animal e vexetal, calidade e seguridade alimentaria, saúde pública e consumo realizarán, a través das unidades administrativas correspondentes, as inspeccións pertinentes no marco das súas respectivas competencias.

Os concellos realizarán as inspeccións pertinentes no marco das súas competencias.

Artigo 13. Réxime sancionador

As infraccións en materia de produción e comercialización dos produtos regulados neste decreto sancionaranse de acordo cos réximes de infraccións e sancións que se recollen a seguir:

a) As infraccións en materia de consumo sancionaranse consonte o disposto no título III da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

b) As infraccións en materia de sanidade e hixiene na produción sancionaranse consonte o disposto no título V da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

c) As infraccións en materia de sanidade e hixiene nos establecementos de venda polo miúdo sancionaranse consonte o disposto no capítulo IX da Lei 17/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición, e todas aquelas outras que sexan de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltanse as persoas responsables das consellerías con competencias en materia de agricultura e gandaría e saúde pública para ditaren as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no ámbito das súas respectivas atribucións.

Disposición derradeira segunda. Modificación da lista de produtos de venda directa

A Consellería da Presidencia, por proposta conxunta das consellerías con competencias en materia de agricultura e gandaría e de saúde pública, poderá ampliar a lista de produtos referida no artigo 7.

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, que regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)

O artigo 5.2 do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia quedará redactado da seguinte forma:

«2. O Reaga organízase nas seguintes seccións:

a) Explotacións agrarias prioritarias.

b) Explotacións agrarias de titularidade compartida.

c) Explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).

d) Outras explotacións agrarias».

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file

ANEXO II

Cantidades máximas autorizadas en venda directa por produtor e ano

Produto

Unidade

Cantidade

Mel

kg

3.000

Pole

kg

450

Própole

kg

30

Xelea real

kg

10

Ovos

Ducias

1.000

Amorodo

kg exterior

kg invernadoiro

5.000

10.000

Kiwi

kg exterior

13.000

Outras froitas

kg exterior

20.000

Hortalizas

kg exterior

kg invernadoiro

20.000

40.000

Legumes

kg exterior

kg invernadoiro

10.000

24.000

Pataca

kg exterior

20.000

Cogomelos

kg exterior

kg invernadoiro

500

2.500

Cereais

kg

5.000