Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2015 Páx. 3973

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

A situación actual de crise económica levou ao desemprego a moitas persoas, adquirindo esta situación unha especial gravidade no caso das máis novas que, con independencia do seu nivel de cualificación, presentan unhas altas taxas de desemprego. Neste contexto, atópanse cunha especial dificultade de inserción no mercado laboral aquelas persoas novas que, aínda tendo unha formación académica ou profesional acreditada, carecen de experiencia laboral.

Considérase urxente e necesario, por tanto, artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para este colectivo, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas novas que realicen as prácticas non laborais en empresas. Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 92,5 por cento:

Eixe prioritario: 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas novas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

Prioridade de investimento: 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas novas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

Obxectivo específico: 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas novas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación e formación.

Medida: 8.2.2.4. Prácticas non laborais en empresas.

As persoas participantes nas actuacións serán mozos que teñan máis de 18 anos e e menos de 25, e as persoas menores de 30 anos con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que non estean traballando nin estean participando en actuacións educativas ou formativas. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao programa.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria elévase a 1.081.082 euros e farase con cargo aos créditos do programa 11.03.323A.471.0 (540.541 €, que figuran na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015 e 540.541 € para o ano 2016).

Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Visto o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, que atribúe á Dirección Xeral de Emprego e Formación competencias relativas, entre outras materias, á formación profesional para o emprego.

Vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realízase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con persoas novas para a realización de prácticas non laborais.

Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta orde

1. As empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos servizos públicos de Emprego e no marco da responsabilidade social empresarial, poderán subscribir acordos con persoas novas, con ningunha ou moi escasa experiencia laboral, co obxecto de realizar prácticas de carácter non laboral nos seus centros de traballo, co fin de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles un primeiro contacto coa realidade laboral a través do acercamento a ela, ao tempo que contribúen a completar a formación acadada pola persoa nova.

Poderán acollerse a esta subvención as empresas ou grupos empresariais que asinasen acordos con posterioridade ao 15 de novembro de 2014 e ata a data límite de presentación de solicitudes desta convocatoria. As prácticas deberán iniciarse, como máximo, no prazo dun mes desde a resolución de concesión. O incumprimento deste requisito terá como consecuencia ter por desistida a entidade da solicitude de subvención, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As prácticas non laborais realizaranse en centros de traballo localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As prácticas non laborais nas empresas non suporán, en ningún caso, a existencia de relación laboral entre a empresa e a persoa nova.

4. As prácticas non laborais nas empresas terán unha duración de entre seis e nove meses; e a xornada laboral será, como mínimo, de catro horas diarias, e non poderán superar as corenta horas semanais.

5. As prácticas desenvolveranse en centros de traballo da empresa ou do grupo empresarial, baixo a dirección e supervisión dunha persoa que as titorice. Á finalización das prácticas non laborais, as empresas deberán entregar ás persoas que as realizaron un certificado no que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a ela, a súa duración e o período de realización.

6. As empresas ou grupos empresariais en que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas novas participantes unha bolsa de apoio cuxa contía neta será, como mínimo:

• 1, 2 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas teñan unha duración de catro horas diarias.

• 1,5 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas duren máis de catro horas diarias.

7. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, das persoas estudantes universitarias, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 4. Destinatarios das prácticas non laborais e contido das mesmas

1. As prácticas non laborais irán dirixidas a persoas novas que teñan máis de 18 anos e e menos de 25 e as persoas menores de 30 anos con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, que posúan unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade. Así mesmo, non deberán ter tido unha relación laboral ou outro tipo de experiencia profesional superior a tres meses na mesma actividade, para estes efectos non se terán en conta as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións ou certificados correspondentes.

Estas persoas deberán ser, en todo caso, persoas inscritas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O requisito de idade debe cumprirse no momento de solicitar a inscrición no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil.

Ademais, para ser beneficiario desta medida, as persoas novas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

b) Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

c) Non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

No suposto de que a persoa interesada en inscribirse no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil tivese finalizada a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

2. A preselección das persoas novas realizarase na forma que estableza o Servizo Público de Emprego de Galicia, unha vez determinados os procedementos e instrumentos adecuados polo Sistema nacional de garantía xuvenil e tendo en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas novas que non recibisen previamente atención por parte do sistema e aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no sistema, todos eles considerados no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

En todo caso, o proceso de selección final das persoas que van participar no programa de prácticas non laborais corresponderá á empresa. Nos convenios recollerase de forma expresa, a realización polo Servizo Público de Emprego de Galicia de accións de control e seguimento das prácticas non laborais, co fin de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos e dos obxectivos desta medida, especialmente a contribución das prácticas á mellora da empregabilidade.

O control e seguimento das prácticas corresponderá ao Servizo Público de Emprego de Galicia. Este control consistirá na posibilidade de realización de visitas polo persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia ás empresas onde se estean realizando as prácticas para os efectos de verificar o cumprimento do establecido no acordo de prácticas subscrito entre a empresa e a persoa nova.

3. Ás persoas novas participantes nas prácticas non laborais reguladas nesta orde seranlles de aplicación os mecanismos de inclusión na Seguridade Social previstos no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 5. Acordos para a realización das prácticas

As empresas deberán subscribir acordos coas persoas novas que van desenvolver as prácticas non laborais nos cales se recollerá, polo menos, o contido concreto da práctica que se vai desenvolver, a súa duración, as xornadas e horarios para a súa realización, o centro ou centros onde se realizará, a determinación do sistema de titorías, o importe neto que vai percibir a persoa nova e a certificación á cal a persoa nova terá dereito pola realización das prácticas. A empresa informará a representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas novas.

Artigo 6. Solicitudes, documentación e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará o día seguinte ao da publicación da presente orde e rematará o 31 de marzo de 2015.

3. Xunto coa solicitude deberán presentar a seguinte documentación complementaria:

a) Tarxeta de identificación fiscal da entidade e documento de identidade da persoa que actúa en nome e representación da persoa xurídica solicitante, no suposto de que non autorice a súa verificación no Sistema de verificación de datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

b) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

c) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

d) Acordo para a realización de prácticas asinado.

e) Declaración responsable da persoa nova, da carencia da educación/formación a que se refire o artigo 4.1.

f) Programa de prácticas.

g) Certifición do Plan de igualdade ou Marca galega de excelencia en igualdade, de ser o caso.

h) Declaración responsable do número de traballadores fixos discapacitados de que dispoña a empresa no seu cadro de persoal.

Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Tamén se poderá presentar presencialmente na Dirección Xeral de Emprego e Formación, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicando o número de rexistro de entrada da solicitude no suposto de ter feito a presentación electrónica previa.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

6. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

– Se se solicitaron e/ou concederon outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse.

b) Que en relación con outras axudas de minimis:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha axuda de minimis.

– Se se solicitaron e/ou concederon outras axudas de minimis, deberán relacionarse.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

d) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa á Dirección Xeral de Emprego e Formación para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta orde de convocatoria.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarse ao disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

3. Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros: pola persoa titular da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, que a presidirá, e por dous vogais, dos cales un actuará como secretario, designados de entre o persoal da Dirección Xeral de Emprego e Formación pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Se, por calquera causa, no momento en que as comisións de valoración teñan que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, segundo proceda.

4. Para avaliar as solicitudes, a comisión de valoración terá en conta os seguintes criterios:

1º. Segundo a duración das prácticas, valorarase, ata 20 puntos:

a) Se as prácticas duran 9 meses, 20 puntos.

b) Se as prácticas duran 8 meses, 15 puntos.

c) Se as prácticas duran 7 meses, 10 puntos.

2º. Valorarase a adecuación do programa de prácticas non laborais á formación da persoa nova e á actividade da empresa, ata 15 puntos.

3º. Segundo o número de traballadores fixos discapacitados de que dispoña a empresa no seu cadro de persoal, ata 5 puntos.

4º. Se a empresa ten implantado un plan de igualdade ou ten obtido a Marca galega de excelencia en igualdade, 5 puntos.

6º. Se a bolsa supera en máis dun 5 % a contía mínima fixada no artigo 3.6 da orde, 5 puntos.

5. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación dos criterios de valoración, terán preferencia as solicitudes que teñan mellor puntuación de entre os criterios de valoración descritos anteriormente e na orde establecida para eles.

6. A persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo dun mes, contado desde a presentación da solicitude por calquera das formas previstas no artigo 6.1 da presente orde.

Transcorrido o citado prazo sen que recaia resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. A resolución da concesión de subvención, que se comunicará por escrito ao beneficiario, fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu cofinanciamento pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 92,5 por cento, dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, no eixe prioritario: 5, prioridade de investimento: 8.2, obxectivo específico 8.2.2 e medida 8.2.2.4, e o seu carácter de axuda de minimis, exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, de 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. A obtención da subvención quedará condicionada á existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Determinación das subvencións para as prácticas non laborais

1. Serán subvencionables as bolsas ás persoas novas que realizan as prácticas non laborais ao abeiro dun acordo para a súa realización.

2. O importe da subvención concretarase nas seguintes contías:

– 100 por cen do IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de catro horas diarias.

– 1,1 veces o IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de catro horas diarias, cando a persoa nova sexa unha muller.

– 1,2 veces o IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de máis de catro horas diarias.

– 1, 4 veces o IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de máis de catro horas diarias, cando a persoa nova sexa unha muller.

Cando as prácticas se inicien despois do primeiro día do mes ou finalicen antes do último día do mes, o importe da subvención será proporcional á súa duración.

3. As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan as prácticas non laborais reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

4. Esta axuda ten o carácter de axuda de minimis exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, de 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 11. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

5. Así mesmo, o nome dos beneficiarios será publicado na lista de operacións do Programa operativo de emprego xuvenil prevista no artigo 115 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións

1. O pagamento da subvención realizarase unha vez finalizado o período de prácticas, logo da presentación por parte da empresa da xustificación do pagamento das bolsas a cada unha das persoas novas que están realizando as prácticas.

2. A xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2015 deberá realizarse antes do 20 de decembro de 2015 e a dos gastos correspondentes ao ano 2016 deberá realizarse antes do 31 de outubro de 2016.

3. Procederase ao pagamento dos gastos tras a presentación, por parte da empresa, do acordo subscrito coa persoa nova para a realización das prácticas, dun certificado asinado polo representante legal da empresa en que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a ela, a súa duración e o período de realización, os partes de asistencia mensuais asinados pola persoa nova e polo seu titor; e da xustificación do pagamento da bolsa á persoa nova, que se acreditará mediante a correspondente orde de transferencia con ordenante e beneficiario claramente identificados, xunto co selo identificativo da entidade bancaria ou, na súa falta, fotocopia compulsada do extracto bancario acreditativo do cargo, e mediante copia compulsada dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo TC-2).

Os xustificantes de gasto deberán cumprir co establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os xustificantes de pagamento co establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Ademais, en aplicación do artigo 31.7 da antedita lei, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

4. No caso de que se produzan baixas ou reducións de xornada, respecto do acordo asinado, procederase á reducción proporcional da subvención concedida.

5. Non son gastos elixibles os correspondente ás licenzas ou permisos, que mesmo sendo legais, non derivan da efectividade do servizo prestado. Entre este tipo de ausencias cabe mencionar as ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción ou acollemento, por enfermidades de familiares, por coidados de fillos ou outros, por falecementos, por lactación, por maternidade, por matrimonio, por nacemento (paternidade), por traslados de domicilio, por cursos non relacionados co aumento de capacidades para o servizo que se presta e é obxecto da operación certificada, por exames, por deberes inescusables, por suspensión de funcións ou calquera outra ausencia sen vinculación directa co servizo efectivamente prestado.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Proporcionarlles ás persoas novas que realizan prácticas non laborais a formación que acompañará estas conforme o programa de prácticas presentado ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. Desenvolver as prácticas nos termos previstos no acordo subscrito coa persoa nova.

3. Aboar mensualmente as bolsas.

4. Cumprir coas obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Cumprir coas obrigas que lle corresponden como empresario de acordo co establecido no artigo 5.1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

6. Comunicar á Dirección Xeral de Emprego e Formación a obtención de subvencións ou axudas para o mesmo proxecto e finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

7. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Fondo Social Europeo e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, á Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.

8. Remitir á Dirección Xeral de Emprego e Formación as baixas ou acordos de redución de xornada das persoas novas que realicen as prácticas. Cando a persoa nova cause baixa non poderá ser obxecto de substitución, para os efectos desta subvención.

9. Comunicar á Dirección Xeral de Emprego e Formación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a realización das prácticas reguladas pola presente orde.

Artigo 14.. Obrigas relativas ao cofinanciamento pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do Programa operativo de garantía xuvenil para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 decembro de 2013, e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro de 2013, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

II. Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

III. Utilizar os documentos de información ás persoas novas da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/practicas-non-laborais.

IV. Relacionadas cos sistemas de xestión e control e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de acordo co establecido no artigo 140.1 do Regulamento 1303/2013.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

d) Presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo de dous meses, unha vez que finalice a súa execución, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

• Certificación acreditativa de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://traballo.xunta.es/practicas-non-laborais.

• Extracto bancario (orixinal ou copia compulsada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.III.a) deste artigo: extracto da contabilidade que permita verificar como se contabilizaron os gastos, o cal deberá incluír contas ou subcontas, datas e números dos correspondentes asentos contables.

• Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, ás cales fai referencia o artigo 14.1.II desta orde, mediante achegas de fotocopias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web etc.

e) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice persoal técnico da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión, dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que hai que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que hai que reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 14.2.II.: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 14.2.IV.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 14.2.IV. b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter a persoa nova durante o tempo previsto no acordo de prácticas: reintegro do 1 % sobre o gasto subvencionado. No caso de que non se acade o mínimo previsto de 6 meses: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado. Non se aplicará a penalidade cando o incumprimento non sexa imputable á empresa, circunstancia que será valorada pola Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Artigo 16. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º. Devolución voluntaria das subvencións.

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 4731 10063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición se incorporarán ao ficheiro Formación (Servizo Público de Emprego) para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste procedemento. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar, Servizo Público de Emprego de Galicia por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar o alumnado sobre a exixencia e finalidade da cesión, así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Consellería de Traballo e Benestar, Servizo Público de Emprego de Galicia como responsable do ficheiro, no enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, España ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

Disposición adicional primeira

As subvencións previstas na presente orde financiaranse co crédito do programa 11.03.323A.471.0 (540.541,00 euros que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015 e 540.541,00 euros para o ano 2016).

Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

oda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional cuarta

No non previsto nesta orde, será de aplicación o disposto no Real decreto 1543/2011, do 30 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file