Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 29 de xullo de 2015 Páx. 31560

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións no curso académico 2015/16 para a implantación do currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

A modificación realizada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece unha nova organización da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

En desenvolvemento normativo posterior, o Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, estableceu o currículo básico desas dúas etapas.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dítase en exercicio das competencias propias de Galicia no desenvolvemento dos aspectos básicos regulados a nivel estatal.

No calendario de implantación derivado do novo marco normativo establécese que no curso escolar 2015/16 se implantarán as modificacións no currículo, a organización, os obxectivos, os requisitos para a obtención de certificados e títulos, os programas, a promoción e as avaliacións de educación secundaria obrigatoria para os cursos primeiro e terceiro.

Así mesmo, as mencionadas modificacións implantaranse para o primeiro curso de bacharelato no curso escolar 2015/16.

Por outra banda, ditouse a Orde do 15 de xullo de 2015 pola que se establece a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, e se regula o seu currículo e a súa oferta.

Así mesmo, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ditou o Real decreto 665/2015, do 17 de xullo, polo que se desenvolven determinadas disposicións relativas ao exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, á formación inicial do profesorado a ás especialidades dos corpos docentes de ensinanza secundaria.

Tendo en conta este marco normativo, a implantación da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato require algunhas concrecións que faciliten o seu comezo no curso 2015/16.

De conformidade co exposto, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas instrucións teñen por obxecto determinar nos centros docentes, para o curso académico 2015/16, aqueles aspectos organizativos necesarios para a adecuada implantación das ensinanzas da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

2. O alcance destas instrucións refírese aos cursos primeiro e terceiro da educación secundaria obrigatoria, e primeiro de bacharelato, segundo o calendario de implantación previsto na disposición derradeira primeira do Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

3. Esta resolución será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

CAPÍTULO II
Educación secundaria obrigatoria

Artigo 2. Implantación no curso 2015/16

1. De acordo co calendario de implantación previsto na disposición derradeira primeira do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, no ano académico 2015/16 implantaranse as modificacións introducidas no currículo da etapa correspondentes aos cursos primeiro e terceiro.

2. Así mesmo, no ano académico 2015/16 implantaranse, no terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento, regulados no artigo 20 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

Artigo 3. Materias que debe cursar o alumnado no primeiro curso da educación secundaria obrigatoria

1. De acordo co establecido no artigo 13 e no anexo IV do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, o alumnado cursará no primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, e segundo o horario lectivo semanal establecido, as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais:

1º. Bioloxía e Xeoloxía.

2º. Xeografía e Historia.

3º. Lingua Castelá e Literatura.

4º. Matemáticas.

5º. Primeira Lingua Estranxeira.

b) Dentro do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión, ou Valores Éticos, segundo a elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou a alumna.

3º. Segunda Lingua Estranxeira.

4º. Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

c) Dentro do bloque de materias de libre configuración autonómica:

1º. Lingua Galega e Literatura.

2. O horario establecido como de libre configuración do centro, en función da oferta formativa establecida polos centros docentes, poderá destinarse a:

a) Afondamento e/ou reforzo dalgunha materia.

b) Materia de libre configuración autonómica.

c) Materia de libre configuración do centro.

3. Cando no horario establecido como de libre configuración do centro se opte por dedicalo ao afondamento e/ou reforzo dalgunha materia, tal e como está disposto no punto 4 do artigo 13 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, a súa avaliación estará integrada na materia obxecto do afondamento e/ou reforzo.

4. O alumnado do primeiro curso que presente dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular nas materias lingüísticas, poderá quedar exento de cursar a materia de segunda lingua estranxeira. Neste caso recibirá reforzo educativo naqueles aspectos en que se detectasen as dificultades, logo do informe pertinente da persoa titora da etapa ou curso anterior, coa colaboración do Departamento de Orientación, no cal se fará explícito o motivo da medida adoptada.

Nos seus documentos de avaliación figurará coa mención de exento/a.

A competencia da decisión recaerá na dirección do centro docente, oídas as nais, os pais ou os/as titores/as legais do alumnado afectado pola medida.

Artigo 4. Materias que debe cursar o alumnado no terceiro curso da educación secundaria obrigatoria

1. De acordo co establecido no artigo 13 e no anexo IV do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, o alumnado cursará no terceiro curso de educación secundaria obrigatoria, e segundo o horario lectivo semanal establecido, as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais:

1º. Bioloxía e Xeoloxía.

2º. Física e Química.

3º. Xeografía e Historia.

4º. Lingua Castelá e Literatura.

5º. Primeira Lingua Estranxeira.

6º. Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, segundo elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou da alumna.

b) Dentro do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión ou Valores Éticos, segundo elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou da alumna.

3º. Música.

4º. Tecnoloxía.

5º. Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

6º. Unha materia a elixir entre Segunda Lingua Estranxeira e Cultura Clásica.

c) Dentro do bloque de materias de libre configuración autonómica:

1º. Lingua Galega e Literatura.

2. Os centros docentes ofrecerán tanto a materia de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas como a de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas.

Artigo 5. Organización da oferta nos centros docentes en primeiro e en terceiro curso da educación secundaria obrigatoria

1. Para constituír grupo das materias de libre configuración autonómica, ou de libre configuración do centro do primeiro curso, das Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, das Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, e das materias específicas Segunda Lingua Estranxeira e Cultura Clásica do terceiro curso, requirirase un mínimo de dez alumnos e/ou alumnas.

Coa finalidade de atender á diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderanse impartir cun número menor de alumnos ou alumnas que en ningún caso sexa inferior a cinco. Neste caso, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Tal e como establece a disposición adicional terceira do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as ensinanzas de Relixión incluiranse na educación secundaria obrigatoria, pero o alumnado maior de idade ou os seus pais, nais ou titores/as legais, de ser menor de idade, poderán optar por recibir ou non ensinanzas de Relixión.

Artigo 6. Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento

1. Os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento forman parte das medidas extraordinarias de atención á diversidade e teñen por finalidade facilitar que os alumnos e as alumnas, mediante unha metodoloxía específica e unha organización de contidos e materias do currículo diferente á establecida con carácter xeral, alcance as competencias do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, poidan cursar o cuarto curso pola vía ordinaria e obteñan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. No curso académico 2015/16 os centros docentes poderán organizar os programas no terceiro curso de educación secundaria obrigatoria segundo o disposto no artigo 20 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

2. Poderá incorporarse aos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento, en terceiro curso de educación secundaria obrigatoria no curso 2015/16, o alumnado que presente dificultades relevantes de aprendizaxe e que se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter cursado segundo curso de educación secundaria obrigatoria, ter repetido algunha vez en calquera das etapas e non estar en condicións de ter promoción a terceiro curso de educación secundaria obrigatoria.

b) Con carácter excepcional, para o alumnado que ten cursado terceiro curso de educación secundaria obrigatoria e non está en condicións de ter promoción ao cuarto curso. Neste caso poderán incorporarse a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento para repetir curso.

3. O procedemento para a incorporación dun alumno ou dunha alumna ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento é o que segue:

a) Realizada a avaliación extraordinaria, o equipo docente realizará unha proposta razoada do alumnado que podería incorporarse ao programa para a mellora da aprendizaxe e do rendemento. Esa proposta concretarase nun informe individualizado, elaborado pola persoa titora, en que constará a competencia curricular do alumno ou da alumna en cada materia, as dificultades de aprendizaxe presentadas, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os motivos polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integre nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. Ese informe trasladarase á xefatura do Departamento de Orientación.

b) A persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación realizará unha avaliación psicopedagóxica a cada un dos alumnos e das alumnas propostos/as polo equipo docente para incorporar ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. No informe correspondente a esa avaliación deben constar, entre outros aspectos, as conclusións das reunións co profesorado titor e, se se trata de alumnado menor de idade, cos pais, as nais ou titores/as legais de cada alumno e alumna, para lles formular a conveniencia da súa incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. Deixarase constancia escrita da opinión dos pais, as nais ou titores/as legais respecto da proposta formulada.

c) Posteriormente, unha comisión formada polo/a xefe/a de estudos, que exerce a súa presidencia, a persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación e o/a titor/a do alumno ou da alumna valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, do pai, a nai ou os/as titores/as legais, realizando unha proposta ao/á director/a sobre a incorporación ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.

d) Compete ao director ou á directora do centro docente elevar a proposta de autorización sobre a incorporación do alumnado ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento ao servizo provincial de Inspección Educativa. Á solicitude achegaráselle a relación de alumnado proposto e a relación de profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos do programa.

e) O servizo provincial da Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento que cumpran os requisitos establecidos, e que será comunicada aos centros escolares antes do comezo do curso.

Para a impartición dos ámbitos destes programas conformaranse grupos que non superarán o número de dez alumnos/as e non serán, con carácter xeral, menos de cinco.

4. O currículo dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento incluirá os seguintes ámbitos:

a) Ámbito lingüístico e social, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia.

b) Ámbito científico e matemático, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química.

c) Ámbito de linguas estranxeiras, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente á materia de Primeira Lingua Estranxeira.

Os alumnos e as alumnas que sigan un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terán un grupo ordinario de referencia co que cursarán as materias non pertencentes aos ámbitos.

As materias de terceiro curso de educación secundaria obrigatoria cursaraas o alumnado co seu grupo de referencia.

O horario semanal dos tres ámbitos de coñecemento que compoñen o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento será o seguinte:

a) Ámbito lingüístico e social: nove horas.

b) Ámbito científico e matemático: oito horas.

c) Ámbito de linguas estranxeiras: tres horas.

5. Cada grupo de alumnado que integre un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento contará cun profesor/a titor/a, que terá entre as súas funcións a orientación do alumnado do programa e a súa atención personalizada, a coordinación do equipo docente que imparte o programa, a relación coas familias e a coordinación co profesorado titor do grupo de referencia de cada alumna e alumno integrante do programa.

6. Cada ámbito específico será impartido por un único profesor ou profesora, pertencente a un dos departamentos didácticos a quen corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.

7. O programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento concíbese desde un enfoque metodolóxico funcional, en que os contidos curriculares deben tratarse desde un punto de vista global, práctico, motivador e personalizado, priorizando as aprendizaxes que resulten necesarias para outras posteriores e que contribúan ao desenvolvemento das competencias clave e dos obxectivos xerais da etapa.

A concreción do currículo dos ámbitos, así como as correspondentes programacións didácticas, serán elaboradas nos distintos departamentos didácticos implicados e polas persoas designadas para impartir os ámbitos, coa colaboración da persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación, a partir das directrices establecidas pola comisión de coordinación pedagóxica e coordinadas polo/a xefe/a de estudos.

8. A avaliación do alumnado nos ámbitos que conforman o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terá como referente fundamental as competencias e os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables. Esta avaliación será continua e diferenciada, segundo os ámbitos do programa e as materias.

O alumnado do programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento será avaliado polo profesorado que imparte cada un dos ámbitos e materias, baixo a coordinación do profesorado titor do programa e do profesorado titor do grupo de referencia. As cualificacións dos ámbitos realizarase nos mesmos termos que as materias.

O alumnado que acceda a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento con materias pendentes de cursos anteriores realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalas ao longo do desenvolvemento do programa, e a avaliación será competencia do profesorado que o imparta, coa colaboración dos departamentos implicados.

Artigo 7. Integración de materias en ámbitos de coñecemento no primeiro curso de educación secundaria obrigatoria

1. O artigo 18 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, determina que os centros docentes poderán agrupar as materias do primeiro curso en ámbitos de coñecemento, coa finalidade de facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria.

2. Este tipo de agrupación deberá respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de todas as materias que se agrupan, así como o horario asignado ao conxunto delas. Esta agrupación terá efectos na organización das ensinanzas, pero non nas decisións asociadas á avaliación e á promoción.

3. A adopción desta medida non condiciona todos os grupos do nivel, nin tampouco obriga a agrupar todas as materias en ámbitos.

4. A constitución destes agrupamentos requirirá autorización expresa do servizo provincial de Inspección Educativa.

CAPÍTULO III
Bacharelato

Artigo 8. Implantación no curso 2015/16

No ano académico 2015/16 implantaranse as modificacións introducidas no currículo da etapa correspondentes ao curso primeiro de bacharelato.

Artigo 9. Materias que debe cursar o alumnado no primeiro curso de bacharelato

1. De acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, o alumnado admitido nun centro docente para cursar as ensinanzas de bacharelato matricularase nunha das modalidades ofertadas.

2. O alumnado cursará no primeiro curso e dentro da modalidade correspondente, segundo o establecido no artigo 30 e no anexo IV do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as seguintes materias:

a) Catro materias xerais do bloque de materias troncais.

b) Dúas materias de entre as materias troncais de opción.

c) Lingua Galega e Literatura.

d) Educación Física.

e) Un mínimo de dúas e un máximo de tres materias de entre as materias específicas de elección.

3. O horario establecido como de libre configuración do centro, en función da oferta formativa establecida polos centros docentes, poderá destinarse a:

a) Afondamento e/ou reforzo dalgunha materia.

b) Materia de libre configuración autonómica.

c) Materia de libre configuración do centro.

4. Cando no horario establecido como de libre configuración do centro se opte por dedicalo ao afondamento e/ou reforzo dalgunha materia, tal e como está disposto no punto 6 do artigo 30 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, a súa avaliación estará integrada na materia obxecto do afondamento e/ou reforzo

Artigo 10. Organización da oferta nos centros

1. Os centros deberán ofrecer todas as materias xerais e de opción do bloque de materias troncais das modalidades que se imparten no centro.

2. As materias troncais de opción contarán, con carácter xeral, cun mínimo de cinco alumnos/as para poder ser impartidas.

3. Con carácter xeral, a impartición das materias específicas quedará vinculada a que exista un número mínimo de dez alumnos/as.

Coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderán impartirse cun número menor de alumnos ou alumnas que, en ningún caso, será inferior a cinco.

4. As variacións no número de alumnos/as necesario para ofrecer algunha materia terá sempre carácter extraordinario e precisará a autorización expresa da xefatura territorial provincial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

5. A oferta das materias do bloque de troncais de opción e de materias específicas deberá atender os criterios de demanda do alumnado, a dispoñibilidade de profesorado no centro e as posibilidades organizativas e a dispoñibilidade de recursos.

6. Cando un centro docente non poida ofrecer algunha materia troncal de opción facilitaralle ao alumnado que a curse noutro centro próximo, sempre que a organización dos horarios de ambos os dous o permitan, ou a través das ensinanzas de persoas adultas, en calquera das súas modalidades, presencial ou a distancia. En calquera caso, contará coa autorización do pai, da nai ou da persoa que teña a titoría legal, cando se trate de alumnado menor de idade.

7. Tal e como establece a disposición adicional terceira do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as ensinanzas de Relixión incluiranse no bacharelato, pero o alumnado maior de idade ou os seus pais, as súas nais ou os/as titores/as legais, de ser menor de idade, poderá optar por recibir ou non ensinanzas de Relixión.

Artigo 11. Anulación da matrícula

1. O alumnado poderá solicitar a anulación de matrícula á dirección do centro docente, antes do 30 de abril, cando circunstancias de doenza prolongada, incorporación a un posto de traballo ou obrigas de tipo familiar ou persoal impidan seguir, en situación normal, os estudos.

2. A solicitude, á que cumprirá achegar as xustificacións pertinentes, será resolta nun prazo de 10 días pola dirección do centro. No caso dos centros privados, a competencia da devandita anulación corresponderalle ao director ou á directora do centro público a que estea adscrito.

CAPÍTULO IV
Materias de libre configuración

Artigo 12. Materias de libre configuración de centro

A oferta de materias de libre configuración do centro precisa a autorización do servizo territorial correspondente, logo do informe da Inspección Educativa.

Para estes efectos, os centros docentes remitirán ao servizo territorial a documentación necesaria, que incluirá, polo menos:

a) Título da materia.

b) Xustificación da súa inclusión na oferta do centro, en atención ao seu proxecto educativo.

c) Profesorado que a impartirá no ano académico 2015/16.

d) Currículo da materia, conforme o establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

CAPÍTULO V
Programacións didácticas

Artigo 13. Programacións didácticas

1. Os departamentos didácticos dos centros docentes desenvolverán o currículo establecido mediante a programación didáctica de cada materia de cada curso que teña encomendada na organización docente do centro.

2. A programación didáctica deberá ser o instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado compoñente do departamento.

3. As programacións didácticas incluirán en cada materia, polo menos, os seguintes elementos:

a) Introdución e contextualización.

b) Contribución ao desenvolvemento das competencias clave. Concreción que recolla a relación dos estándares de aprendizaxe avaliables da materia que forman parte dos perfís competenciais.

c) Concreción, de ser o caso, dos obxectivos para o curso.

d) Concreción para cada estándar de aprendizaxe avaliable de:

1º. Temporalización.

2º. Grao mínimo de consecución para superar a materia.

3º. Procedementos e instrumentos de avaliación.

e) Concrecións metodolóxicas que require a materia.

f) Materiais e recursos didácticos que se vaian utilizar.

g) Criterios sobre a avaliación, cualificación e promoción do alumnado.

h) Indicadores de logro para avaliar o proceso do ensino e a práctica docente.

i) Organización das actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes.

j) Organización dos procedementos que lle permitan ao alumnado acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias, no caso do bacharelato.

k) Deseño da avaliación inicial e medidas individuais ou colectivas que se poidan adoptar como consecuencia dos seus resultados.

l) Medidas de atención á diversidade.

m) Concreción dos elementos transversais que se traballarán no curso que corresponda.

n) Actividades complementarias e extraescolares programadas por cada departamento didáctico.

ñ) Mecanismos de revisión, avaliación e modificación das programacións didácticas en relación cos resultados académicos e procesos de mellora.

CAPÍTULO VI
Disposicións transitorias e derradeira

Disposición transitoria primeira. Recuperación de materias pendentes do curso 2014/15 na educación secundaria obrigatoria

O alumnado de primeiro e terceiro cursos de educación secundaria obrigatoria que teña promoción, con materias pendentes, a segundo e a cuarto curso, respectivamente, poderá recuperalas no curso 2015/16 tomando como referencia o currículo establecido no Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Normas de aplicación para o alumnado que iniciou os seus estudos de bacharelato segundo o establecido no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia

1. O alumnado que no ano académico 2015/16 teña que repetir o primeiro curso de bacharelato cursará os seus estudos segundo o currículo establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

2. O alumnado que no ano académico 2015/16 teña que repetir o primeiro curso de bacharelato e teña tres ou catro materias avaliadas negativamente manterá as cualificacións das materias nas que obtivo avaliación positiva cando estas cualificacións sexan superiores ás obtidas nesas mesmas materias no ano académico 2015/16.

3. No ano académico 2015/16, o alumnado matriculado no segundo curso de bacharelato que teña algunha materia pendente de primeiro, ou con materias do primeiro curso por cambio de modalidade ou por cursar materias en segundo con carácter progresivo que implican a matrícula na correspondente materia de primeiro, será avaliado destas de acordo co disposto no Decreto 126/2008, do 19 de xuño.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa