Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 8 de maio de 2015 Páx. 18288

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 70/2015, do 30 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras da vía variante do Tamara (concello de Negreira).

O Concello de Negreira en sesión celebrada o día dous de marzo de dous mil quince, aprobou o proxecto de obras da vía variante do Tamara, no concello de Negreira e, na do oito de abril, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o concello e o informe do técnico municipal, se pretende a construción dunha vía que uniría a rúa Castelao coa avenida de Santiago nesta vila. Con esta apertura obteríanse vías alternativas de circulación e traslado tanto do transporte escolar, posto que daría un acceso directo aos centros educativos existentes na vila, como do transporte interurbano; e acceso directo aos diferentes edificios de servizos que están na rúa Castelao, polo que esta queda liberada do tráfico que soporta na actualidade.

Ademais, con esta obra preténdese resolver a canalización de augas pluviais procedentes das Brañas que están provocando con frecuencia inundacións na zona. Tamén se acadarían melloras ambientais como a recuperación da zona que se atopa degradada, sobre todo a do leito do regato e das súas beiras así como do bosque existente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de abril de dous mil quince.

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras da vía variante do Tamara, no Concello de Negreira, e deberanse, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza