Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 18 de setembro de 2015 Páx. 37114

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 11 de setembro de 2015 pola que se regula o procedemento de concesión de axudas económicas ás familias numerosas de Galicia para estadías de fin de semana e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece, no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o exercicio das políticas autonómicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A Xunta de Galicia considera conveniente incentivar o turismo de montaña para as familias numerosas como unha medida de apoio social e de fomento das actividades de lecer.

Con este fin, a Consellería de Traballo e Benestar contribuirá ao financiamento das axudas que se establecen no articulado desta orde cunha contía global de 20.000 €, que están consignados para tal fin na aplicación orzamentaria 11.05.312B.480.1 dos orzamentos do ano 2015 da Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de concesión de axudas económicas e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas ás familias numerosas que teñan a súa residencia en Galicia.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único e de forma continuada ata esgotar o crédito orzamentario consignado para estes efectos na aplicación orzamentaria 11.05.312B.480.1 dos orzamentos do ano 2015 da Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar, cunha contía global de 20.000 €.

Artigo 2. Tipo de axuda

As axudas convocadas teñen como finalidade sufragar parte dos gastos das ditas estadías e consisten nunha subvención de 35 € por persoa e estadía de fin de semana para os nenos e nenas de 12 anos ou máis e adultos, e en 37,5 € para os menores de 12 anos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as familias numerosas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

Ademais dos requisitos determinados no artigo 10 da Lei Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

1. Que a persoa solicitante forme parte dunha unidade familiar considerada como numerosa, segundo o establecido no artigo 2 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e no artigo 10 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

2. Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Que o título de familia numerosa estea en vigor na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Que a renda per cápita da unidade familiar non supere os 7.500 € anuais.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se encontra no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos .

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Ás solicitudes xuntarase a seguinte documentación:

a) Anexo II debidamente cuberto e asinado polo cónxuxe ou pola cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Certificado de convivencia ou de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.

c) Copia do título de familia numerosa, no caso de non autorizar a súa consulta ou de que non fora expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

e) Copia do DNI ou NIE da persoa titular ou cotitular do título de familia numerosa que non apareza como solicitante das axudas, só no caso de non autorizar a súa consulta.

f) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2013, da persoa titular e cotitular do título de familia numerosa, só no caso de non autorizar a súa consulta.

Artigo 6. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Familia e Inclusión para solicitar as certificacións de estar ao día nas súas obrigas que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, tal e como establece o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o nivel de renda da unidade familiar. No caso de non dar autorización deberán achegar os certificados correspondentes.

Artigo 8. Procedemento e criterios para a concesión das axudas

1. A tramitación dos expedientes correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración cuxa composición será a seguinte:

• Presidenta/e: a persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

• Vogais: tres persoas traballadoras designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión por proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores; unha delas actuará como secretaria ou secretario.

Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

A persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores elevará o informe xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para a súa resolución, en que se proporá a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola persoa interesada, poránselle de manifesto para que no prazo de dez días alegue ou presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Para os efectos desta orde enténdese por unidade familiar a composta por todos os membros que figuran no título de familia numerosa.

3. De ser o crédito suficiente para atender a totalidade das solicitudes presentadas, elaborarase unha relación con elas e outorgaránselles as ditas axudas a todas. Pola contra, se o crédito dispoñible non pode atender todas as solicitudes, observarase o disposto no punto 4 deste artigo.

4. No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) Ás solicitudes en que a renda per cápita da unidade familiar sexa inferior a 6.000 € anuais outorgaránselles 2 puntos.

b) Ás solicitudes en que a renda per cápita da unidade familiar sexa igual ou superior a 6.000 € anuais outorgaráselles 1 punto.

c) Ás familias numerosas de categoría especial outorgaránselles 2 puntos.

d) Ás familias numerosas de categoría xeral outorgaráselles 1 punto.

No suposto de empate, prevalecerá a unidade familia coa renda per cápita máis baixa e, de seguir en situación de empate, predominará a unidade familiar que teña maior número de fillas e/ou fillos.

Artigo 9. Resolución das axudas

1. A resolución destas axudas correspóndelle á directora xeral de Familia e Inclusión por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, logo da súa fiscalización pola intervención.

A resolución das axudas deberá notificarse no prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. Unha vez notificada a resolución definitiva ás persoas interesadas que fosen propostas como beneficiarias, estas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Alternativa ou sucesivamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida por calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe destas axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 11. Pagamento

O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase unicamente, logo de xustificación da estadía, na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

A xustificación, tanto do gasto como do pagamento, poderá realizarse ata o 30 de novembro de 2015.

Sempre que o gasto sexa de contía inferior a mil euros, poderase admitir a xustificación do pagamento mediante a factura correspondente emitida pola estación de montaña onde se gozou da estadía co xustificante de recepción do provedor, pagada con data anterior á finalización do período de xustificación.

Nos demais casos, cando o pagamento se realice a través de entidade bancaria, este xustificarase mediante un extracto ou unha certificación bancaria debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, xunto coa factura correspondente.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, especificamente, ao seguinte:

a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión da axuda.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 13. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 14. Información

A información relativa a este procedemento para o ano 2015 poderase obter nos seguintes enderezos da internet: http://traballoebenestar.xunta.es , www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.es , así como no teléfono: 981 95 70 27.

Artigo 15. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es .

Disposición adicional primeira. Dispoñibilidade orzamentaria

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional segunda. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira. Publicidade

As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán no Diario Oficial de Galicia por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na directora xeral de Familia e Inclusión, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file