Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 13 de novembro de 2015 Páx. 43012

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 162/2015, do 29 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun resto da estrada AC-116 Catabois-Valdoviño (AC-566) e os elementos auxiliares da estrada AC-566 Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862), a prol do Concello de Valdoviño.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Valdoviño solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a transferencia dun resto antigo da estrada AC-116 e dos elementos funcionais dun treito da estrada AC-566 que transcorre polo termo municipal.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de:

• Resto da estrada AC-116 situado na marxe dereita da vía, entre os p.q 12+300 e 12+360, situado entre o límite exterior das beirarrúas e a liña de expropiación. Este treito ten un carácter secundario cun uso principalmente local.

• A transferencia dos elementos auxiliares da estrada AC-566 situados entre os p.q. 10+750 e 12+020, xa que esta superficie non resulta imprescindible para a explotación do dominio público viario, e teñen unha funcionalidade esencialmente municipal.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de outubro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Valdoviño de:

• Resto da estrada AC-116 situado na marxe dereita da via, entre os p.q. 12+300 e 12+360

• Elementos auxiliares da estrada AC-566, situados entre os p.q. 10+750 e 12+020.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Valdoviño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Valdoviño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de outubro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestructuras y Vivenda