Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 30 de abril de 2015 Páx. 16761

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 24 de abril de 2015 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia nas eleccións convocadas para o día 24 de maio de 2015 polo Real decreto 233/2015, do 30 de marzo.

Convocadas eleccións locais para o 24 de maio de 2015 mediante o Real decreto 233/2015, do 30 de marzo (BOE núm. 77, do 31 de marzo), é preciso adoptar as medidas oportunas para facilitar o exercicio dos dereitos e deberes do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 14 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

DISPÓN:

Primeiro.

1. O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 24 de maio de 2015, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

2. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atopará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Segundo.

1. O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e os/as que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados/as teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

3. A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderados/as, realizarase mediante a achega da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal.

Terceiro.

O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidato/a ás eleccións que terán lugar o vindeiro 24 de maio poderá ser dispensado, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é dicir, desde as cero horas do venres 8 de maio de 2015 ata as vinte e catro horas do venres 22 de maio de 2015. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería.

Cuarto.

As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos as persoas afectadas por esta orde exixiranlles a estas os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda