Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 7 de outubro de 2014 Páx. 43451

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 8/2014, do 26 de setembro, de reforma da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Exposición de motivos

Os poderes públicos galegos e o conxunto da sociedade deben responder con axilidade e contundencia contra aquelas persoas desaprehensivas que maltratan, torturan ou someten a un trato inadecuado os animais, do mesmo xeito que a cidadanía reclama dos seus representantes electorais o desenvolvemento de nova lexislación que mellore e actualice a defensa, o benestar e a protección dos animais.

O actual corpo lexislativo en relación coa protección animal require unha fonda actualización da gradación das sancións, isto é, do senso que lles damos aos actos de maltrato animal, algúns moi habituais, como someter os cans e os gatos a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables, condenalos a permanecer atados a unha cadea durante toda a súa vida, empregalos en espectáculos prohibidos ou fomentar a súa compravenda sen cumprir cos máis elementais requisitos de sanidade e defensa do consumidor.

A continua e cada vez máis cruenta aparición de casos de malos tratos cara aos animais, como reflicten os avistamentos de cans afogados nas praias e nos ríos galegos con pesos no pescozo, case aforcados no monte ou abandonados á súa sorte nas contornas de estradas e autoestradas e que na súa maior parte falecen atropelados, provocando accidentes de circulación, ofrece un panorama desolador, ademais de xerar maior oposición cidadá a estes actos, que, afortunadamente, só comete unha minoría, pero que, grazas á sensación xeneralizada de impunidade, supoñen o abandono, por exemplo, de arredor de 13.000 seres vivos só no ano 2013. As sociedades protectoras coñecen ben un día a día tan macabro como para destruír a vontade de calquera persoa.

Pese ao importante labor que están a realizar os cada vez máis presentes colectivos e asociacións protectoras de animais, cunha actividade financiada na súa inmensa maioría con capital procedente de socios e achegas cidadás, a problemática do maltrato agroma no noso territorio sen que ata o momento se dispuxesen as medidas axeitadas para impedir novas circunstancias de violencia cara aos animais.

Facendo un exercicio de información comparada, pódese comprobar o descenso de determinadas situacións nas comunidades autónomas onde a normativa sancionadora está máis actualizada e ten un verdadeiro compoñente de disuasión nas persoas irresponsables, egoístas e desaprehensivas dispostas a maltratar un animal. E maltratar non significa só violencia extrema.

Combinarmos a disuasión pecuniaria co exercicio proactivo da sensibilización a través do impulso e da cooperación de campañas de sensibilización, como as que levan desenvolvido organizacións como a Asociación Animalista Libera para formar cidadáns en operativa da denuncia por malos tratos aos seres vivos, ou propoñendo medidas para evitar camadas non desexadas, como a esterilización, e de prevención do abandono, permitirá impor actuacións e unha maior concienciación.

Existe a urxente necesidade de enviar unha mensaxe clara e concisa contra o maltrato aos animais e de marcar un punto de inflexión a partir do endurecemento das sancións e do impulso de iniciativas para sensibilizar e educar a cidadanía galega en materia de denuncia, boas prácticas e tenza responsable.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de reforma da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Artigo único. Modificación da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade

Modifícase o punto 1 do artigo 24, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As infraccións indicadas no capítulo anterior serán sancionadas con multas de:

a) As leves, de 100 a 500 euros.

b) As graves, de 501 a 5.000 euros.

c) As moi graves, de 5.001 a 30.000 euros».

Modifícase a disposición adicional terceira da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, que quedará redactada nos seguintes termos:

«Disposición adicional terceira

Autorízase a Xunta de Galicia a modificar, anualmente, o importe das sancións establecidas no artigo 24 desta lei conforme a variación anual do IPC ou índice que o substitúa».

Engádese unha disposición adicional, que queda redactada nos seguintes termos:

«Disposición adicional cuarta

O Goberno debe elaborar, xunto coas entidades protectoras e as asociacións colaboradoras, campañas e iniciativas de sensibilización sobre o contido da presente lei para a poboación en xeral».

Engádese unha disposición adicional, que queda redactada nos seguintes termos:

«Disposición adicional quinta

Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia por infraccións da presente lei deberán destinarse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección dos animais».

Disposición derradeira

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente