Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 336

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 17 de decembro de 2014 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo que desenvolvía postos de xerente procedente das fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

Ao abeiro do disposto no artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 13 de xaneiro de 2011, autorizar a extinción das fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

A disposición adicional décimo primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece: «O Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto, poderá establecer os procedementos que habiliten a progresiva integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais ás cales sexa aplicable esta lei que non estea sometido á normativa xeral de función pública ou ao convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia».

En desenvolvemento desta previsión legal, aprobouse o Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, norma que vén establecer as bases a que se suxeitarán os procedementos de integración voluntaria do persoal das entidades afectadas polo seu ámbito de aplicación e establecer os efectos da citada integración.

Resulta de aplicación ao presente procedemento de integración o artigo 7 b) do devandito Decreto 129/2012.

Así mesmo, cómpre ter en conta a disposición adicional primeira do dito decreto, que establece o seguinte: «Ao persoal procedente das fundacións para o desenvolvemento das comarcas, extinguidas por acordo do Consello da Xunta de Galicia de acordo co disposto no artigo 16.tres da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e integrado en entidades públicas do sector público autonómico ás cales non é de aplicación o convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, seralle de aplicación o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia previsto no título II deste decreto, ben que o procedemento de integración se iniciará por proposta da Consellería do Medio Rural referida a este persoal con independencia da entidade instrumental a que se encontre adscrito».

De conformidade co establecido no artigo 8.2 do dito decreto, una vez efectuada a petición de iniciación do procedemento de integración polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar, procede tramitar a presente orde, que ten como finalidade regular o dito procedemento baixo os principios de voluntariedade, homologación e homoxeneidade das condicións previstas na normativa do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto iniciar e regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das fundacións para o desenvolvemento das comarcas, que desenvolvían os postos de xerente e que se atopan adscritos en distintos entes do sector público dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. O procedemento de integración rexerase polo previsto nesta orde, así como polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

3. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral a que se refire o parágrafo primeiro, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter sido contratado como laboral fixo nalgunha das fundacións para o desenvolvemento das comarcas e cumprir os demais requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio.

b) Ter a titulación establecida no anexo I-A e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaba no caso do persoal laboral, no cal fose separado ou inhabilitado.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

e) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva da praza ou posto.

4. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal que estivese vinculado ás fundacións para o desenvolvemento das comarcas por un contrato de alta dirección o mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo nela.

Artigo 2. Exercicio do dereito de opción

1. O exercicio da opción para se integrar deberá realizarse con carácter individual dentro do prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de instancia que se xunta no anexo II .

2. A solicitude dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar e poderá ser presentada en calquera dos lugares e formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do documento nacional de identidade no suposto de non prestar o seu consentimento para a consulta dos seus datos de identidade recollido no anexo II.

b) Copia do contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo orixinario en calquera das fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

c) Copia da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

d) Copia da titulación académica exixida para o acceso ao grupo e categoría na entidade instrumental de orixe.

e) Certificado da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) No suposto de non estar en servizo activo copia da resolución que dea lugar á reserva da praza e posto.

g) Certificado das retribucións percibidas no último ano por conceptos e mensualidades expedido pola entidade onde estea adscrito.

Artigo 3. Resolución

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar requirirá, se é o caso, as persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que consideren necesaria para os efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non achegaren a documentación solicitada no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivamento correspondente, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta que conterá:

• A relación do persoal que a dita Secretaría Xeral Técnica considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o carácter da adscrición a el.

• E a relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Xunto coa dita proposta, achegaranse todos os expedientes.

3. Recibida a documentación indicada con anterioridade, a Dirección Xeral da Función Pública solicitará informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Créase unha comisión formada por representantes das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Consellería do Medio Rural e do Mar e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxa misión será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integraren como persoal laboral da Xunta de Galicia, o grupo e categoría profesional en que se produciría aquela, o posto de traballo en que se integra e o carácter da adscrición a el. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

5. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos parágrafos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, á vista dos antecedentes que consten no expediente, realizará a proposta sobre as persoas interesadas que reúnen os requisitos para a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia e das persoas interesadas que non reúnen os ditos requisitos á persoa titular da Consellería de Facenda para que, mediante orde resolva, o que proceda.

6. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 4. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e a categoría profesional do convenio colectivo único da Xunta de Galicia en que se integra o persoal interesado, o posto en que se integra e o carácter provisional da adscrición a el.

2. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

3. Ao persoal que, como consecuencia da integración, experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito, que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do convenio colectivo único da xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización ningunha.

5. Ao persoal laboral integrado faráselle, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

6. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería en que sexa destinada o persoal integrado.

Artigo 5. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo das fundacións para o desenvolvemento comarcal adscrito a algunhas das entidades do sector público dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar que non solicite a súa integración ou que, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a ela, así como os solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, poderá manter as súas condicións laborais de orixe, sen prexuízo do disposto na disposición adicional 3ª do Decreto 129/2012 e no ordenamento laboral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I-A
Táboa homologacións categorías profesionais

Titulación requirida ente

Grupo e categoría profesional de homologación V convenio

Titulado superior

Titulado medio

Bacharelato

Grupo I - Categoría 04

Grupo II - Categoría 07

Grupo III - Categoría 062

Nota: os grupos e categorías profesionais que se recollen no anexo I da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012, e establécense sen prexuízo do grupo e categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.

ANEXO I-B
Postos que se adxudicaran aos antigos xerentes das fundacións
para o desenvolvemento das comarcas

Grupo/Categoría profesional

Localidade

Código do posto de traballo

Técnico/a I

Boiro

TR.C99.20.90115110.023

Técnico/a I

Burela

TR.C99.20.901.27085.020

Técnico/a I

Cangas

TR.C99.20.901.36080.022

Técnico/a I

O Carballiño

TR.C99.20.901.32190.011

Técnico/a I

Carballo

TR.C99.20.901.15190.021

Técnico/a I

Monforte de Lemos

TR.C99.40.801.27300.002

Técnico/a I

A Coruña - centro

TR.C99.20.902.15001.019

Técnico/a I

A Coruña - Monelos

TR.C99.20.901.15001.021

Técnico/a I

Ferrol - centro

TR.C99.20.901.15350.018

Técnico/a I

Lalín

TR.C99.20.901.36240.021

Técnico/a I

Lugo - norte

TR.C99.20.901.27001.025

Técnico/a I

Lugo - norte

TR.C99.20.901.27001.026

Técnico/a I

Lugo - sur

TR.C99.20.902.27001.025

Técnico/a I

Melide

TR.C99.20.901.15450.021

Técnico/a I

Mondoñedo

TR.C99.20.901.27290.021

Técnico/a I

Ourense - centro

TR.C99.20.901.32001.037

Técnico/a I

Ourense - Ponte

TR.C99.20.902.32001.027

Técnico/a II

Ponteareas

TR.C99.20.901.36420.021

Técnico/a I

Pontevedra - bisbarra

TR.C99.20.902.36001.035

Técnico/a I

Pontevedra - Concello

TR.C99.20.901.36001.041

Técnico/a I

Ribadavia

TR.C99.20.901.32680.021

Técnico/a I

Ribadeo

TR.C99.20.901.27500.011

Técnico/a I

Ribadeo

TR.C99.20.901.27500.012

Técnico/a I

Vigo - Sanjurjo Badía

TR.C99.20.902.36560.022

Técnico/a I

Santiago de Compostela - centro

TR.C99.20.901.15770.016

Técnico/a I

Santiago de Compostela - centro

TR.C99.20.901.15770.017

Técnico/a I

Santiago de Compostela - norte

TR.C99.20.901.15770.013

Técnico/a I

Santiago de Compostela - norte

TR.C99.20.901.15770.019

Administrativo/a

A Pobra de Trives

TR.C99.20.901.32620.006

Técnico/a I

Tui

TR.C99.20.901.36540.012

Técnico/a II

Verín

TR.C99.20.901.32840.031

Técnico/a I

Vilagarcía de Arousa

TR.C99.20.901.36590.018

ANEXO II
Solicitude de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal das fundacións para o desenvolvemento comarcal

DATOS PERSOAIS

Apelidos e nome:

NIF:

Enderezo:

Localidade:

Provincia:

Teléfono:

DATOS PROFESIONAIS

Categoría profesional á que pertence:

En situación de:

Activo Excedencia Tipo de excedencia …………………………………

□ □ Data da resolución ………………………...............

Outras situacións de suspensión do contrato de traballo ……………………………………………..

Data da resolución …………………………….

GRUPO E CATEGORÍA DE INTEGRACIÓN

Grupo e categoría de integración (segundo anexo I):

Autorizo a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos meus datos de identidade a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e AA.PP.

si □ non □

O/a solicitante que abaixo asina manifesta que son certos os datos que se fan constar nesta solicitude de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia na CATEGORÍA DE …………………………………

……………………….,……..de………………………….. de …………………………

Sinatura:

SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR

DILIXENCIA: para facer constar que son certos os datos que o solicitante expón nesta solicitude.

Data

SELO

Sinatura do/da xefe do Servizo de Persoal