Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 5 de maio de 2015 Páx. 17460

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2015.

As orientacións da política agrícola común avanzan en darlles resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimular a adaptación á produción primaria neste sentido.

No ano 2006 entrou en vigor a nova regulamentación comunitaria en materia de hixiene alimentaria que consagra a responsabilidade, na produción de alimentos seguros, dos distintos axentes da cadea alimentaria. En concreto, e no ámbito da produción leiteira, o Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal (DOCE núm. L 139, do 30 de abril) establece as normas xerais e específicas relativas á hixiene da produción de leite.

No citado regulamento establécense os requisitos que debe cumprir o leite cru no momento da súa recollida nas explotacións, así como a obriga dos centros de recollida, centros de normalización, establecementos de tratamento e establecementos de transformación de comunicar aos órganos competentes aqueles casos en que o leite cru recollido nas explotacións non alcance os niveis mínimos de calidade.

Por isto, considérase imprescindible orientar os programas actuais cara á consolidación de sistemas de manexo e control que permitan evidenciar nas explotacións o desenvolvemento de prácticas correctas para a produción láctea.

Por outra banda, cómpre fomentar aquelas iniciativas que establezan programas de aseguramento da calidade asimilables a sistemas de análise de perigos e puntos críticos de control en explotacións que permitan a súa certificación por entidades acreditadas de control e certificación dos alimentos.

Tendo en conta que o destinatario final destas axudas é o produtor de leite, as axudas axústanse ao disposto no Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

O Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións, e a súa certificación externa.

Posteriormente este real decreto modificouse con data 10 de xullo de 2010 a través do Real decreto 901/2010, do 9 de xullo, no relativo aos prazos mínimos para alcanzar a condición de explotación certificada nos programas de certificación externa, así como a obtención de axudas para o dito proceso.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva para a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene en gandarías dedicadas á produción láctea procedente de vacún, ovino e cabrún, e a súa certificación externa. As guías que se implantarán serán as publicadas na páxina web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:

http://www.magrama.gob.es/es/ganaderia/legislacion/gu%C3%ADa_pch_vacuno_leche_tcm7-5893.pdf

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar:

http://www.medioruralemar.xunta.es/

3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as axudas para o ano 2015.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde entenderase como:

a) Central de compras: aquelas figuras definidas no artigo 2.g) 1.º, 2.º, 3.º e 4º do Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea, respecto do leite de vaca, así como os centros de recollida e de transformación de leite de ovella e de cabra.

b) Centros de recollida e de transformación de leite de ovella e de cabra: empresa ou agrupación de empresas que compren leite cru de ovella ou de cabra procedente de produtores instalados en territorio español.

c) Contrato de subministración: aquel contrato homologado conforme a Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios.

d) Equipo técnico: conxunto de profesionais que, en nome propio, ou dunha persoa xurídica, privada ou pública, e contando coa experiencia, cualificación e medios necesarios, a xuízo da autoridade competente, desenvolve con imparcialidade as tarefas de asesoría que son obxecto de subvención mediante esta orde, baixo a dirección técnica dun licenciado en veterinaria. O equipo técnico deberá estar formado por:

– Controladores autorizados pola Consellería do Medio Rural e do Mar para a revisión dos equipamentos de muxidura.

– Controladores autorizados pola Consellería do Medio Rural e do Mar ou titulados FP2 rama frigoristas, para a revisión de tanques de frío.

– Veterinarios, enxeñeiros agrónomos ou enxeñeiros técnicos agrícolas para os labores de asesoramento técnico.

e) Guía de prácticas correctas de hixiene: documento director do aseguramento para a mellora integral da calidade do leite de explotación, definida por especie leiteira.

f) Programa: serie ordenada de operacións necesarias para levar a cabo a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene.

Artigo 3. Liñas de axuda

1. As liñas de axuda serán as seguintes:

a) Axudas para asesoramento técnico básico na implantación das guías, mediante a aplicación dos programas correspondentes.

b) Axudas para a certificación externa da implantación das guías, levada a cabo igualmente mediante os correspondentes programas. Esta liña de axudas incluirá un proceso de asesoramento técnico intensivo previo ao procedemento de certificación externa.

2. Nas dúas liñas de axudas os labores de asesoramento deberán estar repartidos de xeito equilibrado entre todas as epígrafes correspondentes ás diferentes materias que inclúen as guías.

3. Quedan excluídos destas axudas os gastos vinculados á transformación ou comercialización do leite e os produtos lácteos.

4. As axudas unicamente poderán ser concedidas respecto ás actividades emprendidas ou realizadas con posterioridade á presentación das solicitudes e deberán axustarse ao prazo establecido nesta convocatoria.

5. As axudas concederanse en especie mediante servizos subvencionados e non poderán consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas: as centrais de compra, as cooperativas e sociedades agrarias de transformación que teñan entre os seus obxectivos a comercialización ou a transformación de leite de vaca, ovella ou cabra, e as agrupacións e as asociacións de produtores de leite (en diante «entidades») de acordo co establecido no artigo 20 do Regulamento (CE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Levar a cabo a actividade subvencionable sinalada no artigo 3.1., letras a) ou b), nun grupo de titulares de explotacións incluídas nun mesmo programa, contando coa autorización para tal fin dos titulares de cada explotación.

b) Excluír de todos os programas as explotacións gandeiras que deixen de cumprir algún dos requisitos que establece o Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, e comunicalo á autoridade competente nun prazo de dous meses desde a exclusión.

c) Cumprir os requisitos legais e regulamentarios en materia de rastrexabilidade, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

d) Cumprir o exixido, nas normas ou programas complementarios establecidos, se é o caso, pola autoridade competente.

e) Ademais, no caso das centrais de compra deberán realizar un pagamento diferencial positivo por parámetros de calidade hixiénico-sanitaria do leite cru por riba do imposto pola normativa vixente. Este pagamento diferencial poderá establecerse incluíndo, adicionalmente, aspectos ambientais, de benestar animal e de persoal da explotación, con exixencias superiores ás establecidas na normativa, ou na guía.

f) Adicionalmente, en caso de centrais de compra de leite de vaca, deberán:

1º Cumprir coas obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria (sen prexuízo da desaparición do sistema de cotas desde o 31 de marzo de 2015).

2º Analizar as mostras de leite nun laboratorio de análise, rexistrado conforme o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.

2. As entidades poderán presentar simultaneamente a solicitude de axudas para un programa de asesoramento e/ou para outro de certificación externa.

No caso dos programas correspondentes á liña de axudas establecidas no artigo 3.1.a), o programa incluirá o cen por cento das explotacións que son subministradoras de leite da entidade beneficiaria. Tamén poderá incluír, xunto a estas, outras que non sexan subministradoras da devandita entidade, pero que se comprometan a participar no programa xestionado por esta, agás ás que xa estean incluídas noutro programa, mediante o cal se soliciten estas axudas.

3. Os destinatarios últimos destas axudas son os titulares de explotacións produtoras de leite de vacún ou de ovino ou cabrún que teñan a cualificación de pequena e mediana empresa segundo o disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e que, autorizando a unha entidade a súa inclusión no seu programa, segundo se establece no número 1.a), cumpran os seguintes requisitos:

a) Non ter cometido unha infracción sancionada en firme en vía administrativa pola autoridade competente, nos 12 meses previos á resolución da axuda, por incumprimento da normativa vixente.

b) Cumprir cos requisitos legais e regulamentarios en materia de rastrexabilidade e de identificación animal, así como de benestar e de sanidade animal.

c) Non ter a consideración de empresa en crise.

d) Así mesmo, en caso de ser titulares de explotacións de vacún leiteiro, deberán analizar as mostras de leite nun laboratorio de análise, rexistrado conforme o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.

4. Non poderán estar incluídos nos programas obxecto das axudas previstas nesta orde aquelas explotacións que incumpran calquera dos compromisos e requisitos a que se refire este artigo no ano anterior á solicitude.

5. Sen prexuízo do anterior, establécense as seguintes limitacións:

a) As explotacións unicamente poderán estar incluídas nun programa, xa sexa o establecido na letra a) ou na b) do artigo 3.1.

b) Os titulares das explotacións incluídas nos programas de referencia, deberán permanecer no mesmo programa como mínimo ata que finalice o ano para o cal se solicitou. Isto non será exixible no caso de que exista unha renuncia expresa do titular.

6. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde, as persoas ou entidades:

a) Que estean en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

c) Que teñan a consideración de empresa en crise.

Artigo 5. Contía, compatibilidade e límites das axudas

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra que para o mesmo obxecto ou finalidade establezan outros entes públicos ou privados, locais, autonómicos, nacionais ou internacionais.

2. A contía das axudas non poderá superar os seguintes límites, sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias:

a) Para o programa de implantación das guías, o 50 por cento dos custos subvencionables descritos no artigo 7, cos límites descritos no punto 4 do presente artigo.

b) Para o programa de certificación:

– O 70 por cento dos custos subvencionables descritos no artigo 7.

– O 25 por cento dos custos subvencionables descritos nas letras b) e c) do número 1 do artigo 9.

3. Porén, poderá subvencionarse o 70 por cento dos custos descritos no artigo 7 naqueles programas de gando ovino e cabrún en que todas as explotacións participantes no programa teñan todos os seus animais adultos identificados conforme o que se establece no Real decreto 947/2005, do 29 de xullo, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.

4. Así mesmo, as axudas axustaranse ás seguintes limitacións:

As accións descritas no artigo 7 ateranse ás seguintes limitacións de contía máxima:

a) Para gastos de asesoramento técnico ao gandeiro: 200 euros por explotación para os gastos de servizos ligados ás accións de asesoramento de implantación das guías.

b) Para gastos derivados do control efectuado nas visitas realizadas polo equipo técnico: 25 euros por punto de muxidura controlada e 30 euros por tanque refrixerante; só se admitirá un tanque de frío por explotación.

As accións descritas no artigo 9 ateranse ás seguintes limitacións de contía máxima:

a) Os gastos de servizos e persoal técnico de asesoramento, de xestión e formación para a certificación da guía serán, como máximo, de 700 euros por explotación.

b) Os gastos derivados das accións da empresa certificadora poderán ser como máximo de 200 euros por explotación.

Artigo 6. Contido e requisitos mínimos do Programa para a implantación da guía mediante asesoramento técnico

O Programa de asesoramento para a implantación da guía, establecido no artigo 3.1.a), comprenderá como mínimo os seguintes aspectos:

1. Documentación.

a) Unha memoria técnica que recolla os seguintes puntos:

1º. Obxectivos que se pretenden acadar coa aplicación do programa.

2º. Relación das explotacións integrantes ou subministradoras sobre as cales se vai desenvolver o programa.

3º. Duración do programa.

4º. Sistema de seguimento e verificación da evolución do programa: describiranse os métodos ou procedementos empregados para validar a adecuación e o cumprimento do programa.

5º. Sistema de implantación das medidas correctoras: describiranse as accións que se adoptarán cando a vixilancia do programa indique algún fallo para acadar os obxectivos definidos.

6º. Orzamento do programa por cada unha das liñas de actuación.

7º. Descrición do sistema de pagamento diferencial positivo (de ser o caso).

8º. Identificación e honorarios do equipo técnico, farase constar:

– Relación dos técnicos que participan en cada unha das liñas de actuación do programa, identificando a persoa que se encargará da dirección técnica do programa e cuxa titulación será de licenciado en Veterinaria.

– Xustificantes da titulación académica, formación e experiencia de cada un dos técnicos.

– Empresa para a cal traballan os técnicos, se é o caso.

– Fotocopia compulsada dos contratos cos técnicos ou, se é o caso, coa empresa para a cal traballan, en que se especifiquen os traballos contratados e o sen custo.

b) Un documento, por cada explotación produtora de leite, que conteña:

1º. Un informe sobre a situación de partida da explotación. No caso de programas que presenten un número de explotacións superior a 20, o informe presentarase por grupos de explotacións, atendendo á situación de cada grupo referida ás guías de prácticas correctas de hixiene. Poderase presentar por grupo de explotacións que presenten similitudes no sistema de produción.

2º. Os obxectivos do programa baseados no estado inicial. Como no punto anterior, tamén se pode presentar por grupo de explotacións atendendo á situación de cada grupo.

c) O cronograma anual do equipo técnico coas visitas que se van realizar, de acordo co establecido na presente orde.

2. Visitas do equipo técnico:

O programa incluirá polo menos dúas visitas do equipo técnico de asesoramento a cada explotación.

a) Unha primeira visita, que servirá de rexistro da situación de partida para o establecemento dos obxectivos do programa, e na cal se comprobará o nivel de cumprimento da guía.

Para a avaliación das condicións de produción de leite cru de vaca debe ser utilizado o modelo normalizado de enquisa a que fan referencia as guías sinaladas no artigo 1. Para programas de ovino e cabrún debera ser utilizado un modelo único durante todo o programa.

b) Unha segunda visita, onde se comprobará a evolución e o grao de consecución dos obxectivos establecidos no programa.

c) O número máximo de explotacións de vacún de leite asesoradas por un técnico é de 150.

d) O equipo técnico manterá en cada explotación integrante dos programas un rexistro actualizado de persoal e visitas relacionadas co nivel de cumprimento das guías.

3. A revisión e a valoración do funcionamento da máquina de muxidura e do tanque de refrixeración.

a) No caso de control de instalacións de muxidura:

1º. Serán realizados por técnicos autorizados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

2º. A realización da testaxe conterá un cálculo da instalación necesaria para comprobar en cada explotación que esta cumpre cos mínimos requiridos de acordo coa norma UNE 68050/98. Realizarase a continuación a testaxe da instalación segundo os requirimentos da dita normativa, deixando constancia documental da realización do control. Non se admitirán como válidas as revisións realizadas por anteriores normativas.

As copias destas revisións serán conservadas nas entidades e nas explotacións, á disposición da Consellería do Medio Rural e do Mar, e servirán como xustificación da realización da actividade.

3º. Será obrigatoria a gravación das testaxes de puntos de muxidura no programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

b) No caso de control de equipamentos de refrixeración de leite:

1º. Deberá ser realizado por técnicos autorizados pola Consellería do Medio Rural e do Mar, ou titulados en FP2 rama frigoristas, baixo a normativa correspondente, e deixando constancia documental da realización do control.

As copias destas revisións serán conservadas nas entidades e nas explotacións, á disposición da Consellería do Medio Rural e do Mar, e servirán como xustificación da realización da actividade.

2º. Será obrigatoria a gravación das testaxes de tanques de frío no programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

4. Ao remate do programa anual o equipo técnico deberá emitir un informe por explotación, onde quede reflectido o estado inicial e o estado final, o grao de cumprimento da guía de boas prácticas, e o cronograma de visitas e actuacións realizado. Este informe deberá estar incluído na memoria xustificativa de actividades da entidade.

No caso de programas que presenten un número de explotacións superior a 20, este informe final presentarase por grupos de explotacións con características representativas do colectivo de explotacións incluídas no programa, atendendo á situación de cada grupo referida ás guías de prácticas correctas de hixiene.

Artigo 7. Custos subvencionables do Programa para a implantación da guía mediante asesoramento técnico

1. Poderán concederse as axudas para sufragar os custos das actividades de asesoramento técnico sinaladas no artigo 3.1.a), sempre que garden relación coa implantación da guía de prácticas correctas de hixiene e que revertan na mellora integral da calidade do leite cru.

2. As axudas non poderán consistir en pagamentos directos en efectivo ao produtor.

3. Serán custos subvencionables:

a) Gastos do asesoramento técnico ao gandeiro.

b) Gastos derivados do control efectuado nas visitas realizadas polo equipo técnico.

4. Quedan expresamente excluídos os seguintes custos:

a) Os derivados do funcionamento habitual das explotacións.

b) Os derivados das análises de mostras de leite realizadas polo propio produtor ou pola entidade, entre os cales se inclúen os controis habituais da calidade do leite, e aqueles para os que a normativa comunitaria dispoña que o custo dos controis debe ser por conta dos produtores.

c) Os medios de transporte de calquera índole ou sistema de adquisición destes.

5. Excluiranse destas axudas os custos correspondentes á execución da actividade subvencionable en explotacións nas cales se dea calquera destas circunstancias:

a) No caso de explotacións produtoras de leite de vaca, ter superado no ultimo trimestre de 2014 a media xeométrica de 85.000 colonias de xermes a 30º C.

b) No caso de explotacións produtoras de leite de ovino ou cabrún, ter superado no último trimestre de 2014 a media xeométrica de 1.200.000 colonias de xermes a 30º C. Esta valoración realizarase cos resultados dos laboratorios de análise das mostras de autocontrol tomado da explotación.

Artigo 8. Requisitos do Programa para a certificación externa do cumprimento da guía con asesoramento técnico

1. Todo programa para a certificación externa para a implantación das guías, establecido no artigo 3.1.b), deberá incluír unha primeira fase de asesoramento técnico dunha duración máxima de dous anos e outra posterior de certificación.

2. Aqueles destinatarios destas subvencións que xa tivesen implantadas nas súas explotacións as guías de prácticas correctas de hixiene, poderán acollerse a un programa de certificación externa que non inclúa unha fase previa de asesoramento técnico.

Para iso, será imprescindible que o beneficiario do mencionado programa estea en condicións de implantar a certificación desde o primeiro ano de aplicación do programa.

3. Como conclusión do programa satisfactoriamente realizado, os titulares das explotacións obterán un certificado do cumprimento do documento normativo ou do grao de evolución que deberá ser emitido por un organismo independente de control, que debe cumprir cos requisitos establecidos no artigo 10.

4. O programa de certificación externa deberá incluír:

a) A información incluída no artigo 6.

b) Un documento en que se establezan os requisitos que se deben cumprir para a certificación externa.

c) Un plan de controis acordado pola entidade cos titulares das explotacións.

d) Un documento de xestión da calidade con, polo menos, os seguintes procedementos escritos:

1º. Sistema e obxectivos do autocontrol.

2º. Sistema de seguimento e verificación da evolución.

3º. Plan de continxencia, no caso de non cumprimento das especificacións do proceso ou do produto por unha ou máis explotacións.

4º. Método e motivos de exclusión dunha ou varias explotacións.

5º. Método de incorporación de novas explotacións.

6º. Listaxe de rexistros a realizar en cada explotación.

7º. Sistema de implantación de medidas correctoras.

e) Un documento elaborado pola entidade de certificación con, polo menos, a seguinte información:

1º. Cronograma anual das visitas que se van realizar pola entidade de certificación, de acordo coa guía e as liñas de traballo que hai que verificar.

2º. Procedemento de mostraxe de explotacións.

3º. Programa de control da entidade de certificación sobre a explotación.

4º. Tarifas da entidade de certificación para ese programa.

5. De maneira opcional, o programa poderá incluír ademais unha serie de características que permitan achegar valor engadido do proceso ou do produto. Estas serán características que deben acadarse no proceso ou no produto por riba das establecidas nas guías para poder acceder á certificación externa, e manterse en estado de conformidade.

6. Unicamente se poderá incluír información adicional ao leite ou produtos lácteos mediante etiquetaxe facultativa, no caso de que se inclúan no proceso de certificación características que permitan achegar valor engadido ao produto, sempre e cando se cumpra o que se establece no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, polo que se aproba a Norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios.

Artigo 9. Custos subvencionables dos programas para a certificación externa da implantación das guías de prácticas correctas de hixiene

1. Serán custos subvencionables dos programas para a certificación externa da implantación das guías de prácticas correctas de hixiene, os seguintes:

a) Os sinalados no artigo 7.

b) As tarifas da entidade de certificación para estes programas.

c) Formación ao titular da explotación en sistemas de autocontrol e certificación externa.

2. Durante os dous primeiros anos desde a presentación da solicitude da axuda para a certificación, subvencionaranse ata o 70 por cento dos gastos incluídos no artigo 7. Durante os tres anos seguintes, subvencionaranse ata o 70 por cento dos gastos do artigo 7 e ata o 25 por cento dos gastos incluídos nas letras b) e c) do punto 1 do presente artigo.

3. Quedan expresamente excluídos os pagamentos directos en efectivo ao produtor.

4. Adicionalmente ao cumprimento do que se establece no artigo 7.5, excluiranse os custos correspondentes aos beneficiarios que non obteñan o certificado de conformidade establecido no artigo 8.2.

Artigo 10. Requisitos do organismo independente de control

O organismo independente de control deberá estar acreditado cunha antigüidade mínima dun ano, por unha entidade de acreditación das regradas no capítulo II, sección 2, do Regulamento de infraestrutura para a calidade e seguridade industrial aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, ou, se é o caso, por calquera outro organismo de acreditación asinante do Acordo multilateral de recoñecemento da European Co-operation for Accreditation (EA), conforme a norma UNE-EN 45011, relativa ás exixencias que teñen que observar os organismos de control e certificación de produtos no ámbito agroalimentario, así como estar acreditado especificamente cun alcance que cubra a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene.

Artigo 11. Criterios obxectivos para o outorgamento da subvención

1. Na concesión das subvencións previstas nesta orde valoraranse as solicitudes de acordo co baremo seguinte:

a) Programa con, polo menos, o 50 por cento das explotacións incluídas en zonas rurais prioritarias, de acordo coa Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural: 2 puntos.

b) Entidade que sexa unha sociedade agraria de transformación ou unha cooperativa: 1 punto.

c) Programa que inclúa máis do 50 por cento das explotacións con contrato homologado de subministración de leite no momento da solicitude da axuda: 4 puntos.

d) Programas de certificación realizados no ano 2013: 1 punto.

e) Programa de certificación en que, polo menos, o 50 por cento das explotacións recibiron a certificación externa no ano 2014: 1 punto.

f) Programa de certificación en que, polo menos, o 80 por cento das explotacións recibiron a certificación externa no ano 2014: 1 punto.

Os puntos destas tres últimas epígrafes son acumulativos.

2. Ante igualdade na puntuación, priorizaranse aqueles programas que cumpran o que se establece no número 1 c) deste artigo, e no caso de persistir esta igualdade, priorizaranse os programas de certificación e finalmente os programas por volume de leite.

3. As autoridades competentes ordenarán as solicitudes segundo o baremo establecido neste artigo, e atenderán ás de superior puntuación en función da dispoñibilidade orzamentaria, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 12. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou do seu representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. No caso de solicitar máis dun programa obxecto da axuda, as entidades deberán presentar unha solicitude para cada un deles. Coa solicitude incluiranse polo menos, os datos establecidos no anexo I A e/ou I B.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 13. Documentación

As solicitudes presentaranse por programa, segundo os anexos I A (MR403A) e/ou I B (MR403B), xunto coa da seguinte documentación:

1. Para o programa de implantación das guías, (anexo I A):

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

b) Acreditación da representatividade do solicitante.

c) Memoria pormenorizada do programa establecido no artigo 6.

d) Relación dos produtores que realicen o programa, que conterá o nome do titular, o seu NIF e o REGA, segundo o anexo II.

e) Unha base de datos informática coa estrutura indicada no anexo IV, antes de iniciar a execución do programa, na cal se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

f) Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo III A.

De acordo co artigo 4, número 2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e non terán a obriga de presentar os documentos das letras a) e b) que xa fosen presentados.

Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. Para programas de certificación externa da guía, (anexo I B), presentarase a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

b) Acreditación da representatividade do solicitante.

c) Memoria pormenorizada do programa establecido no artigo 6.

d) Relación dos produtores que realicen o programa, que conterá, o nome do titular, o seu NIF e o REGA, segundo o anexo II.

e) Unha base de datos informática coa estrutura indicada no anexo IV, antes de iniciar a execución do programa, na cal se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

f) Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo III B.

g) Un documento en que se establezan os requisitos que se deben cumprir para a certificación externa.

h) Un plan de controis acordado pola entidade cos titulares das explotacións.

i) Un documento de xestión da calidade con, polo menos, os seguintes procedementos escritos:

1º. Sistema e obxectivos do autocontrol.

2º. Sistema de seguimento e verificación da evolución.

3º. Plan de continxencia, no caso de non cumprimento das especificacións do proceso ou do produto por unha ou máis explotacións.

4º. Método e motivos de exclusión dunha ou varias explotacións.

5º. Método de incorporación de novas explotacións.

6º. Listaxe de rexistros que hai que realizar en cada explotación

7º. Sistema de implantación de medidas correctoras.

j) Un documento elaborado pola entidade de certificación con, polo menos, a seguinte información:

1º. Cronograma anual das visitas que realizará a entidade de certificación, de acordo coa guía e as liñas de traballo que hai que verificar.

2º. Procedemento de mostraxe de explotacións.

3.º Programa de control da entidade de certificación sobre a explotación.

4º. Tarifas da entidade de certificación para ese programa.

Artigo 14. Consentimentos e autorización

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán ir acompañadas dos documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

De haber discordancia entre os datos facilitados polo interesado/a e os que consten no acceso informático que se estableza, o órgano competente poderá realizar as actuacións necesarias para a súa aclaración.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e a tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría, que emitirá un informe que conterá unha relación dos solicitantes para os cales se propón a concesión de subvención e a contía, así como daqueles para os cales se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe a directora xeral de Produción Agropecuaria elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. A resolución do expediente correspóndelle ao secretario xeral do Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. As resolucións serán notificadas ás persoas interesadas, segundo o previsto na normativa vixente. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 16. Recursos administrativos

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 17. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Os beneficiarios das axudas previstas nesta orde xuntarán, no momento de calquera xustificación da execución total ou parcial do proxecto e, en todo caso, antes de calquera pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas conforme o sinalado nos anexos I-A ou I-B, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 18. Control da execución dos programas

1. O control da execución dos programas será levado a cabo pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. O control administrativo farase sobre a totalidade dos expedientes, mentres que o control sobre o terreo abranguerá a totalidade das entidades beneficiarias. Inspeccionarase un mínimo do 2 % das explotacións de cada entidade, e nunca un número inferior a dúas explotacións por entidade.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Establécese un sistema de penalización nos pagamentos finais da axuda do 5 por cento por cada acción declarada que se demostre non realizada de acordo co plan de inspeccións dos programas, entendéndose por acción declarada calquera das descritas no artigo 6 e 8 da presente orde.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das axudas percibidas por cada beneficiario supere os máximos previstos nesta orde ou na normativa comunitaria aplicable, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde, ata respectar o devandito límite.

Artigo 20. Incumprimento e reintegro

1. O incumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, dará lugar á perda do dereito á subvención concedida, coa obrigación de reembolsar as cantidades, se é o caso, percibidas, incrementadas cos xuros de demora legais.

2. En caso de incumprimentos parciais relativos ás actividades subvencionables, procederase á redución proporcional das subvencións concedidas ou aboadas.

3. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora devindicados desde o seu pagamento nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no seu réxime de infraccións e sancións.

Artigo 21. Prazo de realización das actuacións e xustificacións

1. As actuacións incluídas nos programas solicitados ao abeiro desta orde de axudas, rematarán o 1 de outubro de 2015. As axudas só poderán ser concedidas ás actividades emprendidas ou realizadas no prazo establecido nesta convocatoria.

2. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de outubro de 2015, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse tal como recolle o artigo 10 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, nos rexistros dos órganos, servizos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais; nos rexistros das entidades da Administración local, universidades públicas e institucións estatutarias da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das entidades públicas con independencia funcional ou cunha autonomía especial recoñecida por lei, sempre que optasen pola súa inclusión no Sistema único de rexistro mediante o asinamento dun convenio de colaboración coa consellería competente en materia de administracións públicas; nas oficinas de Correos, segundo a normativa específica; no portelo único establecido no artigo 18 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, para aqueles que estean incluídos no seu ámbito de aplicación; en calquera outro rexistro que establezan as disposicións vixentes.

As solicitudes, escritos e comunicacións, que os/as cidadáns/ás dirixan aos órganos das administracións públicas en xeral, poderán presentarse nos rexistros e lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais acompañadas dos documentos que verifiquen o seu pagamento efectivo. Nos casos en que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

5. Para efectuar o pagamento da axuda concedida, os beneficiarios deberán presentar a seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas, que probe a prestación efectiva dos servizos, e que inclúa o informe final referido no punto 4 do artigo 6.

b) Un ficheiro informático que conteña: a relación de visitas do equipo técnico, o resultado das revisións de control de equipamentos de muxidura e equipamentos refrixerantes, e o resultado das avaliacións (enquisas) das condicións de produción mencionadas no artigo 6 desta orde.

c) Unha táboa comparativa, para cada concepto, entre os gastos realizados debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial.

d) Os xustificantes orixinais de investimento total, transferencia bancaria dos pagamentos, ou documento contable con valor probatorio equivalente.

e) Relación informatizada das facturas, que debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

f) Non se considerará gasto realizado o IVE, excepto no caso de beneficiarios que acrediten estar exentos do imposto sobre o valor engadido pola Axencia Tributaria.

Cando se trate de xustificacións de gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables, terán que acreditar o ingreso na AEAT dos importes retidos aos traballadores/as.

Nos casos de programas de certificación externa, presentarase a fotocopia compulsada dos certificados establecidos no artigo 8.3 desta orde.

6. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial.

7. As acreditacións de gasto e de pagamento realizaranse consonte o artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

8. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios poderán subcontratar a realización das actividades subvencionadas.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e en particular o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

9. De acordo co artigo 29, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

10. De acordo co punto 4 do artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa axuda, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

11. As explotacións que se considerarán para o pagamento da axuda, serán exclusivamente aquelas que teñan a condición de explotacións certificadas no momento da xustificación de gastos por parte da entidade.

Artigo 22. Pagamento das axudas

O pagamento das axudas incluídas nesta orde realizarase logo da comprobación do cumprimento das condicións e requisitos establecidos nela.

Poderanse efectuar pagamentos á conta de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso o beneficiario deberá prestar o seguinte réxime de garantías:

1. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

2. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

3. Segundo o artigo 65 do Regulamento galego de subvencións, a presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente nun prazo de 15 días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ampliarse cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización no prazo anteriormente sinalado.

Artigo 23. Financiamento das axudas

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde proceden dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, e financiaranse con cargo á aplicación 12.22.713C 770.6, cunha dotación de 142.681,21 € (cento corenta e dous mil seiscentos oitenta e un euros con vinte e un céntimos).

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Artigo 24. Datos de carácter personal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda

As axudas de Estado establecidas nesta orde axústanse ao disposto no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión europea (DOUE do 1 de xullo, L 193/1).

A tramitación e o pagamento destas axudas quedará, en todo caso, condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea non formulen obxeccións a elas, e ás posibles observacións e modificacións derivadas de tales pronunciamentos.

Disposición adicional terceira

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO IV

Nome

Dato

Tipo tamaño

Cod_Agrup

Código da agrupación

Número (enteiro) 2

Nom_Agrup

Nome da agrupación

Texto 30

Apelido

Apelido

Texto 40

Nome

Nome

Texto 20

Le1

Letra inicial NIF titular

Texto 1

Expl_Dni

Numérico NIF titular

Número (dobre) 8

Le2

Letra final NIF titular

Texto 1

Lc1

Letra inicial NIF titular cota

Texto 1

Cuot_Dni

Numérico NIF titular cota

Número (dobre) 8

Lc2

Letra final NIF titular cota

Texto 1

Ll1

Letra inicial NIF no LIGAL

Texto 1

Liga_Dni

Numérico NIF no LIGAL

Número (dobre) 8

Ll2

Letra final NIF no LIGAL

Texto 1

REGA

REGA da explotación

Número (dobre) 8

Provincia

Provincia

Número (enteiro) 2

Concello

Concello

Número (enteiro) 2

Parroquia

Parroquia

Texto 30

Lugar

Lugar

Texto 30

Teléfono

Teléfono

Texto 10

N-Vacas

Nº vacas

Número (dobre) 8

Cota

Cota

Número (dobre) 8

Tipo_Inst

Tipo instalación

Número (enteiro) 2

Punt muxidura

Puntos de muxidura

Número (enteiro) 2

N Tanques

Nº tanques

Número (enteiro) 2

Cap Tanqu1

Capacidade tanque 1

Número (enteiro) 2

Cap Tanqu2

Capacidade tanque 2

Número (enteiro) 2

P_implantación

Programa implantación

Texto 1

P_Certificación

Programa certificación

Texto 1

Anexo III 2013

Anexo novo

Texto 10

Teléfono

Teléfono

Texto 10

Anexo III 2011-12

Anexo 2011-12

Texto 10

Anexo III 2015

Anexo III 2015

Texto 10

DNI

DNI

SI/NON

Contrato Hom.

Contrato homologado

SI/NON

Doc. cambio

Documento de cambio / renuncia

SI/NON

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file