Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 2015 Páx. 12092

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de marzo de 2015 pola que se convoca e se regula o proceso de elección de dúas persoas do corpo de médicos forenses como membros do Consello de Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) é un órgano técnico ao servizo da Administración de xustiza, con ámbito territorial en toda a Comunidade Autónoma, que ten como función auxiliar os xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de rexistro civil en materia de medicina forense. O instituto está adscrito organicamente á consellería competente en materia de xustiza, pero nas súas funcións técnicas actúa con carácter independente e emite os seus informes suxeito ás regras de investigación científica. Foi creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG núm. 94, do 18 de maio), que aprobou o seu regulamento.

Este decreto ditouse dentro do marco normativo establecido polo artigo 479.4 da Lei orgánica do poder xudicial e mais polo Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal, e no exercicio das competencias que en materia de medios ao servizo da Administración de xustiza foron transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia a través dos reais decretos 2166/1994, 2397/1996 e 233/1998. Ten, ademais, como antecedente, o Real decreto 1704/2004, do 16 de xullo, que determinou a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

O Imelga desenvolve a súa actividade a través das subdireccións territoriais, unidades operativas que actúan baixo a dependencia da Dirección –integrada pola persoa titular da Dirección do instituto e o Consello de Dirección–, á cal corresponde garantir os criterios de uniformidade e coordinación na súa actuación. Segundo o artigo 8 do seu regulamento, o Consello de Dirección estará presidido pola persoa titular da Dirección do instituto e integrado, como membros natos, polos/as subdirectores/as e xefes/as de servizo e, como membros electos, por dúas persoas do corpo de médicos forenses. Engade o número dous deste artigo:

Os médicos forenses serán elixidos por votación libre e secreta do persoal que preste servizos no instituto, por un mandato de catro anos. Cesarán no seu cargo polo transcurso deste prazo. Tamén cesarán cando deixasen de prestar servizos no ámbito do Instituto de Medicina Legal de Galicia e por renuncia. Cando o mandato finalice por transcurso do prazo, os vogais manterán a súa condición de membros ata que sexan elixidos os novos vogais.

En aplicación desta normativa, cómpre desenvolver o proceso para a designación destes membros electivos.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria

1. Convócase o proceso de elección de dúas persoas do corpo de médicos forenses que, en calidade de membros electivos, se integrarán no Consello de Dirección do Imelga por un período de catro anos.

2. Poderá presentar candidaturas o persoal médico forense, titular ou interino, que ocupe postos de traballo no Imelga. Pola súa condición de membros natos exclúense a directora, os/as subdirectores/as territoriais e mais os/as xefes/as de servizo.

3. Poderá participar na votación o persoal funcionario e laboral destinado no instituto, así como o persoal funcionario interino e laboral que por cobertura de vacante, substitución, reforzo ou acumulación de tarefas se atope exercendo as súas funcións nalgunha subdirección territorial do instituto na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. O proceso de elección regularase polo previsto nos puntos seguintes.

Segundo. Circunscrición e mesa electoral

1. Establécese unha circunscrición única, que se corresponde co ámbito territorial do Imelga.

2. Correspóndelle desenvolver o proceso a unha mesa electoral que estará presidida pola directora do Imelga e integrada polo/a médico/a forense con máis antigüidade e polo/a que acredite menos tempo de servizos; actuará como secretario/a da mesa, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a, con licenciatura en dereito e categoría de xefe/a de servizo, designado/a polo director xeral de Xustiza. A mesa electoral terá a súa sede na Dirección Xeral de Xustiza, que recibirá as comunicacións relativas a este proceso a través da secretaría da dita mesa.

Terceiro. Censo de electores

1. A mesa electoral, coa colaboración da Dirección Xeral de Xustiza, confeccionará o censo de electores, censo que se remitirá, para a súa publicación nos taboleiros de anuncios das subdireccións territoriais do Imelga, entre o 20 e o 24 de abril, ambos inclusive.

2. O persoal funcionario e laboral destinado no instituto e os interinos e os substitutos que nel exerzan as súas funcións, poderán presentar reclamacións contra o censo de electores entre o 27 e o 29 de abril.

As reclamacións presentaranse ante o subdirector territorial correspondente, que as remitirá á secretaría da mesa electoral.

3. A mesa electoral resolverá as reclamacións ata o 7 de maio e publicará o censo definitivo, a través da intranet de Xustiza, ao día seguinte.

Cuarto. Presentación de candidaturas

1. As candidaturas presentaranse entre o 11 e o 15 de maio, ambos inclusive.

2. As candidaturas dirixiranse á mesa electoral a través da súa secretaría e poderanse presentar en calquera rexistro administrativo da Xunta de Galicia ou de calquera outra forma prevista na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A mesa electoral, logo de verificar que as candidaturas recibidas reúnen os requisitos necesarios, pronunciarase sobre a proclamación das candidaturas presentadas e confeccionará a lista de candidatos, que exporá na intranet de Xustiza e mais nos taboleiros de anuncios das diferentes subdireccións do Imelga en forma de lista nominativa das persoas candidatas ordenada alfabeticamente.

4. As persoas excluídas poderán presentar reclamación ante a mesa, a través da súa secretaría, no prazo dos cinco (5) días seguintes ao da súa publicación. Contra a resolución da mesa poderán, así mesmo, presentar reclamación, no prazo de cinco días desde a notificación, ante a Dirección Xeral de Xustiza, que resolverá definitivamente en vía administrativa.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, a mesa electoral determinará o día e a hora en que se realizará a votación, que se farán públicos na intranet de Xustiza e mais nos taboleiros de anuncios das subdireccións territoriais do instituto.

Quinto. Votación e nomeamento de electos

1. O día e a hora sinalados para a elección constituirase cadansúa mesa de votación nas diferentes subdireccións territoriais, mesas presididas polo/a subdirector/a e integradas polas persoas de maior e menor idade –esta última actuará como secretario/a– que traballen na respectiva subdirección.

En Santiago de Compostela a votación realizarase ante a mesa electoral que con tal finalidade se constituirá na sede da Dirección do instituto.

Con carácter previo á admisión do voto, a mesa comprobará a inclusión do votante no censo electoral e durante a sesión confeccionará a listaxe de persoas que exerzan o dereito ao voto.

2. A votación realizarase en plica cerrada e a través do modelo normalizado de papeleta de voto que se incorpora como anexo II da presente orde, que se atopará, en número abondo, á disposición das persoas interesadas en todas as subdireccións do Imelga.

En cada papeleta de voto marcaranse dous X, un por cada persoa candidata escolleita. As papeletas en que se marquen máis de dous candidatos resultarán nulas.

3. Finalizada a votación, a mesa que presida a votación levará a cabo, en acto público, a apertura de plicas, a contaxe de votos e mais a publicación dos resultados da votación. Finalizada a contaxe, confeccionará a seguir a acta do escrutinio por duplicado. Un exemplar da acta, xunto coas papeletas de votación orixinais e coa listaxe de votantes, remitirase á mesa electoral. Esta documentación remitirase en plica cerrada asinada por todos os membros da mesa, que se introducirá nun sobre para o seu envío por correo postal con aviso de recepción. O outro exemplar da acta, xunto cunha copia da listaxe de votantes, quedará en poder do/a subdirector/a territorial correspondente.

4. A mesa electoral constituirase no quinto día hábil seguinte ao do acto de votación co fin de revisar as actas do escrutinio e de efectuar a proclamación definitiva de resultados, que serán remitidos á Dirección Xeral de Xustiza para efectos de nomeamento das persoas elixidas. A Dirección Xeral de Xustiza, a través de resolución administrativa que se publicará no Diario Oficial de Galicia, efectuará o nomeamento dos membros electivos, que se integrarán no Consello de Dirección por un período de catro anos.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vcepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Modelo de impreso para a presentación de candidatura
co fin de ser elixido membro electivo do Consello de Dirección
do Instituto de Medicina Legal de Galicia

DATOS PERSOAIS:

Apelidos e nome:

DNI/NIF:

DATOS PROFESIONAIS:

Subdirección territorial do Imelga a que pertence:

Posto que desempeña:

Código do posto:

Enderezo:

– Rúa:

– Localidade:

– Código postal:

– Teléfono:

SOLICITUDE:

De acordo co establecido na orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se convoca o proceso de elección de dous médicos forenses como membros do Consello de Dirección do Imelga, así como co que establece o Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia, solicito que sexa admitida a miña candidatura para ser elixido/a membro do dito Consello de Dirección.

(Lugar, data e sinatura)

SR./SRA. SECRETARIO/A DA MESA ELECTORAL

DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Xunta de Galicia

Praza de Europa, 5 A-4º, Polígono das Fontiñas

15781 Santiago de Compostela

ANEXO II
Modelo de papeleta para a votación dos médicos forenses electivos
para o Consello de Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia

NOME E APELIDOS

MÁRQUENSE CUN X SOAMENTE DOUS CANDIDATOS.