Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 2015 Páx. 2782

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, de conformidade co disposto no artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e, polo tanto, a potestade de regular o sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, recolle no título VII, referente á promoción e fomento do turismo, un capítulo específico sobre as medidas de promoción e fomento no cal se inclúe o artigo 93, que prevé a declaración de festas de interese turístico de Galicia e que sinala que a declaración se fará segundo se determine regulamentariamente en función, entre outros, da antigüidade, da singularidade e do arraigamento, así como das actividades promocionais que desenvolvan.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, valora positivamente as manifestacións de exaltación de tradicións, cultura, gastronomía, etnografía e calquera elemento que contribúa a mellorar a oferta lúdico-promocional de turismo de Galicia como os eventos deportivos, xa que son unha demostración da acollida, amabilidade e hospitalidade pola que Galicia é recoñecida no mundo.

Esta declaración estaba regulamentada no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaracións de festas de Galicia de interese turístico.

Este novo decreto recolle o espírito da norma anterior, vinculando as festas de interese turístico ás manifestacións populares de carácter cultural como instrumento de promoción turística; e mellora a súa calidade mediante unha regulación máis exixente, incrementando a antigüidade mínima para acreditar o arraigamento da festa e incorporando novos requisitos e criterios de valoración coa finalidade de conceder ás declaracións un recoñecemento e prestixio que se corresponda coa importancia da distinción de festa de interese turístico máis acorde cos tempos actuais.

A Administración turística da Xunta de Galicia entende que debe establecerse un marco normativo que regule e recoñeza os esforzos públicos e privados para celebrar eventos que constitúan un fortalecemento da nosa cultura como país, que sirvan de reclamo turístico e transmitan os valores e sensibilidades do pobo galego.

O outorgamento desta distinción pretende servir de estímulo para a constante mellora de cada sucesiva edición deste evento, polo que a Administración turística da Xunta de Galicia terá en consideración estes eventos tanto na planificación como nas súas accións promocionais.

Este decreto desenvolve a previsión legal, concretando os requisitos que deben cumprirse para optar á declaración de festa de interese turístico de Galicia, os seus efectos, así como o procedemento para a declaración, a súa vixencia e a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, logo da instrución do expediente pola Axencia Turismo de Galicia, a competencia para a declaración de festas de interese turístico de Galicia de acordo cos artigos 4 e 93 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

A súa estrutura consta de vinte e un artigos agrupados en catro capítulos, tres disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O decreto complétase cun anexo relativo ao procedemento para a solicitude de declaración de festa de interese turístico.

O capítulo I, baixo a rúbrica de «Disposicións xerais», recolle o seu obxecto, concepto e ámbito de aplicación.

O capítulo II establece os requisitos, efectos e vixencia da declaración.

O capítulo III regula a competencia e o procedemento, e o capítulo IV a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.

As disposicións adicionais primeira, segunda e terceira refírense respectivamente ao tratamento dos datos de carácter persoal por parte da axencia, á modificación de formularios co fin de mantelos actualizados de conformidade coa normativa vixente e aos modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa á disposición das persoas interesadas.

O réxime transitorio establece un período de dous anos para acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto, salvo o da antigüidade, que non se exixirá. En canto aos expedientes de declaración en curso, establece un prazo de 3 meses desde a entrada en vigor do decreto para acreditar o seu cumprimento.

O presente decreto foi sometido ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión oito de xaneiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e concepto

1. Este decreto ten por obxecto regular os requisitos e os efectos da declaración de festas de interese turístico de Galicia, así como o procedemento, vixencia e a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.

2. De acordo co previsto no artigo 93.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, a Administración da Xunta de Galicia poderá declarar festas de interese turístico de Galicia aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación deste decreto é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO II
Requisitos, efectos e vixencia da declaración

Artigo 3. Requisitos

A declaración efectuarase en función do cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Antigüidade: as manifestacións ou acontecementos de carácter festivo a que se refiran as peticións deberán ter no momento da solicitude unha antigüidade mínima de vinte anos. As súas celebracións efectuaranse periodicamente e en datas facilmente determinables.

A antigüidade mínima poderá ser dispensada cando unha valoración conxunta dos requisitos e criterios recollidos na presente regulamentación así o aconsellen, pero en ningún caso poderá ter unha antigüidade menor de quince anos.

b) Singularidade: as festas de que se trate deberán conter aspectos orixinais e de calidade que as singularicen respecto a outras similares que poidan ter lugar noutras localidades. Valorarase especialmente que sexa un reflexo da idiosincrasia da zona e poboación local e que, desde o respecto á tradición e costumes que a fan única, presente innovacións nas edicións sucesivas que contribúan a enxalzar máis o evento.

c) Arraigamento: elementos esenciais da celebración serán o arraigamento popular no ámbito territorial correspondente e o carácter participativo da poboación local, excluíndose aquelas festas orixinadas por simples intereses particulares ou comerciais.

d) A realización polas entidades organizadoras de accións promocionais suficientes para a atracción de correntes turísticas. Entenderanse por accións promocionais suficientes aquelas accións que permitan dar a coñecer ao maior número de persoas posibles a celebración do evento, xa sexa mediante a súa divulgación en medios audiovisuais de carácter xeneralista, como a participación en feiras, eventos turísticos e actos similares. En calquera caso, estas accións serán como mínimo 10 nas 5 últimas edicións.

e) Valor cultural: as celebracións dos eventos de que se trate xirarán, en todo caso, arredor das manifestacións de interese e carácter cultural como son, entre outras, as artísticas, relixiosas, deportivas ou gastronómicas.

f) Continuidade no tempo. Entre a celebración dunha festa e outra non poderán transcorrer máis de catro anos, a non ser que sexa una festa cunha cadencia fixa que supere este prazo. En calquera caso, na solicitude deberá constar a periodicidade da celebración.

Artigo 4. Criterios de valoración

Na declaración de festas de interese turístico de Galicia valoraranse os seguintes aspectos:

a) A facilidade de acceso, tendo especial valor aqueles eventos que procuran a maior accesibilidade, integración e participación do conxunto da poboación, con consideración, así mesmo, da perspectiva de xénero, tanto á acción festiva en si mesma como aos servizos necesarios para a súa celebración.

b) A estética, valorarase posta en escena da celebración, a ambientación, a recreación, as instalacións e infraestrutura onde se celebre e a imaxe uniforme dos equipamentos do evento tales como toldos e elementos decorativos.

c) Aquelas manifestacións ou acontecementos que fagan revivir costumes e tradicións populares.

d) O adecuado coidado dos contornos urbanos, monumentais ou paisaxísticos onde se desenvolva, segundo a súa natureza.

e) A calidade dos actos que configuren a celebración.

f) A creatividade e innovación na celebración do evento.

g) O nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e a recepción de visitantes.

h) A afluencia de visitantes.

i) A coordinación das entidades públicas e privadas involucradas na celebración da festa.

Artigo 5. Efectos da declaración de festa de interese turístico de Galicia

1. Desde o momento da súa publicación oficial, as festas declaradas de interese turístico de Galicia terán unha especial consideración na planificación e promoción da Administración autonómica, especialmente:

a) Para recibiren axudas e subvencións que para este fin puidese convocar a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Para seren incluídas nas accións de promoción que puidese realizar a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Para planificar investimentos materiais que melloren e beneficien o evento.

2. Pola súa vez, a declaración comportará a obriga por parte do concello de garantir:

1º. A seguridade do evento. No caso das festas gastronómicas porase especial atención á seguridade alimentaria e á etiquetaxe dos produtos, de conformidade coa normativa que resulte de aplicación.

2º. Habilitación dun espazo ou espazos delimitados, axeitados ao volume de público esperado, así coma os servizos e infraestruturas complementarios para a celebración do evento.

3º. A sinalización adecuada da localización do evento.

4º. O cumprimento da normativa sectorial que lle afecte.

Artigo 6. Información e promoción turística

As festas declaradas de interese turístico de Galicia deberán incluír en todo o seu material de información e promoción nun lugar visible a marca turística de Galicia, consonte o manual de imaxe corporativa desta.

Artigo 7. Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A declaración de festa de interese turístico de Galicia comportará a súa inscrición de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Producirase a cancelación da inscrición cando se declare a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.

Artigo 8. Vixencia da declaración de festa de interese turístico de Galicia

A declaración de festa de interese turístico de Galicia terá carácter indefinido.

CAPÍTULO III
Procedemento para a declaración de festa de interese turístico de Galicia

Artigo 9. Competencia

A competencia para a declaración de festa de interese turístico de Galicia corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, e as demais funcións relacionadas coa instrución do procedemento serán exercidas pola axencia a través da Dirección de Competitividade.

Artigo 10. Iniciación

1. O procedemento para a declaración de festa de interese turístico de Galicia iniciarase por solicitude de entidades interesadas, sexan de carácter públicos ou privados, que se presentará consonte o modelo que se incorpora como anexo desta disposición, logo de consulta ao concello onde se celebre, salvo no caso de que sexa o propio concello o que formule a solicitude de iniciación.

2. Para os efectos deste decreto, enténdese por entidades interesadas o concello ou concellos do lugar onde se celebra a festa e as entidades públicas ou privadas relacionadas co sector turístico ou cultural.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Documentación que debe acompañar a solicitude

1. A solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa, que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3, que deberá expresar, en todo caso:

1º. Para xustificar o requisito da antigüidade, a data ou época de orixe da festa e a historia resumida da súa institución e desenvolvemento.

2º. Para xustificar o requisito da singularidade da festa con respecto a outras que se celebren noutras localidades, esta deberá ser demostrada describindo aqueles aspectos que a diferencian e fan única, destacando os elementos materiais e inmateriais en que se basea a celebración. Así mesmo, describirá as accións realizadas nas últimas 5 edicións en que se constate a súa evolución, as melloras introducidas e os actos ou actividades realizadas para a súa mellor promoción e celebración.

3º. Para xustificar o requisito do arraigamento, describirase a asistencia e participación da poboación local na festa ao longo das distintas edicións celebradas con descrición do modo en que se produce a dita participación.

4º. Para xustificar o requisito das acción promocionais suficientes, descrición dos soportes de difusión de actividades de promoción nos distintos medios así como a documentación sobre a participación en feiras eventos e actos similares nas últimas 5 edicións.

5º. Para xustificar o requisito do valor cultural, un especialista na materia ou historiador emitirá un informe que así o acredite.

6º. Para xustificar o requisito de continuidade no tempo, a data de celebración actual e de cada unha das edicións anteriores documentalmente comprobable.

A memoria explicativa recollerá, así mesmo, a xustificación dos criterios que se terán en conta para efectuar a valoración da festa:

1º. Unha descrición detallada dos actos que compoñen a festa na actualidade, prestando especial atención aos aspectos estéticos e de accesibilidade que permiten unha posta en escena atractiva e participativa tanto no que se refire á poboación local como aos/ás potenciais visitantes e turistas.

2º. A afluencia de visitantes, debendo incluír un informe que recolla, polo menos, as últimas 5 edicións de celebración da festa, con indicación das fontes e criterios utilizados para realizar a estimación.

3º. A existencia na localidade e área de influencia de infraestruturas e equipamentos suficientes para a celebración da festa e a recepción de visitantes.

4º. Os orzamentos destinados á celebración do evento nas últimas 5 edicións.

b) Fotografías, carteis, programas, folletos, libros, referencias bibliográficas, material audiovisual e, en xeral, canta información gráfica se considere oportuna para apoiar a petición.

c) Acordo do pleno do concello ou concellos nos cales se celebre a festa ou acontecemento ou do órgano municipal que teña asignada esta atribución onde conste expresamente a solicitude de declaración. Se a solicitude a fai unha entidade pública ou privada deberá achegarse o acordo de solicitude adoptado polo órgano competente. Neste caso, xuntarase á solicitude un informe, preceptivo pero non vinculante, do órgano competente do concello ou concellos, manifestando explicitamente a súa valoración e argumentando os motivos desta.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde á Axencia Turismo de Galicia.

2. Recibida a solicitude, remitirase á Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, que a examinará, xunto coa documentación achegada.

3. Se a solicitude for defectuosa ou a documentación incompleta, a Dirección de Competitividade requirirá a entidade solicitante para que no prazo de dez días emende as faltas ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que se ditará nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. A resolución pola que se ten por desistida a entidade solicitante de conformidade co disposto no número anterior será ditada pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, por proposta da Dirección de Competitividade.

Artigo 13. Informe doutros órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia

1. Examinada a solicitude e a documentación preceptiva achegada, a Dirección de Competitividade remitirá unha copia tanto da solicitude como da documentación, ás consellerías ou órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia que teñan competencias relacionadas coas manifestacións relativas á festa obxecto da declaración.

2. Este informe terá carácter preceptivo e non vinculante, e deberá emitirse no prazo de quince días contados desde a recepción de toda a documentación. De non emitirse no prazo sinalado, proseguirase a tramitación do procedemento.

Artigo 14. Informe do Consello do Turismo de Galicia

1. A Dirección de Competitividade trasladará o expediente ao Consello do Turismo de Galicia para os efectos de que emita informe sobre a procedencia da solicitude de declaración de festa de interese turístico de Galicia.

O informe deberá examinar a procedencia da declaración segundo os requisitos e criterios de valoración, así como formular unha proposta acerca das necesidades derivadas da declaración.

2. Para o seu asesoramento, o Consello do Turismo de Galicia poderá solicitar a comparecencia do municipio onde se celebra a festa, así como solicitar a colaboración da Axencia Turismo de Galicia.

3. O informe, que terá carácter preceptivo e non vinculante para a resolución do procedemento, deberá emitirse no prazo dun mes. De non emitirse no citado prazo, proseguirase a tramitación do procedemento.

Artigo 15. Informe da Dirección de Competitividade

1. Recibidos os informes sinalados nos artigos 13 e 14, a Dirección de Competitividade elaborará un informe en que, en primeiro lugar, constate o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3 e, en segundo lugar, se pronuncie sobre a procedencia ou non de outorgar a declaración de festa de interese turístico de Galicia con base nos criterios de valoración establecidos no artigo 4.

2. Para efectuar a súa proposta, a Dirección contará coa colaboración dos diferentes órganos da Axencia Turismo de Galicia; así mesmo, poderá requirir aclaracións e/ou documentación complementaria, así como os informes de expertos/as relacionados/as co sector turístico ou personalidades de recoñecido prestixio nalgunha das materias fundamentais para a consecución da declaración, así como dos/as técnicos que resulten competentes segundo a materia sobre a que se emita informe.

3. Así mesmo, poderá designar un equipo técnico que visitará a festa que aspira á declaración no día da súa celebración para realizar un informe sobre ela, que presentará á Dirección de Competitividade.

Artigo 16. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cumprirase o trámite de audiencia a favor das entidades interesadas e, en todo caso, do concello correspondente, conforme o establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Proposta de resolución

Transcorrido o prazo de audiencia e unha vez valoradas pola Dirección de Competitividade as alegacións, documentación e/ou xustificacións presentadas, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia formulará proposta de resolución, estimatoria ou desestimatoria da solicitude de festa de interese turístico de Galicia, á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que a elevará ao Consello da Xunta, de conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 196/2012, do 27 de decembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Artigo 18. Resolución

1. A declaración efectuarase mediante acordo motivado do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e se lle notificará ao/á solicitante.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución é de cinco meses. A falta de resolución e notificación dentro deste prazo terá efectos desestimatorios da solicitude de declaración.

3. Contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de conformidade co disposto no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Igualmente, con carácter previo e postestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

CAPÍTULO IV
Perda da condición de festa de interese turístico de Galicia

Artigo 19. Perda da condición de festa de interese turístico de Galicia

A condición de festa de interese turístico de Galicia perderase nos supostos en que deixen de concorrer as características e circunstancias nas cales se baseou o outorgamento.

Artigo 20. Órgano competente para resolver

A Dirección da Axencia Turismo de Galicia é o órgano competente para resolver sobre a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.

Artigo 21. Procedemento de revogación

A Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia iniciará de oficio o procedemento de revogación cando entenda que puideron deixar de concorrer as características e circunstancias nas cales se baseou o outorgamento, ou ante a denuncia do concello ou entidade solicitante.

2. Solicitaranse os informes previstos nos artigos 14 e 15.

3. Unha vez emitidos os preceptivos informes ou transcorrido o prazo establecido sen terse emitido, a Dirección de Competitividade formulará proposta de resolución, dándolle inmediatamente antes de redactala audiencia á entidade solicitante e, en todo caso, ao concello do lugar en que se celebre a festa, de conformidade co disposto no artigo 16.

4. A resolución deberá ser notificada no prazo de cinco meses, contados desde o acordo de inicio do procedemento, transcorridos os cales caducará o procedemento.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Rexistros cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta axencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: secretaria.turismo@xunta.es.

Disposición adicional segunda. Modificación de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira. Réxime aplicable ás festas declaradas

1. As festas declaradas de interese turístico de Galicia manterán a súa declaración en canto cumpran cos requisitos establecidos no artigo 3 deste decreto, coa excepción da antigüidade, que non se exixirá.

2. Establécese un prazo de dous anos para adaptación daquelas festas de interese turístico de Galicia que non cumpren cos requisitos establecidos neste decreto. Transcorrido este prazo, a Axencia Turismo de Galicia iniciará de oficio a declaración de perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Regulación aplicable aos procedementos iniciados

Establécese un prazo de tres meses desde a entrada en vigor do presente decreto para que, nos procedementos de declaración de festas de interese turístico xa iniciados, os que promovan a súa solicitude acrediten que reúnen os requisitos exixidos polo presente decreto para a obtención da declaración de festa de interese turístico de Galicia. En caso contrario, procederase a ditar resolución pola que se acorde o arquivo da solicitude inicial.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, os artigos 22 a 32 e a disposición adicional terceira do Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaracións de festas de Galicia de interese turístico.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file