Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 1 de abril de 2015 Páx. 12793

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2015 pola que se convoca unha xornada de responsabilidade dos cargos públicos.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) aprobado polo Consello Reitor deste organismo con data do 23 de decembro do ano 2014, e conscientes da importancia que ten o establecer grupos de traballo con obxectivos comúns e fins iguais, convócase unha xornada de responsabilidade dos cargos públicos conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Mostrar a actualidade lexislativa en materia de responsabilidade dos cargos públicos, desde unha análise minuciosa e técnica, partindo da visión da integridade institucional e continuando coa rendición de contas por medio da transparencia.

Segunda. Destinatarios/as

Este curso está dirixido exclusivamente a mandos dos corpos da policía local, da Unidade do CNP adscrita á CC.AA. de Galicia, do Corpo Nacional de Policía, da Garda Civil, dos servizos de bombeiros, emerxencias e protección civil que presten servizos en Galicia, que se encontren en situación de servizo activo ou en excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impídelles a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de se producir esta situación, os/as interesados/as deberán comunicar tal situación ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp, competente na materia, de forma inmediata. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación nas accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma (nin asistencia, nin aproveitamento).

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta estea producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Data: 27 de abril de 2015.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas.

Número de prazas: 80.

Cuarta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nesta xornada deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Quinta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar na xornada, cunha antelación mínima de tres días naturais ao da data do seu inicio.

A renuncia non xustificada ou acreditación documental da causa que a produce supoñerá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos convocados polo Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figure como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria que o curso polo cal foi penalizada.

Sexta. Asistencia

1. Obrigatoria.

2. O alumnado deberá asistir co uniforme regulamentario.

Sétima. Certificación

Rematada a xornada, expedirase un certificado de asistencia.

A Estrada, 23 de marzo de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública