Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52860

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos colaborativos de capacitación sectorial, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do día 18 de decembro de 2014, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos colaborativos de capacitación sectorial, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e faculta o director xeral para convocalas para o exercicio 2015, para aprobar os créditos e publicar no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos colaborativos de capacitación sectorial, cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e convocar para o exercicio 2015 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2015. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 3 de febreiro de 2015.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2015

08.A1.741A.4812

693.210,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 20 de xullo de 2015 e o prazo máximo para presentar a solicitude de cobramento rematará o 31 de xullo de 2015.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos colaborativos de capacitación sectorial, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

A capacitación do capital humano das empresas é un aspecto esencial para mellorar a súa competitividade e permitir a adaptación ao cambio e á innovación. Para este efecto, a Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, sinala a formación do capital humano como un dos eixes (xunto coa innovación, internacionalización, sustentabilidade e competitividade empresarial) sobre os cales debe pivotar calquera política industrial. Pola súa parte, o Plan estratéxico de Galicia ten entre os seus obxectivos estratéxicos acadar emprego de calidade mediante a cualificación dos traballadores.

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, está chamado a desempeñar un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan á mellora do sistema produtivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica. Así, o Igape está a desenvolver o Plan Capacita, cuxa finalidade é ordenar os esforzos de promoción no ámbito da formación e difusión, promoción de tendencias e mellores prácticas nos órganos de administración, cadros directivos e mandos intermedios das empresas galegas, así como dos emprendedores como futuros empresarios. O obxectivo é axudar a transformación das empresas mediante a excelencia organizativa e o desenvolvemento de novas competencias no seu equipo técnico e xestor.

Por outra parte, á hora de deseñar unha base de axudas que apoie a capacitación, cómpre facer un esforzo específico a prol da colaboración e cooperación interempresarial, incentivando proxectos e iniciativas promovidas e coordinadas por organismos intermedios de carácter empresarial que poidan implicar en proxectos de interese común a conxuntos de empresas galegas, xerando así o valor engadido das sinerxías, aforros e reciprocidades dos proxectos compartidos.

Deste xeito, esta base diríxese á mellora da competitividade empresarial mediante a formación do seu capital humano a través de proxectos propostos por organismos intermedios e dirixidos a colectivos de empresas galegas. As axudas concedidas cumpren os criterios de selección de operacións do Fondo Social Europeo do tema prioritario 1.62, tanto nos seus obxectivos (aumentar o nivel de formación de empresarios e traballadores) coma no tipo de operacións (axudas á formación).

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

1.1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá concederlles subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas ás cales representan:

a) Proxectos de capacitación en tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas aplicables a un determinado sector ou ámbito de negocio.

b) Proxectos de capacitación en deseño de produto, packaging, novos modelos de negocio, comercialización ou acceso a mercados que sexan específicos dun determinado sector ou ámbito de negocio.

c) Proxectos de capacitación dirixidos a acadar competencias necesarias de cara a abordar no futuro a implantación de certificacións de calidade sectoriais.

d) Proxectos de capacitación en xestión empresarial e de capacitación directiva nun determinado sector ou ámbito de negocio.

En todos os proxectos deben participar un mínimo de 10 persoas pertencentes a 5 ou máis empresas galegas ou con centro de actividade en Galicia que, necesariamente, deberán participar no financiamento cun mínimo conxunto do 10 % do custo total subvencionable do proxecto e co máximo na porcentaxe non cuberta pola subvención. Os proxectos terán unha duración presencial mínima de 30 horas para cada asistente, que se deberá levar a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes.

1.2. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a só un dos tipos de proxectos de capacitación admisibles, e pode comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o cal solicite axuda).

1.3. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, resulten cun gasto subvencionable inferior a 8.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas recollidas nesta base ampáranse no artigo 31 Axudas á formación do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

2.4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os ditos proxectos cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008, sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

– Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal unha entidade con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliada en Galicia, que pertenza a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, consellos reguladores de denominacións de orixe ou clústers empresariais apoiados no ámbito das axudas do Igape ás agrupacións (clústers) innovadoras ou que teñan a cualificación de AEI outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

– Os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2014 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros; BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

4.2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren na categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014), e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

5.1. Conceptos subvencionables: para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008, sobre gastos subvencionables polo FSE:

– Custos de contratación externa para o desenvolvemento do proxecto formativo relativos a:

a) Horas de formación do proxecto. O gasto subvencionable máximo por este concepto establécese en 300 €/hora para a formación presencial e 100 €/hora para a titorización en liña. O gasto subvencionable correspondente á titorización en liña non poderá ser superior a un 20 % do gasto subvencionable total de cada edición dun proxecto formativo.

b) Nos casos en que a actividade formativa teña que ser deseñada desde o principio pola súa especificidade ou novidade, poderán ser subvencionables os custos de servizos de asesoramento relacionados co proxecto de formación (establecemento de programa, determinación de contidos, tipo de formación, elaboración de material didáctico, definición de perfís do alumnado, etc.), ata un máximo do 5 % do gasto subvencionable total.

c) Material didáctico e para prácticas.

d) Deseño e impresión de material promocional do proxecto formativo.

– Cada proxecto formativo que se presente deberá recoller necesariamente a realización de gastos do tipo a), e os demais serán opcionais para o/a solicitante.

– Cada un destes gastos deberá estar diferenciado e identificado nas facturas do/s provedor/es.

– Non poderá existir un único provedor de todos os servizos a), b), c) e d) recollidos neste punto. En particular, o material promocional, de existir, terá que ser contratado cunha empresa distinta da provedora dos servizos de formación.

5.2. Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións establecidas nela. O prazo de execución iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder o 20 de xullo de 2015.

5.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación e á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.

5.4. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Non poderá existir relación xurídica ou societaria entre o provedor e a entidade solicitante nin entre o provedor e as empresas relacionadas coa entidade solicitante ou asociadas ao organismo intermedio, sexan ou non destinatarias da formación. Esta falta de relación, que se estende aos seus órganos directivos ou xestores, acreditarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

5.5. No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, e o seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e ás demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.b) do TRLCSP, teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas que fosen creados especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese número 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

5.6. En ningún caso o custo dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao seu valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda, máximo de subvención e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria, a intensidade de axuda será do 70 % de subvención sobre os gastos subvencionables no caso de que o beneficiario cumpra as condicións establecidas para pequena empresa; do 60 % no caso de que cumpra as condicións de mediana empresa, e do 50 % nos restantes casos, co límite máximo de subvención de 50.000 € por convocatoria para cada organismo intermedio.

6.2. Os proxectos serán avaliados de acordo co seguinte baremo:

1) Tipo de proxecto de capacitación presentado, segundo artigo 1 (ata 20 puntos):

a) Proxectos tipo «a» e «b»: 20 puntos.

b) Proxectos tipo «c» e «d»: 10 puntos.

2) Orientación sectorial do organismo intermedio (ata 20 puntos):

a) Centros tecnolóxicos ou asociacións empresariais de marcado carácter sectorial: 20 puntos.

b) Asociacións empresariais vinculadas a empresas radicadas no territorio (asociacións de empresarios de polígonos industriais, parques empresariais e similares) ou fundacións universidade-empresa ou consellos reguladores: 10 puntos.

3) Nº total de empresas participantes no proxecto de capacitación (ata 20 puntos):

a) Entre 5 e 9: 10 puntos

b) Entre 10 e 15: 15 puntos

c) Máis de 15: 20 puntos.

4) Orientación práctica da formación (ata 15 puntos, 5 por cada un dos seguintes subcriterios):

a) Proxectos que utilicen coma elemento didáctico as instalacións produtivas, de deseño, enxeñaría, comercialización, etc. de empresas do sector ou ámbito de negocio durante un mínimo do 20 % das horas presenciais de formación: 5 puntos.

b) Proxectos que presenten casos prácticos nun mínimo do 40 % das horas presenciais de formación: 5 puntos.

c) Proxectos con accións de creación de redes de colaboración entre as empresas asistentes: 5 puntos.

5) Experiencia previa do solicitante na execución de proxectos de capacitación similares (ata 15 puntos):

a) Experiencia en execución de 10 ou máis proxectos para colectivos empresariais na mesma temática para a cal se solicita a axuda: 15 puntos.

b) Experiencia en execución de entre 5 e 9 proxectos para colectivos empresariais na mesma temática para a cal se solicita a axuda: 10 puntos.

c) Experiencia en execución de ata 4 proxectos para colectivos empresariais na mesma temática para a cal se solicita a axuda: 5 puntos.

d) Experiencia en execución de proxectos en temáticas diferentes para a que se solicita a axuda ou en proxectos non dirixidos a colectivos empresariais: 2 puntos.

6) Inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico previo do solicitante: 10 puntos.

Os criterios 1 a 3 avaliaranse en función do indicado no formulario de solicitude.

O criterio 4 avaliarase a partir dos datos do formulario de solicitude relativos ao programa do proxecto formativo.

O criterio 5 avaliarase segundo declaración responsable que se indicará no formulario de solicitude con relación de proxectos similares desenvolvidos previamente, indicando temática, participantes, duración e datas de realización.

O criterio 6 avaliarase, de ser o caso, a partir do plan estratéxico elaborado no exercicio da convocatoria destas axudas ou nos tres anos anteriores (que se xuntará en formato electrónico xunto co formulario de solicitude).

6.3. Aquelas solicitudes correspondentes a actividades que se desenvolverán nas localizacións do anexo III terán un 5 % adicional por riba da base total de puntuación que é posible alcanzar. Se a solicitude recolle varias edicións do proxecto formativo en distintas localizacións, requirirase que polo menos o 50 % delas se desenvolvan en localizacións do anexo III para obter ese 5 % adicional.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

7.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

7.5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de dez (10) días para a súa emenda, transcorrido o cal teranse por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

• Acreditación da representación con que se actúa.

• Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

• Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio 2014, e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

• No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2014.

• De ser o caso, as tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases reguladoras.

• Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o Plan estratéxico, que se deberá xuntar como documento PDF ao formulario de solicitude.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

8.6. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4; a persoa que asina a solicitude resposabilizarase e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o interesado para a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais, e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da letra b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

8.8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada, e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo, e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.7. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 30 de abril de 2015, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez recaída resolución de concesión non se admiten modificacións.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión, notificando as actividades formativas presenciais que se vaian realizar previamente á súa celebración. Esta notificación poderá levarse a cabo ao enderezo electrónico igape-competitividade@igape.es.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. En particular, recolleranse e enviaranse ao Igape en formato electrónico os datos recollidos no anexo IV, necesarios para a xustificación fronte ao FSE.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

4. Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Social Europeo.

6. Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, así como lendas relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión máis alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de actividades ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro) e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que se pode consultar na páxina web www.conselleriadefacenda.es.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

9. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento: ata o 31 de xullo de 2015.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

14.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia compulsada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade. As facturas deben incluír de xeito explícito a desagregación por conceptos subvencionables do artigo 5 destas bases, ou ser acompañados dun anexo, subscrito polo emisor da factura, no cal se certifique a correspondencia entre os cargos da factura e os conceptos do artigo 5.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

• Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

• Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

• Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que se deberá manifestar sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.6 destas bases: insercións, folletos, catálogos, fotografías e demais documentación.

d) Memoria técnica que se deberá cubrir no formulario de liquidación.

e) Xustificación do cofinanciamento dos gastos por parte das empresas participantes: facturas emitidas ás empresas participantes polo organismo intermedio dentro do período de execución do proxecto e acreditación do seu pagamento efectivo dentro do mesmo prazo. Estas facturas deberán demostrar un cofinanciamento mínimo por parte das empresas do 10 % dos gastos subvencionables e máxima da porcentaxe non cuberta pola subvención.

f) Xustificación da participación nas horas presenciais do proxecto, nas cales se identificará para cada sesión, á parte do programa impartido, as horas e o lugar en que se impartiu, o formador que a imparte e a súa empresa (CIF e denominación) e a súa sinatura. Así mesmo, para cada participante nela identificarase a empresa a que pertence (CIF e denominación), e o seu DNI, nome e sinatura. Cada unha das sesións deberá ir acompañada de material gráfico xustificativo da asistencia e da publicidade dos Fondos Europeos.

g) Informe das actividades en liña desenvolvidas, que inclúa, de ser o caso actividades de titorización, indicando o titor, o(s) titorizado(s) e a duración.

h) Presentación de indicadores para proxectos formativos para FSE 1.62. no modelo que se inclúe como anexo IV a estas bases.

14.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade, nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.5: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

14.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15 Aboamento das axudas

15.1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e debe resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da bases subvencionable:

• Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

• Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Social Europeo, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

• Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

• A participación media dun número de empresas inferior ao tido en conta para a concesión da axuda no conxunto das follas de control asinadas dará lugar a recalcular a puntuación concedida por participantes (artigo 6.2.3). Se o resultado é unha puntuación inferior á necesaria para obter a subvención segundo o artigo 10, poderá proceder a perda da subvención concedida. En calquera caso, procederá a perda dun 5 % de subvención por cada 20 % de redución na media de empresas participantes sobre as tidas en conta para a concesión ata o límite mínimo de empresas e persoas participantes establecido no artigo 1.1.

16.4. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

• Xustificar o gasto realizado por debaixo do 50 % do gasto aprobado na resolución de concesión.

• Non acadar o número mínimo de empresas e de persoas participantes establecido no artigo 1.1.

• No caso de que en dúas inspeccións presenciais aleatorias se detecte un número de asistentes inferior ao 50 % do número de participantes tido en conta para a concesión da axuda ou que a listaxe de asistentes os días da inspección non coincida cos asistentes que figuren na documentación da solicitude de cobramento.

• Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

• Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

• Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

• Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

• Cando o beneficiario non acredite que está ao día das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de trses anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

19.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizaa no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación a autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios - Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario presentar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño); no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009); no Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO III
Localizacións preferentes

Axudas do Igape a proxectos colaborativos de capacitación sectorial, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

• Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

• Concellos da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Concellos da provincia de Lugo.

• Concellos da provincia de Ourense.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file