Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51663

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e aproba a súa convocatoria para o ano 2016. A súa concreción e realización levarase a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria, na liña dos obxectivos do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia.

As bases reguladoras do certame, así como a súa convocatoria para o ano 2016, foron informadas polo Consello Galego de Cooperativas.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras do Certame cooperativismo no ensino dirixido
ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de Galicia

Artigo 1. Finalidade

1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Participantes

1. Poden participar no certame o alumnado e profesorado dos centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, segundo as modalidades e nos termos previstos nas presentes bases.

2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Modalidades

O alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia poderán presentar os traballos, para o fomento do cooperativismo, nas seguintes modalidades:

a) Debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria.

b) Actividades cooperativizadas dirixidas ao alumnado de educación secundaria obrigatoria.

c) Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Artigo 5. Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixido ao alumnado de infantil e primaria

1. O alumnado dos centros de infantil e primaria en que se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os debuxos, pinturas, fotografías e/ou vídeos, realizados por eles, segundo as seguintes categorías:

a) Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil.

b) Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

c) Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria.

d) Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria.

2. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

b) Un accésit por cada categoría.

3. Condicións técnicas.

a) Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignaranse, en letras maiúsculas, para unha correcta identificación, os datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría na que participan e título do traballo.

b) Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles como mínimo no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp. Enviaranse copias en papel, xunto co arquivo en soporte CD. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente CD coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso indicando con letra lexible os datos identificativos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, dirección do centro escolar, así como a categoría na que participan e título do traballo.

c) No caso de vídeos as producións presentaranse nun DVD estándar, reproducible en calquera reprodutor convencional de DVD, podendo conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. As locucións e grafismos deberán utilizar o galego. A súa duración non poderá exceder os 10 minutos. O DVD non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría na que participan, título da creación presentada, así como unha ficha técnica.

d) Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

4. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas e como máximo non se poderá superar o número de estudantes pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 6. Modalidade de actividades cooperativizadas dirixido ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria poderá presentar a este concurso as memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, viaxes de ampliación de estudos, festivais de fin de curso, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou obras de teatro.

2. Establécense as seguintes categorías:

a) Categoría E: alumnado do primeiro ciclo da ESO.

b) Categoría F: alumnado do segundo ciclo da ESO.

3. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

b) Un accésit por cada categoría.

4. A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

a) Título do traballo.

b) Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade.

c) Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

d) Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de recursos se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser materiais de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

e) Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, as persoas encargadas de realizalas e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense levantar actas das reunións nas que se deixe constancia de todo isto.

f) Resultado final.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editada en Arial cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cadanseu bordo. Deberanse entregar un exemplar en papel e o seu soporte en sistema informático. Engadiranse, como anexos, o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

5. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas e como máximo non se poderá superar o número de estudantes pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 7. Modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial

1. O alumnado e o profesorado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e de ensinanzas de réxime especial, nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo, poderán presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a única modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos poderán optar aos seguintes premios:

a) Premio ao mellor proxecto.

b) Un accésit ao proxecto finalista.

3. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados obrigatoriamente dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na web www.cooperativasdegalicia.coop, así como dun currículo do grupo (nomes, apelidos, idades e estudos do alumnado, así como o profesor ou profesora, ou do director ou directora).

4. Na elaboración de cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.

Artigo 8. Presentación das solicitudes e traballos

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os traballos do alumnado, debidamente identificados, deberán entregarse na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificios administrativos de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela). Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo referidos anteriormente.

Artigo 9. Órgano instrutor

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requiriralle ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Tribunais e criterios de avaliación

1. Os traballos que participen nas modalidades de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo e actividades cooperativizadas serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros:

a) Dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas.

b) Dúas persoas, nomeadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, especialistas nas materias de debuxo e pintura e en audiovisual, respectivamente.

c) A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

O tribunal valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do traballo realizado.

2. Os proxectos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros:

a) Dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas.

b) Unha persoa nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Unha persoa técnica especialista en cooperativismo nomeada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

d) A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

O tribunal avaliará a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación coa contorna onde se desenvolven.

3. Todos os premios serán propostos polos respectivos tribunais. Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Artigo 11. Apoio aos centros educativos para a realización de actividades de promoción do cooperativismo

Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos poderán solicitar asesoramento en materia dos principios e valores cooperativos, a través de escrito dirixido á Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 12. Resolución e recursos

O tribunal fará pública a relación provisional dos traballos propostos para os premios na web www.cooperativasdegalicia.coop

1. Contra ela poderase presentar reclamación mediante escrito dirixido á presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificios administrativos de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

2. Transcorrido o prazo, de non existir reclamacións a proposta converterase en definitiva. De existir reclamacións o tribunal resolveraas, e emitirá a proposta definitiva de adxudicación dos premios.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizasen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica. Consellería de Economía, Emprego e Industria. Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas do órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos esixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

No supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. Unha vez publicada a resolución definitiva as persoas interesadas propostas como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios consistentes nunha contía en diñeiro serán entregados aos autores do proxecto, logo da presentación da solicitude de pagamento segundo o modelo que figura como anexo II a esta orde, xunto coa seguinte documentación xustificativa, no prazo indicado na convocatoria:

a) Declaración asinada por todos os autores do proxecto que acredite as contías atribuídas individualmente a cada un deles.

b) Memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto.

c) Acta das reunións do grupo promotor cos seus datos de identificación (nome e apelidos, domicilio e NIF).

d) Copia do DNI do participante no caso de non autorizar a súa consulta.

3. A xustificación deberá presentarse na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

4. Os premios que non consistan nunha contía en diñeiro, serán entregados materialmente no acto de entrega de premios que se celebre con motivo do día do cooperativismo ás persoas que resulten premiadas ou aos seus representantes.

5. A entrega dos diplomas acreditativos da obtención dos premios terá lugar no transcurso do acto que se celebrará con motivo do día do cooperativismo.

Artigo 15. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16. Condicións xerais de participación

1. O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos autores, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos, pinturas, fotografías e vídeos gañadores.

2. A Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes das persoas gañadoras, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.

3. As persoas concursantes exoneran de toda responsabilidade á Consellería de Economía, Emprego e Industria, no caso de que os traballos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estean en poder destes. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

4. A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II
Convocatoria do certame Cooperativismo no ensino para o ano 2016

Artigo 18. Convocatoria

Convócase para o ano 2016 o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes e traballos

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 15 de maio de 2016. Non obstante, se o período de presentación resultara inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Coas solicitudes deberase acompañar a relación dos alumnos que participaron na elaboración dos traballos. (Anexo I continuación).

Artigo 20. Contía dos premios

1. Os traballos presentados á modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixido ao alumnado de infantil e primaria, nas súas distintas categorías, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo de cada categoría: as persoas autoras do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais didácticos, audiovisuais ou informáticos, por un valor total equivalente a 2.000 euros.

– Un accésit por cada categoría: as persoas autoras de cada traballo premiado recibirán materiais didácticos, audiovisuais ou informáticos, por un valor total equivalente a 1.000 euros.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido ao alumnado dos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo por categoría: as persoas autoras do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais didácticos, audiovisuais ou informáticos, por un valor total equivalente a 2.000 euros.

– Un accésit por cada categoría: as persoas autoras de cada traballo premiado recibirán materiais didácticos, audiovisuais ou informáticos, por un valor total equivalente a 1.000 euros.

3. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo coa seguinte dotación:

• Un premio de 3.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto premiado.

• Material audiovisual ou informático por un valor máximo de 1.000 euros, para o profesor ou a profesora, ou o director ou a directora do mellor proxecto.

– Un accésit coa seguinte dotación:

• Un premio de 2.000 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto finalista.

• Material audiovisual ou informático para o profesor ou a profesora, ou o director ou a directora do proxecto finalista, por un valor máximo de 500 euros.

4. O prazo de presentación da documentación xustificativa para o pagamento rematará o 30 de setembro de 2016. Non obstante, a documentación tamén poderá presentarse xunto coa solicitude.

Artigo 21. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego, aplicación 9.40.324C.480.1, do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2016, ata un importe máximo de 25.000 euros.

Artigo 22. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2016.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file