Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 10 de decembro de 2014 Páx. 50572

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

A presente orde establece, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas ao alugamento establecidas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

O citado real decreto establece a necesidade que a Comunidade Autónoma asine un convenio de colaboración co Ministerio de Fomento para o desenvolvemento do plan. O convenio asinouse o pasado 5 de setembro de 2014.

Por outra banda, o Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que os programas incluídos no Plan estatal 2013-2016 poderán aplicarse na nosa Comunidade unha vez asinado o citado convenio bilateral co Ministerio de Fomento.

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, establece tamén que se desenvolverán por orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na cal se regularán os requisitos para acollerse aos ditos programas, así como as bases reguladoras das axudas previstas no Plan 2013-2016.

A Comunidade Autónoma considera as actuacións en materia de vivenda como área de xestión prioritaria, polo que ten especial interese, unha vez asinados todos os instrumentos necesarios, en poñer en marcha o procedemento de publicación e concesión das axudas previstas no Plan 2013-2016, en particular as do programa de axuda ao alugamento, por destinarse prioritariamente aos sectores da poboación con máis dificultades de acceso á vivenda.

A presente orde consta de 24 artigos, unha disposición adicional e unha derradeira e define as bases reguladoras das subvencións nas cales se inclúe o obxecto das subvencións, os requisitos e condicións das persoas beneficiarias, o sistema de concorrencia, criterios e procedemento para resolver as axudas, o seu importe, maneira de xustificación e pagamento das axudas concedidas, procedemento de reintegros, publicidade das axudas e sistema de compatibilidades e procedemento de convocatoria.

Sobre estas bases emitiron informe a Asesoría Xurídica Xeral, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar a bases polas que se rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión das subvencións ao abeiro do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, establecidas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril (en diante, Plan estatal 2013-2016).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) consonte o previsto no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As bases reguladoras terán a vixencia ata o 31 de decembro de 2016, data en que rematará o Plan estatal 2013-2016.

Artigo 2. Requisitos que deberán cumprir as persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións aquí reguladas as persoas físicas, maiores de idade que posúan a nacionalidade española, ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán ter residencia legal en España.

2. Así mesmo, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ser titular ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado, en calidade de persoa arrendataria, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

b) Que a vivenda arrendada ou que se vai arrendar constitúa ou vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria.

c) Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia que teñan, ou vaian ter, o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de arrendamento, sexan en conxunto inferiores ao límite de ingresos establecido nas correspondentes convocatorias de axudas e nestas bases reguladoras.

d) Que a renda do contrato de arrendamento non supere a cantidade prevista nas correspondentes convocatorias de axudas, que en ningún caso poderá superar os 600 euros mensuais.

e) As persoas membros da unidade de convivencia deberán acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.

3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante o algunha das que teña a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato de arrendamento se atopen nalgunha das situacións indicadas no artigo 11.2 do Plan estatal 2013-2016. O cumprimento das citadas condicións acreditarase mediante a achega da documentación que, para tales efectos, se determine na resolución da convocatoria.

4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin a quen se lle revogase algunha axuda deste ou dos anteriores plans de vivenda por causa imputable á persoa solicitante.

Artigo 3. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas solicitantes, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde, para a obtención da condición de persoa beneficiaria e concesión e pagamentos das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa aplicable a estas.

2. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Acreditar o pagamento das rendas conforme o previsto nestas bases reguladoras.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poda determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Cubrir os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Cubrir os datos necesarios para a tramitación ministerial da axuda que figuren no anexo da solicitude.

g) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Os ingresos das persoas que teñen ou vaian ter o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de arrendamento, determinaranse de acordo co disposto no punto 2.b) do artigo 6 do Plan estatal 2013-2016, e os artigos 2.1 e 2.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

2. Considerase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

3. Para a determinación dos ingresos da unidade de convivencia partirase das contías da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante ou por cada un dos membros da unidade de convivencia, relativa ao último período impositivo con prazo de presentación vencido, no momento da solicitude da axuda correspondente. Se a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da unidade non presentaron declaración, deberán achegar a documentación que acredite os ingresos da unidade de convivencia.

4. Para efectos do establecido no parágrafo anterior e no artigo seguinte, a composición da unidade familiar será a que se estableza na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 5. Ponderación dos ingresos

1. Os ingresos das unidades familiares determinados conforme o establecido na base anterior ponderaranse mediante a aplicación do seguinte coeficiente multiplicador.

Familias dun membro: 1,00

Familias de dous membros: 0,90

Familias de tres membros: 0,80

Familias de catro membros: 0,75

Familias de cinco ou máis membros: 0,70

2. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente multiplicador aplicable será o do tramo seguinte ao que lle corresponda.

3. Ademais, se a vivenda está situada nun concello dos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior, aplicarase o tramo seguinte ao que lle corresponda.

4. No caso de mulleres xestantes, o fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicador previsto nesta cláusula, sempre que da aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

5. No caso de que as axudas as solicite unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar convertidos a número de veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM) e ponderado conforme o previsto nos puntos anteriores sumaranse, e o resultado deberá estar comprendido entre os límites máximos de ingresos que permite o acceso á axuda do programa.

Artigo 6. Límite máximo de ingresos da unidade de convivencia.

1. Os ingresos deberán ser inferiores ao límite máximo de ingresos da unidade de convivencia que dá acceso á axuda establecido no artigo 12, punto 5 do Plan estatal 2013-2016. É dicir, o límite de ingresos será diferente para as unidades de convivencia en función da súa composición, expresarase en número de veces a contía anual do IPREM, e determinarase conforme as seguintes regras:

a) Se a unidade de convivencia está composta por unha soa persoa adulta: a contía do IPREM multiplícase por 1.

b) Se a unidade de convivencia está composta por dúas ou máis persoas:

A primeira persoa adulta computa 1 vez o IPREM.

Cada persoa adicional de 14 anos ou máis computa 0,5 veces o IPREM.

Cada persoa adicional menor de 14 anos computa 0,3 veces o IPREM.

2. Excepcionalmente, se as solicitudes presentadas que cumpran o límite establecido no punto 1 son inferiores ao crédito financeiro establecido na convocatoria, poderán resultar beneficiarias as unidades de convivencia con ingresos que non superen 3 veces o IPREM, tal e como se recolle no artigo 12, punto 7 do Plan estatal 2013-2016.

3. As persoas que sufrisen danos incapacitantes como consecuencia da actividade terrorista quedarán exoneradas da aplicación do limiar de renda familiar nos termos establecidos no anexo I do Plan estatal 2013-2016.

Artigo 7. Renda das vivendas

1. A renda máxima das vivendas determinarase nas correspondentes convocatorias, poderanse establecer diferentes tramos en función da situación xeográfica das vivendas ou dos condicionantes da unidade familiar, como ser familia numerosa ou necesitar unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

2. En ningún caso a renda mensual poderá superar os 600 euros mensuais, de conformidade co previsto no artigo 11 do Plan estatal 2013-2016.

Artigo 8. Criterios de adxudicación e baremación das solicitudes

1. A prioridade das persoas solicitantes determinarase de acordo co disposto no artigo 12 do Plan estatal 2013-2016, ordenando as solicitudes en función do maior resultado de aplicar a seguinte fórmula:

1 – IUC/CLIUC

Onde:

IUC = Ingresos, en euros, da unidade de convivencia.

CLIUC = Contía, en euros, do límite máximo de ingresos da unidade de convivencia que permite o acceso á axuda.

2. Consideraranse sectores preferentes os seguintes colectivos, que terán preferencia no caso de empate de acordo co establecido no anexo I do Plan estatal 2013-2016:

– Familias numerosas.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero.

– Persoas con discapacidade.

– Persoas afectadas por desafiuzamentos e suxeitas a medidas de flexibilización das execucións hipotecarias en virtude do establecido no Real decreto lei 6/2012, do 9 de marzo, de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos.

– Vítimas do terrorismo.

Artigo 9. Contía das subvencións

1. O importe das axudas, de acordo co establecido no artigo 12 do Plan estatal 2013-2016, poderá chegar ao 40 % da renda anual que se deba satisfacer polo alugamento da vivenda habitual e permanente, cun límite máximo de 2.400 euros anuais por vivenda.

2. Estas axudas aboaranse por pagamentos mensuais polo importe proporcional ao montante anual que corresponda, de acordo co procedemento e condicións establecidas nestas bases reguladoras das subvencións.

3. As subvencións concederanse por un prazo de doce meses, prorrogables, sempre a solicitude da persoa interesada, por sucesivos períodos de doce meses, ata a finalización do plan. Tanto a concesión inicial como a prórroga estará sometida ao réxime de concorrencia competitiva, polo que deberán solicitarse ao abeiro das correspondentes convocatorias, que poderán ser conxuntas ou aprobarse de forma diferenciada para as concesións e para as prórrogas.

4. En calquera caso, a data límite para percibir esta axuda será o 31 de decembro de 2016, independentemente de que non se acadase o prazo máximo de duración da subvención da prórroga. Esta data estará igualmente supeditada ao límite que impoña o Ministerio de Fomento para recoñecer e pagar as actuacións xustificadas con cargo a este programa no último exercicio, polo que poderán rematar o 30 de novembro de 2016, no suposto de que o citado ministerio non se faga cargo das cantidades xustificadas con cargo ao mes de decembro de 2016.

Artigo 10. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciarase, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a convocatoria aprobada por Resolución da persoa titular da Presidencia do IGVS. Na citada convocatoria estableceranse os requisitos que a afecten, entre eles os límites da renda mensual máxima das vivendas, o xeito e prazo de presentación das solicitudes, a documentación necesaria e o crédito orzamentario destinado as axudas.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á Área Provincial do IGVS que corresponda por razón da situación da vivenda, e será competente para resolver a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. As solicitudes presentadas en prazo e completas, e logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, serán preavaliadas polo órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, emitindo informe en que se verifique o cumprimento das condicións impostas para adquirir a condición de persoa beneficiaria da subvención.

4. O órgano instrutor ordenará as solicitudes comprendidas no informe anterior de maior a menor puntuación segundo a aplicación dos criterios de prelación aplicables.

5. No informe do órgano instrutor constará que, da información que ten non seu poder, as persoas beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder á subvención.

6. Os órganos instrutores remitirán o citado informe á comisión de avaliación para o seu estudo e formulación da proposta de resolución de concesión da subvención ao/a director/a xeral do IGVS quen, á vista dela e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que, segundo dereito, proceda.

7. A comisión de avaliación terá a seguinte composición:

Presidente/a: o/a secretario/a xeral do IGVS.

Vogais:

O/a director/a técnico/a de Fomento, que actuará como secretario/a.

Os/as xefes/as territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ou persoa en quen deleguen.

O/a xefe/a do Servizo de Actuacións Protexidas en Materia de Vivenda.

O/a xefe/a do Servizo de Control e Xustificación de Fondos.

O funcionamento da comisión de avaliación axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

8. A comisión de avaliación, á vista das propostas das xefaturas de área como resultado da aplicación dos criterios de valoración e dos recursos económicos dispoñibles, elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren os requisitos, e a subvención que lle corresponde de acordo co establecido no artigo 33.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa que exerza a presidencia da comisión elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

9. O órgano concedente resolverá, asignando o crédito dispoñible na convocatoria, e ordenará as solicitudes en función do maior resultado de aplicar a fórmula referida no artigo 8.1.

Artigo 11. Causas de denegación

1. Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos por estas bases e demais normativa que regule estas subvencións.

2. Así mesmo, serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 8.

3. As persoas solicitantes de subvencións ao abeiro desta orde ás cales lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria.

Artigo 12. Resolución condicionada á presentación do contrato de arrendamento

1. No caso de persoas que desexen acceder a un arrendamento de vivenda, comprometeranse a presentar, directamente na oficina tramitadora da subvención, o contrato no prazo de 30 días desde a resolución da concesión da axuda, que quedará condicionada á súa achega.

2. De non xustificar o contrato de arrendamento con indicación da referencia catastral e o certificado de empadroamento no prazo indicado na resolución de concesión, esta non acadará a validez definitiva por incumprimento da condición e perderase o dereito ao seu cobramento e poderase reasignar o seu importe á concesión de novas subvencións segundo os criterios de prioridade definidos.

Artigo 13. Prazos de resolución

O prazo máximo establecido para resolver e notificar a concesión das subvencións será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Vencido o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase co correspondente contrato de alugamento que deberá ter depositada a fianza no IGVS.

2. Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento mensual da renda para poder cobrar o seu importe.

3. O prazo de xustificación do cumprimento da finalidade do pagamento de cada unha das 12 mensualidades en que se divide a subvención realizarase nos 10 primeiros días hábiles do correspondente mes natural.

4. Os gastos xustificados fóra do citado período non terán a consideración de gastos subvencionables nin se considerarán como efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de execución, de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. No caso de non terse xustificado o pagamento mensual no prazo establecido perderase o dereito ao cobramento da subvención correspondente ao citado mes, de acordo co establecido no artigo 31.5 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

6. A xustificación do pagamento mensual realizarase mediante a presentación, no prazo anteriormente establecido, na área provincial do IGVS, do documento acreditativo da recepción pola persoa arrendadora do pagamento da renda íntegra e un extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento, de acordo co establecido nos artigos 60 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.

Artigo 15. Pagamento anticipado

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados da renda mensual de ata o 25 % da subvención concedida e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado é necesario o adianto da presentación da xustificación do pagamento referida no artigo 14 das presentes bases, por correo electrónico dirixido á correspondente unidade tramitadora da subvención, na área provincial.

Artigo 16. Xustificación final

1. No momento de xustificación da derradeira mensualidade, correspondente ao fin da subvención, deberá estar debidamente xustificada, de acordo co establecido no artigo 14, a totalidade dos pagamentos mensuais.

2. No caso de non terse xustificado a totalidade dos pagamentos no prazo dos dez días hábiles do derradeiro mes da subvención, perderase o dereito ao cobramento da subvención correspondente ao dito mes e á reclamación dos reintegros das cantidades indebidamente aboadas, de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Artigo 17. Perda da subvención

1. A resolución do contrato de arrendamento será causa de perda da subvención.

2. Tamén serán motivo de perda e reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

4. Na resolución de convocatoria de axudas deste programa poderá establecerse que os remanentes derivados de perdas das subvencións concedidas poderán reasignarse á concesión de novas subvencións, segundo a orde de prioridades establecida.

Artigo 18. Pagamento das subvencións

Unha vez acreditado o pagamento do alugamento nos termos anteriores, o pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase mediante transferencia bancaria á conta que, para o efecto, sinale a persoa beneficiaria.

Artigo 19. Reintegro da subvención

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

2. En particular, será causa de reintegro a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda, así como a falta de xustificación do pagamento das rendas á persoa arrendadora da vivenda.

3. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

4. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Artigo 20. Deber de colaboración e facultade de inspección

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 xuño, están obrigadas a facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, por proposta da comisión de avaliación, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención, comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 22. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 xuño, este organismo publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias para os efectos das citadas publicacións.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun programa informático de carácter permanente, á disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 23. Recursos

Contra as resolucións que dite o órgano concedente da subvención poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 24. Compatibilidade e incompatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con outras axudas ao alugamento para persoas arrendatarias con escasos recursos económicos que poidan conceder a Xunta de Galicia, as corporacións locais ou calquera outra Administración ou entidades públicas, salvo a excepción prevista no punto seguinte.

2. En atención ao disposto no artigo 11, punto 5 do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia considéranse supostos excepcionais as achegas públicas outorgadas polos servizos sociais, con cargo aos seus respectivos orzamentos, como complemento para o pagamento do alugamento a persoas beneficiarias en situacións de especial vulnerabilidade, en particular, nos seguintes casos:

a) Unidades de convivencia de máis de dous membros e unha renda conxunta inferior a 1,2 veces o IPREM.

b) Unidades de convivencia de máis de dous membros determinadas como sectores preferentes e unha renda conxunta inferior a 1,5 veces o IPREM.

c) Calquera outra situación declarada como de especial vulnerabilidade pola Comunidade Autónoma.

3. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Disposición adicional única. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto no Plan estatal 2013-2016, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas