Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1563

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 9/2014, do 29 de decembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para a mellora da seguridade, a resolución de conflitos e a loita contra a intrusión no ámbito das instalacións eléctricas en baixa tensión.

A entrada en vigor do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, harmoniza a lexislación en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma coa normativa comunitaria, eliminando os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento e á circulación dos prestadores de servizos en Galicia.

En relación coa prestación dos servizos afectados polo Decreto 51/2011, do 17 de marzo, a presentación da declaración responsable, único trámite para comezar unha actividade, así como todas as actuacións que as empresas que prestan servizos realicen ante a consellería competente en materia de industria, tramitaranse por medios telemáticos, de acordo co disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Neste novo contexto é necesario intensificar o labor de control a posteriori, e proceder á apertura de expedientes sancionadores ás empresas instaladoras que incumpran a lexislación en materia de seguridade industrial.

No ámbito das instalacións eléctricas en baixa tensión, o artigo 18.1.d) do Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, establece que «Rematada a instalación (...) o instalador autorizado executor da instalación emitirá un certificado de instalación...».

É importante destacar as graves sancións que poden sufrir as empresas instaladoras de baixa tensión cando certifiquen instalacións non executadas por elas, xa sexa de mutuo acordo coa empresa executora ou derivado dun conflito con ela. Cómpre lembrar que as ditas condutas se tipificarán, en xeral, con infracción grave e coa cualificación de moi grave, cando resulte un dano moi grave ou derive un perigo moi grave e inminente para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o ambiente. Estas infraccións poderán acadar unha multa de máis de 600.000 euros e a suspensión da actividade ou o peche do establecemento por un prazo máximo de cinco anos.

No caso de conflitos, xeralmente económicos, entre a empresa instaladora de baixa tensión, promotor e clientes finais, os contratos entre as partes deberán resolverse na Administración de xustiza, e non será competencia desta Administración entrar na súa resolución; a presente instrución redactarase cun obxectivo claro: acadar a maior seguridade posible.

É importante lembrar, por outra banda, que as empresas subministradoras de enerxía eléctrica soamente deben dar subministración ás instalacións que cumpren cos regulamentos, tanto desde o punto de vista administrativo como técnico, para o cal deberán solicitar os correspondentes certificados das instalacións, así como as preceptivas inspeccións periódicas e expoñeranse a incorrer en sanción grave ou moi grave de acordo coa lexislación de seguridade industrial de non facelo.

Para levar a cabo a necesaria supervisión do cumprimento dos requisitos e condicións indicados no Regulamento electrotécnico para baixa tensión, é necesario aprobar uns principios xerais de actuación das xefaturas territoriais e dos diferentes axentes implicados.

1. En ningún caso a Administración competente en materia de industria valorará os posibles conflitos contractuais entre os diferentes axentes: empresas instaladoras de baixa tension, promotores, clientes finais e terceiros, xa que o rexistro dunha instalación se realiza unicamente para os efectos de garantir a seguridade.

2. Por petición do titular dunha instalación, a Administración competente en materia de industria expedirá un duplicado do certificado ou rexistro da instalación, necesario para que a empresa subministradora sirva a enerxía eléctrica.

3. De acordo coa normativa vixente, incoarase expediente sancionador por infracción grave á empresa instaladora de baixa tensión que certifique unha instalación non executada por ela, xa sexa de acordo coa empresa executora ou derivado dun conflito con ela. As ditas infraccións poderán sancionarse cunha multa de máis de 600.000 euros e a suspensión da actividade ou o peche do establecemento por un prazo máximo de cinco anos, no caso de tipificarse a infracción como moi grave.

4. De maneira excepcional admitirase a certificación por parte dunha segunda empresa instaladora de baixa tensión dunha instalación que non executou ou que executou parcialmente nos seguintes supostos:

a) Renuncia expresa da empresa que iniciou a instalación a rematala.

Neste caso, e con carácter previo ao rexistro da instalación, solicitarase á xefatura territorial correspondente autorización para que sexa a segunda empresa instaladora a que certifique a instalación, mediante escrito asinado polo titular e polo responsable da segunda empresa instaladora en que consten os datos da empresa instaladora que renuncia, coa cal a xefatura territorial se comunicará para que formule as alegacións que considere oportunas.

b) Cesamento de actividade da empresa instaladora que iniciou ou executou a instalación antes de certificala.

Neste caso, e con carácter previo ao rexistro da instalación, solicitarase á xefatura territorial correspondente autorización para que sexa a segunda empresa instaladora a que certifique a instalación, mediante escrito asinado polo titular e polo responsable da segunda empresa instaladora, e faranse constar as circunstancias que concorreron e os datos da empresa instaladora que cesou a súa actividade, coa cal a xefatura territorial correspondente se comunicará para que formule as alegacións que considere oportunas.

c) Subministración a servizos esenciais.

Terán a consideración de servizos esenciais para os efectos desta instrución os centros sanitarios, educativos, de servizos sociais e os que así sexan considerados pola xefatura territorial correspondente polas súas especiais características.

Neste caso, e con carácter previo ao rexistro da instalación, solicitarase á xefatura territorial correspondente autorización para que sexa a segunda empresa instaladora a que certifique a instalación, mediante escrito asinado polo titular e polo responsable da segunda empresa instaladora en que se xustifique a consideración do servizo a que a instalación da subministración como esencial, e faranse constar as circunstancias que concorreron e os datos da empresa instaladora que executou total ou parcialmente a instalación, coa cal a xefatura territorial correspondente se comunicará para que formule as alegacións que considere oportunas.

5. As instalacións en que se requira dirección de obra e inspección inicial serán obxecto dunha especial vixilancia, e controlaranse todos os axentes que interveñan. No caso de que se observen irregularidades procederase a aplicar a normativa sancionadora.

6. As empresas subministradoras de enerxía eléctrica teñen a obriga de dar subministración soamente ás instalacións que cumpran as condicións regulamentarias administrativas e técnicas vixentes, e solicitar os correspondentes certificados das instalacións así como as preceptivas inspeccións periódicas.

A presente instrución dítase sen prexuízo das competencias das xefaturas territoriais para tomar as decisións conducentes a garantir a maior seguridade posible.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas