Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 21 de setembro de 2015 Páx. 37238

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2015 pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica (código de procedemento IN107E).

Preámbulo

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios protexendo, mediante procedementos eficaces a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos destes.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30, número 1, parágrafo cuarto, outórgalle á Comunidade Autónoma galega competencias exclusivas en materia de defensa do consumidor e do usuario.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, consciente da situación de desvantaxe e mesmo de indefensión en que se atopan, con demasiada frecuencia, os consumidores e usuarios no actual escenario de mercado no momento de adquirir un produto ou contratar un servizo, regula, entre outros aspectos, a protección dos lexítimos intereses económicos dos consumidores e a información sobre os diferentes bens, produtos e servizos que se ofrecen no mercado.

Por outra banda, a citada Lei 2/2012 establece no seu capítulo VII do título I que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, a través do seu órgano competente en materia de consumo, fomentar a formación e a educación dos consumidores, coidando o coñecemento dos seus dereitos para que os poidan exercer de acordo con pautas de consumo responsable nun mercado global, altamente tecnificado e cambiante. Esta formación deberá orientarse a conseguir instaurar no consumidor e usuario unhas pautas de consumo responsable, con criterios de sustentabilidade ambiental, económica e social e, de forma especial, a prevención do sobre endebedamento.

Asemade, a divulgación en materia de consumo, así como os plans e programas necesarios para levar a cabo esta educación e formación, deberá levarse a cabo en colaboración, entre outras, coas organizacións de consumidores implantadas na nosa comunidade autónoma.

Na actualidade, o número de reclamacións e consultas dos consumidores en referencia ao problema da tarificación eléctrica viuse incrementado de forma notoria, tanto a nivel nacional como a nivel da nosa comunidade autónoma e, especialmente, a partir da introdución da tarifa de último recurso (TUR) e da entrada en vigor da normativa de establecemento de facturación mensual con lectura estimada e real. Debido á especial incidencia dos cambios normativos referentes á facturación do consumo eléctrico, cómpre promover a información sobre o novo sistema de facturación e os dereitos dos consumidores recollidos na normativa sectorial.

Todo isto unido á existencia duns modelos de factura de subministración de enerxía eléctrica dificilmente comprensible para o consumidor ou usuario, que implica confusión e opacidade e non permite unha elección libre e responsable acomodada aos seus intereses económicos, fai que a Consellería de Economía e Facenda, a través do Instituto Galego de Consumo, considere de máximo interese potenciar actuacións de formación, sensibilización e divulgación entre os consumidores e usuarios de subministración de enerxía eléctrica, co fin de que a dita formación e información lles permita ter unha visión real e esclarecedora do mercado que lles axude a obter pautas de consumo responsable.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas do Instituto Galego de Consumo ás asociacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica durante o ano 2015 e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo para a presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

4. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco (5) meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN107E, poderase obter información adicional no Instituto Galego de Consumo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do Instituto Galego de Consumo.

b) Os teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego de Consumo.

c) O enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es

d) Presencialmente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2015

Sol Mª Vázquez Abeal
Presidenta do Instituto Galego de Consumo

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para o ano 2015, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica (código de procedemento IN107E)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización por parte das asociacións de consumidores inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia dun programa de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos susceptibles de axuda

1. As axudas concederanse para atender os gastos xerados polo desenvolvemento de programas de actividades que impliquen sensibilización, formación e divulgación que xeren, no consumidor a que van dirixidas, un grao de coñecemento da problemática da facturación e consumo de subministración eléctrica co fin de adquiran os coñecementos suficientes que lles permitan tomar decisións que redunden nun aforro e racionalidade do gasto en consumo eléctrico.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados dende a entrada en vigor da presente orde e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 15.

Considéranse custos subvencionables aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica, en concreto:

a) Desenvolvemento e impartición de actividades formativas maioritariamente prácticas encamiñadas a identificar, esclarecer e coñecer os dereitos como usuarios do sector eléctrico e os datos esenciais que conforman a factura de consumo eléctrico, como pode ser:

– Os datos do subministrador e do distribuidor, entendendo que poden ser empresas con distintas formas de contratación.

– Todos os datos relacionados cos consumos eléctricos, entendendo o funcionamento de consumo real e consumo estimado, medición do consumo, etc., datos que deben figurar na factura segundo modelo oficial para PVPC.

– Os datos relacionados co custo económica da subministración eléctrica aplicable en cada facturación.

– Os datos económicos que se ven implicados no importe final da factura.

b) Desenvolvemento e impartición de actividades práctico-teóricas co fin de sensibilizar e concienciar da importancia no aforro no consumo eléctrico (consumo de electrodomésticos, clases enerxéticas dos electrodomésticos, tarifas nocturnas, tipo de tarifas e comparativa das distintas tarifas tanto en mercado regulado como libre).

c) Desenvolvemento práctico de simuladores de consumo eléctrico ou outro tipo de ferramentas, que axuden a unha mellor comprensión da factura eléctrica e a un aforro na subministración eléctrica nos fogares.

d) Obradoiro de elaboración e deseño de guías útiles, claras e prácticas en que participen os propios consumidores destinatarios das actividades, co fin de fortalecer os criterios fundamentais no control do consumo eléctrico entre os consumidores.

3. Cada actividade ou proxecto financiarase cunha contía máxima total de 200 euros (IVE incluído) por actividade, cun máximo de 12 actividades ou proxectos por asociación.

4. A duración mínima de cada actividade será de 2 horas presenciais.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ás asociacións de consumidores de Galicia por un importe total de 12.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613A.781.0 do proxecto de orzamento do Instituto Galego de Consumo para o ano 2015, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis axudas. Tal incremento de crédito poderá provir de xeracións, ampliacións ou incorporacións de crédito.

2. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A contía das axudas concedidas poderá financiar ata un 100 % dos gastos obxecto de financiamento. En calquera caso, cada actividade individual non poderá superar a contía de 200 euros (IVE incluído) e o total da axuda, a cantidade de 2.400 euros (IVE incluído).

4. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións de consumidores que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución, no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo.

3. Para que as asociacións poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

4. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego de Consumo no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Solicitude e documentación

1. Cada asociación poderá presentar unha única solicitude (anexo II). Por cada solicitude poderán figurar ata un máximo de 12 actividades por asociación (anexo III).

2. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e no prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da convocatoria.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) NIF da entidade solicitante para o caso de que, na solicitude de axuda, non se autorice expresamente o Instituto Galego de Consumo para consultar os seus datos.

b) Só no caso de non autorizar a súa verificación no punto correspondente do anexo II, fotocopia compulsada do DNI do representante legal da asociación.

c) Testemuño auténtico de poder da persoa solicitante que actúe en representación da asociación.

d) Certificación da listaxe de actividades que se pretenden levar a cabo obxecto de subvención (anexo III).

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego de Consumo, encadrado na Consellería de Economía e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego de Consumo, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, 1-3-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a cooperacion.igc@xunta.es .

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fan referencia estas bases será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo. Corresponderá á Presidencia do Instituto Galego de Consumo ditar a resolución da concesión.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007 e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade tramitadora, atendendo ao disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. O órgano xestor publicará no DOG e na páxina web da Consellería de Economía e Industria o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 3.4 desta resolución, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atendelas todas coa intensidade de axuda solicitada, o crédito distribuirase de maneira ponderada entre elas en función da solicitude e respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.4.

2. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e na presente resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se procederá conforme o que determina o artigo 42.1 da citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo.

2. O/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvenciona e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía, ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 5 meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no DOG da presente resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das axudas concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego de Consumo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da axuda outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 9.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á axuda entenderase que a acepta e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas do beneficiario

Son obrigas do beneficiario as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Realizar a actividade nas condicións que fundamentaron a concesión da axuda.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta axuda é compatible con outras axudas ou axudas para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das axudas ou axudas concedidas non supere o custo total da actividade.

d) Poñer á disposición do IGC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuación de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Para as axudas indicadas nestas bases, as asociacións deberán exhibir, nos lugares de celebración das actividades, o seu patrocinio pola Consellería de Economía e Industria e polo Instituto Galego de Consumo dentro das actividades do programa específico do Instituto Galego de Consumo «Dálle luz á túa factura».

Artigo 15. Xustificación

1. Para cobrar a axuda concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria. Terá de prazo límite para presentala ata o 30 de novembro (inclusive) de 2015, non sendo necesario esgotar o prazo máximo:

a) Certificación do/da secretario/a da organización, co visto e prace do/da presidente/a, de que o programa de actividades foi executado conforme o indicado na solicitude.

b) Xustificación dos asistentes ás actividades que leven a cabo.

c) Memoria final de avaliación por cada unha das actividades realizadas (anexo VI).

d) Relación clasificada dos gastos e investimentos de cada unha das actividades subvencionadas, con identificación do acredor, concepto, importe, data de emisión e data de pagamento (anexo VII).

e) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada, en orixinal ou fotocopia compulsada.

f) As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado polo Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

g) Os pagamentos poderanse realizar polos seguintes medios:

• Transferencia bancaria.

• Cheque nominativo co seu xustificante de movemento de fondos.

• Pagamentos en efectivo: condicións para a correcta acreditación do pagamento: debe presentar un recibo asinado e selado polo provedor en que estea suficientemente identificada a empresa que recibe o importe e no cal consten o número e a data de emisión do xustificante de pagamento, así como o nome e o NIF da persoa que o asina. No suposto de que o pagamento se acredite mediante recibín consignado no mesmo documento xustificativo do gasto, este deberá conter a sinatura lexible e indicar a persoa que o asina, o seu NIF e o selo do provedor. A xustificación do pagamento mediante recibín do provedor só poderá aceptarse para gastos de escasa contía, segundo o establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, polas distintas administracións públicas, segundo o modelo anexo IV.

i) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

j) Declaración responsable, debidamente actualizada, de que non están incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo anexo IV.

k) Todos os materiais producidos no desenvolvemento dos proxectos deberán remitirse ao IGC xunto coa xustificación en soporte dixital en formato PDF. No caso de haber imaxes, o formato será JPG.

l) Reportaxe fotográfica do desenvolvemento das actividades de formación.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á axuda. Neste caso, o/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992.

Artigo 16. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes do Instituto Galego de Consumo, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. As axudas minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxectivo.

3. De conformidade co establecido no artigo 65.4º e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non están obrigadas a constituír garantía.

Artigo 17. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da axuda, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria do Instituto Galego de Consumo. O importe da devolución incluirá os xuros de mora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Modelos normalizados da sede electrónica da Xunta de Galicia

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Fiscalización e control

1. O Instituto Galego de Consumo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas.

2. Alén do anterior, a concesión das axudas e axudas reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda.

Non obstante o anterior, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file