Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 8 de outubro de 2015 Páx. 39293

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 29 de setembro de 2015 pola que se fai pública a ampliación de crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde de 6 de marzo de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas de lousa, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN314A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 50, do 13 de marzo de 2015.

O día 13 de marzo de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 6 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas de lousa, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN314A).

Na antedita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.734A.780.0 Plan renove de cubertas de lousa, e o orzamento máximo destinado a esta convocatoria é de 200.000,00 €.

No artigo 3 das bases reguladoras da Orde do 6 de marzo de 2015 establécese que se poderá ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Do mesmo xeito, recóllese que a ampliación de crédito se publicará nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Tendo en conta que o crédito inicial da convocatoria non abonda para atender todas as solicitudes presentadas e que existe crédito susceptible de ser utilizado para este fin, considérase conveniente ampliar o importe inicial en 250.000,00 €, de maneira que se acade un maior grao de execución orzamentaria.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único.

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 6 de marzo de 2015 (DOG núm. 50, do 13 de marzo de 2015) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN314A), por un importe de 250.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.734A.780.0 Plan renove de cubertas de lousa. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 450.000,00 €.

Esta modificación non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria