Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2015 Páx. 9525

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de febreiro de 2015 pola que se regula o procedemento de consolidación parcial do complemento específico das directoras e directores dos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

O artigo 139.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as direccións dos centros públicos que exerceran o seu cargo con valoración positiva durante o período de tempo que cada Administración educativa determine, manterán, mentres permanezan na situación de activo, a percepción dunha parte do complemento retributivo correspondente na proporción, condicións e requisitos que determinen as administracións educativas.

O Decreto 120/2002, do 22 de marzo, regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros públicos de Galicia. Este decreto foi complementado e parcialmente modificado polo Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Asemade, a Orde do 21 de decembro de 2010 pola que se regula o procedemento de avaliación das direccións dos centros docentes públicos nos que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación derrogou a Orde do 12 de abril de 2002, pola que se regula o procedemento de consolidación parcial do complemento específico dos directores de centros públicos, deixando algunhas lagoas e dúbidas no procedemento de consolidación parcial que é necesario precisar.

Na súa virtude, e no uso da autorización establecida na disposición derradeira do citado Decreto 120/2002, do 22 de marzo, esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Solicitude de consolidación parcial do complemento específico

1. Aquelas persoas que non desexen prorrogar o mandato da dirección efectuarán a solicitude de consolidación parcial do complemento específico da dirección no prazo dos tres (3) primeiros meses do ano no que rematan o mandato.

2. Aquelas persoas que cesen na dirección con anterioridade á data prevista no nomeamento solicitarán a consolidación parcial do complemento específico no prazo de tres (3) meses contados desde o día seguinte á efectividade do cesamento.

3. A solicitude de consolidación realizarase no modelo que se publica como anexo á presente orde.

Artigo 2. Memoria

Xunto coa solicitude, o persoal interesado deberá achegar unha memoria que deberá incluír:

a) Introdución.

b) Proxecto de dirección. Grao de consecución dos obxectivos propostos. Recursos e dificultades.

c) Situacións que ampliaron ou modificaron o proxecto inicial.

d) Breve referencia aos criterios establecidos no punto seguinte.

Artigo 3. Avaliación da función directiva

A avaliación da función directiva atenderá á evolución durante o mandato do funcionamento do centro en relación co desempeño do cargo da dirección, o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no proxecto de dirección e, entre os criterios que a informen, os seguintes:

a) Dinamización dos órganos colexiados de goberno e de coordinación docente do centro e o impulso da participación nestes dos diversos colectivos da comunidade educativa.

b) Xestión dos recursos humanos e materias para proporcionar unha oferta educativa ampla e axustada ás demandas sociais.

c) Organización de actividades extraescolares que favorezan a apertura do centro, conectando este co seu contorno.

d) Dispoñibilidade para atender o alumnado e as súas familias, ofrecendo información e respondendo ás súas demandas.

e) Impulso e posta en marcha de programas e iniciativas de innovación e formación que melloren o funcionamento do centro.

f) Dinamización da atención á diversidade, dos alumnos con necesidades educativas especiais.

Artigo 4. Informe da inspección educativa

O inspector ou inspectora do centro emitirá, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da solicitude, un informe sobre o desempeño da función directiva da persoa que vaia ser avaliada, con referencia a cada un dos criterios establecidos no artigo 3 desta orde, expresando se o informe é positivo ou negativo.

Artigo 5. Comisión avaliadora

1. A avaliación do exercicio da dirección realizaraa unha comisión provincial formada por:

a) A xefatura do Servizo de Inspección Educativa, que será a súa presidenta ou presidente.

b) Dúas inspectoras ou inspectores designados polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Dúas directoras ou directores de centros docentes públicos, nomeados pola xefa ou xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da xunta provincial de directores de centros que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que non participen no proceso de avaliación.

d) Unha funcionaria ou funcionario da xefatura territorial, que actuará como secretaria ou secretario, con voz e sen voto.

e) En todo caso, tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes na comisión, sendo mulleres polo menos o 50 % dos seus membros.

2. O nomeamento da comisión avaliadora será ata o 31 de decembro do ano correspondente, sen prexuízo dos cambios na súa composición que poidan resultar necesarios.

3. A comisión realizará a avaliación tendo en conta a memoria presentada pola persoa interesada e o informe da inspección educativa, sen prexuízo de que poida solicitar os informes complementarios que xulgue pertinentes.

4. As actas das reunións da comisión de avaliación, coas avaliacións positivas ou negativas das persoas que solicitaron a consolidación parcial do complemento específico da dirección, será remitida á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

5. No caso de que a avaliación fose negativa, esta deberá ser suficientemente motivada.

Artigo 6. Resolución da solicitude

1. Á vista da proposta da comisión avaliadora, a xefa ou xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ditará resolución que lle será notificada á persoa interesada.

2. Se a resolución é positiva, especificará a porcentaxe de consolidación do complemento específico que corresponda e o nivel de centro, así como os efectos económicos que serán do 1 de xullo do ano en que se remata o período de mandato ou, nos casos de períodos interrompidos, aos catro anos de exercicio do cargo.

3. Cando a solicitude de consolidación parcial do complemento específico da dirección dos centros públicos se realice fóra dos prazos establecidos no artigo 1 desta orde, a resolución non poderá ter efectividade económica con anterioridade á data da solicitude.

4. A resolución da xefatura territorial non esgota a vía administrativa e poderá impugnarse mediante a interposición de recurso de alzada, ante o director xeral de Centros e Recursos Humanos, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

5. A falta de resolución expresa no prazo de seis (6) meses implicará que a resolución se entende positiva.

Disposición adicional única

As direccións dos centros de formación e recursos, as direccións dos centros integrados de formación profesional e as restantes direccións dos centros docentes públicos nos que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación que superaron ou superen os catro (4) anos de mandato, entenderase que foron avaliados positivamente para os efectos da consolidación parcial do complemento específico regulada no Decreto 120/2002, do 22 de marzo.

Neste suposto, a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria expedirá, de oficio, a correspondente resolución de recoñecemento da consolidación parcial do complemento específico da dirección de centros docentes públicos.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a disposición adicional da Orde do 21 de decembro de 2010 pola que se regula o procedemento de avaliación das direccións dos centros docentes públicos nos que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febrero de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Solicitude de consolidación parcial do complemento específico da dirección

DATOS PERSOAIS

Apelidos e nome

NIF

Domicilio, rúa ou praza e nº

Código postal

Localidade

Provincia

Teléfonos

DATOS PROFESIONAIS

Centro de destino

Código

Domicilio, rúa ou praza e nº

Localidade

Código postal

Corpo a que pertence

Expón que como director/a do centro __ durante o/s período/s desde ___________ ata _________

SOLICITA

A consolidación parcial do complemento específico da dirección na porcentaxe __ polo __ mandato.

Presenta a memoria prevista no artigo 2 da orde.

____________________, ________de_______________ de_________

XEFE/XEFA TERRITORIAL DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DA PROVINCIA DE __________