Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2016 Páx. 8545

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 19/2016, do 25 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

A Lei 48/2015, do 29 de outubro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016, no seu artigo 20 dispón que durante o presente exercicio unicamente se procederá no sector público autonómico á incorporación de novo persoal con suxeición ás limitacións e requisitos establecidos nesa norma.

Así, sempre que se respecten as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I, en determinados sectores, establécese unha taxa de reposición de efectivos de ata un máximo do 100 %. Entre estes sectores a lei inclúe o control e loita contra a fraude fiscal, laboral, subvencións públicas e control da asignación eficiente dos recursos públicos, asesoramento xurídico e a xestión dos recursos públicos, así como tamén as prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento e as prazas do persoal que presta asistencia directa aos usuarios dos servizos sociais e do persoal que realiza a xestión de prestacións e políticas activas en materia de emprego.

Así mesmo, noutros sectores a taxa de reposición fíxase ata un máximo do 50 %.

A Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, recolle no seu artigo 13 esta mesma previsión.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 48 establece os criterios xerais en que se debe enmarcar a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, en que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

Nesta oferta inclúense as prazas que figuran no anexo I tendo en conta o número de xubilacións, excedencias, baixas definitivas e reingresos producidos durante o ano 2015.

Así mesmo, establécese un plan de promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais e das escalas de informática, así como para o persoal laboral, que consiste nunha promoción interna independente das convocatorias ordinarias co número de prazas que se especifica no anexo II.

Nos procesos de promoción interna que se realicen tamén poderá participar o persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de traballo que figure na relación de postos de traballo clasificado para persoal funcionario.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade, nesta oferta resérvase unha porcentaxe do 8,68 % das vacantes que se distribuirá segundo se establece nos anexos I e II das prazas obxecto desta oferta.

A reserva do 8,68 % indicado realizarase de xeito que o 2,24 % das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 6,44 % das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Conforme os artigos 13.2.g) e 14.2.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, corresponde ao Consello da Xunta a aprobación da oferta de emprego público por proposta da consellería competente en materia de función pública. Así mesmo, o artigo 13 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas da Administración xeral e especial así como en diversas categorías de persoal laboral desta comunidade autónoma e de conformidade co previsto no artigo 13 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, así como o artigo 20 da Lei 48/2015, do 29 de outubro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016, cómpre a aprobación da oferta de emprego público do ano 2016 relativa ao persoal funcionario de corpos e escalas da Administración xeral, especial e categorías de persoal laboral, e establecer os criterios en que se debe enmarcar esta oferta.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, por proposta do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, no artigo 20 da Lei 48/2015, do 29 de outubro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016, así como no artigo 13 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial e categorías de persoal laboral da Xunta de Galicia para o ano 2016, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

A oferta de emprego público 2016 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deban prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, especificándose as prazas no anexo I deste decreto. Así mesmo, inclúense no anexo II as prazas para cubrir polo sistema de promoción interna en convocatorias independentes das convocatorias ordinarias de novo ingreso.

As prazas de novo ingreso son con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2016.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo co Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

– Publicidade das convocatorias e das súas bases.

– Transparencia.

– Imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección.

– Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

– Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se desenvolverán.

– Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos de selección.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Os órganos de selección aplicarán na súa actuación principios de austeridade e axilidade á hora de ordenar o desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos principios de actuación de conformidade co establecido no Estatuto básico do empregado público

D) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas, farán públicos os cadros de respostas, na páxina da Xunta de Galicia (www.xunta.es/funcion-publica) ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

2. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os dous sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 49 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Artigo 4. Promoción interna independente

1. No ano 2016, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo II para persoal funcionario de carreira e persoal laboral fixo. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso e será de aplicación para o persoal funcionario o previsto no artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e para o persoal laboral o previsto no artigo 9 do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

2. Para os corpos de Administración xeral, realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo a que pretende acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

3. Para os funcionarios do corpo de xestión, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática, realizarase unha promoción interna separada para permitir que este persoal funcionario poida promocionar ao corpo superior, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo de xestión, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

4. Para os funcionarios do corpo administrativo, subgrupo C1, escala técnica auxiliar de informática, realizarase unha promoción interna separada para permitir que este persoal funcionario poida promocionar ao corpo de xestión, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática, sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo administrativo, subgrupo C1, escala técnica auxiliar de informática, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

5. Aos aspirantes dos corpos de Administración xeral, que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral; quedan excluídos, expresamente, os postos que só estean abertos a escalas.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto ao corpo do grupo de titulación ao que se acceda, ofertarase na elección de destino unha vacante aberta ao grupo de titulación ao cal accedeu por promoción interna, que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do grupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

6. Aos aspirantes das escalas de xestión de sistemas de informática e da escala técnica auxiliar de informática que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que poida ser ocupado por un funcionario/a da correspondente escala, de acordo coa relación de postos de traballo.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto á correspondente escala, ofertarase na elección de destino unha praza vacante aberta a esa escala.

7. As convocatorias de procesos selectivos de promoción interna independentes das de ingreso para persoal funcionario, poderán establecer a conservación da nota dos exercicios, sempre que a dita nota sexa igual ou superior ao 60 % da cualificación máxima. A validez desta medida será aplicable á convocatoria inmediata seguinte, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

8. Se unha vez realizados os procesos selectivos de persoal funcionario quedan prazas sen cubrir, acumularanse á oferta de emprego público seguinte para seren cubertas por promoción interna independente.

9. O persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estea ocupando un posto de funcionario dos corpos ou escalas da Xunta de Galicia así establecido nas relacións de postos de traballo, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto os realizados de forma independente como os realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos ou escalas a que figure adscrito o posto de traballo que estean desempeñando, sempre que posúan a titulación necesaria, teñan prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos e reúnan os restantes requisitos exixidos na correspondente convocatoria.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos no presente artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto no artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reservarase unha cota non inferior ao 7 % das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de modo que, progresivamente, se acade o 2 % dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

Nesta oferta resérvase unha porcentaxe do 8,68 % para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade, de forma que o 2,24 % será para as persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 6,44 % para aquelas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Nos anexos do presente decreto figura a reserva de prazas nos corpos, escalas ou categorías en que as actividades ou funcións son compatibles en maior medida coa posible existencia dunha discapacidade.

3. As prazas reservadas para persoas con discapacidade xeral poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes á dos procesos libres e, en todo caso, garantirase o carácter individual dos procesos. Cando a convocatoria sexa conxunta, as prazas reservadas para persoas con discapacidade que non se cubran nesta quenda, acumularanse á quenda libre do correspondente proceso selectivo.

As prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual realizarase en convocatoria independente.

4. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtén praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas terán idéntico contido e realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes, e darase un tratamento diferenciado ás quendas durante o procedemento selectivo, no que se refire ás relacións de admitidos e excluídos, aos chamamentos, aos exercicios e á relación de aprobados. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos os candidatos que superasen todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participen. A dita relación será a determinante para a petición e a adxudicación de destinos, agás o previsto no punto 7 deste artigo, de acordo co previsto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Se na súa realización se lle suscitan dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios/as do corpo ou escala a que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

5. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

6. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

7. As ordes polas que se convoquen os procesos selectivos incluirán a posibilidade de que nas convocatorias en que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición, pero non obteñan praza pola cota de reserva, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

8. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario e categorías de persoal laboral e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria.

O órgano convocante estimará a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e limitarase a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

Prazas correspondentes á oferta para o ingreso nos corpos e escalas
de Administración xeral, especial e categorías de persoal laboral no ano 2016

ANEXO I

Acceso libre

Administración xeral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior (subgrupo A1)

Escala superior de seguridade e saúde no traballo

Especialidade de seguridade no traballo

2

2

Especialidade de hixiene industrial

5

5

Especialidade de ergonomía e psicosocioloxía aplicada

1

1

Corpo de xestión (subgrupo A2)

5

1

6

Corpo de xestión (subgrupo A2)

Escala técnica de seguridade e saúde no traballo

Especialidade de seguridade no traballo

8

8

Especialidade de hixiene industrial

1

1

Corpo auxiliar (subgrupo C2)

16

2

4

22

Agrupación profesional do persoal funcionario subalterno

12

12

Administración especial

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo facultativo superior (subgrupo A1)

Escala superior de saúde laboral

4

4

Escala de enxeñeiros

Especialidade enxeñaría agronómica

5

1

6

Especialidade enxeñaría de montes

7

1

8

Corpo facultativo de grao medio (subgrupo A2)

Escala técnica de saúde laboral

1

1

Escala de enxeñeiros técnicos

Especialidade enxeñaría técnica agrícola

7

1

8

Especialidade enxeñaría técnica forestal

7

1

8

Persoal laboral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Grupo IV. Categoría 003. Auxiliar de enfermaría

64

6

70

Grupo IV. Categoría 033. Condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais

30

30

Grupo V. Categoría 001. Camareiro/a-limpador/a. Axudante/a cociña

69

7

76

Persoal laboral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Grupo V. Categoría 10B. Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais

10

10

Grupo V. Categoría 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais

10

10

Grupo V. Categoría 014. Peón/oa defensa contra incendios forestais

22

22

Grupo V. Categoría 14A. Peón/oa condutor de defensa contra incendios forestais

22

22

Total xeral

296

20

16

332

ANEXO II

Promoción interna

Administración xeral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior (subgrupo A1)

18

2

20

Corpo superior (subgrupo A1)

Escala de sistemas e tecnoloxía da información

7

1

8

Corpo de xestión (subgrupo A2)

Escala de xestión de sistemas de informática

7

1

8

Corpo administrativo (subgrupo C1)

28

2

30

Corpo auxiliar (subgrupo C2)

46

4

50

Persoal laboral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Grupo IV. Categoría 003. Auxiliar de enfermaría

87

9

96

Grupo IV. Categoría 033. Condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais

30

30

Grupo V. Categoría 001. Camareiro/a-limpador/a. Axudante/a cociña

69

7

76

Grupo V. Categoría 10B. Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais

10

10

Grupo V. Categoría 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais

10

10

Grupo V. Categoría 014. Peón/oa defensa contra incendios forestais

22

22

Grupo V. Categoría 14A. Peón/oa condutor de defensa contra incendios forestais

22

22

Total xeral

356

26

382

Total oferta

652

46

16

714