Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49482

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de novembro de 2015 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, facultando o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2016, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á contratación de xestores de internacionalización e convocar para o exercicio 2016 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 08: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 08.01: facilitar o acceso ao emprego dos desempregados ou persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

Obxectivo específico 08.01.05: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

Campo intervención 102-Acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídos desempregados de longa duración e persoas apartadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral. Actuación: adquisición de competencias profesionais.

Así mesmo, de acordo co previsto no artigo 106 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficacia, esta orde prevé medidas de apoio ao colectivo de mozos que estean inscritos na lista única de demanda do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 12 de febreiro de 2016.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria, polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Importes en euros

Partida orzamentaria: 09.A1.741A

Nº conta:

4705

2016

240.000 €

2017

760.000 €

Total

1.000.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos, nos supostos e termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. O período de contratación subvencionable é o comprendido dentro do prazo de execución, entre o 4 de xaneiro de 2016 e o 30 de xuño de 2017.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución definitiva será o 31 de xullo de 2016, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O beneficiario deberá presentar unha primeira solicitude de cobramento no prazo dun mes unha vez cumpridos os 6 primeiros meses de execución do contrato do xestor (correspondente a 6 mensualidades no caso de pro rata da paga extra ou 6 mensualidades máis unha paga extra no caso de non rateo), e unha segunda solicitude de cobramento no prazo dun mes unha vez cumprido o tempo restante da contratación do xestor ou xestores con data límite da última solicitude de cobramento do 11 de xullo de 2017.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior como o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación de forte índice de desemprego, é necesario aproveitar as oportunidades que xorden das accións de promoción económica para, ao mesmo tempo, impactar sobre o emprego. Por outro lado, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados.

Por este motivo faise preciso crear programas orientados a apoiar a peme que carece de infraestrutura necesaria para acometer un proceso de internacionalización pero que conta con potencial e produto ou servizo exportables. Para iso, débese crear e fomentar a figura do xestor tanto a tempo completo como tamén a tempo parcial que poida traballar con máis dunha empresa ao mesmo tempo.

O programa de adquisición de competencias profesionais en que se encadran estas axudas proporciona coñecemento ás empresas nas cales se integran os profesionais e mellora a empregabilidade destes.

Un dos eixes da estratexia do Igape de internacionalización da empresa galega 2020 é o de promover unha cultura de internacionalización. E son obxectivos deste eixe a formación de capital humano en internacionalización, proporcionar ao tecido empresarial recursos altamente especializados, con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior e impulsar a súa contratación como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas en proceso de expansión internacional.

Dentro da súa actividade de fomento da competitividade e da internacionalización, o Igape xera en moitas ocasións oportunidades en que persoas que non tiveron aínda a posibilidade de obter competencias profesionais poidan participar en traballos especializados mediante formación teórico-práctica. Como consecuencia, os participantes teñen ocasión de realizar actividades de difícil acceso no mercado laboral actual.

Ademais, o obxectivo específico 08.01.05 do programa operativo do Fondo Social Europeo 2014-2020, é o de mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, primando as mulleres e os mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil que constitúen o colectivo con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral e respecto aos cales a normativa de referencia será a establecida nos regulamentos (UE) núm. 1303/2013 e 1304/2013 e no POEX 2014-2020, por medio da adquisición de competencias profesionais. As empresas que contraten estes profesionais desempregados e/ou sen experiencia laboral xogan un papel importante na súa formación, beneficiándose tamén da súa participación nos diversos proxectos. O indicador de resultado deste obxectivo específico do FSE é: participantes que obteñen un emprego, incluído por conta propia trala súa participación.

O Igape vén desenvolvendo diversos programas de formación de especialistas no comercio internacional. Ademais, co fin de facilitar ao empresariado galego información sobre persoal con formación orientada á internacionalización empresarial, o Igape dispón dunha bolsa de xestores de internacionalización –publicada na súa web–, aberta a este tipo de especialistas.

O obxectivo destas bases é facilitar a incorporación ao mercado laboral de mozos titulados con formación en comercio exterior e o acceso á formación práctica. Por estes motivos, estas bases incorporan como vantaxe engadida a titorización do xestor a partir da resolución de concesión da axuda e ata a finalización do período de contratación subvencionable. Deste modo compleméntase a formación práctica ofrecida pola empresa que contrate o xestor co servizo de titorización deste por un profesional experto que, axudando o xestor no seu labor, axudará á empresa a levar a cabo un plan de internacionalización (tendo en conta que este apoio vai dirixido a profesionais que inician a súa carreira profesional e a pemes, a figura do titor é relevante para que este programa obteña os resultados esperados). O titor fará un informe final relativo ao traballo realizado con xestores.

As presentes bases son coherentes coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados, que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios. Conforme o disposto no artigo 67, número 1, letra b), do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, estas bases acollen a utilización dun baremo estándar de custo unitario para a definición do custo subvencionable.

Estas bases compleméntanse, ademais, con outros programas coa mesma finalidade financiados con fondos propios do Igape: formación teórica de xestores de internacionalización (para os efectos de ampliar a oferta de profesionais formados nesta materia) e formación práctica a través de bolsas de promoción exterior en organismos de Galicia e do estranxeiro.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen como obxectivo facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización mediante prácticas en empresas ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á súa disposición profesionais con formación especializada, subvención para a súa contratación e titorización do xestor durante o período de contratación subvencionable. O resultado que se pretende con estas bases é que os mozos profesionais sigan contratados tras a súa participación neste programa na mesma empresa que recibiu a subvención ou noutras, grazas á experiencia práctica recibida.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24.12.2013); no Regulamento (CE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático 08, prioridade de investimento 08.01 e obxectivo específico 08.01.05, campo intervención 102.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, se é o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar, se é o caso, ao inicio dun procedemento de reintegro.

3. Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos nos regulamentos da UE citados no artigo 2.3, e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que sexan sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192. Este requisito non é necesario para empresas con diagnóstico positivo de potencial de internacionalización feito polo Igape no exercicio 2016 ou en exercicios anteriores.

d) Que teñan, na data de publicación destas bases no DOG e ata a data de liquidación da axuda destas bases, algún empregado por conta allea en Galicia distinto da contratación obxecto desta axuda.

e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Modalidades de contratación, custo subvencionable, contía e límites de axuda e criterios de avaliación e selección de solicitudes

1. Serán subvencionables contratos laborais por conta allea (baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación) –a tempo completo ou a tempo parcial (neste caso dunha duración mínima do 50 % da xornada laboral completa)– de xestores da base de datos de Igape de xestores de internacionalización por un período mínimo de 15 meses para a realización de tarefas de internacionalización da empresa.

No caso de contratos a tempo parcial, un mesmo xestor pode ser compartido, con contratos subvencionados por estas bases, por un máximo de dúas empresas.

O custo subvencionable será o salario neto correspondente a un máximo de 15 meses de contratación.

O Igape titorizará o labor destes xestores durante o período de contratación subvencionable para axudarlles no que precisen no proxecto de internacionalización da empresa, para fomentar a cooperación entre os distintos xestores desta convocatoria e para cerciorarse de que a empresa beneficiaria dedica ao xestor a tarefas en prol da internacionalización.

2. A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado neste artigo:

a) 85 % no caso de contratación de mulleres ou mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) 80 % no resto dos casos.

O período de contratación subvencionable é o establecido na resolución de convocatoria. A duración do contrato non poderá ser inferior a 15 meses salvo casos de rescisión do contrato por causas non imputables á empresa.

3. O custo subvencionable calcularase como un baremo estándar de custo unitario. O módulo que se vai aplicar, correspondente a un contrato temporal a tempo completo, é de 1.282,10 € de salario bruto mensual o que supón un importe neto de 1.087 euros netos mensuais (en ambos os dous casos coas pagas extra rateada).

O custo subvencionable a que se aplicará a porcentaxe de subvención, polo tanto, é de:

a) Tempo completo: salario neto de 16.305 € (15 meses + 2,5 pagas extra ou 15 mensualidades con rateo das pagas extra). O importe de gasto mensual subvencionable será de 1.087 €, no caso de rateo de pagas extra. No caso de que as pagas extra non sexan rateadas, o importe do gasto mensual subvencionable será de 1.863,43 € nos 2 meses que se aboe a paga extra completa, 1.397,57 no mes en que se devindique a paga extra correspondente a 3 meses e de 931,71 € no resto dos 12 meses.

b) Tempo parcial: salario neto de 8.152,5 € (15 meses + 2,5 pagas extra ou 15 mensualidades con rateo das pagas extra). O importe de gasto mensual subvencionable será de 543,50 € no caso de rateo de pagas extra. No caso de que as pagas extra non sexan rateadas, o importe do gasto mensual subvencionable será de 931,70 € nos 2 meses que se abone a paga extra completa, 698,78 € no mes no que se devindique a paga extra correspondente a 3 meses e de 465,86 € o resto dos 12 meses.

4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización en termos de tamaño da empresa e, polo tanto, maior necesidade do xestor, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Microempresa: 15 puntos; pequena empresa: 10 puntos; mediana empresa: 5 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude.

b) Experiencia previa da empresa en internacionalización de modo que teña máis posibilidades de formar o xestor: volume de exportación en 2015 igual ou superior ao 75 % da facturación dese exercicio: 25 puntos. Igual ou superior ao 50 % e inferior ao 75 %: 20 puntos. Igual ou superior ao 25 % e inferior a 50 %: 15 puntos. Igual ou superior ao 10 % e inferior a 25 %: 10 puntos. Inferior a 10 % pero distinto de 0 %: 5 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude.

c) Compromiso previo da empresa co seu plan de internacionalización en termos de incorporación de persoal especializado e mantemento deste por tempo superior aos períodos habituais de subvención para contratación deste tipo de especialistas: se o solicitante ten contratado, na data da publicación destas bases no DOG, algún xestor da base de datos de xestores de internacionalización do Igape, con contratación posterior á data de alta na base de datos, e cunha antigüidade na empresa superior a 365 días (o que se acreditará mediante declaración no formulario de solicitude e mediante a vida laboral da empresa): 10 puntos.

d) Complementariedade con outros programas ao alcance do solicitante para acadar o resultado perseguido con estas bases, valorando o compromiso e esforzo realizado con anterioridade participando en programas de preparación para a internacionalización financiados con fondos públicos estatais e/ou fondos europeos. Se o solicitante ou algún dos seus empregados participou nalgún dos programas de preparación para a internacionalización (consultoría ou formación) do Igape ou doutro organismo público estatal ou autonómico (ICEX, Xunta de Galicia, calquera administración pública española, cámaras de comercio), ou programas deste tipo financiados con fondos europeos: 20 puntos por cada programa. Se o solicitante participou no programa Re-Acciona do Igape para a realización de proxectos de mellora nas pemes galegas: 10 puntos.

Acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude e mediante certificado de participación emitido polo organismo organizador do programa.

Artigo 6. Condicións da contratación

1. O xestor:

a) Debe contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.

b) Ter formación específica de posgrao en comercio internacional:

1º. Bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

2º. Máster de comercio exterior ou

3º. Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

c) Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1980.

d) Non ter desempeñado en España con anterioridade á data de publicación no DOG destas bases traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 por un período total superior a 185 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación ou prácticas) nin ter estado dado de alta como autónomo en España con anterioridade á data de publicación no DOG destas bases, por un período superior a 185 días, nun CNAE relacionado con comercio por xunto ou con actividades profesionais.

e) Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia ou, se é o caso, estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.

f) Un mesmo xestor poderá ser obxecto dun máximo de dúas contratacións subvencionables na mesma convocatoria.

g) No caso de estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á sinatura do contrato.

O Igape habilitará unha epígrafe dentro da base de datos de xestores de internacionalización cos profesionais que manifesten cumprir os requisitos das letras a), b) e c) e o resto de requisitos destas bases que se poderá consultar na páxina web do Igape www.igape.es

2. O contrato:

O obxecto do contrato é a realización, baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento de contratación, para un centro de traballo en Galicia, de actividades relacionadas coa internacionalización empresarial.

A duración do contrato non poderá ser inferior a 15 meses. O período de contratación subvencionable é o establecido na resolución de convocatoria.

A empresa solicitante deberá remitir ao Servizo Público de Emprego (SEPE) a copia do contrato no prazo de 10 días hábiles desde a contratación, a través da aplicación informática Contrat@.

3. Exclusións:

a) Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor con vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou as súas empresas vinculadas.

b) Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas nos cinco exercicios anteriores ao da convocatoria (ser bolseiro non se entende como relación laboral).

c) A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Enténdese por vinculación entre empresas as que cumpran os requisitos establecidos no artigo 42 do Código de comercio.

4. Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante e convocatoria.

5. Para reforzar a formación do xestor e para que o labor do xestor sexa máis produtivo para a empresa que o contrate, estes xestores serán titorizados polo Igape, que asignará para a súa supervisión e axuda un profesional con experiencia en internacionalización empresarial.

A titorización consistirá en:

a) O xestor poderá consultar dúbidas sobre cuestións de internacionalización empresarial co titor.

b) Convocaranse reunións do titor individuais e/ou en grupo con varios xestores para os efectos de poñer en común dúbidas e interactuar entre eles.

c) Solicitaranse ao xestor informes trimestrais do tipo de tarefas realizadas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, das tarefas a que se dedicará o xestor, dos obxectivos xerais e orzamento do proxecto, así como de declaracións relativas ao condicionado destas bases, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario e, no caso de que se conceda a axuda, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 900 81 51 51. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

4. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Os solicitantes, por esta vía electrónica, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da letra b) anterior tamén poderán empregar a vía electrónica para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE núm. 150, do 23 de xuño).

5. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización Galicia@World será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

2. Unha vez baremadas as solicitudes, o órgano instrutor publicará no taboleiro de anuncios e na súa web (enderezo www.tramita.igape.es) a proposta de resolución provisional do procedemento, que incluirá unha lista das empresas propostas para a adxudicación (as que obtiveran a máxima puntuación no baremo), unha lista de solicitudes en posto de reserva que servirán para cubrir posibles decaementos (vixente ata o prazo máximo para resolver e notificar establecido na resolución de convocatoria) e unha lista de solicitudes propostas para denegación ou arquivamento, indicando o seu motivo.

Esta publicación producirá os efectos de notificación aos interesados, segundo o disposto no artigo 59 da Lei 30/1992.

A dita publicación abrirá o prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación, para que os titulares de solicitudes propostas para adxudicación ou na lista de reserva presenten a documentación acreditativa das circunstancias do solicitante e, no caso de solicitudes propostas para adxudicación, tamén a documentación acreditativa da contratación do xestor, con indicación de que, se non o fan, se terán por desistidos da súa solicitude, que se arquivará sen máis trámite.

A documentación acreditativa presentarase en copia simple, xunto coa declaración responsable do titular da solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

Documentación acreditativa das circunstancias do solicitante:

a) DNI do representante legal da empresa, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) NIF da empresa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Escritura de constitución e modificación inscrita/s no rexistro competente.

d) Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

e) Informe de traballadores en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social de data igual ou posterior á da publicación no DOG desta convocatoria.

f) Informe da vida laboral da empresa emitido con data igual ou posterior á da publicación destas bases no DOG e por un período mínimo dun ano. Só para acreditar, se é o caso, os puntos do baremo relativos ao mantemento do emprego de xestores de internacionalización previos.

g) Certificado de participación. Só para acreditar os puntos do baremo relativos á complementariedade con outros programas de preparación para a internacionalización.

h) Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Documentación acreditativa da contratación dun xestor que cumpra os requisitos destas bases:

a) Contrato laboral asinado entre as partes e acreditación da súa comunicación ao Servizo Público de Emprego. O dito contrato debe recoller as medidas de difusión da concesión da axuda establecidas no artigo 13.l) ou, se é o caso, acreditación de ter realizado a empresa a comunicación ao xestor do financiamento público. Así mesmo, debe incluír especificamente que o xestor se contrata para as tarefas de internacionalización. Debe figurar o salario bruto e o salario mínimo neto que se aboará ao traballador, así como o número de pagas anuais, e o xustificante da obriga de dar de alta ao xestor nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social.

b) Vida laboral do xestor completa e solicitada con data posterior á publicación destas bases no DOG.

c) Copia da tarxeta ou documento que acredite que estaba dado de alta como demandante de emprego (ou de mellora de emprego) ou, se é o caso, de estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, antes da contratación obxecto destas bases.

d) DNI do xestor, só no caso de non autorizar a súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

e) Titulación universitaria ou titulación de formación profesional de técnico superior en Comercio Internacional do xestor, só no caso de non autorizar a súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

f) Acreditación do xestor de ter formación específica de postgrao en comercio internacional (bolsa de prácticas de postgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial, ou máster de Comercio Exterior ou curso de duración igual ou superior a 140 horas).

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

3. Unha vez analizada a documentación recibida, o órgano instrutor confeccionará a proposta de resolución definitiva, que elevará ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape, en que se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude e a lista de reservas para cubrir posibles revogacións ou incidencias e a lista de solicitudes denegadas e arquivadas.

Os titulares de solicitudes aprobadas serán informados de que a resolución implica a súa inclusión na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

A resolución definitiva será publicada no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, publicación que producirá os efectos da notificación segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992. No caso de remanente de crédito, concederase o prazo de dous meses desde a citada publicación para que os integrantes da lista de reserva presenten a documentación acreditativa da contratación do xestor, o que determinará a concesión ao seu favor da subvención ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución definitiva será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez firme a resolución de concesión, non se admitirán modificacións a ela. O cambio de xestor respecto do inicialmente elixido na solicitude non se considera modificación das condicións da resolución.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Formalizar co xestor un contrato de traballo a partir da data de inicio do período de contratación establecido na resolución de convocatoria e antes da data indicada na resolución de concesión. A duración do contrato non poderá ser inferior a quince meses. A contratación será a risco e ventura dos beneficiarios, para o caso que o xestor contratado non cumpra as condicións establecidas no artigo 6 destas bases.

b) No caso de rescisión de contrato por causa non imputable á empresa contratante, contratar un novo xestor para a finalización do prazo de execución do proxecto, nos mesmos termos que a solicitude de contratación inicial, logo de comunicar este feito ao Igape. Débense, así mesmo, cubrir na aplicación do Fondo Social Europeo, á que se accederá desde a páxina web do Igape, http://tramita.igape.es, os indicadores de execución e resultado do xestor anterior e presentar a documentación acreditativa da contratación específica do novo xestor coa maior brevidade, tendo en conta que o prazo de execución subvencionable máximo da contratación é o indicado na resolución de convocatoria.

c) Comprobar que o xestor contratado cumpre os requisitos establecidos no artigo 6.1.a) e b) e 6.3 destas bases.

d) Dedicar o xestor a tarefas de internacionalización.

As tarefas de internacionalización serán concretadas nun plan de traballo indicado polo solicitante no formulario de solicitude e vinculará o beneficiario.

O seguimento do dito plan de traballo será obxecto da supervisión polo Igape e, ademais, o xestor contará cunha titorización levada a cabo por profesionais contratados polo Igape. O beneficiario da axuda ten a obriga de permitir esta titorización. Será motivo de incumprimento total non permitir a dita titorización ou non permitir, sen causa xustificada, a asistencia do xestor ás reunións de formación e/ou titorización conxunta do xestor con outros xestores (máximo unha reunión ao mes, os gastos de desprazamento para estas titorías conxuntas en Santiago de Compostela ou noutra cidade de Galicia serán por conta da empresa beneficiaria da axuda).

O Igape poderá contrastar co xestor a realización das ditas tarefas de internacionalización mediante unha aplicación informática na cal se xunten cuestionarios periódicos descritivos das tarefas encomendadas.

e) No caso de contratos laborais formalizados conforme a lexislación española, dar de alta o xestor nun grupo de cotización 01 ou 02.

f) O beneficiario está obrigado a aboarlle ao xestor, como mínimo, o salario neto subvencionable a que fai referencia o artigo 5 destas bases, sen prexuízo de que lle corresponda aboar un salario superior acorde coa súa categoría profesional e titulación, debendo asumir a diferenza coa cantidade subvencionada.

g) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos. Os contratos formalizados en fraude de lei suporán a devolución das cantidades aboadas.

h) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, que incorporarán visitas ao lugar de traballo, con base en técnicas de mostraxe, para cuxos efectos o Igape comprobará un mínimo do 10 % dos expedientes, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Consello.

i) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos FSE, así como dispoñer da documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. A dita data será obxecto de publicación no DOG.

l) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o FSE, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

m) O beneficiario deberá facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución, referidos ao momento previo ao inicio da contratación do xestor, e os de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. No prazo máximo de 4 semanas desde a finalización do contrato, as persoas beneficiarias deberán presentar os indicadores de resultado inmediato. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de 6 meses desde a finalización do contrato coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo.

Así mesmo, nos casos en que se produza a substitución do xestor ou xestora, o beneficiario deberá presentar os indicadores de execución e de resultado inmediato respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención.

n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ñ) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

o) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento no prazo indicado na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 81 51 51, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.4 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

5. No caso de que as solicitudes de cobramento non se presentasen en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Tendo en conta que este procedemento se acolle ao disposto no artigo 67, número 1, letra b), do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas, tarefas realizadas polo xestor, os resultados obtidos e a previsión de prórroga ou continuación do contrato co xestor. A dita memoria deberá estar asinada polo representante do beneficiario.

b) Vida laboral actualizada ao final do período de contratación.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital, que permita a súa lectura, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de comunicación do financiamento público citada no artigo 13.l) destas bases.

d) Memoria económica xustificativa cos aspectos recollidos no artigo 54.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que se cubrirá no formulario de liquidación.

e) Información de resultados, en formato impreso ou en formato dixital, que se cubrirá a través da aplicación de Fondo Social Europeo, á que se accederá desde http://tramita.igape.es.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade ou que se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obriga establecida no artigo 13.k): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento da axuda realizarase, unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento da contratación e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Os beneficiarios están exentos de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

3. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título IV do seu regulamento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e debe resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) As renuncias ou abandonos do posto de traballo do xestor por causas de forza maior debidamente xustificadas e documentadas serán causa de reintegro do gasto subvencionable proporcional ao número de días deixados de realizar. Considerarase causa de forza maior a enfermidade grave do xestor ou a enfermidade grave ou morte dun familiar, sempre e cando a baixa non supere o 50 % do período de contratación subvencionable. Neste suposto de baixa do xestor, con anterioridade á finalización do seu contrato a beneficiaria poderá substituílo por outro xestor que cumpra os requisitos destas bases, sen que o dito caso supoña reintegro da subvención.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida:

1º. Suporá a perda do 5 % da subvención concedida non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto subvencionable.

2º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida:

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE (artigo 13.k) destas bases).

ii) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13.l) destas bases.

4. Será causa de incumprimento total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador:

a) Non aboar ao xestor as contías establecidas no artigo 5.2 destas bases ou non xustificar polo menos o 50 % do período de contratación subvencionable.

b) Obter para o mesmo proxecto subvencionable outras subvencións ou axudas.

c) Non dedicar o xestor a tarefas de internacionalización.

d) Non permitir a titorización por parte do Igape ou non permitir, sen causa xustificada, a asistencia do xestor ás reunións de formación e/ou titorización conxunta do xestor con outros xestores, tal e como se establece no artigo 13.d), ou que o informe do titor non sexa favorable ou non sexa subscrito polo beneficiario.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. A dita data será obxecto de publicación no DOG.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e se regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

4. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, que no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Regulamento (CE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24.12.2013); no Regulamento (CE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24.12.2013); no Regulamento (CE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014); no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013); no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file