Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Mércores, 14 de xaneiro de 2015 Páx. 1848

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se convocan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) para o ano 2015 e se modifican as bases reguladoras aprobadas pola Orde do 2 de xullo de 2013.

Por medio da Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 2 de xullo de 2013 aprobáronse as bases reguladoras das axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e convocáronse para o ano 2013.

A seguinte convocatoria realizouse mediante a Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) para o ano 2014.

A Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, é a norma estatal que instaura o marco xurídico común para implantar unha política de desenvolvemento rural propia, adaptada ás particulares condicións económicas, sociais e ambientais do medio rural español, con tres enfoques característicos: territorial ou zonal, horizontal ou integrado e participativo. Esta lei establece como obxectivos a melloría da situación socioeconómica e a calidade de vida das poboacións das zonas rurais no marco do respecto ambiental e do uso sustentable dos recursos naturais.

O Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, constitúe o instrumento de planificación plurianual en que se concretan as medidas de desenvolvemento rural, os procedementos e os medios para levalas a cabo; as actuacións implantaranse a través dos plans de zona que elaborará a Administración autonómica para cada unha das zonas rurais previamente delimitadas e cualificadas. O Real decreto 752/2010 establece, no punto 1.22.CA.1, a posibilidade de subvencionar o asesoramento e tutela de novas iniciativas empresariais e de empresas de economía social; e, por outra banda, no punto 4.21.CA.2, a posibilidade de subvencionar a xestión sustentable dos recursos forestais, cinexéticos ou piscícolas.

No Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de marzo de 2010 adoptáronse diferentes medidas relacionadas coa aplicación en Galicia da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural. Neste acordo aprobouse, de conformidade co establecido no artigo 10 desta norma, a delimitación e clasificación de zonas rurais do territorio galego para os efectos de aplicar o Programa de desenvolvemento rural sustentable (PDRS) 2010-2014 e elaborar os plans de zona rural.

A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, determina que os montes privados deben ser xestionados polos seus titulares, ben que estes poderán contratar a súa xestión con persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado, pero tamén implica as administracións públicas e ínstaas tanto a establecer medidas de fomento da xestión sustentable dos montes como a fomentar as agrupacións de montes privados, para facilitar unha ordenación e xestión forestal integrada que asocie persoas propietarias.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece no seu artigo 121.2 que serán obxecto prioritario de fomento as sociedades de fomento forestal. O artigo 121.1 establece que as medidas de fomento que adopte a Administración forestal priorizánse para, entre outros, reordenar e promover a xestión conxunta da propiedade particular forestal.

O Decreto 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e a cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro, determina no capítulo IV o marco base dos incentivos e das axudas que poderán ser aplicables ás sociedades de fomento forestal.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido en artigo 27.10 do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o establecido no Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, é o organismo competente para a xestión destas axudas, que teñen como obxectivos os seguintes:

a) Fomentar sistemas de xestión conxunta dos aproveitamentos forestais, incluídos os aproveitamentos e a comercialización das producións forestais, dirixidos a mellorar a ordenación e xestión dos montes galegos.

b) Conseguir unha rendibilidade das propiedades forestais das persoas silvicultoras.

c) Posibilitar unha adecuada xestión sustentable das superficies forestais de propiedade privada e conseguir superficies suficientes de xestión conxunta e que se apliquen instrumentos de xestión forestal.

d) Reducir o nivel de abandono do monte galego e diminuír o risco de incendios forestais.

Esta orde ampárase no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ten por obxecto regular o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponden á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes dela, así como ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e as entidades dependentes delas. O artigo 20 regula a iniciación de oficio dos procedementos de subvención mediante convocatoria aprobada polo órgano competente.

A Orde do 2 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) convocábaas para o ano 2013.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras

As bases reguladoras desta convocatoria son as contidas na Orde do 2 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e se convocan para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 133, do 15 de xullo de 2013), modificadas segundo establécese na disposición derradeira única desta orde.

Artigo 2. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2015 as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Liñas obxecto de axuda

De acordo co disposto nas bases reguladoras, as liñas obxecto de axuda son:

a) Liña 1 de axudas para constituír Sofor, sexa con inscrición previa ou con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes e beneficiarios

1. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 1:

a) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.

b) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.

c) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para conseguir a súa inscrición definitiva, sempre que non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.

2. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 2 as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal (RSofor).

3. Os mesmos terreos non poderán presentarse en máis dunha solicitude, o que será motivo de inadmisión de todas as solicitudes que se presenten sobre terreos coincidentes.

4. Independentemente do solicitante, o beneficiario final das axudas, tanto para a liña 1 como para a liña 2, será a sociedade de fomento forestal (Sofor) inscrita no RSofor.

5. Para obter a condición de beneficiario, deberán cumprirse os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Solicitantes e beneficiarios deberán acreditar calquera outro requisito exixido nas bases reguladoras.

Artigo 5. Órganos competentes para a instrución e resolución dos expedientes

1. A tramitación corresponde á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

2. O órgano colexiado definido no artigo 17 das bases reguladoras valorará as solicitudes de axuda e formulará unha proposta de concesión ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A conselleira do Medio Rural e do Mar ou, se é o caso, a persoa en que delegue esta función, resolverá os expedientes.

Artigo 6. Presentación das solicitudes de subvención

1. A tramitación destas axudas realízase mediante convocatoria aberta cun único procedemento de selección.

2. As solicitudes de axudas presentaranse mediante os formularios anexados á presente orde, cuxa numeración é coincidente cos publicados nas bases reguladoras:

• Anexo I. Modelo de solicitude.

• Anexo II. Acordo de cesión exixido ás agrupacións formalmente constituídas de persoas propietarias forestais para solicitar axudas para a constitución de Sofor (artigo 16.4 das bases reguladoras).

• Anexo III. Documento de compromiso dos membros das entidades xurídicas de dereito privado que se exixe no caso doutras entidades xurídicas (artigo 16.4 das bases reguladoras).

• Anexo V. Declaración do solicitante da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao amparo desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes. Tamén inclúe este anexo a declaración expresa doutras axudas sometidas ao réxime de minimis.

3. Os interesados deberán presentar a seguinte documentación dirixida á Consellería do Medio Rural e do Mar-xefatura territorial da provincia correspondente:

A. Documentación xeral:

a) Solicitude, asinada polo representante legal ou persoa acreditada, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde. Neste modelo de solicitude inclúese unha declaración responsable, ao abeiro do establecido no artigo 20.4 da Lei de subvencións de Galicia, en que o solicitante declara baixo a súa responsabilidade que todos os datos reflectidos na solicitude son certos. Neste caso, con anterioridade á proposta de resolución da concesión da subvención requirirase a presentación da documentación que acredite a realidade dos datos contidos na declaración nun prazo de 15 días.

b) Copia do NIF da entidade solicitante.

c) Copia do DNI do solicitante ou representante, só no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009.

d) Para cada investimento igual ou superior a 18.000 euros sen IVE deberase achegar contrato, factura pro forma ou similar de 3 provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren. No caso de obra civil, deberase presentar esta documentación para cada investimento igual ou superior a 50.000 euros sen IVE. O investimento subvencionable elixirase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica.

B. Documentación específica para a liña 1 para constituir Sofor:

a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da Sofor que se vai constituír.

b) Proxecto de estatutos da Sofor.

c) Para agrupacións formalmente constituídas de persoas propietarias forestais: NIF e documento acreditativo de constitución da agrupación onde consten as persoas e as propiedades que forman parte da dita sociedade ou agrupación e copia dos estatutos ou escrituras de constitución, acordo de cesión segundo o anexo II desta orde e acreditación da persoa física que as representa. A Administración comprobará, de oficio, a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

d) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución, acreditación da persoa física que as representa e documento de compromiso dos membros das entidades xurídicas de dereito privado segundo o anexo III.

e) Plano xeorreferenciado cos límites previstos de creación da Sofor.

O sistema de referencia xeodésico será o ETRS89 (European Terrestrial Reference System 1989) e utilizarase o sistema de referencia de coordenadas ETRS-Transversa de Mercator, de conformidade co Real decreto 1071/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o sistema xeodésico de referencia oficial en España.

Os límites presentaranse sobre ortofoto a escala 1:10.000 ou superior.

C. Documentación específica para a liña 2 para iniciar a actividade da Sofor:

a) Memoria asinada detallada do contido que se vai desenvolver.

b) Para a subvención dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns e dos custos de execución de infraestruturas comúns presentarase:

• Un plano asinado por persoal técnico competente en materia forestal, de acordo co establecido na definición 24 do artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa localización das infraestruturas que se pretende executar.

• O nomeamento do director da obra no caso dos custos de execución de infraestruturas.

Deberase acreditar a competencia en materia forestal mediante a presentación do título universitario oficial.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación en forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de marzo de 2015.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Tramitación das solicitudes de subvención

1. Recibida unha solicitude, revisarase no prazo de 10 días e, no caso de que conteña defectos ou omisións, concederase un prazo de dez días hábiles para a súa corrección, coa indicación de que, se non se fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Unha vez que a solicitude estea correctamente presentada, solicitaranse internamente, dentro do prazo de 10 días, os informes aos órganos competentes en razón da materia que sexan exixibles de acordo co establecido nas bases reguladoras da convocatoria.

3. O órgano colexiado a que se refire o artigo 17.3 das bases reguladoras valorará as solicitudes de axuda correctamente presentadas e cos informes favorables dos órganos correspondentes e formulará unha proposta de concesión ao secretario xeral do Medio Rural e Montes.

Este acto terá lugar como data máxima o 30 de abril de 2015. O órgano colexiado propoñerá a denegación de todas as solicitudes que non estean correctamente presentadas, que estean pendentes dos informes dos órganos correspondentes ou que estes sexan negativos.

O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de 5 meses. Unha vez transcorrido este prazo as solicitudes que non tivesen unha comunicación de aprobación de axuda poderán entenderse desestimadas segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, común, sen prexuízo da obriga legal de que a Administración resolva.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación poderá realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, de ser o caso, a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

5. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes se o acto for expreso. Se non o for, o prazo será de tres meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo sen perxuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso este en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral de Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural e do Mar, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a:
secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes

As solicitudes presentadas ordenaranse de maior a menor puntuación seguindo os baremos establecidos nos artigos 12 e 13 das bases reguladoras, segundo a liña de subvencións de que se trate. Concederanse as axudas ordenadas ata esgotar a contía económica asignada.

Artigo 11. Prazo de xustificación e solicitudes de pagamento

1. Para as axudas concedidas dentro da liña 1, o prazo máximo de xustificación será de 3 meses contados a partir da data en que se resolva a concesión da axuda. Se este prazo se cumpre antes do 31 de xullo de 2015, o prazo estenderase ata esta data.

2. Para as axudas concedidas dentro da liña 2, o prazo máximo de xustificación será de 5 meses contados a partir da data en que se resolva a concesión da axuda. Se este prazo se cumpre antes do 30 de setembro de 2015, o prazo estenderase ata esta data.

3. Poderanse conceder prórrogas do prazo establecido para a xustificación da subvención na anualidade establecida na resolución de concesión, logo de solicitude razoada realizada cunha antelación superior a un mes antes do final do prazo de xustificación.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse mediante os formularios anexados á presente orde, cuxa numeración é coincidente cos publicados nas bases reguladoras:

• Anexo V. Declaración do solicitante da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao amparo desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes.

• Anexo VI. Solicitude de pagamento da subvención en que se indique a relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados.

• Anexo VII. Solicitude de cambio de titular á sociedade de fomento forestal. Só para o cobramento da liña 1 de axudas para constitución de Sofor, excepto no caso de que o solicitante sexa unha Sofor con inscrición previa (artigo 19.1 das bases reguladoras).

• Anexo VIII. Notificación de finalización dos traballos. Só no caso de subvención aos custos de execución de infraestruturas comúns (artigo 20.1 das bases reguladoras).

Artigo 12. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 no momento da resolución.

2. As axudas financiaranse da seguinte maneira:

a) Axudas da liña 1 (artigo 4 da Orde do 2 de xullo de 2013).

Irán con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.713B.770.0: 150.000 € para a anualidade 2015.

b) Axudas para gastos notariais e rexistrais da concentración privada, dentro da liña 2 (artigo 7.a da Orde do 2 de xullo de 2013).

Irán con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.713B.770.0: 20.000 € para a anualidade 2015.

c) Resto das axudas descritas da liña 2, (artigo 7 da Orde do 2 de xullo de 2013, letras b, c, d, e).

Irán con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.713B.770.0: 62.614,22 € para a anualidade 2015.

3. En cada procedemento de selección, se unha vez priorizadas as solicitudes da liña 1 (axudas para constituír Sofor), da alínea a) da liña 2 (gastos notariais e rexistrais para a concentración privada) e das alíneas b), c) e d) da liña 2 non se esgotase o crédito asignado a un destes grupos, poderá engadirse o crédito sobrante aos outros grupos.

Poderán incrementarse os créditos asignados á convocatoria como consecuencia de xeracións, incorporacións ou ampliacións das partidas orzamentarias que a financien, sempre que fosen aprobadas antes da resolución das concesións; neste caso a efectividade da contía adicional estará condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito mediante resolución do órgano que aprobou a convocatoria. A declaración de créditos dispoñibles publicarase no Diario Oficial de Galicia.

En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de procederse á devandita ampliación, terase en conta o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Plan de desenvolvemento rural sustentable, cunha achega do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 50 % e da Xunta de Galicia do 50 %.

Disposición adicional única

Para solicitar o cobramento das subvencións concedidas para a constitución de Sofor (liña 1) é necesario presentar unha certificación expedida polo encargado do Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, indicando que a Sofor está inscrita no Rexistro, xa sexa de forma definitiva ou previa. En consecuencia, dentro do prazo de xustificación, deberá tramitarse con antelación suficiente a correspondente solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal seguindo os procedementos establecidos no Decreto 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro.

Disposición derradeira única. Modificación das bases reguladoras

1. A Orde do 2 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e se convocan para o ano 2013 queda modificada como segue:

Un. Modifícase a redacción da alínea a) do artigo 4, que queda do seguinte modo:

«a) O custo de investigación da propiedade e clasificación dos terreos en que se aplique un sistema acreditado e obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal. Este concepto non será subvencionable no caso das Sofor que inclúan terreos en proceso de concentración parcelaria ou que xa se atopen concentrados.

Inclúense os traballos necesarios para localizar os marcos que delimitan as parcelas, o seu levantamento topográfico e o seu trazado sobre plano, a identificación dos propietarios e a valoración do voo».

Dous. Modifícase o contido da alínea a) do artigo 5, coa seguinte redacción:

«a) Axudas para o custo de investigación e clasificación.

Para calcular a aprobación do importe da subvención ao custo de investigación e clasificación, así como para efectos de xustificar o pagamento, empregarase a seguinte fórmula:

P = importe do investimento en euros.

K = 0,75 para a inscrición previa no RSofor.

K = 1 para a inscrición definitiva no RSofor.

S = superficie en hectáreas da Sofor que se pretende constituír.

F= número de parcelas incluídas dentro da dita superficie segundo a información cartográfica ofrecida no Sixpac.

P = K • (475 • S + 36 • F)

O importe máximo subvencionable para o custo de investigación e clasificación será de 60.000 €».

Tres. O número 2 do artigo 10 queda redactado da seguinte maneira:

«2. O solicitante deberá cumprir a normativa en materia de avaliación de impacto ambiental, en concreto o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

Catro. O número 3 do artigo 10 queda redactado da seguinte maneira:

«3. O solicitante fará constar na solicitude se a superficie de actuación comprende calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal.

Nestes casos, solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe ao órgano competente por razón da materia. No caso de que o dito informe sexa desfavorable, non se admitirá a trámite a solicitude de axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun instrumento de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente».

Cinco.

1. Engádese unha nova alínea f) ao número 1 do artigo 12:

«f) Para inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal: 100 puntos».

2. Engádese unha nova alínea i) ao número 2 do artigo 12:

«i) Outorgaranse 100 puntos ás sociedades de fomento forestal situadas en concellos incluídos nas zonas intermedias establecidas no número 4.1.3 do Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural. Se están en concellos incluídos en zonas para revitalizar, outorgaranse 200 puntos».

Seis. O número 1 do artigo 15 queda redactado da seguinte maneira:

«1. Realizaranse un ou varios procedementos de selección sucesivos e diferentes ao longo de cada exercicio orzamentario no cal participarán as solicitudes que estean completas. O prazo de presentación de solicitudes e de asignación orzamentaria quedarán reflectidos na correspondente convocatoria».

Sete. O número 3 do artigo 15 queda redactado da seguinte maneira:

«3. En cada procedemento de selección, se unha vez priorizadas as solicitudes da liña 1 (axudas para constituír Sofor), da alínea a) da liña 2 (gastos notariais e rexistrais para a concentración privada) e das alíneas b), c) e d) da liña 2 non se esgota o crédito asignado a un destes grupos, poderá engadirse o crédito sobrante aos outros grupos».

Oito. No número 4 do artigo 16 engádese unha nova alínea e) á documentación específica que se debe presentar para a «liña 1 para crear Sofor»:

«e) Plano xeorreferenciado cos límites previstos de creación da Sofor.

O sistema de referencia xeodésico será o ETRS89 (European Terrestrial Reference System 1989) e utilizarase o sistema de referencia de coordenadas ETRS-Transversa de Mercator, de conformidade co Real decreto 1071/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o sistema xeodésico de referencia oficial en España.

Os límites presentaranse sobre ortofoto a escala 1:10.000 ou superior».

Nove. Engádese un novo número 7 ao artigo 16 coa seguinte redacción:

«7. O solicitante indicará no punto doutros datos da solicitude se a superficie de actuación comprende calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal (zona de protección lateral do Camiño de Santiago, zona que forma parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, zona dentro da Rede galega de espazos protexidos).

Nestes casos, a Administración solicitará de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe ao organismo competente nesa materia. No caso de que devandito informe sexa desfavorable, non se admitirá a trámite a solicitude de axuda».

Dez. Engádese un segundo parágrafo ao número 3 do artigo 17 coa seguinte redacción:

«En aplicación dos artigos 17.3 e 12.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante dalgún dos membros do órgano colexiado, o Secretario xeral de Medio Rural e Montes designará os suplentes que sexan necesarios dentro dos respectivos órganos».

Once. Dentro do número 1 do artigo 18, corríxese a numeración dos documentos para presentar a solicitude do cobramento:

«a) Solicitude de pagamento da subvención en que se indique a relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo VI).

b) Facturas orixinais que se marcarán cun selo indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención reflectindo, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

c) Xustificante do pagamento: copias cotexadas dos documentos bancarios de pagamento. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), presentarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o devandito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

d) Declaración do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos, segundo o anexo V».

Doce. Modifícase a alínea c) do número 1 do artigo 19, que queda do seguinte modo:

«c) Certificación expedida polo encargado do Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, indicando que a Sofor está inscrita no Rexistro».

2. As modificacións establecidas nesta disposición derraderia única non serán de aplicación a ningunha das dúas convocatorias anteriores.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro; DOG do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file