Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 14 de outubro de 2014 Páx. 44143

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 9 de outubro de 2014 pola que se establecen os domingos e festivos nos cales se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2015.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de decembro), modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro (DOG do 14 de febreiro) determina no artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de dez ao ano.

O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

Con independencia do establecido no parágrafo anterior e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, así que sexan publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas a que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro e ten que se presentar acompañada dos informes emitidos pola cámara de comercio, industria e navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A consellería resolverá no prazo de quince días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o devandito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se tivesen aprobado.

A Consellería de Economía e Industria ten competencia en materia de comercio de acordo co disposto no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada aos axentes socioeconómicos determinados pola lei e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos 10 domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2015.

Por tanto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público durante o ano 2015 son:

4 de xaneiro

11 de xaneiro

2 de abril

5 de xullo

11 de outubro

1 de novembro

6 de decembro

13 de decembro

20 de decembro

27 de decembro

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria