Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 9 de outubro de 2015 Páx. 39410

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O 5 de outubro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia aprobada polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, por mor da precisa adaptación da dita estrutura ás necesidades actuais, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e organización administrativa.

En consecuencia, procede agora aprobar a estrutura orgánica superior das consellerías de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para dispoñer a súa organización e, en particular, establecer a adscrición dos órganos superiores e directivos das consellerías afectadas polos cambios organizativos ás consellerías resultantes da nova organización.

Esta nova estrutura orgánica supón un novo impulso social, económico e territorial para abordar o novo contexto de crecemento.

Conscientes de que a recuperación aínda non chega a todos os fogares e como mostra dunha aposta clara polo reforzamento dos servizos públicos, créase a Consellería de Política Social.

Refórzanse os ámbitos rural e marítimo para aproveitar a potencialidade destes sectores estratéxicos en Galicia nuns momentos de favorable evolución económica e créase para tal efecto de xeito independente a Consellería do Mar e a Consellería do Medio Rural.

Fortalécese a protección do ambiente e a ordenación do territorio para que esta sexa sustentable e asume o dito ámbito competencial específico a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Pasada xa a etapa de ciclo económico recesivo, cómpre desligar o emprego da política social, entendendo como máis eficiente a súa vinculación coa promoción económica e a innovación industrial, que se incardinan na Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En definitiva, esta nova organización supón unha maior presenza do ámbito social no Goberno, redobrar esforzos no sector primario e reforzar o ámbito da ordenación do territorio. O impulso desta renovación ten tamén un claro compoñente económico e de innovación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día oito de outubro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

a) A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Vicepresidencia:

1.1. Secretaría Xeral da Igualdade.

1.2. Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral.

2. Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Xustiza.

3. Dirección Xeral de Administración Local.

4. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

5. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

6. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

7. Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

b) Quedan adscritas organicamente á consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As delegacións territoriais, configuradas como órganos de dirección, terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Así mesmo, quedan adscritas a esta consellería as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

d) Igualmente, quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

2. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

3. A Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 2

a) A Consellería de Facenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

5. Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos.

6. Dirección Xeral da Función Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Consello Galego da Competencia.

3. O ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable.

4. A Axencia Tributaria de Galicia.

5. O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

Artigo 3

a) A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

2. A entidade pública empresarial Augas de Galicia.

3. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Artigo 4

a) A Consellería de Infraestruturas e Vivenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Infraestruturas.

2. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. O Xurado de Expropiación de Galicia, con nivel orgánico de subdirección xeral.

Artigo 5

a) A Consellería de Economía, Emprego e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

3. Dirección Xeral de Comercio.

4. Secretaría Xeral de Emprego.

4.1. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Innovación.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

4. O organismo autónomo Instituto Galego de Consumo.

5. O ente público Instituto Enerxético de Galicia.

6. O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

Artigo 6

a) A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Cultura.

2.1. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

4. Secretaría Xeral de Universidades.

5. Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. O ente público Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Artigo 7

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

b) Queda adscrito a esta consellería o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

Artigo 8

a) A Consellería de Política Social estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3. Dirección Xeral de Inclusión Social.

4. Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

5. Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais, creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

Artigo 9

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

3. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

4. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Artigo 10

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposición adicional primeira. Adscrición do Instituto de Estudos do Territorio

1. O Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, adscríbese directamente á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. O seu órgano executivo, responsable da súa dirección e xestión ordinaria, percibirá as retribucións correspondentes a unha subdirección xeral.

Disposición adicional segunda. Extinción da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria e da Fundación Centro de Transfusión de Galicia

De conformidade co establecido no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, autorízase a Consellería de Sanidade para levar a cabo os trámites de extinción e liquidación da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria e da Fundación Centro de Transfusión de Galicia, coa finalidade de integralas nas axencias públicas sinaladas nos artigos 40, 41, 42 e 43 da Lei 14/2013, do 22 de decembro, de racionalización do sector público.

Disposición adicional terceira. Extinción do organismo autónomo Consello Galego da Competencia e do organismo autónomo Instituto Galego de Consumo

No prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor do presente decreto extinguirase o organismo autónomo Consello Galego da Competencia e o organismo autónomo Instituto Galego de Consumo, que se fusionarán no organismo autónomo Instituto Galego de Consumo e de Competencia, que quedará adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional cuarta. Secretarías xerais

As secretarías xerais previstas neste decreto son órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente responsables da execución da acción de goberno no sector de actividade específica da consellería correspondente ás súas competencias, baixo a dirección da persoa titular desta, nos termos fixados pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo correspondente decreto de estrutura orgánica. As persoas titulares das secretarías xerais dirixen e coordinan as direccións xerais previstas neste decreto correspondentes ao seu ámbito de actividade.

Disposición adicional quinta. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional sexta. Delegación de competencias

As delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

Cando as delegacións de competencias que manteñan os seus efectos se outorgasen en favor de órganos suprimidos ou modificados na súa denominación polo presente decreto, as ditas delegacións entenderanse vixentes en favor dos órganos en cuxo ámbito de actuación se incardine a correspondente competencia.

En particular, as delegacións de competencias outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica entenderanse outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías resultantes da nova organización.

Disposición adicional sétima. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias.

Disposición transitoria primeira. Adscrición dos órganos das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa no presente decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería.

Os servizos comúns dependentes das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica, con independencia da consellería a que se adscriban, continuarán desempeñando as súas funcións para as consellerías resultantes da nova organización, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección adscritos a unha nova consellería en virtude do previsto no presente decreto

Os órganos superiores e de dirección adscritos a unha nova consellería e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, regulada nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira. Subsistencia da estrutura e das funcións dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica

Os órganos dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica da Xunta de Galicia dependerán das consellerías resultantes da nova organización de acordo coas súas respectivas competencias e manterán a súa estrutura e funcións, regulada nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

En particular, naqueles supostos en que as xefaturas territoriais, outros órganos ou servizos integrados nas delegacións territoriais teñan competencias correspondentes a máis dunha das consellerías resultantes da nova organización, o seu exercicio realizarase baixo a dependencia funcional da consellería actualmente competente en cada caso, ata o desenvolvemento da nova estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria cuarta

Para os efectos da execución orzamentaria, no que resta do exercicio 2015, manterase a estrutura aprobada pola Lei de orzamentos para o 2015.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa.

Disposición transitoria quinta. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto nas cales se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material, aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira

A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias que, se é o caso, sexan precisas para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de outubro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza