Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 19 de xuño de 2015 Páx. 24735

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2015, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se aproban os coeficientes aplicables ao valor catastral para estimar o valor real de determinados bens inmobles urbanos para efectos da liquidación dos feitos impoñibles dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sobre sucesións e doazóns, se establecen as regras para a súa aplicación e se publica a metodoloxía seguida para a súa obtención.

O artigo 10 do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, e o 9 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, establecen que a base impoñible destes impostos estará constituída polo valor real dos bens e dereitos transmitidos.

A este respecto, o artigo 57.1 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sinala que o valor das rendas, produtos, bens e demais elementos determinantes da obriga tributaria poderá ser comprobado pola Administración tributaria mediante os seguintes medios, e sinala na súa alínea b) como un deses medios a estimación por referencia aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal. A dita estimación por referencia poderá consistir na aplicación dos coeficientes multiplicadores que se determinen e publiquen pola Administración tributaria competente, nos termos que se establezan regulamentariamente, aos valores que figuren no rexistro oficial de carácter fiscal que se tome como referencia para os efectos da valoración de cada tipo de bens. Tratándose de bens inmobles, o rexistro oficial de carácter fiscal que se tomará como referencia para efectos de determinar os coeficientes multiplicadores para a valoración dos ditos bens será o Catastro inmobiliario.

Pola súa parte, o artigo 158.1 do Regulamento xeral de actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, sinala que a aplicación do medio de valoración consistente na estimación por referencia aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal a que se refire o artigo 57.1.b) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, exixirá que a metodoloxía técnica utilizada para o cálculo dos coeficientes multiplicadores, os coeficientes resultantes da dita metodoloxía e o período de tempo de validez fosen obxecto de aprobación e publicación pola Administración tributaria que os vaia aplicar.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 27.Dous do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, sinala, con respecto a este medio de valoración, que nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1.b) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria poderá aplicar coeficientes multiplicadores que se aproben e publiquen mediante orde da consellería competente en materia de facenda aos valores contidos no catastro inmobiliario.

Esta comunidade autónoma viña utilizando con anterioridade, para a valoración de determinados bens inmobles urbanos e rústicos, o medio consistente en prezos medios de mercado a que alude o artigo 57.1.c) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A orde que agora se tramita supón, para os feitos impoñibles devindicados a partir da súa entrada en vigor, un cambio de medio de valoración para eses bens urbanos, substituíndoo polo de estimación por coeficientes sobre o valor catastral. Os demais bens urbanos que non entran no ámbito obxectivo desta orde poderán ser valorados por calquera dos medios establecidos no artigo 57.1 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, mentres que para os bens inmobles rústicos, dadas as súas características propias, seguirá sendo de aplicación o medio consistente en prezos medios de mercado.

A substitución do medio de valoración para determinados bens urbanos non só mantén os obxectivos que sinalaban as sucesivas ordes de prezos medios: mellora da seguridade xurídica establecendo un criterio de valoración obxectivo, común e homoxéneo en todo o territorio; información do valor real para efectos fiscais do ben que vaia ser obxecto de adquisición ou transmisión; explicación con detalle do sistema de cálculo utilizado e vinculación á Administración tributaria co valor publicado, senón que coa referencia ao valor catastral, valor coñecido polos contribuíntes ao ser a base impoñible do imposto sobre bens inmobles, outórgalle máis simplicidade e unha acomodación directa do valor resultante ás circunstancias específicas do ben concreto que é obxecto de comprobación e que están intrinsecamente recollidas no cálculo do valor catastral, redundando nunha maior uniformidade de bases de cálculo. Pola súa parte, a Administración dispón dun medio de valoración que dota de máis axilidade e eficacia a tramitación dos expedientes, circunstancia que tamén redunda en beneficio do cidadán.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida á información pública. Neste caso, o prazo para presentar alegacións será de sete (7) días hábiles, tal e como prevé a aliña 5 do citado artigo cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. A presente orde establece un medio de valoración de determinados bens inmobles urbanos que parte do prezo de mercado que xa se recollía nas ordes anteriores, aínda que corrixido á baixa, polo que a súa aplicación beneficiará a xeneralidade dos contribuíntes. É desexable, por tanto, que entre en vigor coa maior brevidade.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter á información pública, por un prazo de sete (7) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se aproban os coeficientes aplicables ao valor catastral para estimar o valor real de determinados bens inmobles urbanos para efectos da liquidación dos feitos impoñibles dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sobre sucesións e doazóns, se establecen as regras para a súa aplicación e se publica a metodoloxía seguida para a súa obtención.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda: http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions .

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2015

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda