Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 17 de abril de 2015 Páx. 14751

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 54/2015, do 12 de marzo, polo que se regulan o procedemento e os efectos da garantía do dereito á segunda opinión médica no Sistema público de saúde de Galicia.

A Constitución española de 1978 recoñece, no seu artigo 43, o dereito á protección da saúde e establece que é competencia dos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios. Pola súa banda, o artigo 33.4 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que a Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar os servizos relacionados coas materias que o mesmo artigo indica, entre as cales se inclúe a sanidade interior.

Os artigos 9 e 10.2 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establecen que os poderes públicos informarán as persoas usuarias dos servizos do sistema sanitario público dos seus dereitos e obrigas, e recollen expresamente o dereito á información sobre os servizos sanitarios a que se pode acceder e os requisitos necesarios para o seu uso. O artigo 4 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, recolle entre os dereitos da cidadanía dispoñer dunha segunda opinión facultativa sobre o seu proceso.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o dereito á segunda opinión médica foi recoñecido de maneira expresa no artigo 133.1.t) da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, que foi obxecto de desenvolvemento mediante o Decreto 205/2007, do 27 de setembro, polo que se regula o exercicio do dereito á segunda opinión médica no Sistema sanitario público de Galicia.

A Lei 8/2008, do 10 do xullo, de saúde de Galicia, que derrogou a Lei 7/2003, do 9 de novembro, establece no seu artigo 8, entre outros dereitos relacionados coa autonomía de decisión do/a paciente, o dereito a unha segunda opinión médica co obxectivo de fortalecer a relación médico-paciente e complementar as posibilidades da atención sanitaria e o dereito a dispoñer dos tecidos e mostras biolóxicas que proveñen de biopsias ou extraccións no seu proceso asistencial.

A Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, publicada no Diario Oficial de Galicia número 2, do 3 de xaneiro de 2014, establece un sistema de garantías en relación con varios dereitos recoñecidos ás persoas usuarias do Sistema público de saúde de Galicia, entre os cales está o dereito a dispoñer dunha segunda opinión médica, cuxo alcance se regula no seu capítulo IV (artigos 15 a 19).

O presente decreto ten por obxecto regular o procedemento e os efectos para o exercicio do dereito a unha segunda opinión médica, a través do Sistema público de saúde de Galicia, de modo que se lles facilite e garanta ás persoas beneficiarias a posibilidade de contrastar un primeiro diagnóstico e/ou indicación terapéutica, en relación con determinados supostos de enfermidades singularmente complexas, tanto desde o punto de vista do seu diagnóstico, posible evolución e tratamento, como das potenciais consecuencias que poden ter para a saúde da persoa.

Coa garantía do exercicio deste dereito trátase de facilitarlle ao/á paciente, ou a quen o/a represente unha maior información que afiance a seguridade da súa decisión informada, consciente, participativa e autónoma, para o mantemento e coidado da súa saúde e para os efectos de que poida acceder á mellor asistencia sanitaria que, a través do Sistema público de saúde de Galicia, se lle poida proporcionar.

A efectividade do dereito a obter unha segunda opinión complementará a información a que poden acceder os/as pacientes ou as persoas que exerzan a súa representación, posibilitando así o exercicio doutros dereitos, cun mellor coñecemento das posibles opcións ao seu alcance.

Neste decreto amplíase a posibilidade de solicitar unha segunda opinión médica en relación con calquera tipo de neoplasia maligna, conforme o establecido na Lei 12/2013, do 9 de decembro, dado que no Decreto 205/2007, do 27 de setembro, se excluían os cancros de pel que non fosen melanoma.

Así mesmo, establécese, de forma expresa, que se poderá solicitar de novo unha segunda opinión no caso de recidivas tumorais malignas ou de que aparezan novos tratamentos para a curación ou mellora da calidade de vida daquelas persoas que padezan unha enfermidade incluída nos supostos que permiten o exercicio deste dereito.

Doutra banda, na páxina web do Servizo Galego de Saúde estará dispoñible un catálogo en liña no cal se recollerán de forma máis específica as patoloxías respecto das cales se poderá exercer este dereito.

Tamén se regula con maior detalle o procedemento para o exercicio da segunda opinión, de maneira que o/a paciente, ou quen o/a represente, teña coñecemento da resolución favorable da súa solicitude, así como os supostos nos cales se poderá obter a segunda opinión nun centro público doutra comunidade autónoma.

O decreto consta de 18 artigos, tres disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras, así como un anexo en que se recolle o modelo de solicitude.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día doce de marzo dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto regular o procedemento e os efectos para o exercicio do dereito a unha segunda opinión médica, nos supostos que se indican no artigo 15.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

2. O dereito á segunda opinión médica só se poderá exercer unha soa vez en cada proceso asistencial, coa excepción do indicado para as recidivas tumorais e a proposta de tratamento de nova aparición, e co único obxecto de contrastar un primeiro diagnóstico completo ou indicación terapéutica e coa finalidade de facilitarlle ao/á paciente, ou a quen o/a represente, unha maior información que afiance a seguridade da súa decisión informada, consciente, participativa e autónoma, no mantemento e coidado da súa saúde e para os efectos de prestarlle unha mellor asistencia sanitaria.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) Segunda opinión médica: a emisión dun informe en que conste o diagnóstico ou a proposta terapéutica dun/dunha paciente afectado/a por algunha das enfermidades establecidas no artigo 15 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, e realizado por un/unha profesional diferente do/a que emitiu o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica. A súa finalidade é contrastar un primeiro diagnóstico completo ou unha proposta terapéutica que axude o/a paciente a tomar unha decisión entre as opcións clínicas dispoñibles.

O acto asistencial que dea lugar ao dereito á obtención dunha segunda opinión médica, debe ser realizado por un profesional médico do Sistema público de saúde de Galicia.

b) Enfermidade rara: aquela patoloxía con perigo de morte ou invalidez crónica e baixa prevalencia, entendida como aquela inferior a cinco casos por cada dez mil habitantes, incluídas as de orixe xenética, conforme o indicado no artigo 15.2.c) da Lei 12/2013, do 9 de decembro.

c) Proceso asistencial: conxunto de atencións clínicas dispensadas ao/á paciente encamiñadas a diagnosticar ou tratar un problema de saúde, enfermidade ou patoloxía concreta.

d) Primeiro diagnóstico completo: situación en que, á vista da exploración ou da evolución dun/dunha paciente, e logo de terlle realizado os estudos, análises ou probas cos medios técnicos adecuados dos que se dispoña no Sistema público de saúde de Galicia, e conforme a práctica médica, permite identificar por vez primeira vez as enfermidades ou lesións que ten.

e) Proposta ou indicación terapéutica: tratamento prescrito polo/a profesional ou os/as profesionais da medicina, individualmente ou de forma colexiada, para facer fronte ás enfermidades ou lesións que ten un/unha paciente, coa finalidade de curalo ou mitigar as secuelas ou padecementos que estas lle poidan causar de non ser aplicado.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

O exercicio do dereito á segunda opinión médica garánteselles ás persoas titulares dos dereitos á protección da saúde e á atención sanitaria e que acrediten o dereito á asistencia sanitaria pública conforme a normativa vixente.

Artigo 4. Exercicio do dereito á segunda opinión médica

1. A emisión dunha segunda opinión médica poderá solicitarse cando o/a paciente dispoña dun primeiro diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica emitido por un/unha profesional médico/a do Sistema público de saúde de Galicia, en relación con algún dos procesos que se indican no artigo 15.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro:

a) Enfermidades neoplásicas malignas.

b) Enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes.

c) Confirmación de diagnósticos de enfermidade rara.

2. No caso de tratarse dunha recidiva tumoral maligna ou dunha proposta de tratamentos de nova aparición, poderá solicitarse novamente unha segunda opinión médica.

3. O/a facultativo/a responsable dun diagnóstico ou proposta terapéutica producida nun dos procesos a que se fai referencia no parágrafo 1 proporcionará, a requirimento do/a paciente, ou de quen o/a represente, a información acerca do procedemento para garantir a garantía do dereito a unha segunda opinión médica, e deixará constancia na historia clínica do diagnóstico ou proposta terapéutica.

4. Os servizos de admisión dos hospitais informarán os/as pacientes, ou a quen representen, dos requisitos e condicións para o exercicio do dereito á obtención dunha segunda opinión médica.

Todos os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde porán á disposición dos usuarios información clara, veraz, accesible e transparente sobre a garantía do dereito ao exercicio da segunda opinión médica.

5. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde publicarase un catálogo en liña, ao que tamén se poderá acceder desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, no que se identificarán as patoloxías respecto das cales se poderá exercer o dereito á segunda opinión médica. Este catálogo ten carácter orientativo, de forma que pode haber patoloxías que non figuren nel, respecto das cales se poderá exercer o dito dereito, sempre e cando estean incluídas nos procesos que se indican no artigo 15.2. da Lei 12/2013, do 9 de decembro, a que se fai referencia no artigo 4.1 do presente decreto.

Artigo 5. Lexitimación

Poderán solicitar unha segunda opinión médica o/a paciente, ou as persoas facultadas para isto, segundo o artigo 17.1 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, que acrediten debidamente, se é o caso, a súa representación.

A intervención das persoas citadas nas alíneas b) a d) do artigo 17.1 citado, deberá ser adecuada ás circunstancias e proporcionada ás necesidades que sexa necesario atender, a favor do paciente e con respecto á súa dignidade, atendendo sempre a criterios médicos obxectivos.

No caso de pacientes maiores de 12 anos e menores de 16 anos de idade que sexan capaces intelectual e emocionalmente, de comprender, o dereito poderao exercer o seu representante legal, logo de ter escoitada a súa opinión.

Cando se trate de menores non incapaces nin incapacitados, mais emancipados ou con dezaseis anos cumpridos, e se trate dun caso de actuación de grave risco, segundo o criterio do/a facultativo/a, os pais serán informados e a súa opinión será tida en conta para a toma da decisión correspondente.

Artigo 6. Solicitude

A solicitude de segunda opinión médica realizarase por escrito, segundo o modelo incluído no anexo I deste decreto e dirixirase á xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada da cal forme parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente.

O modelo de solicitude recollerá expresamente que o exercicio do dereito implicará que os/as profesionais do Sistema público de saúde de Galicia implicados no proceso de xestión e emisión da segunda opinión médica, poderán acceder aos datos, relacionados coas súas propias funcións, contidos na historia clínica do/a paciente, de conformidade co previsto na normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal e de acceso á historia clínica dos/as pacientes.

A solicitude de segunda opinión irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou documento substitutivo do/da solicitante, no caso de que este/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos persoais.

b) Se é o caso, documentación acreditativa da concorrencia das circunstancias a que se fai referencia nas alíneas b) e d) do artigo 17.1 da Lei 12/2013, do 9 de decembro.

No suposto da alínea b):

1º. Se o/a solicitante é un familiar, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

2º. Se o/a solicitante é parella ou persoa vinculada de feito, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, declaración xurada ou documento oficial que acredite a súa vinculación ou relación de parella, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

No suposto da alínea d), achegarase copia compulsada da correspondente sentenza de incapacitación.

c) Informe médico que certifique o diagnóstico e/ou proposta terapéutica, no caso de non existir informe clínico do diagnóstico e/ou proposta terapéutica na propia historia clínica electrónica.

d) Calquera outro documento que se considere relevante para o caso.

Artigo 7. Presentación da solicitude e cómputo do prazo para resolución

1. As solicitudes de segunda opinión médica poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos/das cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no servizo de admisión do hospital de referencia do/a paciente, que facilitará a xestión das solicitudes daquelas persoas que así o demanden. Os servizos de admisión rexistrarán a entrada das solicitudes, entregándolle ao/á solicitante da segunda opinión unha copia debidamente selada, na cal conste o día e o lugar de entrega.

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. O prazo para a resolución dunha solicitude de segunda opinión médica, computarase desde que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Artigo 8. Presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria a que se refire o artigo 6 poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou da persoa que exerza a súa representación. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

2. A dita documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel cando a solicitude de segunda opinión médica se presente no servizo de admisión do hospital de referencia do/a paciente. As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas irán acompañadas dos documentos e das informacións determinados no artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 10. Facultativo/a responsable da emisión da segunda opinión médica

1. Para a emisión da segunda opinión médica o/a paciente, ou quen o/a represente, poderá propoñer un/unha facultativo/a especialista do Sistema público de saúde de Galicia.

2. Se o/a facultativo/a proposto/a non vai estar dispoñible para poder emitir a segunda opinión médica dentro do prazo establecido, por un motivo debidamente xustificado, ou non ten a competencia necesaria para emitir a segunda opinión médica, comunicaráselle esta circunstancia á persoa interesada e a xerencia de xestión integrada deberá propoñerlle un/unha profesional competente para a emisión da segunda opinión. No prazo de tres días hábiles, a persoa interesada deberá indicar a aceptación da proposta realizada pola xerencia de xestión integrada, propoñer outro/a profesional ou indicar o seu desexo de esperar ata que o/a facultativo/a da súa elección estea dispoñible.

Se a persoa interesada non contesta no prazo indicado, entenderase conforme coa designación do/a profesional proposto/a pola xerencia de xestión integrada.

3. O prazo para a resolución suspenderase durante o período de contestación da persoa interesada.

Así mesmo, se o/a paciente, ou quen o/a represente, manifesta a súa vontade de esperar ata que o/a facultativo/a da súa elección estea dispoñible, o prazo de emisión do informe, previsto no artigo 13, quedará en suspenso ata ese momento, circunstancia que se comunicará a persoa interesada.

No suposto de que, de acordo co previsto no número 2 deste artigo, propoña a persoa interesada outro/a profesional e non estea dispoñible ou non reúna a competencia profesional adecuada, designarase ao proposto pola xerencia de xestión integrada.

4. No caso de que na solicitude non se propoña ningún/ningunha facultativo/a concreto/a, será designado pola xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada de que forma parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente, atendendo a criterios de especialidade e dispoñibilidade.

5. De todas estas circunstancias deberá deixarse constancia no expediente administrativo de xestión da autorización da segunda opinión médica.

Artigo 11. Resolución de solicitudes

1. Se a solicitude non cumpre algunha das condicións previstas nos artigos 5 e 6 deste decreto, daráselle traslado á persoa solicitante para que proceda a emendala no prazo de 10 días segundo o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, coa indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución da persoa titular da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada de referencia do paciente, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada norma.

Mentres non se reciba a documentación requirida, permanecerá en suspenso o prazo para resolver sobre a autorización da segunda opinión, que se volverá computar, segundo os casos, a partir do momento en que se reciba a documentación solicitada en calquera dos rexistros do Servizo Galego de Saúde.

2. A persoa titular da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada, logo de requirir, se o considera oportuno, os informes complementarios necesarios, resolverá motivadamente sobre a solicitude no prazo de 10 días hábiles contados desde a data de recepción desta, de acordo co previsto no artigo 18.1 da Lei 12/2013, do 9 de decembro.

3. Transcorrido o prazo para resolver a solicitude de segunda opinión, sen que se emitise a resolución, entenderase que esta é favorable por silencio administrativo.

4. A resolución notificarase de forma inmediata ao solicitante da segunda opinión médica, a través do medio que indicase na súa solicitude.

5. No caso de que a resolución sexa favorable, a emisión da segunda opinión deberá realizarse no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa emisión.

6. Contra a resolución, poderase presentar recurso de alzada ante a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes, contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación.

7. Nas resolucións favorables darase traslado inmediato do expediente de segunda opinión ao centro hospitalario en que preste servizo o/a profesional designado/a.

Artigo 12. Centros públicos doutra comunidade autónoma

1. Excepcionalmente, poderase solicitar que a segunda opinión médica sexa emitida nun centro público doutra comunidade autónoma se o primeiro diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica sobre a que se solicita unha segunda opinión médica fose emitido no único servizo do Sistema público de saúde de Galicia con dispoñibilidade e competencias na patoloxía correspondente.

2. A resolución corresponderá á persoa titular do centro directivo, do Servizo Galego de Saúde, que teña as competencias en materia de asistencia sanitaria e deberá adoptarse no prazo máximo de 10 días hábiles fixado no artigo 18.1 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, logo de informe da xerencia de xestión integrada da cal forma parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente.

3. Se for necesaria a solicitude de conformidade a outra comunidade autónoma, o prazo para a resolución suspenderase desde o momento da solicitude da segunda opinión médica por parte do paciente, ata a recepción da contestación desta.

4. Transcorrido o prazo para resolver a solicitude de segunda opinión, sen que se teña emitido a resolución, entenderase que esta é favorable por silencio administrativo.

5. Se a contestación da outra comunidade autónoma non fose conforme coa solicitude da persoa interesada, a xerencia de xestión integrada, notificarallo e indicaralle unha proposta alternativa.

6. Contra a resolución da persoa titular do centro directivo do Servizo Galego de Saúde, que teña as competencias en materia de asistencia sanitaria poderase recorrer en alzada ante a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 13. Emisión da segunda opinión médica

1. A xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada onde preste servizo o facultativo que vai emitir a segunda opinión médica, notificaralle de forma inmediata a súa designación, e achegaralle, se é o caso, a documentación sobre o proceso do primeiro diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica que non conste na historia clínica do/a paciente.

2. A emisión da segunda opinión deberá realizarse, a través dun informe, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao de emisión da resolución pola que se aprobe o seu exercicio ou, no caso de silencio, desde o día seguinte a aquel en que se debería ter resolto expresamente a solicitude, e o/a facultativo/a poderá solicitar unha consulta presencial ou a realización das probas diagnosticas que considere necesarias para iso.

3. De acordo co indicado no artigo 18.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, o facultativo poderá solicitar, en función da complexidade do asunto ou da documentación que se lle transmita, unha ampliación de ata cinco días do prazo indicado para a emisión da segunda opinión.

4. Se for necesario practicar novas probas diagnósticas, o prazo indicado no parágrafo 2 suspenderase ata que o/a facultativo/a dispoña da totalidade das probas e os informes correspondentes, nos termos previstos no artigo 18.3 da Lei 12/2013, do 9 de decembro.

5. Tanto a ampliación do prazo como a súa suspensión pola realización de novas probas diagnósticas seranlle notificadas á persoa solicitante da segunda opinión médica.

6. A segunda opinión médica fundamentarase nos informes e/ou probas diagnósticas e terapéuticas realizadas polo servizo que realizou o primeiro diagnóstico e as existentes no expediente ou na historia clínica do/a paciente, sen prexuízo da posibilidade de realizar novas probas complementarias que poidan ser necesarias para obter o diagnóstico.

Artigo 14. Probas complementarias

1. As probas complementarias, no caso de ser necesarias, realizaranse preferentemente no ámbito da infraestrutura sanitaria da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada da que forma parte o hospital de referencia do/a paciente, para evitar desprazamentos innecesarios a el. Estas probas deberán ser realizadas e sometidas a informe con carácter preferente.

Coa finalidade de facilitar o exercicio do dereito a obter unha segunda opinión médica, garantirase a dispoñibilidade dos tecidos e mostras biolóxicas que proveñan de biopsias ou extraccións realizadas ao/á paciente.

Artigo 15. Informe de segunda opinión médica

1. O informe no cal se reflicta a segunda opinión médica incorporarase na historia clínica electrónica do/a paciente. Este informe poderá:

a) Confirmar o primeiro diagnóstico completo e/ou a proposta terapéutica sobre os cales se emite informe.

b) Emitir un diagnóstico diferente ao inicial, con ou sen indicación de tratamento.

c) Propoñer novas alternativas terapéuticas.

2. Unha vez emitido o informe notificaráselle o resultado á persoa solicitante da segunda opinión médica.

Artigo 16. Prestación de atención clínica

1. Emitido o informe de segunda opinión, garantiráselle ao/á paciente a atención clínica que precise, conforme a carteira de servizos do Sistema público de saúde de Galicia e tendo en conta o seu dereito a decidir libremente entre as opcións clínicas e terapéuticas dispoñibles, logo de terlle proporcionado a información adecuada.

A atención sanitaria que se precise axustarase ao establecido na Lei 12/2013, do 9 de decembro, respecto dos tempos máximos de acceso.

2. A atención sanitaria levarase a cabo no centro hospitalario de referencia se o segundo diagnóstico e/ou proposta terapéutica é confirmatorio do primeiro. En caso contrario, o/a paciente, ou quen o/a represente, poderá optar por que a atención sanitaria sexa prestada, no centro de referencia, segundo o diagnóstico ou proposta terapéutica inicial, ou ben no centro en que se emitise a segunda opinión médica, de acordo, neste caso, co diagnóstico ou proposta terapéutica do informe de segunda opinión.

3. Nos casos en que se exercese o dereito a unha segunda opinión médica fóra da Comunidade Autónoma, e o segundo diagnóstico e/ou proposta terapéutica sexa diferente do emitido inicialmente, o/a paciente ou quen o/a represente poderá solicitar, mediante escrito dirixido á persoa titular do centro directivo do Servizo Galego de Saúde que teña as competencias en materia de asistencia sanitaria, que a atención sanitaria sexa prestada no centro no que se emitiu a segunda opinión.

Esta solicitude resolverase favorablemente sempre e cando a prestación da dita alternativa terapéutica non sexa posible en ningún dos centros sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, e logo de conformidade por parte dos responsables do servizo de saúde da comunidade autónoma de que se trate.

Fronte á resolución da dita solicitude cabe interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 17. Revogación do dereito á obtención dunha segunda opinión médica

1. Mediante resolución da persoa titular do centro directivo do Servizo Galego de Saúde que teña as competencias en materia de asistencia sanitaria, ditada á proposta da persoa titular da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada de que forme parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente, poderase acordar a revogación do dereito á obtención dunha segunda opinión médica nos seguintes supostos:

a) Cando as persoas interesadas, ou quen as represente, de forma intencionada e no marco deste procedemento, faciliten información falsa.

b) No suposto de que os/as solicitantes, ou as persoas que exerzan a súa representación, impidan ou dificulten, sen causa xustificada, a realización de calquera trámite necesario para a resolución do procedemento de segunda opinión médica.

c) No suposto de que os/as solicitantes, ou as persoas que os/as a representen, impidan ou dificulten, sen causa xustificada, a realización de calquera trámite, consulta ou proba, necesarios para a emisión do informe de segunda opinión médica.

d) Cando sen causa xustificada non asistan ás consultas ou ás probas que, no marco deste procedemento, se lle programen para poder emitir o informe de segunda opinión médica.

2. Para os efectos de poder elaborar a proposta de resolución de revogación do dereito á obtención dunha segunda opinión médica, a persoa titular da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada poderá requirir os informes que considere necesarios para determinar a realidade do suposto ou dos supostos que poden dar lugar á perda do dereito á obtención dunha segunda opinión médica.

3. A proposta de resolución notificaráselles aos interesados, e indicaráselles a posta de manifesto do procedemento. Á notificación xuntarase unha relación dos documentos que figuren no procedemento, a fin de que os interesados poidan obter as copias dos que consideren convenientes; concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes ante a persoa titular da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada.

4. A proposta de resolución cursarase inmediatamente á persoa titular do centro directivo, do Servizo Galego de Saúde, que teña as competencias en materia de asistencia sanitaria, xunto con todos os documentos, alegacións e informacións que figuren no procedemento, para que esta emita a resolución que proceda.

5. Fronte á resolución pola que se revogue o dereito á obtención dunha segunda opinión médica, cabe interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Historias clínicas» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Consellería de Sanidade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Disposición adicional primeira. Transporte sanitario

Se o/a paciente precisa de transporte sanitario para a realización, se é o caso, da atención sanitaria para o exercicio do dereito á segunda opinión médica, este realizarase nos mesmos supostos e condicións previstas para o resto das persoas usuarias do sistema sanitario público.

Disposición adicional segunda. Outros gastos

O Servizo Galego de Saúde asumirá os gastos de desprazamento do/da doente e dun/dunha familiar, no caso en que as condicións do/da paciente así o aconsellen, para realizar a consulta e/ou os estudos das probas necesarias para a emisión da segunda opinión, atendendo en todo caso ao criterio de localización xeográfica disposto no artigo 4 da Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan as prestacións por desprazamento previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro.

O resto dos gastos que se poidan producir como consecuencia da solicitude da segunda opinión médica non terán carácter reintegrable.

Disposición adicional terceira. Actualización de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

A partir da entrada en vigor deste decreto quedan derrogadas cantas disposicións de igual o inferior rango se opoñan ao establecido nel e, en particular, o Decreto 205/2007, do 27 de setembro, polo que se regula o dereito á segunda opinión.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para realizar os actos e medidas necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file