Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 17 de abril de 2015 Páx. 14769

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de abril de 2015 pola que se publica a modificación dos Estatutos da Mancomunidade do Salnés.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorreren en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da Mancomunidade co fin de que concorden co mandato da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiulle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A Asemblea ordinaria da Mancomunidade do Salnés aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 6 de marzo de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP número 49 de Pontevedra, do 12 de marzo de 2014, período durante o cal non se presentaron alegacións.

– Con data 29 de decembro de 2014, emitiu informe favorable a Dirección Xeral de Administración Local, e con data do 21 de marzo de 2014 emitiu informe a Deputación Provincial de Pontevedra.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitíronlle á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará os seguintes artigos:

1, 2, 3, 4, 6, 7, 9, 11, 13, 14, 15, 18, 26, 29 e 30.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1º.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a modificación da nova redacción dos artigos dos estatutos da Mancomunidade do Salnés.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación dos Estatutos da Mancomunidade do Salnés

Capítulo I

Disposicións xerais

Órganos

Artigo 1

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, modifícanse os Estatutos da Mancomunidade do Salnés, integrada polos concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Artigo 2

A súa denominación é a de Mancomunidade do Salnés.

Artigo 3

Os órganos de goberno e administración situaranse no Centro Comarcal Exposalnés (Paseo da Calzada, s/n, Cambados). Non obstante, mediante acordo da Xunta da Mancomunidade, adoptado co quórum de maioría absoluta, poderá establecerse a sede da Mancomunidade en calquera outro concello integrante dela.

Capítulo II

Dos órganos de goberno e administración,
do seu funcionamento e réxime xurídico

Artigo 4

1) Os órganos de goberno da Mancomunidade serán: o presidente, o vicepresidente, a Xunta da Mancomunidade e a Comisión Executiva.

Presidente: o presidente da Mancomunidade será elixido entre os membros da Xunta da Mancomunidade, pola propia Xunta, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros, na sesión extraordinaria de constitución da Xunta da Mancomunidade. Para iso constituirase unha mesa de idade, presidida polos alcaldes de maior e menor idade, asistidos polo secretario da Mancomunidade. A duración do mandato coincidirá co da Xunta da Mancomunidade e co das corporacións locais, e permanecerá en funcións desde a convocatoria de eleccións municipais ata a constitución da nova xunta, salvo substitución por algunha das causas establecidas na lexislación local.

Vicepresidente: o vicepresidente da Mancomunidade, será así mesmo elixido entre os membros da Xunta da Mancomunidade, na mesma sesión extraordinaria e tamén mediante acordo adoptado por maioría absoluta.

Vogais: serán vogais todos os demais membros da Xunta da Mancomunidade.

Xunta da Mancomunidade: a Xunta da Mancomunidade estará formada por vinte e sete membros, que serán nove alcaldes dos concellos mancomunados, ou concelleiros en quen deleguen, ademais de dous concelleiros nomeados por cada un dos concellos, en acordos plenarios, nos cales serán elixidos nunha única votación; cada concelleiro votará un só candidato. Poderán ser candidatos todos os concelleiros da corporación respectiva.

Correspóndenlle á Xunta da Mancomunidade as atribucións reguladas expresamente nos presentes estatutos e aqueloutros que a lexislación de réxime local lle atribúe ao pleno municipal.

A Xunta da Mancomunidade pode delegar o exercicio das súas atribucións no presidente e na Comisión Executiva, agás as que teñen carácter indelegable, nos termos regulados na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

A Xunta da Mancomunidade estará integrada polo presidente, o vicepresidente e os vogais, que serán todos os demais membros da Xunta da Mancomunidade.

Comisión Executiva: a Comisión Executiva estará presidida polo presidente da Mancomunidade e integrada polo vicepresidente e por todos os alcaldes (ou concelleiros delegados) dos concellos que integran a Mancomunidade.

2) A Xunta da Mancomunidade poderá acordar a creación de comisións informativas presididas polos alcaldes e integradas por representantes de todos os concellos, membros da Xunta da Mancomunidade.

3) Os membros electivos da Xunta da Mancomunidade cesarán nos seus cargos, cando cesen os que motivaron a súa elección como membros dela; non obstante, os membros cesantes continuarán as súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores.

Artigo 5

a) Do presidente: o presidente da Mancomunidade posúe a súa representación e correspóndelle a convocatoria e presidencia das sesións da Xunta da Mancomunidade e da Comisión Executiva, a superior dirección, inspección e impulso dos servizos, obras e xestións que se leven a cabo, e exercerá as facultades de carácter económico, sancionador e todas aquelas que a lexislación de réxime local lle asigna ao alcalde e, de ser preciso, lle delegue expresamente a Xunta da Mancomunidade.

O presidente pode delegar as súas atribucións, salvo as mencionadas no artigo 21.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos termos, alcance e contido que para o alcalde se establece na lexislación de réxime local.

O vicepresidente substituirá o presidente, na totalidade das súas funcións, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións do presidente no suposto de vacante ata a toma de posesión do novo presidente.

b) Da Comisión Executiva: de carácter activo e, en canto ao seu funcionamento, será asimilable o que para a Xunta de Goberno establece a lexislación de réxime local. É atribución propia da Comisión Executiva a asistencia permanente ao presidente no exercicio das súas atribucións. Así mesmo, a Comisión Executiva exercerá as atribucións que lle delegue o presidente ou a Xunta da Mancomunidade. O réxime das delegacións do presidente e da Xunta na Comisión Executiva rexerase polo disposto nos artigos 43, 44 e 51 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e demais lexislación de réxime local que lle sexa de aplicación.

Do persoal

Artigo 6 Secretaría, intervención e tesourería

As funcións de secretaría, intervención e tesourería serán exercidas de conformidade co establecido na normativa aplicable aos funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Artigo 7

Para o desenvolvemento das funcións e traballos burocráticos de oficina, a Mancomunidade contará con persoal propio, integrado por funcionarios de carreira e contratados en réxime de dereito laboral, segundo se especifique no cadro de persoal que aprobe anualmente a través do orzamento a Xunta da Mancomunidade, con suxeición ao establecido na lexislación de réxime local.

Constitución e réxime de sesións

Artigo 8

A) A Xunta da Mancomunidade constituirase en sesión pública, convocada con catro días hábiles e antelación polo presidente en funcións, dentro dos dous meses seguintes aos da data de constitución das corporacións locais que integran a Mancomunidade. No suposto de que o presidente da Mancomunidade, presidente en funcións ata a constitución da Xunta da Mancomunidade que resulte da constitución das corporacións locais que a integran, non resultase electo como membro destas, a presidencia en funcións da Mancomunidade do Salnés será asumida polo alcalde electo de maior idade de entre os alcaldes dos concellos integrantes da Mancomunidade.

As sesións da Xunta da Mancomunidade poderán ser:

a) Ordinarias.

b) Extraordinarias.

c) Extraordinarias de carácter urxente.

A periodicidade das sesións ordinarias será establecida pola Xunta da Mancomunidade en sesión extraordinaria, que convocará o presidente dentro dos trinta días seguintes ao da sesión constitutiva da Xunta da Mancomunidade.

Terá lugar sesión extraordinaria, nalgunha das modalidades indicadas, cando así o decida o presidente ou o solicite a cuarta parte dos membros que compoñen a Xunta da Mancomunidade.

B) A Comisión Executiva realizará a sesión constitutiva, por convocatoria do presidente, dentro dos dez días seguintes á constitución da Xunta da Mancomunidade.

As sesións da Comisión Executiva poderán ser: a) ordinarias, b) extraordinarias, c) extraordinarias de carácter urxente.

A periodicidade das sesións ordinarias será fixada na sesión de constitución da Comisión Executiva.

As sesións extraordinarias e urxentes terán lugar cando con este carácter sexan convocadas polo presidente.

Artigo 9

En consideración a que as convocatorias deberán enviarse aos alcaldes dos concellos da Mancomunidade para que estes pola súa vez as fagan chegar aos concelleiros membros da Xunta, as convocatorias ordinarias ou extraordinarias, salvo as de carácter urxente, deberán estar en posesión dos membros da Xunta da Mancomunidade polo menos con catro días hábiles de antelación á data da súa realización.

As convocatorias da Comisión Executiva efectuaranse con dous días hábiles de antelación.

A Xunta da Mancomunidade constitúese validamente coa asistencia dun terzo do número legal dos seus membros.

Para a válida constitución da Comisión Executiva requírese a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes.

En todo caso, en ambos os dous órganos requírese a asistencia do presidente e do secretario da Mancomunidade ou dos seus legais substitutos.

A Xunta da Mancomunidade, logo de acordo, poderá realizar sesións específicas en calquera das casas do concello dos municipios que compoñen a Mancomunidade, sempre que se xustifique debidamente esta excepción.

Artigo 10 Adopción de acordos

O réxime para a adopción de acordos da Xunta da Mancomunidade e da Comisión Executiva será o mesmo que para o pleno e comisión de goberno dos concellos en xeral establece a normativa de réxime local.

A adopción de acordos producirase mediante votación ordinaria, salvo que a propia Xunta da Mancomunidade acorde, para un caso concreto, a votación nominal ou secreta, se fosen procedentes.

Os acordos, con carácter xeral, adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, salvo que se trate de materias que sexan competencia da Mancomunidade que requiran unha maioría especial; nese caso será necesario o quórum que se exixe no artigo 47.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. En caso de votacións con resultado de empate, efectuarase unha nova votación e, de persistir o dito empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 11

O secretario da Mancomunidade levantará a acta de todas e cada unha das sesións que realicen a Xunta da Mancomunidade e a Comisión Executiva, e levará, baixo a súa responsabilidade, libros de actas independentes para as sesións da Xunta da Mancomunidade e da Comisión Executiva, nos termos establecidos na normativa vixente.

Artigo 12

Os acordos da Xunta da Mancomunidade, da Comisión Executiva, cando actúe por delegación, e as resolucións do presidente esgotarán a vía administrativa, e todos os recursos ou reclamacións que poidan formularse contra eles deberán suxeitarse ao réxime xurídico aplicable ás entidades de réxime local.

Capítulo III

Fins da Mancomunidade, competencias e formas de xestión

Artigo 13

13.1. Os fins da Mancomunidade que se establecen son os que se indican a continuación:

– Xestión para a execución, ou futura ampliación, das obras de instalacións de redes xerais para o abastecemento de auga ou para eliminación de residuais, así como dos servizos de bombeo e depuración, que afecten os concellos da Mancomunidade, de acordo cos correspondentes proxectos técnicos redactados, ou que se redacten para tal efecto.

– Executar, así mesmo, directamente, ou xestionar a execución polos medios que se coiden máis axeitados, da instalación das redes secundarias de todos os concellos da Mancomunidade, ou das ampliacións que poidan ser precisas, para conseguir, en todo caso, un total funcionamento destes servizos de abastecemento de augas e de eliminación de residuais.

– Prestación dos servizos de mantemento do abastecemento de auga e de depuración de residuais aos concellos da Mancomunidade que os precisen e soliciten, segundo as fórmulas que acorde a Xunta da Mancomunidade.

En todo caso, o coidado e mantemento da rede xeral primaria de abastecemento de auga, do mecanismo de bombeo e a súa depuración, así como a depuración das augas residuais, en depuradoras que afecten dous ou máis concellos, serán da competencia da Mancomunidade.

– Creación e sostemento dun parque de maquinaria e prestación do servizo de mantemento e limpeza de vías, sendeiros e espazos públicos.

– Realización de xestións e execución de proxectos para a potenciación do turismo dos concellos da comarca.

– Realización de xestións e actividades conducentes á creación, prestación ou adxudicación dos servizos de recollida, tratamento, transferencia e eliminación de residuos sólidos urbanos, de xeito mancomunado, a través dos medios que en cada caso se coiden máis axeitados. É unha competencia da Deputación Provincial a prestación dos servizos de tratamento de residuos nos municipios de menos de 5.000 habitantes, nos termos do artigo 36.1.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril.

– Estudo, informe, execución das obras de infraestrutura e equipamentos, cando afecten máis dun concello, e teñan lugar dentro dos municipios abranguidos pola Mancomunidade.

– Fomento de actividades e execución de proxectos culturais e deportivos que afecten máis dun concello da Mancomunidade.

– Xestión dun centro de información á muller mancomunado e consecución doutros programas de avaliación e información de situacións de necesidade social e atención inmediata a persoas en situación de risco de exclusión social.

– Consecución de programas de participación dos cidadás no uso eficiente e sustentable das tecnoloxías da información e telecomunicacións.

– Xestión dun servizo mancomunado de recollida e protección de animais abandonados.

– Calquera outro que acorde a Xunta da Mancomunidade, por maioría absoluta, dentro das finalidades que correspondan ás entidades locais, logo de expediente de modificación dos estatutos.

13.2. Nos termos do artigo 26.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, nos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes será a Deputación Provincial quen coordinará a prestación dos seguintes servizos: recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais, limpeza viaria, acceso aos núcleos de poboación, pavimentación de vías urbanas, iluminación pública.

Artigo 14

A adscrición aos distintos servizos e actuacións que se desenvolvan desde a Mancomunidade será voluntaria para cada concello e, en consecuencia, os concellos que non se acollan a algún deles non terán que contribuír aos gastos que estes ocasionen.

Artigo 15

Os acordos da Mancomunidade, ratificados polos concellos cando fose procedente, relativos ao establecemento e desenvolvemento dalgún dos seus fins, obrigarán só aqueles concellos que dispoñan incluírse nas ditas finalidades.

Artigo 16

A execución das obras ou prestación dos servizos poderá levalos a cabo a Mancomunidade, por contratación, administración, arrendamento, concesión ou calquera outra das formas de xestión das admitidas pola lexislación vixente.

Capítulo IV

Dos recursos económicos e o seu réxime

Artigo 17

Para a realización das súas finalidades, a Mancomunidade poderá contar cos seguintes recursos:

a) O capital fundacional que acheguen os concellos mancomunados, se así se acordase.

b) As cantidades que deba achegar cada un dos concellos, segundo acorde a Xunta da Mancomunidade, tendo en conta que afecten a cada un dos concellos.

c) Os ingresos que poidan obterse do patrimonio da Mancomunidades, se fose o caso.

d) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

e) Taxas ou prezos pola prestación de servizos ou realización de actividades da súa competencia, conforme as ordenanzas que se aproben, se fosen procedentes.

f) Contribucións especiais para execución de obras e ampliación ou mellora de servizos, nos concellos que estivesen atinxidos.

g) Os recursos procedentes de operacións de crédito.

h) Todos aqueloutros recursos permitidos pola vixente lexislación ás entidades locais.

Artigo 18

O réxime das achegas municipais a que se refire a letra b) do artigo anterior será o seguinte:

– Os gastos xerais de funcionamento (persoal, administración, etc.) repartiranse por partes iguais entre todos os concellos da Mancomunidade.

– Para cubrir os gastos dos servizos que especificamente atinxan o grupo de concellos que quede establecido, segundo os oportunos acordos da Xunta da Mancomunidade, terase en conta, nos casos de subministración de auga, eliminación de residuais ou de residuos sólidos urbanos, o consumo que cada concello ocasione, segundo as medicións que resulten procedentes. Noutra orde, establecerase unha cota para cada un deles que virá determinada polo resultado de multiplicar o módulo que acorde a Xunta da Mancomunidade polo número de habitantes de cada concello, ou calquera outro que fixe a dita Xunta.

– As achegas que así mesmo correspondan a cada concello especificamente para obras, prestación de servizos e realización de programas que lle afecten de forma directa e, en todo caso, na proporción que acorde a Xunta da Mancomunidade, tendo en conta todas as circunstancias que concorran en cada un dos concellos.

– Os concellos da Mancomunidade veñen obrigados a aceptar e facerse cargo dos gastos e demais obrigas que deriven dos acordos adoptados, co voto favorable dos seus representantes.

– Para facer fronte a posibles gastos extraordinarios, a Xunta da Mancomunidade acordará, por maioría absoluta, a cantidade que lle corresponda a cada un dos concellos atinxidos, tendo en conta o número de habitantes de cada un deles ou as circunstancias que especificamente poidan afectarlle.

– Respecto á repartición dos xuros que se devindiquen por demora, por parte dos concellos, do aboamento do importe facturado mensualmente pola empresa encargada do servizo de bombeo e depuración da auga da Mancomunidade ou de subministración de enerxía eléctrica, aplicaranse proporcionalmente á débeda de cada concello acumulada ata o momento en que a empresa entregue a correspondente liquidación polo dito concepto, segundo o acordo da comisión xestora do 18 de outubro de 1996.

O mesmo criterio de repartición se aplicará aos xuros que se devindiquen por demora por parte dos concellos no aboamento do importe facturado pola empresa encargada da xestión do servizo de depuración de augas residuais.

Porén, e segundo os acordos adoptados pola comisión xestora en sesións do 21 de outubro de 1994 e do 18 de agosto de 1995, queda autorizada a Presidencia da Mancomunidade para solicitar da Xunta de Galicia a retención de ata o 50 % mensual, con cargo á participación nos tributos do Estado, da débeda do concello ou concellos atinxidos, ata a súa total cancelación.

Artigo 19

O patrimonio da Mancomunidade estará constituído por toda clase de bens, dereitos e accións que lexitimamente se adquiran ou se acheguen, ben no momento da súa constitución ou con posterioridade a ela.

Para o debido control das súas existencias, formarase un inventario de bens, de acordo co establecido no Regulamento de bens das entidades locais.

A participación de cada concello no dito inventario virá determinada polas cotas da súa participación na consecución do seu patrimonio.

Artigo 20

A Xunta da Mancomunidade formará e aprobará anualmente un orzamento único, coas mesmas formalidades e de conformidade co establecido polas disposicións aplicables nesta materia ás demais corporacións locais. Así mesmo, rexeranse polas ditas disposicións o desenvolvemento, fiscalización económica, así como o rendemento das contas anuais correspondentes.

Artigo 21

O presidente da Mancomunidade exercerá, pola condición que desempeña, as funcións de ordenador de pagamentos e todas as demais que, no aspecto económico, lle correspondan aos alcaldes respecto aos seus concellos.

Artigo 22

A contabilidade correrá a cargo do secretario interventor e do tesoureiro, segundo as tarefas que lle correspondan a cada un, de acordo coa normativa de réxime local establecida para os concellos en xeral.

Artigo 23

Para o coñecemento, exame e fiscalización da xestión económica, o presidente renderá, ao rematar cada exercicio, a conta xeral do orzamento, á cal engadirá a liquidación deste e demais documentación establecida pola lexislación vixente. A tramitación e aprobación destas adaptarase ás disposicións aplicables ás demais entidades de réxime local.

Artigo 24º

A cobranza e administración das contribucións que se acorden impoñer por execución de obras, prestación de servizos, etc., ata o seu ingreso no erario da Mancomunidade, levaraos a efecto cada un dos concellos mancomunados, dentro dos seus municipios, ou ben polo ORAL, logo da correspondente tramitación do expediente de delegación no dito organismo.

Capítulo V

Duración, modificación, adhesión, separación e disolución da Mancomunidade

Artigo 25

Dado o carácter permanente dalgúns dos fins que a motivan, a Mancomunidade constitúese con duración indefinida.

Artigo 26

A Xunta da Mancomunidade poderá acordar, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen, a iniciación da modificación dos estatutos. Para calquera modificación dos estatutos seguirase o procedemento previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, ou equivalente.

Artigo 27

Constituída a Mancomunidade, poderán adherirse a ela, por procedemento similar ao da modificación dos estatutos, os concellos que así o soliciten e estean comprendidos nas condicións previstas nos presentes estatutos, e sexa factible a súa incorporación, asumindo, unha vez incorporados, as obrigas que lle correspondan segundo o dispoñan os termos da adhesión. Esta adhesión poderá facerse para todos ou algún dos fins da Mancomunidade, segundo os acordos que se adopten.

Sobre as adhesións que se soliciten emitirá informe favorable a Xunta da Mancomunidade, que poderá establecer as condicións que coide oportunas, tanto de tipo económico como doutra índole, para o concello ou concellos que pidan a incorporación, adhesión que comportará a correspondente modificación dos estatutos.

Artigo 28

Por trámites semellantes ao da adhesión, poderá separase da Mancomunidade calquera dos concellos que a integran, logo do correspondente aviso, que deberá realizarse cun ano de antelación, segundo establece o artigo 143.3º da LALG, e sen deixar de cumprir durante o dito prazo cos compromisos contraídos.

Así mesmo, será preciso o informe da Xunta da Mancomunidade, sen que poida ter carácter vinculante.

Recibido o aviso previo a que se fai referencia, procederase a iniciar a tramitación, e efectuarase a liquidación que tanto do pasivo como do activo lle puidese corresponder.

Artigo 29

A Mancomunidade poderá disolverse:

a) Por desaparición das finalidades que motivaron a súa constitución ou por ser asumida a súa prestación polo Estado, comunidade autónoma, deputación ou organismo específico.

b) Por integrarse noutra mancomunidade que poida constituírse nun futuro.

c) Por acordo da Xunta da Mancomunidade, que deberá ser ratificado posteriormente por acordos dos concellos que a integran, nos termos do artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, ou equivalente.

d) Por calquera outra causa establecida por disposición de obrigado cumprimento.

Artigo 30

En caso de disolución da Mancomunidade practicarase liquidación de todos os bens e dereitos que posúa, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos concellos que a forman, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas da Mancomunidade.

En canto ao persoal da entidade tras a disolución da Mancomunidade, observarase o disposto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Disposición derradeira

O presidente da Mancomunidade, unha vez aprobada a presente modificación dos estatutos da Mancomunidade, solicitará, no prazo dun mes, do Rexistro de Entidades Locais a inscrición ou toma de razón da dita modificación á vez que remitirá copia certificada dos estatutos modificados á consellería competente en materia de réxime local para a súa íntegra publicación no DOG, e comunicarallos á Administración do Estado e, en definitiva, dos datos inscritos ou, se é o caso, da cancelación rexistral se se acordase disolver a Mancomunidade, tendo en conta, en todo caso, o disposto polo Decreto 371/1998, do 10 de decembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades Locais de Galicia, e a orde do seu desenvolvemento, do 8 de marzo do ano 2000.

Dereito supletorio

En todo o non previsto nos presentes estatutos observarase, no que lle resulte de aplicación, o disposto sobre as materias que lle atinxen, pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local; pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; polo texto refundido de réxime local aprobado por Decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; polo Regulamento de poboación e demarcación das entidades locais, do 11 de xullo de 1986; polo Real decreto 3568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, e polas demais disposicións de réxime local que resulten de aplicación.