Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52957

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 18 de decembro de 2014, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, facultando ao director xeral súa convocatoria para o exercicio 2015, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, que estarán cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia, eixe 1, tema prioritario 63, e convocar para o exercicio 2015 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2015. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 6 de febreiro de 2015.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2015

08.A1.741A.4817

798.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 31 de xullo de 2015 e o prazo máximo para presentar a solicitude de cobramento será o 10 de agosto de 2015.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, está chamado a desempeñar un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de xeito salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

Cómpre facer un esforzo específico a prol da colaboración e cooperación interempresarial incentivando proxectos e iniciativas promovidas e coordinadas por organismos intermedios de carácter empresarial que poidan implicar en proxectos de interese común conxuntos de empresas galegas, xerando así o valor engadido das sinerxías, aforros e reciprocidades dos proxectos compartidos, co obxectivo principal de incrementar e dinamizar a actividade económica na comunidade autónoma, favorecer o desenvolvemento equilibrado do territorio e lograr o incremento do emprego, a través do desenvolvemento e mellora da competitividade das empresas existentes, cuxa participación en iniciativas de reforzo da competitividade está condicionada polo seu reducido tamaño e reducida capacidade de atención individual aos incentivos que estimulan a súa acción.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual na que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e A Costa da Morte víronse afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

Estas axudas estarán cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 63.

Considerando o carácter básico do Igape como instrumento de promoción eminentemente horizontal e aberto á colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, ademais do previsto nestas bases, poderá xestionar e canalizar cara o tecido empresarial outras medidas de acordo cos departamentos competentes por razón de materia.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Con carácter xeral, as axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1.1. Co obxectivo de incentivar proxectos e actuacións empresariais de distinta tipoloxía, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido ás iniciativas abertas de difusión, entendendo por tales:

a) Xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade.

b) Celebración en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels).

c) Celebración en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional. O alcance internacional do evento proposto será determinado en función do seu historial previo de congresistas e relatores no caso de congresos ou de asistentes e expositores no caso de eventos expositivos, non podendo, por tanto, ser considerados como tales as primeiras edicións dun determinado congreso ou evento, aqueles cuxa periodicidade sexa inferior a un ano, nin aqueles cuxo carácter internacional estea exclusivamente determinado por unha asistencia transfronteiriza ou pola presenza de relatores estranxeiros.

1.2. Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa capacidade económica para organizar o evento (o orzamento anual da entidade non debe ser inferior ao custo do proxecto).

1.3. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 3.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas consideradas nesta base polo seu carácter de apertura xeral e difusión non constitúen axuda de estado de acordo co artigo 107 do Tratado Constitutivo da UE, dado que non afecta nin pode afectar os intercambios comerciais entre estados membros.

2.4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixo 1, tema Prioritario 63, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular, os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os ditos proxectos cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con Fondos ou Instrumentos da UE.

3.2. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvención doutras administracións ou institucións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas na súa regulamentación específica.

3.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarias as entidades sen fin de lucro, con personalidade xurídica propia (organismos intermedios), que cumpran as seguintes condicións:

a) Que estean domiciliadas en Galicia ou que tendo algún centro de actividade en Galicia desenvolvan en Galicia, na súa totalidade, o proxecto obxecto de apoio.

b) Que a súa actividade estea dirixida eminentemente ao mundo empresarial.

4.2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

5.1. Conceptos subvencionables e límites de axuda:

5.1.1. As xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade, previstas na letra a) do artigo 1.1 anterior terán os seguintes conceptos subvencionables de gasto:

a) Gastos de publicidade.

b) Edición de documentación e de relatorios ou publicacións.

c) Custos de contratación de relatores (excluídos desprazamentos, aloxamentos e manutención).

d) O IVE cando o solicitante acredite a súa exención.

Segundo o alcance do evento, os límites de axuda serán os seguintes:

– Provincial ou inferior: 6.000 €.

– Autonómico: 9.000 €.

– Nacional: 12.000 €.

– Internacional: 20.000 €.

5.1.2. Para a celebración en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels) prevista na letra b) do artigo 1.1 anterior, o Igape poderá patrocinar a organización dos encontros, cun límite por xuntanza de 10.000 €, suxeito á xustificación de custos producidos pola organización dos encontros empresariais patrocinados, por importe non inferior á cantidade asignada polo Igape.

5.1.3. Para a celebración en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional prevista na letra c) do artigo 1.1 anterior, o Igape poderá patrocinar a organización de iniciativas de interese xeral, no seo do congreso ou evento expositivo, cun límite xeral de 50.000 €, e un límite especial de 125.000 € cando concorran as seguintes circunstancias:

– Eventos de carácter rotativo por diferentes países cun histórico de celebración de polo menos tres edicións en tres países diferentes.

– Participación de congresistas (congresos) ou expositores (eventos expositivos) de polo menos 10 países distintos na última edición.

O aboamento da subvención estará suxeito á xustificación de custos incorridos pola organización das actividades patrocinadas, por importe non inferior á cantidade asignada polo Igape.

5.2. Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase, con carácter xeral na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión. Igualmente poderán subvencionarse os gastos executados desde o exercicio anterior ao da convocatoria, sempre que as datas de execución dependan exclusivamente de accións de terceiros e fosen posteriores á data límite de execución dos proxectos subvencionados dunha convocatoria anterior do Igape para a mesma tipoloxía de proxectos.

5.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.

5.4. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite mediante a correspondente certificación que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE.

5.5. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. A non concorrencia destes extremos demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude. En ningún caso poderá ser concertada polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

5.6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Para as iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1 anterior, con carácter xeral cun mínimo dun 35 % e ata un máximo do 70 % dos gastos subvencionables, teranse en conta na avaliación e selección de proxectos e na determinación da intensidade da axuda, resultado da aplicación da seguinte fórmula: 35+35×(puntos obtidos/100), os seguintes criterios:

a) A participación de representantes de empresas privadas, institucións públicas e universidades no evento (máximo 20 puntos).

Asignaranse 20 puntos no caso de participar as tres partes; 10 puntos no caso de participar dúas das tres partes e 5 puntos no caso de participar unha única parte.

b) A singularidade da temática e as formulacións previstas (máximo 45 puntos).

Aos proxectos de alta singularidade na súa temática e/ou nas formulacións previstas asignaránselle 45 puntos, aos de singularidade media asignaránselle 25 puntos e aos de baixa singularidade asignaránselle 10 puntos.

Para a avaliación deste punto teranse en conta os proxectos presentados tanto na presente como en precedentes convocatorias.

c) O nivel contrastado dos relatores (máximo 35 puntos).

No caso de participación de relatores cunha alta acreditación profesional asignaránselle 35 puntos, cunha acreditación profesional media asignaránselle 25 puntos e con baixa acreditación profesional asignaránselle 10 puntos.

Para a avaliación do nivel dos relatores terase en conta un conxunto de factores, tales como titulación académica (licenciado, doutor, catedrático...), anos de experiencia, premios recibidos, publicacións realizadas e o grao de especialización.

6.2. Aquelas solicitudes correspondentes a actividades que se vaian desenvolver nas localizacións do anexo III terán un 5 % adicional por enriba da base total de puntuación que é posible alcanzar.

6.3. O apoio ás iniciativas previstas nas letras b) e c) do artigo 1.1 anterior terá carácter prioritario na resolución da convocatoria garantíndose, en todo caso, un mínimo do 30 % do crédito para a resolución das iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1. No suposto no que o importe dos proxectos presentados para as iniciativas previstas nas letras b) e c) do artigo 1.1 supere a dotación prevista para estas, procederase ao rateo, entre os solicitantes que cumpran os requisitos do artigo 4, sobre os límites máximos establecidos para este tipo de iniciativas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

7.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

7.5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://www.tramita.igape.es

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) Escritura de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases reguladoras.

c) Certificado de exención de IVE de ser o caso; os organismos públicos deberán facer referencia á norma que os rexe.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

8.6. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

8.8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e a porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo: www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.7. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 11 de maio de 2015, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións a ela.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. En particular, recolleranse e enviaranse ao Igape en formato electrónico os datos recollidos no anexo IV, necesarios para a xustificación fronte ao FSE.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos FSE.

f) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, así como lendas relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión máis alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación. Así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet: http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro) e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, puntos 1) e 2) do Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na «Guía de Publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que se pode consultar na páxina web: www.conselleriadefacenda.es

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. O prazo para presentar a solicitude de cobramento da subvención rematará o 10 de agosto de 2015.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

14.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

ii) Certificación bancaria conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

iii) Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade (fotos, diapositivas, CDs…) do financiamento público citada no artigo 13.f) destas bases. No caso de que o evento xa tivera lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na web do solicitante da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención con inclusión da imaxe institucional do Igape, Xunta de Galicia e FSE.

d) Memoria de execución do proxecto onde se fagan patentes as accións desenvolvidas.

e) Certificación, emitida polo representante legal, onde se faga constar que o evento obxecto de subvención foi de carácter gratuíto ou ben indicar a contía total percibida por parte dos asistentes a este.

f) Presentación de indicadores para FSE 1.63 no modelo que se inclúe como anexo IV a estas bases, que se cubrirá no formulario de liquidación.

14.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

14.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

15.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais de documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas.

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

1. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida, non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que.permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE

2. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

a) Non darlle publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 13º f) das bases reguladoras.

b) Non lle comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

19.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado: «Beneficiarios-Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios aportar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Artigo 22. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento Xeral de Fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file