Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52893

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos investimentos das pemes en equipamentos produtivos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 18 de decembro de 2014 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos investimentos das pemes en equipamentos produtivos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e facultou o director xeral para convocadas o exercicio 2015, aprobar os créditos e publicalas no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos investimentos das pemes en equipamentos produtivos, cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 2, e convocar para o exercicio 2015 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2015. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 5 de febreiro de 2015.

Cuarto

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

2015

08.A1-741A -7701

2.500.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade do crédito nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos investimentos das pemes en equipos produtivos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

As presentes bases establecen apoios dirixidos a favorecer a xeración de valor engadido en Galicia, incrementando a capacidade produtiva, estimulando a diversificación e os cambios no proceso produtivo que redunden nunha mellora da competitividade das pemes e, como consecuencia, na súa capacidade para competir nos mercados rexionais, nacionais e internacionais. Con este obxectivo, esta liña de axuda apoia a adquisición de equipamento produtivo, por parte das pequenas e medianas empresas.

A Xunta de Galicia entende, ademais, que se deben considerar as características do tecido empresarial, e que polo tanto se deben ter en conta as diferenzas no dinamismo empresarial nas diferentes zonas do territorio da Comunidade Autónoma. Neste senso, obsérvase unha gran diferenza entre a maioría dos territorios costeiros, de tradición máis dinámica, e os territorios do interior.

O Consello da Xunta de Galicia, tendo en conta que as diferenzas entre estes territorios tenden a incrementarse, acordou aprobar, nas reunións do Consello do 24 de setembro e 22 de outubro de 2009, os plans estratéxicos de dinamización económica das provincias de Lugo e Ourense (Impulsa-Lugo e Impulsa-Ourense) na procura de favorecer o desenvolvemento equilibrado do territorio galego. Os ditos plans veñen a sumarse á especial consideración para os municipios da Costa da Morte e das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, por seguir a presentar especiais dificultades para atraer proxectos de investimento empresarial.

Tendo todo isto en conta e, sen menoscabo de procurar a dinamización da actividade económica en toda a Comunidade Autónoma, as presentes bases reguladoras recollen un nivel superior de apoio ás iniciativas empresariais que se instalen nas comarcas e concellos máis desfavorecidos.

Con carácter xeral as presentes bases ampáranse no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A convocatoria desta liña de axuda será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos investimentos das pemes en equipamentos produtivos na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. O proxecto de investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 150.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, e deberá estar relacionado coa creación dun novo establecemento empresarial, ampliación da capacidade dun establecemento existente, diversificación da produción en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente.

1.2. Que a axuda solicitada supoña un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os cales se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, o proxecto, no seu conxunto, sería non subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos produtivos, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda.

1.3. Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes ás actividades que tradicionalmente se viñan prestando empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas establecidas nestas bases ampáranse no art. 14 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE (DOUE L 187, do 26 de xuño).

2.4. A subvención aos investimentos estará cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 2, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os conceptos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados financiadas con fondos Feder-programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado no artigo 6 destas bases reguladoras.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. A porcentaxe de participación directa das administracións públicas no capital social do solicitante compútase na mesma porcentaxe como axuda pública no importe do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades mercantís con tamaño de pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

4.2. Que desenvolvan un proxecto de investimento para algunha das actividades subvencionables que se sinalan no anexo II destas bases.

4.3. Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4.5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

4.6. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

5.1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008):

a) Maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente.

b) Outros bens de equipamento, entendendo como tales aqueles bens que forman parte dos activos fixos da empresa e interveñen directamente no proceso produtivo.

Non se consideran bens de equipamento produtivo os equipamentos informáticos e as súas aplicacións, as pezas de recambio nin os envases e embalaxes, aínda que sexan reutilizables.

5.2. Os investimentos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude. O Igape establecerá na resolución de concesión os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

5.3. Os investimentos subvencionables serán os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión, que non excederá o 30 de xuño de 2015. No caso de terse iniciado o investimento con anterioridade á presentación da solicitude, a totalidade do proxecto non será elixible, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión.

5.4. Os investimentos deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario da axuda, contratados e pagados directamente entre o beneficiario e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante. Para os efectos destas bases reguladoras, considéranse persoas ou entidades vinculadas, cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 16.3 do Real decreto 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto de sociedades.

5.5. Os proxectos deberán ser viables técnica, económica, financeira e ambientalmente. Así mesmo, no caso de proxectos de transformación fundamental do proceso de produción, o investimento subvencionable deberá superar a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos tres últimos exercicios pechados. No caso de proxectos para a diversificación dun establecemento existente, o investimento subvencionable deberá superar no 200 % a devandita dotación media.

5.6. Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5.7. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os tres anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante os períodos mencionados; non poderán ser obxecto de subvención os bens que substitúen os obsoletos.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. A subvención poderá chegar ata o 25 % dos investimentos subvencionables, e ata o 35 % se se dirixe exclusivamente a pequenas empresas.

Tendo en conta estes límites máximos de intensidade de axuda, calculados sobre o importe subvencionable, a porcentaxe da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula:

% da axuda= 15 % + [35 × (puntos por baremación proxecto/100)] %+(5 % por localización)

Non obstante, establécese un importe máximo de axuda, por empresa e proxecto, de 500.000,00 €.

6.2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Sectores de actividade prioritarios. 35 puntos.

Concederanse 35 puntos aos proxectos correspondentes aos sectores prioritarios establecidos no anexo IV a estas bases.

b) Valor engadido medio da actividade empresarial. Puntos máximos 55.

A puntuación obterase aplicando a porcentaxe do valor engadido bruto medio do sector, de acordo coa táboa IAE-CNAE do anexo VI.

c) Interese ambiental do proxecto. 10 puntos.

Concederanse 10 puntos no caso de que teñan certificación ambiental.

6.3. Aquelas solicitudes correspondentes a actividades que se van desenvolver nas localizacións do anexo III terán un 5 % adicional por riba da base total de puntuación que é posible alcanzar.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

7.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estean en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

7.5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de maneira obrigatoria na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles dará por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

8.4. Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

I. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

II. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

III. Declaración do imposto de sociedades, referido aos tres últimos exercicios fiscais.

IV. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.6 das bases reguladoras.

V. Se é o caso, certificado de xestión ambiental emitido por entidade acreditada.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

O Igape tamén poderá reclamar ao titular documentación ou información adicional á requirida coa solicitude, que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

8.5. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coas copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente durante a da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

8.7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de darlle publicidade ao financiamento polo Igape, pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dos gastos que sexan obxecto de subvención e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.7. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 30 de abril de 2015, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións a ela.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos obxecto da axuda durante tres anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento ou o cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e será obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006. O beneficiario deberá conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89 punto 3º do Regulamento 1083/2006 do Consello.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 5 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos conceptos subvencionables, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder Galicia 2017-2013, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

g) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, mediante a colocación dunha placa tamaño A4 nun lugar visible ao público na cal figure o logo do Igape, da Xunta de Galicia e o logo, emblema e lema Feder e o título do proxecto. Ou ben, como medida alternativa, no caso de que o beneficiario dispoña de páxina web, incluír estas exixencias nun lugar facilmente accesible. Sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria, contidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, que sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es. Estas obrigas de información e publicidade deben cumprirse durante todo o período de mantemento obrigatorio do investimento, para evidenciar o seu cumprimento para efectos de futuras verificacións ou auditorías.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento: ata o 31 de xullo de 2015.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo V a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo do requirimento formulado para tal fin.

14.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo V), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo V) co IDEL, xunto coa da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

ii) Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

iii) Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.g) destas bases.

14.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

14.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

15.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da bases subvencionable:

– Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido.

– Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

– Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

– Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 15, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

19.2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

19.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas poidan impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño), no Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), no Regulamento (CE ) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file