Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 23 de setembro de 2015 Páx. 37584

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do acordo relativo á rectificación das bases específicas da convocatoria de prazas de policía local.

A Xunta de Goberno local, en sesión do 4 de maio de 2015, adoptou acordo relativo á modificación das bases reitoras específicas da convocatoria correspondente a vinte e tres prazas de policía local (dezaoito pola quenda libre e cinco por mobilidade horizontal), publicadas no BOP nº 240, do 18 de decembro de 2013, e no DOG nº 245, do 24 de decembro de 2013, incluídas na oferta de emprego público correspondente aos anos 2010/2011:

«Primeiro. Proceder á execución da Sentenza nº 298, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, do 22.12.2014, e, en cumprimento desta modificar a alínea b) da base IV.1. Condicións dos e das aspirantes, das bases específicas reitoras da convocatoria para a cobertura de 23 prazas de policía, 18 delas pola quenda libre e 5 por concurso pola quenda de mobilidade horizontal para o acceso desde outros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia, que pasa a contar coa seguinte redacción: «Superar os 18 anos de idade e, para o caso dos/das aspirantes que se presenten pola quenda de mobilidade horizontal, non faltar máis de 12 anos para pasar á situación de segunda actividade con destino por razón da idade».

Segundo. Acordar ter por validamente presentadas todas aquelas solicitudes de participación nos procesos selectivos para a provisión de prazas de policía local que fosen indebidamente excluídas por razón do límite de idade, sempre que conste o pagamento das correspondentes taxas.

Terceiro. Acordar, en execución da sentenza indicada e co alcance contido na súa resolución, a apertura de novo prazo de presentación de solicitudes de participación nos procesos selectivos convocados para a provisión de 23 prazas de policía (18 pola quenda libre e 5 por concurso pola quenda de mobilidade horizontal para o acceso desde outros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia), incluídas na OEP do Concello de Vigo correspondente aos anos 2010 e 2011, concretando o dito prazo en 20 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado (BOE), tal e como establecen as bases xerais para a presentación de instancias».

Contra o presente acordo poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo, no prazo de 2 meses desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto administrativo firme, nos supostos, nos termos e nas condicións do previsto nos artigos 8, 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vigo, 14 de maio de 2015

P.D. (Decreto do 29.7.2014 e Acordo do 30.7.2014)
Carlos López Font
Concelleiro-delegado da Área de Seguridade e Mobilidade