Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 24 de abril de 2015 Páx. 15664

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de abril de 2015 pola que se regula a oferta de prazas para estadías e tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2015, e se procede á súa convocatoria.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexan reais e efectivas, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural.

Entre as competencias que lle corresponden á Consellería de Traballo e Benestar segundo o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica deste departamento, están as relativas ás políticas en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, tendo entre as funcións encomendadas o desenvolvemento de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, así como a promoción do envellecemento activo.

No marco desas competencias, e sendo conscientes de que na promoción da autonomía persoal, así como na prevención e na detección precoz da dependencia, están as claves para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, elaborouse a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia-Horizonte 2020, que vén complementar e a reforzar as actuacións que xa se estaban a levar a cabo en materia de envellecemento activo a través dos instrumentos de planificación que nestes anos vertebraron a actuación pública no ámbito das persoas maiores.

Esta estratexia ten entre os seus obxectivos fomentar a prevención da dependencia e a promoción da autonomía persoal, tanto no ámbito da promoción e mantemento como no de actividades de lecer e tempo libre, e así recolle entre as propostas de actuación as relativas á potenciación de programas de actividades de lecer, entre elas o programa de turismo termal. Así mesmo, preténdese impulsar unha maior concienciación social para que as persoas maiores que actualmente teñen autonomía persoal poidan mantela mediante a posta en práctica de hábitos de vida que lles faciliten un envellecemento activo e saudable.

Neste sentido cómpre tamén sinalar que o aumento da esperanza e da calidade de vida outorga ás persoas maiores un peso cada vez máis importante na sociedade e, polo tanto, estas persoas demandan a súa participación plena e activa nos distintos ámbitos da nosa sociedade.

En consecuencia, para facilitar o desenvolvemento e o mantemento das persoas nestas condicións, cómpre poñer á súa disposición actuacións que promovan e faciliten o acceso a actividades lúdicas, culturais e sociais, adaptadas ás características das persoas maiores coa finalidade de fomentar hábitos de vida saudables, actitudes de solidariedade e convivencia, o desenvolvemento de habilidades e relacións sociais e mais o intercambio de experiencias.

Neste marco encádrase o programa de termalismo Benestar en balnearios, en canto que os balnearios son espazos propicios para obter unha maior calidade de vida e, polo tanto, os tratamentos que neles se prestan contribúen a facer realidade a concepción que da saúde ten a Organización Mundial da Saúde: un estado de completo benestar físico, mental e social. Os tratamentos de prevención e rehabilitación que se realizan mediante o uso terapéutico das augas mineiromedicinais son unha práctica moi antiga, á cal se foron incorporando técnicas complementarias de diferentes ámbitos buscando unha maior eficacia nos tratamentos, e o colectivo das persoas maiores é un dos que máis beneficios pode obter de tales prácticas, dado que, a medida que avanza a idade, tenden a aparecer determinadas patoloxías que poden mellorar notablemente despois de recibir un tratamento termal.

Por esta razón, as persoas maiores, cada vez máis, manifestan o seu desexo de pasar un período de vacacións nun establecemento termal, onde o tratamento propiamente dito, xunto co descanso e a relación social, lles proporcionan unha melloría na súa saúde e benestar e, en definitiva, unha mellor calidade de vida.

Debido aos cambios que a sociedade experimentou desde que o programa de termalismo se puxera en marcha nesta comunidade autónoma, e para procurar un mellor servizo ás persoas maiores, así como garantir a mellora da súa calidade de vida, cómpre unha regulación que se axuste e dea resposta a eses cambios e ás necesidades que deles foron xurdindo.

Conforme o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a conselleira de Traballo e Benestar, conforme as facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é a oferta de prazas para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2015 e proceder á súa convocatoria.

2. Para tal efecto enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as ou persoas tuteladas que acudan en calidade de acompañantes.

d) Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, en fase activa, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

2. A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou persoa con análoga relación de convivencia, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a).

3. Tamén poderán participar os/as fillos/as ou persoas tuteladas polas persoas solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando o poidan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se poidan desprazar con autonomía, compartan o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpran os requisitos citados anteriormente, excepto o da letra a). Neste suposto, terán que cubrir os seus datos na epígrafe correspondente da solicitude presentada polas persoas proxenitoras ou titoras.

4. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

5. Ningunha persoa solicitante poderá figurar en máis dunha solicitude.

Artigo 3. Prazas e quendas convocadas

1. Convócanse 600 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios da Xunta de Galicia 2015, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo III da presente orde.

2. As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as doce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de xuño e o de decembro de 2015.

Artigo 4. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo III, que comprenderán:

– O recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.

– O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.

– O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houbese dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarase á quenda.

3. As persoas beneficiarias que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer polos seus propios medios e ao seu cargo.

4. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o balneario, se for o caso.

Artigo 5. Prezo das prazas

1. O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda para cada balneario, figura no anexo III.

O dito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda, sen que proceda efectuar ningunha dedución se por calquera causa imputable á persoa beneficiaria esta non goza da totalidade dos ditos servizos.

2. A Consellería de Traballo e Benestar contribuirá ao financiamento do prezo da estadía cunha achega media dun 20 % do custo da praza en cada establecemento termal e o resto do importe ata completar o custo da praza será por conta da persoa beneficiaria.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

As solicitudes formularanse no modelo oficial que se indica no anexo I desta orde e no anexo II, cando proceda, e xuntarse a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia ou do documento acreditativo da tutela, no caso de que a persoa solicitante queira acudir ao programa acompañada dun/dunha fillo/a ou tutelado/a.

b) Copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) ou ben do pasaporte ou do número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, só no caso de non autorizar a súa consulta.

c) Copia do certificado de empadroamento, emitido polo concello correspondente, que acredite a residencia nun municipio da Comunidade Autónoma no momento de presentar a solicitude, só no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude. No caso de estar exento da declaración do imposto da renda das persoas físicas, copia do certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante e acompañante ou declaración responsable de non percibilas, só no caso de non autorizar a súa consulta.

e) Certificado do grao de discapacidade do/da fillo/a ou tutelado/a pola persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. Os servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar realizarán de oficio cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos que constan na solicitude e que se exixen nesta orde.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na presente orde, requirirán as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Cando as persoas interesadas non cumpran os requisitos establecidos no artigo 2 desta orde ou non presenten a documentación requirida, se for o caso, será o/a xefe/a territorial quen emita a resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas, ou de arquivo por desistencia, segundo proceda.

4. Nos expedientes que estean completos será o Servizo de Prevención da Dependencia da Secretaría Xeral de Política Social o que continúe coa instrución e procederá á súa remisión á comisión encargada da valoración.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. Constituirase na Secretaría Xeral de Política Social unha comisión de valoración para estes efectos que, de acordo cos criterios de baremación establecidos no anexo IV da presente orde, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da baremación efectuada.

2. A Comisión de Valoración estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a, pola persoa titular do Servizo de Prevención da Dependencia e por dúas persoas do dito servizo; unha das cales actuará como secretario/a e procurará acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres. A Comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna, será substituída pola persoa funcionaria designada para estes efectos por quen exerza a Presidencia.

3. Avaliadas as solicitudes, seguindo os criterios establecidos no anexo IV desta orde, a Comisión de Valoración emitirá un informe con base no cal o Servizo de Prevención da Dependencia, nas súas competencias como órgano instrutor, elevará ao órgano competente unha proposta de resolución. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para a concesión de praza, ata esgotar o número de prazas ofertadas. O resto das solicitudes que, reunindo os requisitos e por puntuación, non obteñan praza quedarán en reserva para ser atendidas no suposto de quedaran prazas vacantes por producirse algunha renuncia.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que desde a Secretaría Xeral de Política Social se notificase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas peticións por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 44.1 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Nas resolucións de concesión indicarase o balneario e quenda en que se lle outorga praza, o custo e o importe que deberá pagar en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Confirmación das prazas e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a concesión da praza, para poder facer uso dela, as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, e no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación xunto co xustificante de ter remitido á dirección do balneario, por xiro postal ou outros medios, a cantidade de 30 euros en concepto de reserva de praza.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, non se formalizará a adxudicación definitiva da praza e entenderase que se renuncia a ela, e esa praza vacante poderáselle outorgar a outra persoa da lista de espera.

Ningunha persoa solicitante que se beneficiase dalgunha quenda deste programa poderá participar en ningunha outra, nin en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza para a cal non houbese ningunha outra persoa adxudicataria.

Artigo 14. Listas de espera

As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2 desta orde, non obteñan praza quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, http://benestar.xunta.es , e serán chamadas por rigorosa orde de puntuación, segundo se vaian producindo vacantes.

Artigo 15. Forma de pagamento das prazas

As persoas que formalizasen a súa adxudicación definitiva aboarán directamente no balneario, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a praza e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva de praza.

Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar irá efectuando o aboamento do importe establecido para cada un dos establecementos termais unha vez que estes presenten as correspondentes facturas de ter prestado o servizo nos termos acordados.

Artigo 16. Devolución do importe da praza

O importe aboado en concepto de reserva de praza non se lle devolverá á persoa adxudicataria da praza en ningún caso.

No caso de que a persoa beneficiaria abandonase a estadía unha vez iniciada, sexa cal fose motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.

Artigo 17. Perda da condición de persoa beneficiaria do programa

Ademais das circunstancias establecidas no artigo 10 desta orde, se non se confirma a adxudicación da praza concedida, tamén perderán a condición de persoas beneficiarias do programa aquelas que non aboen ao establecemento termal, ao comezar a quenda, o resto da cantidade estipulada para a praza que se lles outorgou.

A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para a obtención das prazas reguladas pola presente orde implicará a cancelación da praza obtida, no suposto de que non se participase na quenda, ou a obriga, por parte da persoa interesada, de aboar o prezo real da praza, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozase da quenda.

Artigo 18. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Actividades dirixidas á cidadanía», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da citada consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social para resolver a concesión ou denegación das solicitudes de participación no programa de Benestar en balnearios previsto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO III

Destinos

Indicacións terapéuticas

Datas e quendas

Prezo
da praza

Balneario de Acuña (Caldas de Reis)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 17 ao 26 de xuño

377,50 €

Do día 30 de setembro ao 9 de outubro

Caldaria Termal, S.L.U. Arnoia (Arnoia)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 7 ao 16 de xullo

377,50 €

Hotel balneario Augas Santas, S.L.U. (Ferreira de Pantón)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas, circulatorias e con efectos relaxantes

Do día 6 ao 15 de xullo

398,61 €

Baños da Brea, S.L. (Vila de Cruces)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 22 de xuño ao 1 de xullo

377,50 €

Do día 2 ao 11 de xullo

Balneario de Molgas, S.L. (Baños de Molgas)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias, reumatolóxicas, renais e sistema nervioso

Do día 3 ao 12 de xullo

316,64 €

Do día 14 ao 23 de setembro

Balneario de Caldelas, S.L. (Tui)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 28 de setembro ao 7 de outubro

316,64 €

Gran Balneario do Carballiño (O Carballiño)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 18 ao 27 de xuño

316,64 €

Do día 15 ao 24 de setembro

Baños Viejos de Carballo, S.A. (Carballo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 6 ao 15 de xullo

377,50 €

Do día 18 ao 27 de xullo

Do día 17 ao 26 de setembro

Termas de Cuntis, S.L. (Cuntis)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 22 de xuño ao 1 de xullo

398,61 €

Do día 1 ao 10 de xullo

Do día 22 de setembro ao 1 de outubro

Do día 1 ao 10 de outubro

Caldaria Termal, S.L.U. Laias (Cenlle)

Reumatolóxicas

Do día 25 de xuño ao 4 de xullo

398,61 €

Caldaria Termal, S.L.U. Lobios (Lobios)

Reumatolóxicas

Do día 13 ao 22 de outubro

377,50 €

Balnerario do Río Pambre, S.L. (Palas de Rei)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 16 ao 25 de xuño

377,50 €

Balneario Termas de Lugo, S.L.

(Lugo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 23 de xuño ao 2 de xullo

398,61 €

Do día 3 ao 12 de xullo

Do día 13 ao 22 de xullo

Do día 23 de xullo ao 1 de agosto

Do día 25 de agosto ao 3 de setembro

Do día 4 ao 13 de setembro

Anexo IV
Baremo

Para a súa aplicación non se teñen en conta os datos relativos ao/á fillo/a ou persoa tutelada acompañante.

1. Idade: máximo 10 puntos.

Con menos de 65 anos: 2 puntos.

Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.

Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.

Con 85 ou máis anos: 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

2. Situación económica: ingresos mensuais líquidos: máximo 40 puntos.

Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 428,05 €: 40 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 428,06 e 654,27 €: 30 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 654,28 e 740,25 €: 20 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 740,26 e 913,38 €: 10 puntos.

Con ingresos mensuais superiores a 913,38 €: 0 puntos.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas solicitantes ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividido entre 12 meses.

En caso de empate daráselle prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file