Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 345

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 17 de decembro de 2014 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Fundación Galicia Emigración.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 25 de abril de 2010, adoptou o acordo de iniciar os trámites para a extinción, entre outras, da Fundación Galicia Emigración.

O acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Galicia Emigración foi autorizado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 25 de novembro de 2010 e, posteriormente, ratificado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 26 de novembro de 2010.

Na súa reunión do 30 de novembro de 2012 o Padroado da Fundación Galicia Emigración adoptou, entre outros, o acordo de aprobar as actuacións de liquidación da fundación declarando definitivamente extinguidas todas as relacións dela, acordo que foi protocolizado en escritura pública do 17 de decembro de 2012.

O artigo 55.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que as disposicións que acorden a extinción das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico «...determinarán as medidas aplicables aos empregados do organismo que se suprime no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal».

Pola súa parte, a disposición transitoria sexta da devandita lei establece: «O consello da Xunta poderá adoptar as medidas necesarias en relación co persoal laboral fixo das entidades instrumentais do sector público autonómico que se extingan, en atención ás características da súa relación de servizo, logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos».

Así mesmo, a disposición adicional décimo primeira da citada lei establece: «O Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto, poderá establecer os procedementos que habiliten a progresiva integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais ás cales sexa aplicable esta lei que non estea sometido á normativa xeral de función pública ou ao convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia».

En desenvolvemento das anteriores previsións legais, aprobouse o Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, norma que vén establecer as bases a que se suxeitarán os procedementos de integración voluntaria do persoal das entidades afectadas polo seu ámbito de aplicación e establecer os efectos da citada integración.

O artigo 7.b) do devandito decreto sinala o seguinte: «Se as entidades que se extinguen contan con persoal laboral fixo non incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, aplicaranse, respecto del, as medidas que o Consello da Xunta de Galicia determine, de acordo co artigo 55.2 da LOFAXGA e coa súa disposición transitoria sexta, en atención ás características da relación de servizo dese persoal e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

[...] esas medidas poderán comprender o ofrecemento dunha opción voluntaria de adscrición do persoal laboral fixo á Administración xeral da Xunta de Galicia [...]».

Respecto ao persoal da extinta Fundación Galicia Emigración, a disposición adicional primeira do citado decreto dispuxo a súa adscrición con efectos económicos do 1 de xullo de 2012 á Secretaría Xeral da Emigración, que asume as súas actividades e medios de conformidade co acordo de extinción por precisan de persoal das características de que se trata, sinalando, ademais, que, unha vez adscrito este persoal, a consellería competente en materia de función pública iniciará o procedemento regulado no seu título II para a integración do persoal laboral fixo procedente da dita fundación.

A esta finalidade responde a presente orde, que regula o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Fundación Galicia Emigración, baixo os principios de voluntariedade, homologación e homoxeneidade das condicións previstas na normativa do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto iniciar e regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Fundación Galicia Emigración adscrito á Secretaría Xeral da Emigración.

2. O procedemento de integración rexerase polo previsto nesta orde, así como polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

3. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral da extinta Fundación Galicia Emigración adscrito á Secretaría Xeral da Emigración, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter sido contratado como laboral fixo na Fundación Galicia Emigración e cumprir os demais requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio.

b) Ter a titulación establecida no anexo I e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios ou para exercer funcións similares ás que desempeñaba no caso do persoal laboral, no que fose separado ou inhabilitado.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

e) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

4. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal que estivese vinculado á extinta Fundación Galicia Emigración por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo nela.

Artigo 2. Exercicio do dereito de opción

1. O exercicio da opción para se integrar deberá realizarse con carácter individual dentro do prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de instancia que se xunta no anexo II.

2. As solicitudes dirixiranse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que as xestionará a través da Secretaría Xeral da Presidencia, en virtude da Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de novembro de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral da Presidencia (DOG nº 219, do 15 de novembro).

As solicitudes poderán ser presentadas en calquera dos lugares e das formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do documento nacional de identidade no suposto de non prestar o seu consentimento para a consulta dos seus datos de identidade recollido no anexo II.

b) Copia do contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo orixinario na Fundación Galicia Emigración.

c) Copia da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

d) Copia da titulación académica exixida para o acceso ao grupo e categoría na entidade instrumental de orixe.

e) Certificado da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) No suposto de non estar en servizo activo, copia da resolución que dea lugar á reserva da praza e posto.

g) Certificado expedido pola Secretaría Xeral da Emigración, por conceptos e mensualidades, das retribucións percibidas durante o último ano de prestación de servizos na Fundación Galicia Emigración, así como das retribucións percibidas durante o ano 2014 ou que lle correspondería cobrar nese ano, de ser o caso.

Artigo 3. Tramitación

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral da Presidencia requirirá, se é o caso, ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que considere necesaria para os efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non achegaren a documentación solicitada no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivamento correspondente, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta que conterá:

• A relación do persoal que a dita secretaría xeral considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o carácter da adscrición a el.

• E a relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Xunto coa dita proposta achegaranse todos os expedientes.

3. Recibida a documentación indicada con anterioridade, a Dirección Xeral da Función Pública, solicitará informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Créase unha comisión formada por representantes das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Presidencia da Xunta de Galicia e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxa misión será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integraren como persoal laboral da Xunta de Galicia, o grupo e categoría profesional en que se produciría aquela, o posto de traballo en que se integra e o carácter da adscrición a el. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

5. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos parágrafos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, á vista dos antecedentes que consten no expediente, realizará a proposta sobre as persoas interesadas que reúnen os requisitos para a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia e das persoas interesadas que non reúnen os ditos requisitos á persoa titular da Consellería de Facenda para que, mediante orde, resolva o que proceda.

6. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 4. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e categoría profesional do convenio colectivo único da Xunta de Galicia en que se integra o persoal interesado, o posto en que se integra e o carácter da adscrición a el.

2. O persoal integrado será adscrito co carácter que corresponda a postos vacantes da Secretaría Xeral de Emigración ou, de ser o caso, a postos de nova creación.

3. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal que, como consecuencia da integración, experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito, que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

5. Ao persoal laboral integrado faráselle, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

6. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do convenio colectivo único da xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización ningunha.

7. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería en que sexa destinado o persoal integrado.

Artigo 5. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo da Fundación Galicia Emigración adscrito á Secretaría Xeral da Emigración que non solicite a súa integración ou que, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a ela, así como os solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterá as condicións laborais establecidas na disposición adicional primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, todo iso sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira e no ordenamento laboral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I

Titulación requirida na entidade

Grupo e categoría profesional de homologación
do V Convenio

Licenciatura ou grao

Bacharelato

Grupo I-Categoría 04

Grupo III-Categoría 062,02

Nota: os grupos e categorías profesionais que se recollen no anexo I da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012 e establécense sen prexuízo do grupo e categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.

missing image file