Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 6 de marzo de 2015 Páx. 9269

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a vivir e traballar na súa propia terra.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia veu desenvolvendo, principalmente a través da Secretaría Xeral da Emigración, numerosas medidas de apoio ás persoas galegas residentes no exterior que axuden a manter os seus vínculos de relación e pertenza, especialmente co fin de favorecer o seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia de modo que poidan fixar a súa residencia, integrarse e, se é o caso, realizar nela as súas actividades profesionais, empresariais ou laborais.

Entre estas medidas, e coa finalidade de promover o retorno das persoas galegas emigrantes como fórmula eficaz de reincorporación á sociedade galega, esta secretaría xeral considera de interese apoiar o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, mediante o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, mediante a convocatoria de subvencións para axudar a sufragar determinados gastos derivados do seu establecemento.

De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e coas garantías previstas no seu artigo 31.4, a convocatoria tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos básicos nos cales se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2015.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta resolución.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non for suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de cen mil euros (100.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Rematado o primeiro semestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderá reducirse ata o 50 % para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos comúns.

Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta resolución.

d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non ter sido beneficiaria desta axuda para a mesma actividade ao abeiro de anteriores convocatorias.

f) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1. Persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.

b) Terse dado de alta no réxime correspondente da seguridade social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda no período a que se refire o punto 1.c).

2.2. Persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período a que se refire o punto 1.c).

Artigo 5. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento tales como gastos de notaría e rexistro, servizos de profesionais, taxas, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados ata a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

Artigo 6. Contía máxima da subvención e compatibilidade de axudas

1. O importe da subvención concedida será o 80 % dos gastos subvencionables estimados no orzamento presentado que correspondan á persoa solicitante en función da súa porcentaxe de participación, de ser o caso, ata unha contía máxima de 4.000 euros, para o caso de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia e de 6.000 euros, para o caso de persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Cando a persoa solicitante teña 39 anos ou menos, o importe da subvención resultante do parágrafo anterior, incrementarase en 1.000 euros e en 1.000 euros máis, no caso de ser muller.

2. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que, en ningún caso, o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.

Artigo 7. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2015.

Artigo 9. Documentación

1. Documentación xeral para todas as persoas solicitantes:

Xunto coa solicitude as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) DNI da persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

b) Documentos xustificativos da condición de beneficiaria da persoa solicitante segundo o establecido no artigo 3 e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no devandito artigo, acreditación documental do vínculo da solicitante.

c) Certificado actualizado de empadroamento expedido polo concello no que resida a persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

d) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

e) Alta no réxime de Seguridade Social no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a veracidade dos datos, ou alta na mutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras.

f) Alta no imposto de actividades económicas no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a veracidade dos datos ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

g) Memoria explicativa do proxecto empresarial.

h) Orzamento detallado dos gastos estimados que de conformidade co artigo 5 sexan subvencionables.

O dito orzamento incluirá a totalidade dos gastos subvencionables estimados, con independencia da porcentaxe de participación da persoa solicitante nos casos de comunidades de bens, sociedades civís, sociedades laborais e cooperativas de traballo asociado.

i) No suposto de que a persoa solicitante denege expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar documentación acreditativa de que se encontra ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais:

a) NIF da entidade.

b) Contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens.

3. Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:

a) NIF da entidade.

b) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos tendrán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

6. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 9, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Artigo 11. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reune os requisitos establecidos, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se non o fixese, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta de resolución a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da data de entrada do expediente completo no rexistro da Secretaría Xeral da Emigración. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 16. Xustificación

1. A actividade subvencionada deberá ser xustificada antes do 30 de outubro de 2015.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa, de conformidade co establecido no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A xustificación final da subvención dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración e presentarase por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención.

b) Relación numerada das facturas con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e data do seu pagamento, segundo o modelo do anexo III.

c) Facturas que soporten o gasto e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada, ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento, aceptando a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a un total de 1.000 euros.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo II.

e) No suposto de que a persoa solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de que está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. De conformidade co establecido no artigo 21.1 do Deceto11/2009, do 8 de xaneiro, cando a contía final dos gastos xustificados sexa inferior á dos gastos estimados no orzamento presentado, minorarase a subvención concedida aplicándose a porcentaxe establecida no artigo 6 desta resolución sobre o custo total xustificado.

Artigo 17. Pagamento

Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18. Obrigas

Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Acreditar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría poderá modificar a resolución de concesión.

4. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Esta comunicación terá que efectuarse no momento que se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

6. As persoas beneficiarias quedan obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á cal se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia de xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 21. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a retorno.emigracion@xunta.es

Artigo 23. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file