Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 8 de outubro de 2015 Páx. 39297

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso de tráfico ilícito de vehículos, nivel avanzado, dirixido aos corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa xuntanza do día 23 de decembro de 2014, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convocase un curso de tráfico ilícito de vehículos, nivel avanzado, cuxas bases, se especifican a seguir:

Obxectivos

a) Fomentar a seguridade na actuación policial ante a exhibición de documentos de circulación dos diferentes vehículos con matrícula estranxeira que circulan por territorio español cunha metodoloxía estritamente funcional e práctica onde cada alumno poderá ver, visualizar, comparar e determinar por si sós, todo tipo de documentos de circulación estranxeiros para a detección como documentación e/ou alteración nos propios vehículos.

b) Saber identificar e diferenciar os modelos de certificados de matriculación, principalmente da Unión Europea co fin de ter un primeiro indicio do que poida converterse nunha falsidade completa de documentación e alteración do vehículo en cuestión.

c) Adquirir uns hábitos e pautas de comportamento para a determinación de autenticidade nos documentos e para a observación dos diferentes compoñentes de que un vehículo está dotado.

Desenvolvemento do curso

O curso ten unha duración de 20 horas lectivas, desenvolverase os días 11 e 12 de novembro, das 9.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.30 horas e o día 13 de novembro das 10.00 ás 14.00 horas.

Número de plazas, destinatarios y criterios de selección

30 prazas.

Este curso está dirixido ao persoal funcionario da seguridade pública que traballa en todo o territorio nacional, tendo preferencia aqueles que certifiquen experiencia na materia que se vai tratar.

Reservaranse o 50 % das prazas convocadas para o persoal dos corpos da Policía local que traballen en Galicia e realizasen con anterioridade os cursos de:

– Aplicación e comprobación de páxinas web en materia de tráfico.

– Falsidade documental en materia de tráfico e/ou documentoscopia.

No suposto da existencia de prazas vacantes da cota reservada á Policía local de Galicia, terán preferencia aqueles/as que teñan experiencia na materia e que o certifique o responsable do concello correspondente.

Se despois de aplicar os criterios mencionados con anterioridade quedan prazas vacantes, aplicaranse os criterios xerais de selección que figuran na normativa de aplicación (artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o regulamento de réxime interior da Agasp, DOG núm. 30, de 12 de febreiro).

Inscrición

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes e prazo de presentación de solicitudes

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado ou que sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de encontrarse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o ou a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición (non será necesario, se tal documentación xa está en poder da Agasp; nese caso, deberán indicalo na propia solicitude): profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. O prazo de presentación de solicitudes é de quince (15) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución non DOG.

Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas con, polo menos, dez (10) días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica, todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionadas/as, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídas por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

O alumnado seleccionado deberá asistir ás clases co uniforme regulamentario e portando a arma regulamentaria.

Lugar

O curso desenvolverase na sede da Agasp.

O alumnado que o desexe, pode solicitar pasar a noite na residencia da Academia durante o transcurso do curso.

Avaliación e certificado de aproveitamento

Co fin de determinar o nivel de aproveitamento do curso e o grao de consecución dos obxectivos propostos, realizarase unha proba escrita sobre o contido visto, sendo obrigatoria a súa superación, para poder obter o diploma acreditativo de superación.

Modificacións

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de setembro de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública