Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 18 de decembro de 2014 Páx. 51682

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios de mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2015.

O artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sinala os medios que a Administración tributaria pode utilizar para calcular o valor das rendas, produtos, bens e demais elementos determinantes da obriga tributaria, entre os cales cita, na súa alínea c), o de prezos medios no mercado. Pronúnciase en idéntico sentido o artigo 27.un do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo. Esta mesma lei detalla no seu artigo 27.tres cal deben ser a forma e o contido da norma que desenvolva este medio de valoración.

A Orde do 28 de xullo de 2011 estableceu por primeira vez este medio de valoración e fixou os valores para 2010 e 2011. A Orde do 28 de decembro de 2011 fixo o mesmo para 2012; a Orde do 27 de decembro de 2012, o propio para 2013 e a Orde do 27 de decembro de 2013 fixounos para 2014.

O obxectivo desta nova orde é establecer os citados prezos medios no mercado para o exercicio 2015.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública. Neste caso, o prazo para presentar alegacións será de sete días hábiles, tal e como prevé a alínea 5 do citado artigo, cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. En efecto, debido á necesidade de analizar un mercado inmobiliario moi volátil e inestable, no cal aparecen novos actores non tradicionais como o Sareb ou os investidores internacionais, e coa intención de que queden reflectidas as tendencias máis recentes na evolución dos valores, faise aconsellable tecnicamente dispor dos datos do mercado máis cercanos ao exercicio 2015, de xeito que a análise que contén se aproxime o máximo posible á data da súa entrada en vigor, prevista para o vindeiro 1 de xaneiro. Non foi posible, polo tanto, comezar antes a tramitación do proxecto de orde.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de sete días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios de mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2015.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2014

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda