Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 30 de setembro de 2014 Páx. 42707

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2014 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais para facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas auxiliares do sector naval o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades financeiras colaboradoras.

O Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 23 de xullo de 2014, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas auxiliares do sector naval o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas, auxiliares do sector naval, o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro do ano 2015.

No caso de acadarse o límite establecido na cláusula terceira desta resolución de 12.000.000 € para a concesión de avais, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria

De conformidade co establecido no número 2.a) da comunicación da Dirección Xeral de Política Financeira e do Tesouro do 2 de abril de 2013, dótase unha provisión por importe de 3.000.000 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 08.A1.741A.89000).

A dita provisión calcúlase aplicando o 25 % sobre o importe máximo dos avais que conceda o Igape durante o período de vixencia, que se establece en 12.000.000 €, e respectando xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Non obstante, a porcentaxe de dotación de provisións adaptarase ás instrucións que, se é o caso, poida ditar a Dirección Xeral de Política Financeira e do Tesouro.

Cuarto

As garantías individuais que conceda o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas, auxiliares do sector naval, o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades financeiras colaboradoras

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de forma salientable a acadar os obxectivos económico estratéxicos da comunidade galega.

O sector naval constitúe para Galicia un sector estratéxico, non só polo número de postos de traballo directos e indirectos que xera, senón tamén pola importante repercusión sobre o conxunto do ámbito socioeconómico, así como pola súa condición de verdadeira canteira de profesionais das máis diversas especialidades.

A finais do ano 2008 o naval xeraba en Galicia máis de 10.000 postos de traballo, aproximadamente 3.500 empregos directos en estaleiros e 6.500 na industria auxiliar.

Desde ese ano, como consecuencia do inevitable comportamento cíclico do sector e a competencia de estaleiros asiáticos, a demanda de buques reduciuse de forma drástica e a baixa actividade do sector comportou a unha situación de sobrecapacidade.

Non obstante, nos últimos meses, os estaleiros galegos volveron recibir importantes pedidos que supoñen novas expectativas favorables, tanto para eles como para toda a industria auxiliar.

Ante estas novas expectativas e circunstancias do mercado, a industria da construción naval articúlase, cada vez máis, cara a un modelo máis flexible e dirixido a acadar custos competitivos cunha alta calidade, recorrendo a externalizar determinados produtos, actividades ou servizos. Este enfoque converte aos estaleiros en plantas de ensamblaxe onde se monta o casco e se lle incorporan todo un conxunto de compoñentes que se engaden cada vez máis en forma de sistemas integrados ou módulos complexos, subministrados por empresas auxiliares. A industria auxiliar xoga, por tanto, un papel cada vez máis importante no sector, debido ao alto valor engadido que incorporan en canto a nivel tecnolóxico, calidade e custo do buque, chegando a achegar o 70-80 % do valor engadido.

Esta industria auxiliar está constituída principalmente por pequenas e medianas empresas, que precisan acceder a fontes de financiamento operativo que lles permita atender os pedidos dos estaleiros.

Para paliar as dificultades, no actual contexto de crise, de acceso ao financiamento operativo por parte das pequenas e medianas empresas galegas, auxiliares da construción naval, o Igape pon á súa disposición unha liña de avais, instrumentada mediante un convenio de colaboración coas principais entidades financeiras que operan en Galicia.

O Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, permítelle conceder avais ante entidades financeiras, ata un límite máximo que se determina na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada ano.

Por todo isto, e co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito operativo das pequenas e medianas empresas do sector, considérase oportuno habilitar esta liña de avais.

Artigo 1. Obxecto

As presentes bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento para acceder a unha liña de avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo adicional, por parte das pequenas e medianas empresas auxiliares da construción naval, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea. En particular, as garantías individuais que conceda o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

Artigo 2. Requisitos dos beneficiarios

2.1. Poderán acceder aos avais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia e deberán acreditar que o destino do financiamento para o cal se solicita o aval se corresponde, directa ou indirectamente, cun contrato de subministración de bens ou servizos a un estaleiro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.2. Non poderán ser beneficiarias das garantías previstas nas presentes bases as empresas que estean en situación de crise, de acordo coa definición 18) recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.

Artigo 3. Características das liñas de financiamento

3.1. O Igape poderá avalar liñas de financiamento, nas seguintes modalidades:

– Liñas de crédito.

– Liñas de desconto ou anticipo de efectos comercias ou facturas.

– Liñas xenéricas de riscos mercantís.

As operacións avaladas deberán destinarse ás seguintes finalidades:

a) Créditos de prefinanciamento: créditos destinados ao financiamento do aprovisionamento de materias primas, pagamento de nóminas dos traballadores, impostos, seguridade social, alugamento, acredores por prestación de servizos. A necesidade do prefinanciamento deberá ser xustificada pola empresa, baseándose nos pedidos en carteira e/ou previstos para o período de vixencia do financiamento e na previsión de aplicación de fondos.

b) Créditos de posfinanciamento: créditos destinados a anticipar os dereitos de cobramento derivados das vendas e materializados en diferentes documentos tales coma facturas, obrigas de pagamento, letras de cambio, etc. A necesidade do posfinanciamento deberá ser xustificada pola empresa, baseándose nos pedidos en carteira e/ou previstos para o período de vixencia do financiamento e no prazo de cobramento establecido e/ou previsto.

Cada unha das operacións poderá ser concedida por unha entidade financeira ou ben por un sindicato bancario e unha mesma empresa poderá solicitar o aval para as dúas finalidades sinaladas. No caso de que o soliciten para máis dunha finalidade nunha mesma entidade financeira, poderán ampararse nunha póliza xenérica de riscos mercantís.

3.2. Deberá tratarse de operacións de financiamento novas, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes.

Entenderase que a liña de financiamento acollida a estas bases substitúe outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira cando:

a) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos coas entidades financeiras desde a data de entrada en vigor da convocatoria, para a mesma finalidade, fosen cancelados antes do seu vencemento, sen consentimento expreso do Igape.

b) Os contratos de financiamento, para a mesma finalidade, que a beneficiaria teña subscritos, na data da solicitude, coa entidade financeira que concede a nova operación, non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada, sen consentimento expreso do Igape.

3.3. Cobertura dos avais do Igape e comisión anual.

O Igape responderá do 50 % do saldo disposto, unha vez cumpridos os requisitos de execución establecidos no artigo 6.3, e devindicarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 1,00 % do importe do aval formalizado.

Artigo 4. Importe das operacións

O importe das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será como mínimo de 100.000 €, e como máximo de 300.000 €. En consecuencia, o aval do Igape será dun mínimo de 50.000 € e un máximo de 150.000 €.

No caso de operacións individuais nunha entidade financeira por importe inferior a 100.000 €, o seu outorgamento estará condicionado á formalización previa ou simultánea doutras operacións avaladas polo Igape que acaden o dito importe mínimo de 100.000 €.

Artigo 5. Prazos e amortización

A vixencia das operacións avaladas poderá ser de ata dous anos, e a vixencia dos avais de tres anos.

Artigo 6. Obxecto e condicións da garantía do Igape

6.1. As garantías outorgadas polo Igape consistirán na prestación de aval subsidiario ante as entidades financeiras, nas condicións e termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. No caso de que a operación sexa concedida por un sindicato bancario, o Igape responderá ante a entidade axente pola totalidade do aval concedido na dita operación.

6.2. O prazo de vixencia da garantía será de ata tres anos, cubrindo o risco vivo financiado ou anticipado durante os dous anos de vixencia máxima da operación avalada.

6.3. As condicións de execución dos avais prestados polo Igape ao abeiro destas bases serán:

1. Unha vez notificada notarialmente á avalada a rescisión do crédito ou vencido o seu prazo de vixencia sen que se procedese o seu aboamento, e requirida esta de pagamento, a entidade financeira deberá notificar notarialmente ao Igape tal rescisión, achegando certificación intervida por fedatario público do saldo vivo pendente de aboamento na data de peche da conta.

2. O aval será executivo á demanda da entidade financeira desde o momento en que esta acredite ao Igape que, ademais, se cumpriu algunha das seguintes condicións:

a) Que fose declarado o concurso ou admitida a trámite xudicial a solicitude de declaración de concurso da empresa avalada, ou

b) Que transcorresen cento oitenta días desde a data do requirimento notarial á avalada reclamándolle o reembolso das cantidades pendentes, e ademais se interpuxese demanda xudicial reclamando o cobramento do que se debe.

O importe que se aboará á entidade financeira por se ter producido a condición do número 1) e algunha das condicións do número 2), será satisfeito nos corenta e cinco días seguintes ao da xustificación documental destas.

O aval cancelaríase automaticamente unha vez transcorridos trinta días naturais desde o momento do seu vencemento, sen que conste notificación da entidade financeira ao Igape realizada segundo os termos do número 1) anterior.

6.4. No caso de que se acredite que a liña de financiamento acollida a estas bases substitúe outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira, sen consentimento expreso do Igape, o Igape non responderá polo aval concedido.

Artigo 7. Garantías que debe achegar a beneficiaria

As garantías que se deben achegar serán as exixidas pola entidade financeira para autorizar a operación. As ditas garantías serán repartidas entre a entidade financeira e o Igape en función do risco asumido por cada parte.

No caso de acreditarse a constitución doutras garantías distintas ás declaradas polas entidades financeiras, o Igape non responderá polo aval concedido.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. A tramitación destas bases require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o formulario de solicitude inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos nestas bases reguladoras.

8.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

8.5. De conformidade co artigo 13 do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, modificado polo Decreto 132/1995, do 10 de maio, o Igape publicará no Diario Oficial de Galicia a identidade do avalado e a contía do aval e dará conta trimestralmente ao Parlamento dos avais existentes, dos novos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos a que a Tesouraría da Comunidade Autónoma ten que facer fronte.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes

9.1. Solicitudes e documentación.

9.1.1. Para solicitar unha operación avalada polo Igape, a empresa deberá previamente obter o compromiso de financiamento nalgunha das entidades financeiras adheridas a este programa mediante convenio de colaboración e obter o certificado expedido pola mesma, de acordo co modelo establecido no anexo II.

9.1.2. Unha vez que a empresa estea en posesión do dito certificado, deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

9.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade, que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade de crédito colaboradora.

Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

9.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

9.4. Documentación.

9.4.1. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

i. Certificación (segundo modelo do anexo II) da/s entidade/s financeira/s que incluirá expresamente:

a) Operacións que se concederán, condicionadas ao aval do Igape.

b) Declaración responsable de que as ditas operacións non substitúen outras liñas de financiamento preexistentes.

c) Garantías exixidas para cubrir o risco das operacións.

ii. NIF da empresa.

iii. DNI do asinante da solicitude. Co fin de evitar a súa achega o órgano xestor accederá ao Sistema de verificación de datos de identidade e residencia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI.

iv. Escrituras de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente así como as modificacións posteriores.

v. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

vi. Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado depositadas no rexistro mercantil, incluído, se é o caso, informe de auditoría.

vii. Balance e conta de resultados na data da solicitude, asinado polo órgano de administración.

viii. Contratos ou pedidos acreditativos do encargo de subministración de bens ou servizos a un estaleiro da Comunidade Autónoma de Galicia.

9.4.2. Poderase excluír aquela documentación que conste xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especificar o número de expediente no que anteriormente foi presentada.

9.4.3. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

9.5. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coa documentación establecida no artigo 9.4, en orixinal ou copia cotexada (agás a documentación que se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude).

9.6. Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante.

Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño), e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

9.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

9.8. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicará aos solicitantes a data en que as solicitudes foron recibidas, o prazo máximo establecido para a resolución e a notificación do procedemento, e os efectos do silencio administrativo.

9.9. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nestas bases ou non está acompañada da documentación exixida, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta ou se presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

Artigo 10. Órganos competentes

A Área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

11.1. A solicitude de axuda será examinada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario.

Logo do informe dos servizos técnicos do Igape, as solicitudes serán avaliadas por un comité designado polo director xeral do Igape. O dito comité estará formado por tres técnicos do Igape e dous técnicos de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A., por proposta do seu director xeral.

11.2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá control interno con carácter previo á concesión, conforme determinan os artigos 95 e seguintes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12. Resolución

12.1. Unha vez examinada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá a solicitude, por delegación do Consello de Dirección do Igape, especificando o beneficiario, o importe máximo da cobertura do aval, a súa vixencia e as garantías exixidas. Tamén se indicarán as características da operación que se vai avalar e os seus destinos. As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

12.2. Os expedientes tramitaranse no Igape por orde de entrada coa documentación completa e ata o límite do risco previsto nestas bases.

12.3. En caso de esgotarse o límite de risco antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, pecharase anticipadamente a convocatoria mediante publicación de tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Igualmente o esgotamento do límite de risco, será obxecto de denegación da solicitude.

12.4. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira a concesión ou denegación do aval. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante a Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde a súa notificación.

12.5. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

12.6. Os avais concedidos ao abeiro das presentes bases serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos establecidos no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. Trimestralmente daráselle conta ao Parlamento dos avais existentes, dos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos a que a Tesouraría da Comunidade Autónoma tivo que facer fronte.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Formalización

14.1. O Igape subscribirá coa beneficiaria un contrato de garantía no cal se recollerán as obrigas das partes respecto ao aval prestado. Estará facultado para a dita subscrición indistintamente a persoa titular da Dirección Xeral do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento do Igape.

14.2. O prazo máximo para a instrumentación do aval e da operación avalada será de cinco meses a partir da data de notificación da súa concesión. Finalizado o prazo sen que se instrumente o aval e/ou sen que se formalice a operación avalada, ditarase resolución considerando que o solicitante renuncia ao aval concedido, e ordenando o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

14.3. Seguimento das operacións avaladas.

14.3.1. A entidade financeira remitirá ao Igape copia cotexada da póliza ou escritura de crédito, coa maior brevidade posible. Así mesmo, deberá remitir ao Igape, para os efectos de realizar o seguimento do risco e finalidade das operacións avaladas que estean en vigor, nun prazo de 15 días desde a finalización de cada trimestre natural, certificado respecto do grao de disposición das operacións avaladas.

14.3.2. A partir da formalización de cada operación de aval, as beneficiarias deberán remitir ao Igape, a documentación que se relaciona de seguido:

Mentres a operación de aval estea en vigor:

– Copia cotexada das contas anuais que se aproben durante a vixencia do aval. Deberá incluírse o informe de auditoría, se é o caso. Deberán remitirse no prazo de 30 días desde a súa aprobación.

– Comunicación ao Igape, se é o caso, dos cambios na súa estrutura accionarial, xerencia, órganos de goberno ou administración, desde a última comunicación. Deberá remitirse no prazo de 30 días desde que se produzan os cambios.

Transcorridos 30 días desde o vencemento do prazo da operación avalada:

– Memoria asinada polo administrador, en que se faga referencia aos seguintes datos: importe das exportacións realizadas no período de vixencia da operación e nos dous anos anteriores, porcentaxes que representa respecto da facturación total e países de destino dos produtos exportados.

14.3.3. O Igape poderá solicitar, ademais, calquera outra información respecto do cumprimento da finalidade do programa.

Artigo 15. Modificacións

15.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do aval poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

15.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedido o aval.

15.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario do aval poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

15.4. O director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación do aval.

15.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

15.6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

15.7. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape, sempre que non supoñan modificación da resolución de concesión. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza do aval concedido.

Artigo 16. Control

16.1. As empresas beneficiarias someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. Neste sentido as beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

16.2. Con independencia do indicado no punto anterior, a entidade avalada comprométese expresamente a facilitar ao Igape a inspección e control dos investimentos, dos destinos dos fondos da operación avalada así como da situación da solvencia da empresa, podendo, para tales efectos, verificar os balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Artigo 17. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras colaboradoras

17.1. O Igape convidará a adherirse a este convenio a todas aquelas entidades financeiras que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros a empresas galegas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de avais), colaborasen co instituto nos seus programas do subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo IV das bases reguladoras.

Así mesmo, con posterioridade, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nas bases reguladoras da liña de avais do Igape.

17.2. As novas adhesións solicitaranse mediante o modelo do anexo III das bases reguladoras, e formalizarse mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes do correspondente convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable desde ficheiro é o Igape, que no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras, para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file

ANEXO II
Avais do Igape para facilitar o acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas auxiliares da construción naval

D.………………………………………………………………………………………………………………………….………………………………………………………………………………como apoderado/s da entidade financeira .........................................................................,

Certifican:

1. De acordo co establecido nas bases reguladoras dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar o acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas auxiliares da construción naval, instrumentados mediante convenio coas entidades colaboradoras, foi estudada a solicitude da empresa e autorizada por esta entidade financeira a concesión do seguinte financiamento, condicionado á concesión do aval subsidiario do Igape polo 50 % e á achega das garantías seguintes:

Empresa:…………………………………………………..............................……………………

NIF:........................................................................................................................................

Modalidade:………................................……………………………………………………………

Importe:…………………………………...............................……………………………………..

Garantías (achegar en anexo, descrición das garantías exixidas para cubrir o risco da operación e a seguinte documentación):

• No caso de garantías reais: taxación actualizada dos inmobles ofrecidos, emitida por unha sociedade de taxación homologada polo Banco de España, xunto a nota simple do rexistro da propiedade.

• No caso de garantías persoais: relación de bens, cargas e rendas.

2. Que o citado financiamento non substitúe outras liñas de crédito preexistentes nesta entidade financeira.

Para que conste, para os efectos oportunos, expídese o presente documento,

…………………………., ………. de …………………… de 20 ...

P.P.

Sinatura do/s representante/s da entidade financeira

missing image file

ANEXO IV
Relación de entidades colaboradoras

Avais do Igape para facilitar o acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas auxiliares da construcción naval.

Caixas:

– Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega.

Bancos:

– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

– Bankinter, S.A.

– NCG Banco, S.A.

– Caixabank, S.A.