Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52925

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan estratéxico do téxtil, Visión 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 18 de decembro de 2014, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan estratéxico do téxtil, Visión 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, facultando ao director xeral a súa convocatoria para o exercicio 2015, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan estratéxico do téxtil, Visión 2020 cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e convocar para o exercicio 2015 as ditas axudas, en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2015. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 2 de febreiro de 2015.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2015

08.A1.741A.7708

400.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Poderá presentarse a solicitude de cobramento da subvención ata o 31 de xullo de 2015.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector
téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan estratéxico do téxtil, Visión 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

A industria do sector téxtil moda confección, afectada por unha intensa deslocalización, está a sufrir un proceso de transformación para adaptar as súas tradicionais estruturas ás novas exixencias mundiais, co fin de acometer os importantes retos de competitividade que ten que afrontar, apostando por estratexias baseadas, principalmente, en factores tales como o deseño, a innovación, o control de calidade, apoio á imaxe de marca, cooperación, o uso das novas tecnoloxías e loxística que achegan valor engadido con respecto aos seus competidores no ámbito internacional e facilitan o abandono, con carácter gradual, da idea de competir tan só en produción manufactureira.

Tendo en conta que as actuais circunstancias do mercado inflúen, sen dúbida ningunha, na evolución deste sector en Galicia, xa maduro e tradicional, faise necesario camiñar cara a un modelo onde a integración das actividades comerciais no conxunto das funcións da empresa, a elección da canle de distribución axeitada, o nome propio, a busca de novos segmentos de mercado e de novos produtos, ademais da capacidade de rápida adaptación e resposta ás necesidades e requirimentos do consumidor, lle permitirá xerar ás empresas de confección galegas a dimensión e capacidade necesaria para operar nos mercados, incidindo, pola súa vez, na creación dun sector innovador, produtivo, diversificado, competitivo e internacionalizado.

Neste sentido, estas bases enmárcanse no Plan estratéxico do téxtil. Visión 2020. O plan ten como obxectivo fundamental acadar que o sector téxtil-confección moda de Galicia evolucione a un sector que se caracterice por:

– Estar integrado por empresas competitivas independentemente da súa dimensión.

– Ser un sector no que convivan grandes empresas con pemes que a través da cooperación poidan acceder ás mesmas vantaxes competitivas que as empresas de maior dimensión.

– Ter capacidade para xerar novas empresas en áreas de alto valor engadido relacionadas co negocio da industria da moda e o vestiario.

– Ser xerador de novos empregos de maior cualificación.

– Ter proxección internacional.

– Estar identificado cos valores do territorio.

– Ser un sector que busca sinerxías con outros sectores como o TIC, o loxístico e deter-minados servizos para fortalecer e ampliar a súa cadea de valor.

– Ser un sector que transcende das fronteiras de Galicia e se complementa no espazo da eurorrexión que achega a potencialidade suficiente para conseguir vantaxes competitivas a nivel internacional.

– Ser un sector aglutinador de coñecemento.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

Co obxectivo de incentivar a realización de actuacións de difusión e promoción xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas do sector téxtil moda confección nos mercados externos a Galicia, tanto estatais coma internacionais, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de actuacións:

1.1. Actuacións de difusión:

a) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de campañas ou insercións en prensa, revistas, internet e valos publicitarios, sempre que a súa difusión se realice fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizadas a través da elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, que conteñan información da empresa beneficiaria e que contribúan á divulgación e coñecemento dos seus produtos fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. Actuacións de promoción:

a) Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que teñan lugar fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto a participación en feiras incluídas no Plan Foexga (publicado na web do Igape) a non ser que non se poida participar na acción Foexga por exceso de cota ou outras causas non imputables ao beneficiario.

b) Eventos promocionais, realizados fóra de España, tanto se teñen por obxecto a presentación da marca e/ou produto ao mercado, como a propia empresa a potenciais clientes, socios ou investidores. Podendo tratarse de actuacións levadas a cabo de forma individual ou conxunta con outras empresas galegas, sexan ou non do sector téxtil-moda.

1.3. Só se concederá un expediente por beneficiario, no que se poderá incluír varios proxectos dos mencionados.

1.4. Non se concederá nin liquidará axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, presenten un gasto subvencionable inferior a 5.700 € (8.000 € no caso de grandes empresas).

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro de 2013).

2.4. A subvención aos proxectos estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, nun 80 %, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular, os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os ditos proxectos cumprirán os requisitos de elixibilidade da Orde EHA/524/08 do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto, agás as cofinanciadas con fondos ou instrumentos da UE, ata o 100 % do gasto elixible.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), sexan ou non pemes, pertencentes ao sector téxtil moda confección con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que figuren dadas de alta nas agrupacións 43, 44 e/ou 45 do imposto de actividades económicas ou no grupo 613, en Galicia.

4.2. Os solicitantes que non teñan experiencia exportadora previa terán que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape a partir de 2012. Os solicitantes que non dispoñan do diagnóstico citado anteriormente pero teñan experiencia exportadora previa, deberán acreditar dita experiencia exportadora que deberá ser validada por Igape.

A solicitude do diagnóstico, así como a actualización da información do diagnóstico anterior a 2012 ou a validación da experiencia exportadora deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda (a través do procedemento do Igape IG 192 - Prestación de servizos: diagnósticos de internacionalización).

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

5.1. Conceptos subvencionables:

5.1.1. Nas actuacións de difusión, previstas no punto 1.1 do artigo 1º anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables:

• Estilismo, fotografía e contratación de modelos.

• Deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.

• Inserción nos medios de comunicación descritos no punto 1.1. a) do mesmo artigo.

5.1.2. Nas actuacións de promoción, previstas no punto 1.2 do artigo 1. anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables:

• Aluguer de espazos e servizos.

• Construción, montaxe e decoración de postos.

• Inscrición e seguro obrigatorio.

• Inserción no catálogo da feira.

• Estilismo, fotografía e contratación de modelos.

• Traballos de empresas de marketing, comunicación ou relacións públicas específicos para o evento.

• Inserción de anuncios.

• Cando se trate de feiras ou eventos no estranxeiro, a contratación de intérpretes.

5.2. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os gastos do persoal habitual contratado pola empresa e calquera outro derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.

b) Os custos de mailings, convites e regalos promocionais.

c) Deseño, creación e aloxamento de páxinas web.

d) Imposto sobre o valor engadido (IVE).

e) Gastos de actuacións realizadas ou dirixidas ao ámbito da Comunidade Autónoma galega.

f) Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.

g) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

h) Os gastos de viaxe.

i) Aqueloutros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

5.3. Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro de 2015 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2015) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2015.

Tamén serán subvencionables aquelas actuacións do punto 1.2 do artigo 1º executadas no exercicio 2014, sempre que a data de execución sexa posterior ao 31 de outubro de 2014. Xustifícase esta retroactividade dado que a convocatoria destas axudas para o ano 2014 (Resolución do 18 de xullo de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan estratéxico do téxtil, Visión 2020. DOG nº 142, do 29 de xullo de 2014), estableceu como data límite de execución o 31 de outubro de 2014.

Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no segundo semestre do exercicio 2014 exixidos en concepto de reserva para a participación en eventos expositivos realizados no exercicio 2015.

5.4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

5.5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 30.000 € por beneficiario.

6.2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Execución en 2015 de máis dunha actuación destas bases nos mercados internacionais, ou en España sempre que teñan carácter internacional (segundo calendario de feiras internacionais publicado anualmente pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo), excluídas as actuacións de difusión (punto 1.1): 30 puntos. A acreditar no momento da solicitude de axuda mediante xustificante participación ou reserva de participación, ou xustificante de aluguer ou reserva de espazo. Con este criterio trátase de dar máis puntuación a aqueles solicitantes que realizan un esforzo maior de cara ao seu proxecto de internacionalización acudindo a máis dunha feira e realizando polo tanto un labor de promoción máis intensa.

b) Participación nunha feira internacional, celebrada fóra de España, na que xa se houbese participado durante polo menos unha edición en cada un dos tres anos anteriores, é dicir, 2012, 2013 e 2014: 15 puntos. A participación en 2015 debe acreditarse no momento da solicitude da axuda mediante xustificante de aluguer ou reserva de espazo.

c) Realización dunha actividade do tipo das citadas no artigo 1.2.b en colaboración con algunha outra empresa solicitante destas axudas: 15 puntos. A xustificar mediante declaración no formulario de solicitude de axuda.

d) Esforzo de promoción realizado segundo o tamaño da empresa solicitante: de 10 a 20 puntos.

- Grandes empresas, 10 puntos.

- Medianas empresas, 15 puntos.

- Pequenas empresas, 20 puntos.

- Microempresas, 25 puntos.

Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento 651/2014, do 17 de xuño (DOUE L 187, do 26 de xuño).

e) Contar cunha páxina web, accesible en inglés, que teña información sobre a empresa, oferta de produtos: 15 puntos.

6.3. A valoración dos proxectos de cara á concesión da subvención farase en dúas fases:

1ª fase: farase unha lista dos solicitantes ordenados pola puntuación resultante do baremo establecido no punto 6.2, e repartirase un máximo de 200.000 € do orzamento total destas bases en función da porcentaxe de intensidade de axuda por orde de puntuación e tendo en conta o importe máximo de subvención por solicitante citado no punto 6.1. A porcentaxe de intensidade de axuda para esta repartición estará determinada polo tamaño da empresa solicitante, segundo se indica a continuación:

• Microempresas: 40 %.

• Pequenas e medianas empresas: 35 %.

• Grandes empresas: 25 %.

Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014, do 17 de xuño (DOUE L 187, do 26 de xuño).

2ª fase: da lista de solicitantes da primeira fase eliminaranse os solicitantes aos que lles corresponda subvención co dito orzamento máximo de 200.000 €, e co orzamento restante ata 400.000 € farase a seguinte repartición de subvención:

• Repartirase unha cantidade fixa de 2.000 € de subvención entre todos os solicitantes desta segunda lista que cumpran o establecido nestas bases e que acaden un mínimo de 55 puntos do baremo de avaliación. No caso de que non exista dispoñible para todos os solicitantes que cumpran estes requisitos farase a repartición por orde de puntuación do baremo.

• Co remanente da repartición anterior, repartirase outra cantidade fixa de 2.000€ de subvención entre todos os solicitantes desta segunda lista que cumpran o establecido nestas bases, con gasto subvencionable igual ou superior a 10.000€ e que acaden un mínimo de 55 puntos do baremo de avaliación. No caso de que non exista dispoñible para todos os solicitantes que cumpran estes requisitos farase a repartición por orde de puntuación do baremo.

• No caso de existir remanente das reparticións anteriores repartirase cos mesmos criterios establecidos na primeira fase sen superar as porcentaxes máximas de axuda.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

7.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

7.5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.4. O formulario de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

– Copia do DNI do representante legal do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

– Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención que incluirá: nome das actuacións, descrición, obxectivos, data de realización/execución, lugar de realización/execución, o/os provedor/es empregados para cada unha das actuacións así como orzamento por actuación e provedor.

– As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

– Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase a seguinte documentación:

a) Xustificantes de participación ou reserva de participación, ou xustificantes de aluguer ou reserva de espazo de actuacións destas bases realizadas ou que se van realizar no 2015 nos mercados internacionais ou en España sempre que teñan carácter internacional.

b) Xustificantes de aluguer ou reserva de espazo da participación en 2015 nun evento internacional celebrado fóra de España e das facturas e xustificantes de pagamento acreditativas da participación durante polo menos unha edición en cada un dos tres anos anteriores (2012, 2013 e 2014) na mesma feira internacional no estranxeiro.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

8.6. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

8.8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da dirección xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada, elaborando unha lista coa relación dos solicitantes e a puntuación que lle corresponde a cada un, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6 destas bases.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/92.

10.7. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 15 de maio de 2015. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez recaída resolución de concesión non se admiten modificacións.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

4. Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

6. Darlle publicidade ao financiamento dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape, a Xunta de Galicia e o Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos stands, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión máis alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet: http://www.igape.es.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG nº 227, do 19 de novembro) e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, puntos 1) e 2) do Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na «Guía de Publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es.

a) No caso de actuacións de difusión das citadas no artigo 1.1, o solicitante poderá substituír a inserción dos logotipos anteriores pola constancia na web do solicitante da axuda, nun lugar facilmente accesible, da existencia da subvención, consistente na inclusión do logo do Igape, da Xunta de Galicia e o logo, emblema e lema Feder e a acción obxecto de subvención.

b) No caso de que o evento xa tivese lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na páxina web do solicitante da existencia da subvención, consistente na inclusión do logo do Igape, da Xunta de Galicia e o logo, emblema e lema Feder e a acción obxecto de subvención.

c) No caso de campañas de publicidade, o solicitante poderá substituír a inserción dos logotipos anteriores nos anuncios pola constancia na web do solicitante da axuda da existencia da subvención, consistente na inclusión do logo do Igape, da Xunta de Galicia e o logo, emblema e lema Feder e a acción obxecto de subvención.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

9. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. O prazo para presentar a solicitude de cobramento e a documentación xustificativa da execución do proxecto subvencionado rematará o 31 de xullo de 2015.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que, en cada momento, se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009, para a presentación da conta xustificativa.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

14.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do modelo de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o modelo de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

• Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

• Certificación bancaria conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

• Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.6 destas bases: insercións, folletos, catálogos, fotografías, proxectos, acordos e demais documentación.

14.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.5: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

14.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

15.1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

• Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

• Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

• Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

16.4. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

• Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

• Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

• Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

• Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

• Cando o beneficiario non acredite que se atopa ao corrente das súas obrigas fiscais, coa seguridade social e coa comunidade autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. Previo ao seu aboamento, o órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Os beneficiarios das axudas conservarán á disposición da Administración concedente as facturas e xustificantes de gasto, ata polo menos os 3 anos posteriores ao peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

19.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios - Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: lopd@igape.es.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro de 2013), no Regulamento (CE) 1083/2006, Regulamento Xeral de Fondos (modificado polo Regulamento (CE) 846/2009), no Regulamento (CE) 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file