Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 24 de novembro de 2014 Páx. 48409

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se establece o procedemento para o acceso á docencia na especialidade de dirección de orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Por Resolución do 10 de marzo de 2008, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, estableceuse o procedemento para o acceso á docencia en diversas especialidades nos conservatorios superiores de música. Resultando necesario convocar o mesmo procedemento na especialidade de dirección de orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

Esta resolución ten por obxecto convocar o procedemento para seleccionar o profesorado que poderá impartir docencia durante o curso 2015/16 no conservatorio superior de música da Coruña, nunha praza da especialidade de dirección de orquestra.

Segundo. Requisitos de participación

Só poderá participar nesta convocatoria o profesorado que reúna os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario de carreira do corpo de profesores de música e artes escénicas con destino nun conservatorio da Comunidade Autónoma de Galicia,

b) Acreditar o título superior de música de dirección ou equivalente.

c) Acreditar o Celga 4 ou o curso de perfeccionamento en lingua galega. Para estes únicos efectos, entenderase que reúnen o requisito aquelas persoas que superasen as probas de lingua galega ou fosen declarados exentos deste requisito nos correspondentes procesos selectivos de ingreso no corpo de profesores de música e artes escénicas. Así mesmo, os aspirantes que obteñan praza nesta convocatoria e non estean en posesión deste requisito estarán obrigados, no prazo de dous anos contados a partir do seu nomeamento, a obter o Celga 4.

d) Presentar o proxecto docente a que fai referencia o punto 6 do anexo desta resolución, nas condicións alí descritas.

Terceiro. Solicitudes e presentación da documentación

1. O modelo de solicitude está á disposición das persoas interesadas na páxina web da consellería, no enderezo www.edu.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Á solicitude achegarase a documentación acreditativa en copia cotexada dos méritos que se aleguen.

Cuarto. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección consistirá na valoración dos méritos profesionais, docentes e artísticos presentados polos participantes, conforme o baremo que se publica como anexo desta resolución.

2. Os posibles empates que se produzan na valoración total do procedemento selectivo, resolveranse segundo a maior puntuación obtida en cada un dos puntos e sub-puntos do baremo, na súa orde de aparición.

Quinto. Comisión de selección

A asignación da puntuación que corresponde aos concursantes levaraa a cabo unha comisión baremadora nomeada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e constituída polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue.

– O xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

– Un asesor-técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

– Un/ha funcionario/a da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto.

Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

A comisión de selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración.

Poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na mesa sectorial de persoal docente non universitario, con voz pero sen voto.

Disposición adicional

O persoal funcionario de carreira con destino definitivo nos actuais conservatorios profesionais de música de Galicia que resulte seleccionado nesta convocatoria será nomeado en comisión de servizos durante o curso escolar 2015/16, esta comisión pode ser prorrogada en tanto non se modifique o procedemento de adscrición aos conservatorios superiores.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

1. Actividades no ámbito da docencia (máximo 5 puntos).

1.1. Experiencia docente previa como funcionarios de carreira do corpo de profesores de música e artes escénicas: 0,5 puntos por ano.

Documentación acreditativa: folla de servizos certificada pola Subdirección Xeral de Recursos Humanos ou, na súa falta, certificación da secretaria ou secretario do centro co visto e prace da dirección, en que debe constar a data de toma de posesión e cesamento na especialidade, así como os documentos xustificativos do nomeamento ou fotocopia compulsada nos cales conste a data de toma de posesión e do cesamento e a especialidade.

2. Expediente académico e outras titulacións (máximo 5 puntos).

2.1. Expediente académico na titulación alegada: máximo 1 punto (6,5 a 7,5: 0,5 puntos; 7,5 a 10: 1 punto).

Documentación acreditativa: expediente académico persoal orixinal ou fotocopia cotexada en que consten as puntuacións obtidas en todas as disciplinas e cursos exixidos para a obtención do título alegado.

2.2. Diploma de estudos avanzados, título oficial de máster, suficiencia investigadora ou calquera título equivalente na especialidade a que se opta: 0,15 puntos.

Documentación acreditativa: no caso do DEA, suficiencia investigadora ou titulación equivalente, certificación académica ou fotocopia cotexada do diploma. No caso do máster, certificación orixinal ou copia cotexada da súa superación.

2.3. Título de doutor: 1 punto.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia cotexada do título de doutor ou, se é o caso, do aboamento dos dereitos de expedición, conforme a Orde do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

2.4.Outras titulacións superiores: 0,5 puntos.

Por cada titulación superior distinta á alegada para o acceso á especialidade correspondente: 0,5 por titulación, ata un máximo de 1 punto.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia cotexada do título ou, se é o caso, do aboamento dos dereitos de expedición, conforme a Orde do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

2.5. Outras titulacións de primeiro ciclo: 0,25 puntos.

Por estudos rematados correspondentes ao primeiro ciclo: 0,25 por titulación, ata un máximo de 0,5 puntos. Para estes efectos non se consideran equivalentes os estudos de grao medio de música ou de danza.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia cotexada en que se acredite a súa superación.

2.6. Outros títulos de doutor: 1 punto.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia cotexada do título de doutor ou, se é o caso, do aboamento dos dereitos de expedición, conforme a Orde do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

2.7. Premio extraordinario na titulación alegada: 0,3 puntos.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia cotexada en que se acredite a súa obtención.

2.8. Premio extraordinario de doutoramento: 0,5 puntos.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia cotexada en que se acredite a súa obtención.

3. Actividades de formación (máximo 5 puntos).

3.1. Cursos superados relacionados coa especialidade a que se opta organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro, que fosen homologados ou recoñecidos polas citadas administracións, así como os organizados polas universidades: 0,10 puntos cada 10 horas.

Documentación acreditativa: certificado en que conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados por institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou homologación.

3.2. Por cursos impartidos relacionados coa especialidade a que se opta organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro, que fosen homologados ou recoñecidos polas citadas administracións, así como os organizados polas universidades: 0,20 puntos cada 10 horas.

Documentación acreditativa: certificado en que conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados por institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou homologación.

4. Actividade investigadora (máximo 5 puntos).

4.1. Por libro publicado como autor directamente relacionado coa especialidade a que se opta: 0,5 puntos por libro.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN ou ISSN, en virtude do disposto no Decreto 2984/1972, do 2 de novembro, non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

4.2. Por publicacións, artigos, capítulos de libros directamente relacionados coa especialidade a que se opta: 0,15 cada publicación, artigo ou capítulo de libro.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN ou ISSN, en virtude do disposto no Decreto 2984/1972, do 2 de novembro, non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

4.3. Por cada participación en proxectos de investigación relacionados coa especialidade a que se opta: 0,5 puntos.

Documentación acreditativa: certificado que acredite a participación do aspirante no proxecto, a descrición deste e a súa duración.

4.4. Contribución a congresos internacionais relacionados coa especialidade a que se opta: 0,3 puntos por relatorio e 0,1 por comunicación.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada da comunicación escrita e do índice de contidos do libro do congreso.

4.5. Contribución a congresos nacionais relacionados coa especialidade a que se opta: 0,15 puntos por relatorio e 0,05 por comunicación.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada da comunicación escrita e do índice de contidos do libro do congreso.

4.6. Pola organización de congresos internacionais e a edición das súas actas, relacionados coa especialidade a que se opta: 0,5 puntos.

Documentación acreditativa: certificado expedido pola entidade organizadora do congreso onde se acredite o traballo desenvolvido polo aspirante.

4.7. Pola organización de congresos nacionais e a edición das súas actas, relacionados coa especialidade a que se opta: 0,25 puntos.

Documentación acreditativa: certificado expedido pola entidade organizadora do congreso onde se acredite o traballo desenvolvido polo aspirante.

4.8. Dirección de teses de doutoramento: 1 punto por cada unha.

Documentación acreditativa: certificado expedido pola universidade correspondente onde se acredite a dirección da tese exercida polo aspirante.

4.9. Dirección do diploma de estudos avanzados (DEA): 0,10 puntos por cada unha.

Documentación acreditativa: certificado expedido pola universidade correspondente onde se acredite a dirección do DEA exercida polo aspirante.

5. Actividade musical e méritos artísticos (máximo 7 puntos).

5.1. Por concertos como solista musical nos últimos dez anos, na especialidade a que se opta (director musical, solista individual ou de música de cámara ata formación de trío): 0,2 puntos por concerto.

Documentación acreditativa: fotocopias cotexadas do contrato ou contratos laborais establecidos coa institución organizadora do concerto. Na súa falta, fotocopia cotexada do programa do concerto, indicando lugar de realización e contido deste.

5.2. Por concertos como músico de cámara, nos últimos dez anos, en formación de cuarteto ou máis instrumentistas, na especialidade a que se opta: 0,1 puntos por concerto.

Documentación acreditativa: fotocopias cotexadas do contrato ou contratos laborais establecidos coa institución organizadora do concerto. Na súa falta, fotocopia cotexada do programa do concerto, indicando lugar de realización e contido deste.

5.3. Por instrumentista de orquestras ou bandas profesionais nos últimos dez anos, na especialidade á que se opta: 0,01 puntos por concerto.

Documentación acreditativa: fotocopias cotexadas do contrato ou contratos laborais establecidos coa institución organizadora do concerto. Na súa falta, fotocopia cotexada do programa do concerto, indicando lugar de realización e contido deste.

No suposto de instrumentistas que teñan un contrato estable cunha orquestra profesional, a cuantificación desta subepígrafe farase por anos completos, cunha puntuación de 0,3 puntos por ano.

5.4. Por cada composición musical orixinal, exenta e editada para un instrumento solista ou grupo instrumental: 0,2 puntos.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN, ISSN, ISMN ou depósito legal non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

5.5. Por cada composición musical orixinal, exenta e editada para orquestra, con ou sen solistas: 0,3 puntos.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN, ISSN, ISMN ou depósito legal non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

5.6. Por cada composición musical orixinal, conxunta e editada: 0,1 puntos.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN, ISSN, ISMN ou depósito legal non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

5.7. Por cada arranxo ou transcrición, exenta e editada para un instrumento solista ou grupo instrumental: 0,1 puntos.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN, ISSN, ISMN ou depósito legal non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

5.8. Por cada arranxo ou transcrición, exenta e editada para orquestra, con ou sen solistas: 0,2 puntos.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias cotexadas. As publicacións que non consignen o ISBN, ISSN, ISMN ou depósito legal non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o seu editor.

5.9. Por cada gravación como solista musical, na especialidade a que se opta (director musical, solista individual ou de música de cámara ata formación de trío): 0,2 puntos por gravación.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada do texto do CD onde conste o programa, os intérpretes, o selo discográfico e o código de rexistro.

5.10. Por cada gravación como músico de cámara, en formación de cuarteto ou máis instrumentistas, na especialidade a que se opta: 0,1 puntos por gravación.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada do texto do CD onde conste o programa, os intérpretes, o selo discográfico e o código de rexistro.

5.11. Por cada gravación como instrumentista de orquestras profesionais, na especialidade a que se opta: 0,01 puntos por gravación.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada do texto do CD onde conste o programa, os intérpretes, o selo discográfico e o código de rexistro.

5.12. Por cada premio como instrumentista, director musical ou compositor de ámbito internacional: 0,2 puntos.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada do premio, con indicación expresa da institución convocante do certame.

5.13. Por cada premio como instrumentista, director musical ou compositor de ámbito nacional ou autonómico: 0,1 puntos.

Documentación acreditativa: fotocopia cotexada do premio, con indicación expresa da institución convocante do certame.

6. Proxecto docente (máximo 7 puntos).

Proxecto docente orixinal, que non terá carácter eliminatorio, cunha extensión máxima de 50 páxinas incluídos os anexos, de ser o caso, formato DIN A-4, escritos por unha soa cara, a dobre espazo, cunha letra tipo Times New Roman, tamaño 12, marxes 2,5 cm, que faga referencia aos seguintes aspectos de obrigatorio tratamento:

a) Xustificación legal.

b) Obxectivos.

c) Contidos da materia.

d) Metodoloxía pedagóxica.

e) Criterios e ferramentas de avaliación.

f) Bibliografía.

g) Recursos materiais.