Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 17 de abril de 2015 Páx. 14796

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 7 de abril de 2015 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, dispón no seu artigo 33, número 1.j), que corresponden á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

A Consellería de Traballo e Benestar considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado; actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais de Galicia.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias ás cales se refire o parágrafo 3 deste artigo.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos -para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal-, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia, prioritaria, pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:

– Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

– Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

– Actividades con colectivos en situación de risco.

– Actividades xuvenís.

– Actividades ambientais.

– Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

– Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

4. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo, e se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

5. Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva conforme o anexo I, así como do número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.

6. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto, que deberán manter a súa acción voluntaria durante toda a duración deste. Ao finalizar os proxectos, as persoas voluntarias que participasen neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.

7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, ou calquera outra similar...). Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

8. No caso de que a solicitude a presenten varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

9. Se, por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co punto 4 do artigo 5.

Artigo 2. Beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015.

Artigo 3. Requisitos das/os beneficiarias/os

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

– Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

– Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

– Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia ás que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 números 2 e 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

5. As persoas voluntarias que colaboren nos proxectos subvencionables non poden ser as mesmas que xa concorresen á mesma convocatoria de subvencións en anos anteriores.

Artigo 4. Crédito total

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.312F.460.0, por un importe de douscentos mil euros (200.000 €), para entidades locais, e con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.312F.481.0, por un importe de trescentos mil (300.000 €), para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán conceptos subvencionables os custos orixinados pola participación dos mozos e mozas voluntarias nos proxectos de acción voluntaria de acordo co artigo 7.h) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria (manutención e transporte).

2. Tamén serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015, entre os que se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, os servizos de comunicación (telefónicos, postais, e telegráficos) e os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.

3. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

4. A cantidade subvencionable a cada entidade calcularase a razón de 10 euros por voluntaria/o e día, dos cales 6 euros diarios serán entregados pola entidade ás persoas voluntarias para cubrir os custos de desprazamento e manutención mentres que os 4 euros restantes empregaraos a entidade para cubrir os gastos dos seguros de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias, así como os gastos correntes referidos no número 2 deste artigo. Para xerar dereito ás ditas cantidades as persoas voluntarias deberán acreditar mediante o correspondente acordo a súa colaboración voluntaria durante xornadas de 6 horas diarias, como mínimo. Se a xornada diaria é inferior ás 6 horas, sumaranse as horas diarias ata completar unha xornada de 6 horas. Non se computarán os decimais nin os minutos.

Artigo 6. Solicitudes, prazo de presentación e documentación

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Cando as persoas interesadas teñan a consideración de entidades locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para todas as demais entidades de acción voluntaria, as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se é o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades debe considerarse como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar.

3. Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en que non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

4. As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI do representante legal da entidade, no caso de que este non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemática ao sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia do NIF da entidade, no caso de que non se autorice expresamente a súa verificación pola propia Administración.

c) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de beneficiarios. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas que se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada un dos voluntario/as, e do número de días que participará cada un, así como do custo que correspondería por número de voluntario/as e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades.

d) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación do secretario sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este, se é o caso, así como certificación do secretario de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

5. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou os demais previstos na lexislación aplicable, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

6. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: voluntariado@xunta.es

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Instrución

1. A Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:

– Presidente: a/o xefa/o de Servizo de Voluntariado.

– Secretario: unha/un funcionaria/o da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación a/o cal participará con voz pero sen voto.

– Vogais: dous técnicos da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo 8, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe daráselle traslado ao órgano instrutor para que proceda a propor a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes, algún dos compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que, para o efecto, nomee o director xeral de Xuventude e Voluntariado.

6. Para ter acceso á axuda é preciso obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. A concesión da axuda farase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida, ata esgotar o crédito dispoñible en cada caso. Unha vez distribuído e esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtivesen axuda, aínda que teñan cincuenta ou máis puntos, entrarán nunha lista de reserva, por se algunha das concedidas renuncia.

7. En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 voluntarios/as colaborando un mínimo de 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 12.000, que correspondería a un proxecto de 20 voluntarios colaborando un mínimo de 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 voluntarios/as.

Artigo 9. Criterios de valoración

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

1. En caso de solicitudes presentadas por máis dunha entidade local (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar):

A) Agrupación de municipios:

a.1) Presentación de solicitude conxunta de agrupación de concellos baixo calquera fórmula (10 puntos).

a.2) Número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto medida a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto e repercusión do proxecto na poboación destinataria (ata 10 puntos).

a.3) Presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual (ata 10 puntos).

B) Fusións municipais. Presentación de solicitude por parte da entidade resultante da fusión de municipios (30 puntos).

C) Criterios comúns a todas as solicitudes conxuntas:

c.1) Coherencia xeral do proxecto (ata 25 puntos).

– Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participar no proxecto.

– Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

– Secuencia lóxica da intervención: situación da que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que se conta e os que terán que incrementar.

– Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

c.2) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado (ata 15 puntos).

c.3) Capacidade económica da entidade (ata 10 puntos):

– Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

– Achega financeira da entidade ao proxecto.

– Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

c.4) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 10 puntos).

c.5) Garantir o uso do galego na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación. Así mesmo, facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 10 puntos).

2. Solicitudes presentadas individualmente por concellos e entidades de acción voluntaria.

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

– Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participar no proxecto.

– Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

– Secuencia lóxica da intervención: situación da cal se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que se conta e os que terán que incrementar.

– Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

c) Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

– Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

– Achega financeira da entidade ao proxecto.

– Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

e) Garantir o uso do galego na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación. Así mesmo, facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

3. A diferente puntuación dos criterios avaliables varía segundo se trate de proxectos presentados por entidades locais agrupadas baixo calquera fórmula, ou unha entidade local resultado dunha fusión; ou ben que os proxectos sexan presentados individualmente por unha entidade local ou entidade de acción voluntaria pola necesidade de primar aos dous primeiros.

Artigo 10. Resolución

1. No prazo máximo de quince días desde que o órgano instrutor formule a proposta de resolución, o director xeral de Xuventude e Voluntariado ditará a correspondente resolución motivada, que lles será comunicada aos interesados.

2. O director xeral de Xuventude e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Se a resolución non é notificada aos interesados no prazo a que se refire o punto anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contrario se entenderá tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá do mesmo prazo de 10 días hábiles para proceder ao envío da relación nominal de persoas voluntarias participantes, que contará coa seguinte información: nome e apelidos dos voluntario/as, NIF de cada un deles/as, días de actividade (entre un mínimo de 15 e un máximo de 60), número de horas que farán ao día (ata completar xornadas de 6 horas) e cantidade total que correspondería a cada voluntario/a a razón de 6 euros por voluntario/a e día, onde un día será unha xornada de 6 horas. Á dita relación deberá xuntarse unha declaración responsable do/a representante legal da entidade de ter asinado con cada unha das persoas voluntarias o correspondente compromiso de colaboración.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 12. Xustificación da axuda concedida

1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda os beneficiarios procederán, ata o 20 de outubro de 2015, á xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión. Para isto, o beneficiario deberá presentar na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a seguinte documentación:

1.1. No caso de entidades de acción voluntaria:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.

b) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

c) Anexo II.

d) Anexo IV acompañado da seguinte documentación:

– Compromisos de colaboración dos/as voluntarios/as.

– Facturas orixinais dos gastos realizados. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, polo que todas as facturas deberán presentarse xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

– Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI e o concepto polo que se retribúe.

– Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

– Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, as entidades de acción voluntaria achegarán, necesariamente, as copias compulsadas das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. En canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto polo que se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

– Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do gasto, nas cales constará o nome do programa ou actividade, así como os datos persoais que identifiquen a persoa colaboradora.

– En canto aos fondos propios, de os haber, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

– Declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

1.2. No caso das entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a xustificar ante o órgano concedente:

– Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.

– Anexo II.

– Anexo III.

– Custo real do proxecto realizado, mediante a presentación dunha conta xustificativa que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Esta conta xustificativa conterá a seguinte documentación:

– Unha certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á:

a) Aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada o seguinte:

b) O cumprimento da finalidade da subvención.

c) O informe da Intervención da entidade local dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación:

– Identificación do/a acredor/a.

– Número de factura ou documento equivalente.

– Importe, data de emisión.

– Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.2.1. Para os efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considerase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

2. Os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 13. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 14. Pagamento da axuda

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50 % da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as que se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

Artigo 15. Pagamentos anticipados

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Artigo 17. Fiscalización e control

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 18. Reintegro das axudas ou subvencións

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

– Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención.

– Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na presente orde.

– Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.

– Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando derive a imposibilidade de alcanzar os obxectivos, sempre que afecten o modo en que se alcancen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 19. Publicidade

Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda

Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

Disposición adicional terceira

Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normas de aplicación.

Disposición adicional cuarta

Coa presentación da solicitude (anexo I) a/o beneficiaria/o dá a súa conformidade para que os datos facilitados para concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvencións, coas excepcións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file