Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 13 de novembro de 2015 Páx. 43010

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 27 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do I Concurso Comunicar en Igualdade e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

O 31 de xullo de 2015 publicouse no DOG núm. 144 a Resolución do 27 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras do I Concurso Comunicar en Igualdade e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Na dita resolución estableceuse como data de remate do prazo para presentar solicitudes de participación o 30 de setembro de 2015 para as dúas modalidades establecidas: premio para profesionais do xornalismo e premio para alumnado universitario.

No DOG núm. 186, do 29 de setembro de 2015, publicouse a Resolución do 22 de setembro de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para participar no I Concurso Comunicar en Igualdade. O dito prazo foi ampliado ata o 31 de outubro de 2015.

Por outra parte, o artigo 13 da resolución de convocatoria do premio dispón que a documentación xustificativa previa ao pagamento do premio debería ser presentada polas persoas interesadas coa data límite do 15 de novembro de 2015.

Non obstante, como consecuencia da ampliación do prazo relativo á presentación de solicitudes, considérase conveniente modificar a data límite relativa ao prazo de entrega da documentación xustificativa para as persoas perceptoras do premio, ao requirirse unha serie de trámites intermedios previos á dita entrega, como a constitución do xurado ou a notificación, que probablemente farían insuficiente o mantemento da data de xustificación da resolución de convocatoria e dado que non se causan prexuízos a terceiros.

De acordo co exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 13 da Resolución do 27 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras do I Concurso Comunicar en Igualdade e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 13. Xustificación e pagamento

1. Unha vez publicada e comunicada a resolución definitiva, as persoas propostas como premiadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento realizarase logo da entrega de declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, e de non estar incursos nas circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como declaración responsable acreditativa acerca da veracidade dos datos da conta bancaria.

3. A devandita documentación deberá remitirse no prazo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da aceptación expresa ou presunta do premio polas persoas interesadas, á Secretaría Xeral da Igualdade (Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela) mediante calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2015

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade