Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 17 de xuño de 2015 Páx. 24053

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 16 de xuño de 2015 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada na empresa Hermanos Ferrín, S.L. para o día 17 de xuño de 2015.

O exercicio da folga por parte dos traballadores para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no cal se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.

No sector do transporte, os servizos que se prestan representan un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

O sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria de folga na empresa Hermanos Ferrín, S.L. para o día 17 de xuño de 2015, entre as 7.00 e as 12.00 horas. Así pois, a concreción dos servizos mínimos que deben observarse durante a xornada de folga debe efectuarse, e así se fai nesta orde, tomando en consideración a posible afección que a tipoloxía da convocatoria representa naqueles outros dereitos afectados. Nese sentido, deben configurarse uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e de acordo co Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo único. Servizos mínimos

Durante a folga convocada polo sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa Hermanos Ferrín, S.L. entre as 7.00 e as 12.00 horas do día 17 de xuño de 2015 terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a seguir:

A) Contratos de servizo público de transporte de viaxeiros:

Concesión: V-7026; XG-400.

Concesionaria: Hermanos Ferrín, S.L.

Nos servizos de proximidade con orixe nas localidades de Negreira ou Brión e destino en Santiago de Compostela e viceversa, a empresa manterá como mínimo o 50 % das frecuencias que corresponderían á xornada de folga. Os horarios destes servizos serán concretados pola empresa e comunicados á Administración logo de que se lle notifique esta orde e con anticipación, en todo caso, ao inicio da xornada de folga.

No resto dos servizos, respectaranse como mínimas seguintes frecuencias:

Santiago de Compostela-A Picaraña.

• Saída da Picaraña: 7.45 h.

Santa Comba-Santiago de Compostela.

• Saída de Santa Comba: 7.15.

Muxía-Santiago de Compostela.

• Saída de Santiago de Compostela: 8.45 h.

B) Servizos de uso especial para transporte de escolares: manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde ás 7.30 ata as 10.00 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 km.

Os servizos concretos que resulten afectados por esta orde serán individualizados pola empresa e anunciados ás persoas usuarias nos propios vehículos, logo de que se lle notifique esta e con anticipación á xornada de folga.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das obrigas que dela derivan para a empresa afectada, que nacerán inmediatamente despois da súa notificación individualizada a esta.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas