Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51649

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á Cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A Constitución Española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

As bases reguladoras dos premios á cooperación, así como a súa convocatoria para el año 2016, foron informadas polo Consello Galego de Cooperativas.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras dos premios á Cooperación

Artigo 1. Finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que os cooperativistas, cooperativas e outras persoas e institucións veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo na comunidade autónoma galega.

2. Non poderán optar aos premios á promoción do cooperativismo as asociacións ou unións de cooperativas, as oficinas de Fomento Cooperativo nin o persoal dependentes delas.

3. Non poderán resultar premiados as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Premios

Outorgaranse os seguintes premios:

a) Premio aos valores cooperativos.

b) Premio ao mellor proxecto cooperativo.

c) Premio á promoción do cooperativismo.

Artigo 4. Premio aos valores cooperativos

1. Outorgarase á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos.

2. O tribunal valorará a traxectoria dos candidatos e das candidatas, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos valores e principios cooperativos e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego. Os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son:

1º. Adhesión voluntaria e aberta.

2º. Xestión democrática por parte dos socios.

3º. Participación económica dos socios.

4º. Autonomía e independencia.

5º. Educación, formación e información.

6º. Cooperación entre as cooperativas.

7º. Interese pola comunidade.

Os valores cooperativos son:

1º. Axuda mutua.

2º. Responsabilidade.

3º. Democracia.

4º. Igualdade.

5º. Equidade.

6º. Solidariedade.

7º. Transparencia.

Artigo 5. Premio ao mellor proxecto cooperativo

1. Outorgarase ao proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia, tanto de cooperativas de nova creación como das previamente existentes.

2. O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada tanto polo seu carácter innovador ou de intercooperación, como por outras características singulares e pola súa repercusión na contorna, especialmente nos eidos económico, social e laboral.

Artigo 6. Premio á promoción do cooperativismo

1. Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual que resulten particularmente significativas.

2. O tribunal terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos candidatos e polas candidatas e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos, e valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido.

Artigo 7. Candidaturas e documentación

1. Unha vez publicada a convocatoria, os interesados deberán presentar a solicitude (anexo I) de participación acompañada da seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa que deberá conter, como mínimo, segundo o caso:

– Méritos que distinguen a candidatura.

– Descrición das actividades realizadas que demostren a aplicación práctica dos principios e valores cooperativos, a relevancia social do proxecto desenvolvido ou a traxectoria na promoción ou desenvolvemento do cooperativismo, entre outras.

– Se se trata dunha cooperativa: datos identificativos, data de constitución, número de socios, número de traballadores, actividade e volume de negocio anual.

– Resumo do contido da memoria.

b) A documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades nelas dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos poderá realizado de forma presencial a través de calquera dos rexistro habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou candidata ou persoa que o propoña, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo indicado na convocatoria.

5. Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

Artigo 8. Órgano instrutor

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requiriralle ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Tribunal

3. Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas.

4. Todos os premios serán propostos polo tribunal. O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Artigo 10. Resolución e recursos

1. O tribunal fará pública a relación provisional dos premiados propostos na web
www.cooperativasdegalicia.coop

2. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo de San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

3. Transcorrido o prazo, de non existir reclamacións a proposta converterase en definitiva. De existir reclamacións o tribunal resolveraas, e emitirá a proposta definitiva de adxudicación dos premios.

4. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizasen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica. Consellería de Economía, Emprego e Industria. Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 11. Xustificación e pagamento

1. Unha vez publicada a resolución definitiva as persoas ou entidades propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A entrega das distincións aos gañadores terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo galego.

3. O pagamento realizarase logo da presentación da solicitude de pagamento segundo o modelo que figura como anexo II, xunto coa seguinte documentación xustificativa, no prazo indicado na convocatoria:

4. Copia do DNI da persoa solicitante ou da persoa representante no caso de non autorizar a súa consulta.

5. A devandita documentación deberá presentarse na Secretaría xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), antes do 30 de setembro de 2016.

Artigo 12. Financiamento e normativa reguladora

a) A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

b) As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 13. Condicións xerais de participación

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e no seu defecto pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas do órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

No supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II
Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2016

Artigo 16. Convocatoria

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2016.

Artigo 17. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 15 de maio de 2016. Non obstante se o período de presentación resultara inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Contía dos premios

Outórganse os seguintes premios:

a) Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 5.000 euros.

b) Premio ao mellor proxecto cooperativo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

c) Premio á promoción do cooperativismo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 19. Financiamento

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 9.40.324C.472.1 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega para o ano 2016, ata un importe máximo de 15.000 euros.

Nesta axuda, e só para o caso de resultaren beneficiados persoas individuais, a concesión das axudas económicas e premios previstas realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 9.40.324C.480.1, minorando do crédito da aplicación 9.40.324C.472.1, de conformidade co establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Artigo 20. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2016.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file