Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 28 de decembro de 2015 Páx. 48692

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, IX Manuel María de literatura dramática infantil e XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2016.

Segundo establece o artigo 1.2º da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Agadic é unha axencia pública autonómica das reguladas na disposición adicional quinta do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións.

A Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

Segundo establece o artigo 5 da Lei 4/2008, a Agadic exercerá, entre outras, as seguintes funcións: «estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbanse as bases e a convocatoria pública para a concesión dos premios literarios da Agadic para o exercicio 2016, de acordo coas seguintes bases:

Bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2016, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXIII edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da IX edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da XII edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirá un único galardoado por premio (e modalidade, no caso do premio Barriga Verde), coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2016 con cargo á aplicación orzamentaria da Agadic-10.A1.432B.480.0, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

O expediente tramítase como anticipado de gasto, e no ano 2015 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Coa finalidade de difusión cultural que lle compete á Axencia, a Agadic poderá editar os textos premiados nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a resolución desta convocatoria.

Terceira. Participantes, incompatibilidades e motivos de exclusión

Poderán optar aos premios persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.

Tal como se indica na base cuarta, tanto nos textos coma no exterior do sobre pechado que conteña a plica non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato; o incumprimento deste aspecto provocará a exclusión do proceso.

Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios. Quedan excluídos os textos para teatro de monicreques nos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Poderán presentarse a estes premios os gañadores dos premios das convocatorias anteriores, excepto os da convocatoria inmediatamente anterior (2014).

Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta. Forma e prazo de presentación

As solicitudes deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Textos:

Os textos deberán ser presentados por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, paxinados e grampados ou encadernados.

Na portada de cada unha das copias indicarase exclusivamente o título e/ou lema e o premio a que optan (no caso do Barriga Verde, especificando, ademais, a modalidade: rapaces ou adultos).

Nos textos non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.

Documentación:

Os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan, coa modalidade no caso do premio Barriga Verde); no exterior deste sobre non pode figurar ningún dato identificativo do participante.

No interior deste sobre pechado deberá incluírse:

– Anexo I debidamente cuberto e asinado, no cal se inclúe a declaración de que o texto presentado é inédito e non foi representado nin premiado en ningún momento anterior.

– Fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou docume-nto equivalente. O solicitante poderá autorizar á Agadic o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, tal e como se establece na solicitude. Neste caso, a fotocopia do documento de identidade non será exixida.

Prazo e lugar de admisión:

O prazo comezará o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de maio de 2016.

O envío debe ser realizado ao seguinte enderezo, con indicación do premio (e no caso do Barriga Verde, da modalidade) a que se presentan:

Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15707 Santiago de Compostela.

Así mesmo, poderase presentar no Rexistro Xeral da Agadic, así como nos servizos ou rexistros correspondentes da Comunidade Autónoma, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e na súa disposición adicional 18ª. No suposto de optar pola opción do correo certificado, o envío deberá ser datado e selado por Correos na parte exterior.

Ao abeiro do establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de participación nestes premios comportará a autorización á Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, en todo caso, antes da tramitación dos pagamentos. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao premiado.

Quinta. Instrución e tramitación das solicitudes

A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos e departamentos xestores, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, correspondéndolle realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios.

En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes e orixinais presentados, a instrución e o requirimento aos solicitantes da emenda ou achega da documentación necesaria que resultase de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte co procedemento recollido no artigo 20.5º da Lei 9/2007.

Para a adxudicación dos premios serán tidos en consideración os criterios e puntuacións que se recollen na base sétima desta resolución.

Sexta. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da Agadic proposto pola dirección da axencia.

Os membros do xurado serán designados pola Dirección da Agadic, que nomeará, tamén, de entre eles, o seu presidente. O presidente dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de producirse. A composición do xurado farase pública no momento da comunicación do ditame.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas, e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario.

Os membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Os premios poderán ser declarados desertos se así o considera o xurado.

Sétima. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 30 puntos.

b) Calidade dramática: 30 puntos.

c) Viabilidade escénica: 20 puntos.

d) Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos.

e) Coidado da lingua: 10 puntos.

A Dirección da Agadic, á vista da acta, elaborará a proposta de resolución e elevaraa á Presidencia do Consello Reitor da Axencia, indicando o título dos textos premiados, o seu autor e o importe económico do premio correspondente. A proposta de resolución deberá motivar a valoración dos criterios, xustificando oportunamente a diferente puntuación entre os participantes.

Oitava. Resolución, comunicación, aceptación e recursos

O órgano competente para a resolución dos premios establecidos nesta convocatoria é a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, que resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A resolución producirase antes do 15 de novembro de 2016 e darase a coñecer a través dos medios de comunicación ou ben en acto público, sen prexuízo da súa publicación na páxina web da Agadic. Os galardoados deberán aceptar de forma expresa a concesión do premio no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da comunicación. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se notificar resolución favorable dentro do prazo indicado no parágrafo 1º, entenderanse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes correspondentes. Contra esta desestimación presunta, así como contra a resolución expresa de adxudicación de premios, poderá interpoñerse no prazo dun mes recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, ou interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, na forma e nos prazos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Novena. Publicidade das obras premiadas

A Agadic publicará no taboleiro de anuncios dos seus servizos centrais e no Diario Oficial de Galicia unha relación que conteña os aspectos indicados na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 5.d), da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web unha relación dos beneficiarios dos premios, polo que a presentación da solicitude comporta a autorización para o tratamento dos datos dos premiados e a súa publicación na páxina web da Agadic e no Diario Oficial de Galicia.

Os datos relevantes referidos ás axudas, subvencións ou premios recibidos, así como as sancións impostas, incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores e como cautela prevista no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (e coa finalidade de protexer a identidade e os datos persoais dos participantes nesta convocatoria), na relación publicada na páxina web e no taboleiro de anuncios desta axencia unicamente se fará constar unha referencia aos datos dos participantes que resultasen premiados, quedando preservados e debidamente protexidos a identidade e os demais datos persoais dos restantes participantes na convocatoria.

Décima. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.es.

Décimo primeira. Pagamento dos premios

Os premios outorgados por estas bases serán aboados dentro do exercicio económico 2016, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo segunda. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da Agadic, logo de presentación de solicitude de retirada asinada polo autor e identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo terceira. Información e control

Os beneficiarios dos premios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementarias que considere precisas para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

Décimo cuarta. Supostos de reintegro

Procederá o reintegro total do premio concedido e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento por parte dos beneficiarios dos premios das condicións establecidas para a súa concesión ou, de ser o caso, os supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia, aprobada pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo quinta. Aceptación e desenvolvemento das bases

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Dirección da Agadic poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file