Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 17 de xuño de 2015 Páx. 24050

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de maio de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, relativa ao incremento de densidade dos solos urbanizables non delimitados.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación referida, subscrita pola arquitecta xefa da Sección de Planeamento, en que solicita a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polas ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 3.10.2007 (aprobación parcial) e 1.9.2008.

2. Co mesmo obxecto que esta modificación foron tramitadas outras dúas, nas cales non se outorgou a aprobación definitiva pola inexistencia de circunstancias que xustifiquen a diferenza de tratamento respecto doutros ámbitos de solo urbanizable non delimitado:

a) Modificación relativa ao incremento da densidade dos solos urbanizables non delimitados tipo A (Orde da CMATI do 14.7.2011).

b) Modificación no ámbito do SUND-03 A Torreira-Sarela, relativa ao incremento de densidade de 20 a 25 vivendas por hectárea (Orde da CMATI do 13.3.2013).

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 18.2.2014 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No marco das consultas, o Instituto de Estudos do Territorio emite informe o 28.2.2014 sobre que non se producirán efectos significativos sobre a paisaxe.

4. Constan informes municipais: xurídico previo á aprobación inicial do 14.3.2014 e da Secretaría Xeral do Pleno do 17.3.2014, favorables á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 27.3.2014. Foi sometida á información pública por dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 15.5.2014 e DOG do 19.5.2014). O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Trazo, Oroso, O Pino e Val do Dubra e á Delegación do Goberno. Foi presentada unha alegación, segundo certificado municipal do 14.8.2014.

6. Constan informes sectoriais sen obxeccións nin observacións do Ministerio de Defensa do 8.2.2015 e de Augas de Galicia do 12.9.2014.

7. Constan informes da Área Técnica de Desenvolvemento Urbano e Sustentable e da Sección de Xestión Urbanística, do 19.1.2015, que propoñen a aprobación provisional.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno o 30.1.2015.

II. Análise e consideracións.

1. A modificación ten por obxecto modificar os artigos 79.4, 79.2 e 80.33 da normativa do PXOM de Santiago, para aumentar a densidade residencial máxima de 20 a 25 vivendas por hectárea nos ámbitos do SUND tipos A e B, de 12 a 16 viv./ha nos ámbitos do SUND tipo C e modificar a composición e os usos permitidos no ámbito do SUND tipo F, reducindo a proporción de edificabilidade residencial do 85 % ao 60 %.

2. As razóns de interese público da modificación consisten en facilitar a implantación de vivendas de protección oficial mediante a adaptación da superficie das vivendas resultantes da ordenación ás superficies derivadas das normas sobre vivendas protexidas, o que encaixa dentro das razóns precisas segundo o artigo 94.1 da LOUG.

3. A modificación afecta a totalidade dos solos urbanizables non delimitados residenciais, cumprindo as obxeccións das ordes da CMATI do 14.7.2011 e do 13.3.2013.

4. A modificación non incrementa a superficie edificable prevista no plan xeral vixente, polo que incide no cumprimento dos límites de edificabilidade e dotacións urbanísticas en relación coas determinacións establecidas ao respecto nos artigos 46 e 47.1 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Santiago de Compostela relativa ao incremento de densidade dos solos urbanizables non delimitados.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas