Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2015 Páx. 2641

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o exercicio orzamentario de 2015 das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Galicia conta cunha oferta gastronómica moi ampla, de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario.

Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas. Este sistema de protección, que en principio foi creado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea, e acolle actualmente un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.

Estes indicativos de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona en que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que a denominación poida ser empregada por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio.

Socialmente, as denominacións de calidade obrigan a ter unha organización de produtores e industrias que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último hai que sinalar que a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta se poden facer viables producións que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.

En resumo, o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias e permite o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona facilitando a xeración de riqueza e dinamismo social nela.

En Galicia existen actualmente 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario, ás cales habería que engadir, como outro distintivo máis da produción agroalimentaria de calidade, as producións ecolóxicas certificadas na nosa comunidade autónoma. A importancia económica e social destas denominacións de calidade queda de manifesto tanto polo valor total da produción certificada, próximo aos 300 millóns de euros, como polo número de produtores implicados, preto de 30.000, e o de industrias, arredor de 900.

A política da Comunidade autónoma respecto destes indicativos de calidade foi sempre de claro apoio, xa que son o baluarte da produción alimentaria galega. Por iso, no Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 recolleuse unha medida, dentro do eixo 1 (competitividade agraria e forestal), destinada a financiar as actuacións de difusión do coñecemento destes produtos entre os consumidores.

As bases reguladoras das axudas convocadas no último exercicio para a execución desta medida recolléronse na Orde desta consellería do 18 de decembro de 2013 (DOG núm. 245, do 24 de decembro). Ao estar próximo o inicio do exercicio orzamentario 2015, procede facer algunha modificación puntual das ditas bases e proceder á convocatoria das axudas para o dito exercicio. Para unha maior seguranza xurídica e en prol de facilitar a comprensión da regulación aos posibles interesados, óptase por publicar unhas novas bases que unifiquen nun único texto a normativa aplicable, co que tamén se facilita o seu manexo.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2015 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural e do Mar para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013. As accións deberán realizarse durante o ano 2015, coa data límite do 4 de setembro.

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos desta orde, consideraranse agrupacións de produtores os consellos reguladores e as entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. No caso das ditas entidades asociativas, os seus asociados terán que ser maioritariamente produtores vinculados ao programa de calidade de que se trate e o obxecto social da entidade terá que incluír a realización de actividades relacionadas directamente coa información aos consumidores ou a promoción do produto de calidade a que se refira o programa.

2. Para os efectos desta orde, considerarase programa de calidade diferenciada dos alimentos aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

a) Programas comunitarios de calidade de produtos galegos establecidos en virtude dos seguintes regulamentos e disposicións:

1º. Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas (ETG) reguladas polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

2º. Produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.

3º. Viños de calidade con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida, regulados polo Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os Regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007.

b) As bebidas espirituosas con indicación xeográfica de acordo co Regulamento (CE) nº 110/2008 do Parlamento europeo e do Consello, do 15 de xaneiro de 2008, relativo á designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas, e a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores, conforme a definición do artigo 2.1, que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos dos que se recollen no artigo 2.2 desta orde e que se refiran a produtos expresamente recollidos no PDR 2007/2013 de Galicia para a medida 133.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción cuxo fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.

2. As actividades a que se refire o parágrafo 1 anterior resaltarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos. Poderán consistir, en particular, na organización de feiras e exposicións e a participación nelas, así como actividades similares de relacións públicas e publicidade nos diversos medios de comunicación ou nos puntos de venda, de acordo co establecido no artigo seguinte.

3. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de marcas comerciais.

b) A promoción e publicidade fóra do mercado interior.

c) Aquelas actividades que induzan o consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto nos casos dos produtos regulados polo réxime de calidade establecido polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e os regulados polo Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os Regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007. Non obstante, poderá indicarse a orixe dun produto sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

d) As actividades de información e promoción subvencionadas ao abeiro do Regulamento (CE) nº 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro de 2000, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

4. Como requisito previo á realización das actividades que se pretende que sexan subvencionadas, o material piloto informativo, promocional e publicitario que se utilice, tanto nas accións promocionais contidas na letra a) do artigo 5.1 como o que eventualmente se utilice nas restantes actividades que se recollen no dito artigo 5.1, deberá ser remitido á Consellería do Medio Rural e do Mar para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Considéranse subvencionables os gastos realizados, excluídos impostos recuperables, nas seguintes actividades:

a) Promoción.

Serán subvencionables os gastos relativos á realización e execución de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións de promoción, como misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

Cando as actividades teñan por obxecto a promoción dos produtos procedentes da agricultura ecolóxica ou de produtos amparados por unha denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP) ou especialidade tradicional garantida (ETG), aparecerá o logotipo comunitario previsto nos correspondentes regulamentos europeos en todo o material informativo, promocional ou publicitario.

Nas actuacións realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados nas campañas de promoción poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe, cos límites máximos que se establecen no anexo III. En todo caso, nestes produtos non se empregarán marcas comerciais.

b) Feiras e exposicións.

1º. Poderá subvencionarse a participación en feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos poderá acumulalos todos nun único expediente, pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou exposicións a que se refire o expediente. Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (aluguer de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante.

2º. Organización.

Será tamén subvencionable a organización de feiras e exposicións relativas a produtos incluídos nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos.

c) Estudos e outras accións de divulgación.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos entre os consumidores.

2. Para os efectos da moderación de custos, no anexo III recóllense importes máximos de gasto subvencionable para determinadas actuacións relacionadas coas actividades que poden beneficiarse das axudas reguladas nesta orde. Así mesmo, e con ese mesmo obxectivo, en concepto de prestación de servizos de coordinación e organización, para cada acción non se admitirán gastos por riba do 10 % do seu custo total.

3. De acordo co previsto no punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), poderán ter a consideración de subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa con posterioridade á solicitude da axuda.

Artigo 6. Contía das axudas

1. As axudas poderán chegar ata o 70 % do gasto subvencionable.

2. Sen prexuízo do cumprimento da intensidade máxima da axuda que se recolle na alínea anterior, as axudas máximas serán as seguintes:

a) Para o conxunto das accións encadradas na letra a) do artigo 5.1 (promoción), a axuda máxima será de 400.000 euros por beneficiario e ano. Este límite poderá ampliarse ata 600.000 euros se, unha vez valorados todos os expedientes e asignada a subvención correspondente, houber un remanente de crédito dispoñible. A asignación desta cantidade adicional, respectando sempre a intensidade máxima de axuda que se recolle na alínea 1 deste artigo, farase de acordo coa baremación que se obteña dos expedientes logo de aplicar os criterios de valoración que se indican no artigo 7.

b) Para cada unha das accións encadradas na letra b) epígrafe 1º do artigo 5.1 (asistencia a feiras), a axuda máxima será de 10.000 euros cando se trate dun evento realizado no territorio da comunidade autónoma, de 20.000 euros no resto do territorio peninsular e de 30.000 euros no caso de ser fóra do territorio peninsular.

No caso de asistencia a feiras de dous ou máis consellos reguladores de forma conxunta baixo un pavillón común da Comunidade Autónoma de Galicia, non se terán en conta os límites establecidos no parágrafo anterior. Nese caso, o gasto para o deseño e construción do posto poderá superar os módulos indicados, pero non será superior a 250 euros por metro cadrado ocupado no caso de feiras celebradas en España, e de 550 euros por metro cadrado en feiras celebradas no resto do territorio da Unión Europea.

c) Para as accións encadradas na letra b) epígrafe 2º do artigo 5.1 (organización de feiras), a axuda non superará os 30.000 euros por acción.

d) Para as accións encadradas na letra c) do artigo 5.1 (estudos e outras accións divulgativas), a axuda non superará os 18.000 euros por acción.

Artigo 7. Criterios de valoración

1. Para a selección dos proxectos que se aproben e para establecer a axuda que se concederá, utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

a) Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (20 puntos).

A puntuación obtida segundo este criterio será a resultante de aplicar sobre a puntuación máxima a porcentaxe que represente a produción da agrupación sobre o total da produción do programa de calidade de que se trate no último exercicio pechado.

b) Novidade do programa (5 puntos).

Con este criterio valórase a menor antigüidade do programa, de xeito que reciben máis puntos as accións desenvolvidas en relación con programas de calidade que comezaron a súa actividade máis recentemente. Os puntos concederanse de acordo coa seguinte escala:

Antigüidade (anos)

Puntuación

0-10

5

11-15

3

16-20

1

>20

0

Para o cálculo da antigüidade do programa terase en conta a data de constitución do correspondente consello regulador nos programas de calidade para os cales exista. Para os programas para os cales non exista un consello regulador tomarase a data de inscrición do programa nos diferentes rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e especialidades tradicionais garantidas.

c) Cooperación (5 puntos).

Este criterio serve para valorar as accións realizadas en colaboración por dúas ou máis agrupacións e que afecten dous ou máis programas de calidade. Outorgaranse tantos puntos como agrupacións e programas diferentes colaboren na acción, cun máximo de 5 puntos.

d) Tipoloxía do programa de calidade (5 puntos).

Mediante este criterio valorarase o tipo de programa de calidade en que se enmarquen as accións para as cales se solicita axuda, de acordo coa seguinte táboa:

Tipo de programa

Puntuación

Agricultura ecolóxica

5

Denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP)

3

Especialidades tradicionais garantidas (ETG)

1

e) Desenvolvemento das zonas desfavorecidas e de montaña (5 puntos).

Con este criterio valórase en que medida o ámbito xeográfico que afecta ao programa de calidade e de actuación da agrupación se corresponde con territorios definidos como zonas desfavorecidas ou de montaña. Para estes efectos, calcularase a relación porcentual que, do total dos concellos que abrangue o programa e a agrupación, representan os que están clasificados como zona desfavorecida ou de montaña. Para a asignación da puntuación utilizarase a seguinte táboa:

Porcentaxe

Puntuación

% > 80

5

80 > % > 60

4

60 > % > 40

3

40 > % > 20

2

20 > % > 0

1

f) Relación custo das accións/valor da produción da agrupación (5 puntos).

Para o cálculo da puntuación de acordo con este criterio, obterase a suma do gasto subvencionable no conxunto de expedientes de cada beneficiario para a convocatoria anual e calcularase que porcentaxe representa esta cifra en relación co valor da produción acollida ao programa de calidade no último exercicio pechado. Unha vez obtido o valor porcentual, aplicarase a seguinte escala:

Porcentaxe

Puntuación

< 2,50

5

2,51 - 5,00

4

5,01 - 7,50

3

7,51 - 10,00

2

10,01 - 12,50

1

> 12,50

0

g) Ámbito territorial das actuacións (5 puntos).

Segundo este criterio, valorarase o ámbito territorial en que se vai producir a acción subvencionable e outorgable a maior puntuación ás accións realizadas fóra do ámbito territorial do Estado e a menor puntuación ás accións realizadas en Galicia. No caso de expedientes que conteñan actuacións en diferentes ámbitos territoriais, terase en conta a porcentaxe do orzamento que se pretenda empregar en cada ámbito territorial. A puntuación outorgarase conforme a seguinte escala:

Ámbito territorial

Puntuación

Galicia > 50 % gasto

1

Galicia < 50 % gasto

España > 25 % gasto

UE < 25 % gasto

3

Galicia < 50 % gasto

UE >25 % gasto

5

2. A porcentaxe máxima de axuda que se concederá a cada expediente en función dos puntos obtidos na valoración é a que se recolle na seguinte táboa:

Equivalencia % axuda coa puntuación de acordo cos criterios de valoración do artigo 6:

Puntos

% axuda

< 14

30

15-19

40

20-24

50

25-29

60

> 30

70

3. Se, aplicados os criterios do número 1, existir empate, resolverase atendendo as solicitudes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración a) e, de persistir o empate, teranse en conta as puntuacións dos criterios b), c), d), e), f) e g) sucesivamente.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse en formulario dirixido á Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 9. Deberase presentar un formulario de solicitude por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción prevista no artigo 5.1, alínea b)1º desta orde, relativa á participación en feiras e exposicións.

No caso de solicitudes presentadas por asociacións sen ánimo de lucro, quen asine a petición deberá acreditar a súa condición de representante de xeito fidedigno por calquera medio válido en dereito.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Como documentación complementaria do formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do obxecto do investimento que inclúa os seguintes aspectos:

1º. Descrición detallada das actuacións que se van desenvolver: descrición de cada unha das actividades previstas que vai realizar o solicitante. Detallaranse e describiranse ao máximo todas e cada unha das actividades.

2º. Avaliación económica das súas vantaxes.

3º. Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

4º. Plan cronolóxico dos traballos.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos, no cal se detallará especificamente o ámbito territorial (Galicia, España, Unión Europea) a que corresponde o gasto de cada partida, de non corresponder todas a un mesmo ámbito xeográfico.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, con excepción dos relativos a aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo propio, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

c) Copia do NIF do solicitante.

d) No caso de entidades asociativas, copia dos estatutos e documentación acreditativa de non ter ánimo de lucro.

e) No caso das entidades asociativas, listaxe de inscritos e certificado emitido polo secretario en que se indique que estes participan nalgún dos programas de calidade diferenciada dos alimentos enumerados no artigo 2 desta orde.

f) No caso das entidades asociativas, certificación do/a secretario/a do consello regulador correspondente relativo ao volume de produción certificado dentro do programa de calidade no ano anterior ao da solicitude.

Non será necesaria a documentación que se indica nos puntos c),d) e e), se se xustifica que está en poder da Administración.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa facenda autonómica

Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 11. Instrución e resolución

1. Corresponde á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e a valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Vogais: dous funcionarios/as do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Secretario/a: un/unha funcionario/a do dito servizo, que actuará con voz e voto.

3. A comisión de valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 6 desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación efectuada. De acordo co dito informe, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado reciba comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será polo menos posterior en dez días á finalización da realización da actividade subvencionada segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 30 de setembro.

Artigo 12. Tramitación do pagamento das axudas

1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, e sempre destinada á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos gastos efectuados: facturas, cunha relación numerada delas, así como a documentación orixinal que acredite o seu pagamento As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo e nel indicarase nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando neste último caso a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, conforme o modelo do anexo II desta orde.

c) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

1º. No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.) así como unha memoria explicativa do seu desenvolvemento, na cal se indiquen cales foron os medios finalmente empregados. Deberá achegarse un exemplar orixinal do medio de comunicación escrito ou un documento de audio ou vídeo cando corresponda. No caso de insercións repetitivas, bastará con achegar un só documento orixinal e unha relación dos días de emisión ou publicación da campaña.

2º. No caso de participación en feiras ou exposicións ou da súa organización: unha memoria explicativa en que se indiquen os medios materiais e humanos empregados e a especificación dos gastos realizados e a súa vinculación co evento, así como unha valoración do seu desenvolvemento.

3º. No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

As memorias a que se refiren as epígrafes 1º, 2º e 3º anteriores deberán incluír unha reportaxe gráfica ou proba similar, para un mellor coñecemento da acción desenvolvida.

4º. No caso de estudos: unha copia destes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, só se admitirá, con carácter excepcional, a xustificación do pagamento das facturas en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, sexa inferior a 1.000 euros, IVE incluído; neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, en que se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación acompañará a factura preceptiva. Porén, para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

3. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas. Segundo o indicado no número 3 do dito artigo, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida á subscrición por escrito dun contrato, que deberá ser autorizado previamente pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Para eses efectos, o interesado fará chegar á dita dirección xeral unha solicitude de autorización xunto co borrador do contrato.

No caso de subcontratación, cumpriranse, ademais, os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en particular, o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

Así mesmo, de acordo co artigo 3.13 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, no caso de subcontratación non serán subvencionables os gastos que aumenten o custo de execución da operación sen un valor engadido e os celebrados con intermediarios ou asesores cuxo pagamento consista nunha porcentaxe do custo total da operación, a non ser que o beneficiario xustifique o dito pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou os servizos prestados.

4. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida. Ademais, de acordo co recollido no número 4 do artigo 67 do citado decreto, exonérase os beneficiarios da constitución de garantía logo da autorización do Consello da Xunta.

Sen prexuízo do anterior, de acordo co establecido na epígrafe b)1º do número 1 do artigo 5, relativo á participación en feiras e exposicións, os interesados poderán incluír nun único expediente de solicitude de axuda as accións correspondentes a varios eventos diferentes. Neste caso, na resolución de concesión poderase indicar que se trata de accións independentes, polo que a tramitación do seu pagamento poderá facerse tamén de xeito independente, sen que os pagamentos teñan a consideración de pagamentos á conta.

Artigo 13. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada, como mínimo, sete días antes da realización da actividade.

3. No caso de que na xustificación dos gastos realizados o importe xustificado sexa inferior ao aprobado, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente, sempre que non se alteren os obxectivos iniciais.

4. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural e do Mar, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Cuentas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

5. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

6. Conforme o disposto no artigo 75.1.c) do Regulamento (CE) nº 1698/2005, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 14. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario, existirá un incumprimento, e aplicaranse os seguintes criterios:

a) Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

b) Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpra o resto das condicións establecidas, sen prexuízo da aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas reguladas por esta orde ampáranse no disposto no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, e no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polos que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005; no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Artigo 16. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles ata unha intensidade do 70 % do gasto subvencionable con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea. Non son compatibles, porén, coas axudas reguladas polo Regulamento (CE) nº 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro de 2000, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicite ou lle sexa concedida ou pagada.

Artigo 17. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. As axudas que establece esta orde están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 75 %. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a axeitada publicidade desta circunstancia, para o que adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución da concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención e, en particular:

a) A procedencia do financiamento dos fondos, indicando que as accións se subvencionan en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro do eixe 1 (aumento da competitividade do sector agrario e forestal), medida 133 (apoio ás agrupacións de produtores en materia de desenvolvemento de actividades de información e promoción de produtos no marco de programas relativos á calidade dos alimentos), do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que cabe adoptar, de ser o caso, para facer visible ante o público a orixe do financiamento da axuda.

Artigo 18. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 19. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 12.22.713D.781.0, código de proxecto 2011 00715, por un importe de un millón setecentos sesenta mil euros (1.760.000 €).

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2015 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico
a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Disposición adicional única. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, e no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polos que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005; no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para aprobar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro; DOG do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO III
Módulos máximos por tipo de gasto

Tipo de gasto

Unidade

Importe unitario
máximo (€)

Persoal de apoio en feira nacional

Persoa

140,00

Persoal de apoio en feira internacional

Persoa

180,00

Queixo DOP fresco ou pasta branda

kg

9,50

Queixo DOP curado

kg

11,50

Viño DO sen elaboración especial

botella 0,75 l

8,50

Viño DO de elaboración especial (crianza, ecolóxico, escumoso)

botella 0,75 l

12,00

Copas serigrafadas degustación viño

copa

2,00

Augardentes/ licores con indicación xeográfica

botella 0,35 l

14,00

Pemento de Herbón ou do Couto

kg

6,00

Pemento de Arnoia ou Oímbra

kg

4,00

Tarta de Santiago

kg

10,50

Lacón Gallego

kg

8,00

Faba de Lourenzá

kg

9,50

Grelos de Galicia frescos

kg

2,00

Grelos de Galicia procesados

kg

2,50

Ternera Gallega pezas selectas

kg

25,00

Ternera Gallega pezas medias

kg

15,00

Ternera Gallega pezas menores

kg

7,00

Deseño e construción posto conxunto en feiras en España

m2

250,00

Deseño e construción posto conxunto en feiras na Unión Europea agás España

m2

550,00

Manutención media xornada España

1/2 día

37,50

Manutención xornada enteira España

día

75,00

Manutención media xornada fóra de España

1/2 día

45,00

Manutención xornada enteira fóra de España

día

90,00

Aloxamento España

noite

120,00

Aloxamento estranxeiro

noite

180,00

Desprazamentos coche

km

0,24

missing image file
missing image file
missing image file