Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 1 de abril de 2015 Páx. 12790

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2015 pola que se convoca a primeira práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015 aprobadas polo Consello Reitor na súa xuntanza do 23 de decembro de 2014, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/as policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Facilitar unha adecuada preparación no uso e manexo da arma regulamentaria.

Destinatarios/as.

A actividade vai dirixida aos/ás funcionarios/as dos corpos da Policía Local dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 15 de abril de 2015.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp núm. 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer a súa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para a realización das prácticas.

A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Determinación da data das prácticas.

A primeira práctica do plan terá lugar os días 28, 29 e 30 de abril das 16.00 ás 20.30 horas;

Os días 4, 5, 7, 12, 14, 19 e 21 de maio será das 10.00 ás 20.30 horas.

Os días 11 e 18 de maio realizarase das 10.00 ás 14.30 horas e os días 6, 13 e 20 de maio das 16.00 ás 20.30 horas.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro.

O control das prácticas do persoal xestionano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de marzo de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública