Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 24 de novembro de 2014 Páx. 48404

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2014, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba e se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas.

En virtude da Orde do 16 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 140, do 24 de xullo) convocouse o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas, que establece como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.4 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación de instancias e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que os/as aspirantes que superen o cuarto exercicio deste proceso selectivo ou estivesen exentos del poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e publicar o procedemento que se seguirá para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas.

Segundo. Para acreditar os méritos recollidos nas bases II.2.1.1, II.2.1.2, II.2.1.3 e II.2.1.5 da quenda de promoción interna, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo I a esta resolución.

Terceiro. Para acreditar os méritos recollidos na base II.2.2.1 da quenda de acceso libre, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo II a esta resolución.

Cuarto. Os ditos anexos I e II serán expedidos polas unidades seguintes:

a) No caso de servizos prestados na Xunta de Galicia, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo os modelos de certificación que figuran como anexos I y II a esta resolución, segundo proceda, e que será expedida e debidamente asinada polas unidades seguintes de acordo co último destino de cada aspirante no día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia:

– Servizos centrais: secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou titulares dos órganos ou unidades equivalentes das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

– Servizos periféricos: xefes/as territoriais ou, de ser o caso, persoal responsable da área de persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo a esta resolución e que será expedida e debidamente asinada polo funcionario responsable da área de persoal da administración correspondente, e deberase achegar ademais fotocopia do contrato ou nomeamento.

Para os efectos do cómputo dos servizos prestados, os meses consideraranse integrados por 30 días naturais e as fraccións de mes poderán sumarse entre si para acadar un mes completo, despreciándose a fracción resultante inferior ao mes.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido neste punto.

Quinto. Para acreditar os méritos recollidos nas bases II.2.1.4. e II.2.2.2, os/as aspirantes deberán presentar copia debidamente cotexada dos documentos que acrediten ter realizado os cursos recollidos nela.

Sexto. Todas as follas de documentación que se acheguen deberán estar numeradas correlativamente.

Sétimo. Os/as aspirantes disporán para presentar a documentación sinalada no punto anterior dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación polo tribunal no Diario Oficial de Galicia das notas do cuarto exercicio da fase de oposición ou da resolución pola que se declare a todos/as os/as aspirantes exentos del. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2014

José Mª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file
missing image file