Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2016 Páx. 10153

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN conxunta do 10 de marzo de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-11 Ti consomes: fano igual en todas as partes?

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo; capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e outras dezaseis comunidades autónomas. Este concurso ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo responsable, fomentando a participación dos centros docentes, a través do profesorado e do alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo. Dentro deste ámbito estatal realizouse a primeira fase do concurso, que consistiu nun xogo pedagóxico virtual desenvolvido entre o 19 de outubro de 2015 e o 18 de xaneiro de 2016 a través da plataforma virtual do concurso (http://consumopolis.es/).

Unha vez rematada esta fase estatal, correspóndelles ao Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2015/16 Consumópolis-11 sobre consumo responsable e calidade de vida que leva por título: «Ti consomes: fano igual en todas as partes?».

A fase autonómica do concurso consistirá no deseño, na elaboración e na presentación dun traballo conxunto no cal se reflictan dúas maneiras distintas de consumir.

As características específicas do traballo establécense no artigo 7 desta resolución.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes equipos deben estar inscritos na fase estatal do concurso e todos os seus membros teñen que tela rematada.

2. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

3. Cada equipo deberá presentar un único traballo.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os premios faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2016, en que existe crédito axeitado e suficiente.

3. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal que terá lugar en Madrid.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

Ademais dos premios, todos os membros do equipo recibirán un diploma do Instituto Galego de Consumo que os acredita como gañadores.

Pola súa banda, os docentes que participen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Presentación das solicitudes e documentación

1. Os traballos que se presenten ao concurso irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro escolar conforme o modelo que figura como anexo I desta resolución.

b) Ficha virtual descargada desde a plataforma virtual do concurso. Para obter esta ficha, cómpre subir o traballo do equipo á plataforma. Unha vez subido, cómpre indicar o código do equipo e do traballo.

c) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante. Nela explicarase a organización dos traballos desenvolvidos nas dúas fases do concurso e seguir as pautas establecidas no artigo 6 desta resolución.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica están publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación

O prazo para a presentación dos traballos á fase autonómica comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de marzo de 2016.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración publica galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Características dos traballos en equipo

1. Cada equipo participante deberá realizar un traballo que consistirá no deseño, na elaboración e na presentación dun vídeo conxunto en que se reflictan dúas maneiras distintas de consumir.

O traballo presentarase en formato electrónico e situarase nun espazo virtual, asignado previamente no portal de Consumópolis, ao cal os concursantes poderán acceder desde o 19 de outubro de 2015 ata o 7 de marzo de 2016, ambos os dous incluídos, e desde onde se poderá descargar a ficha virtual indispensable para identificar os traballos.

Só se reservará un espazo virtual por equipo.

Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos e o profesorado contarán con fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que estarán localizadas na páxina web que sustenta o xogo.

2. Elaboración do vídeo.

a) En canto ao contido, os equipos de educación primaria deberán comparar aspectos relacionados coa alimentación (produtos alimenticios, dieta, etc.) ou o lecer. Os equipos de educación secundaria realizarán a comparación entre o lecer ou a compra de produtos ou servizos. Indicarase claramente a tradición cultural sobre a cal se realizará a comparación así como un título ou slogan.

b) A duración do vídeo non será superior a un minuto, excluídos os títulos de crédito.

c) Os traballos que concursen poderán presentarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Requirimentos do título ou slogan do vídeo:

– Debe estar redactado en forma positiva.

– Pode estar escrito en prosa, verso, ou ser un xogo de palabras que no seu conxunto teña sentido.

– Debe ser inédito e orixinal e non ter sido premiado noutro concurso.

– Non pode conter erros lingüísticos. O incumprimento deste punto suporá a descualificación do traballo.

e) Requirimentos dos vídeos:

– Deberán completar e dar sentido ao título ou slogan.

– Non poderán incluír publicidade (imaxes de marcas de produtos ou servizos existentes); nin persoas famosas ou recoñecidas (deportistas, políticos, cantantes, etc.) nin personaxes de ficción. Tampouco símbolos que fagan alusión expresa a redes sociais, programas ou páxinas da internet existentes.

– Ningún traballo conterá imaxes ou contidos violentos nin discriminatorios nin calquera outro contrario aos valores da convivencia.

O incumprimento de calquera destes requirimentos suporá a descualificación do traballo.

Artigo 10. Formalización do envío dos traballos dos equipos a través da plataforma

Os vídeos subiranse directamente á plataforma YouTube. Os coordinadores, logo de obter a IDE do vídeo, subirano á páxina de Consumópolis na parte correspondente.

Para preservar a privacidade, marcarase a opción de Vídeo Oculto entre as tres opcións que permite a plataforma YouTube (vídeo privado, público ou oculto). Os vídeos ocultos non aparecen nas buscas e só se poderán reproducir a través da ligazón á cal unicamente poderán acceder os docentes coordinadores, o alumnado e os membros do xurado que formen parte do concurso. Os docentes solicitarán a autorización expresa de todos os representantes legais dos alumnos e das alumnas menores de 14 anos que, se é o caso, aparezan nos vídeos. Existe unha autorización tipo que se poderá descargar desde a plataforma do concurso.

No acceso á plataforma virtual poderase consultar un documento detallado cos pasos necesarios para subir o vídeo correctamente.

Aqueles equipos aos cales se lles presenten problemas técnicos que lles dificulten ou impidan subir o vídeo deberán enviar un correo electrónico ao administrador do concurso (ps@kidekom.com), que lles indicará, pola mesma vía, o procedemento que deben seguir.

1. Ficha virtual:

Unha vez rematada a realización do vídeo e subido á plataforma YouTube poderá imprimirse a ficha virtual do vídeo, documento que contén os datos do vídeo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.

O docente coordinador será o encargado de imprimir este documento e de envialo ao Instituto Galego de Consumo, xunto coa solicitude de participación, segundo se indica no artigo 5 desta resolución. Con este documento o xurado poderá acceder ao vídeo e proceder á súa avaliación.

Desde o momento en que a ficha virtual do vídeo sexa impresa pola persoa coordinadora, o vídeo non poderá ser substituído.

Se o docente coordinador non imprime a ficha virtual do vídeo a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Aqueles equipos aos cales se lles presenten problemas técnicos que lles dificulten ou impidan subir o cartel e imprimir a ficha virtual, deberán enviarlle un correo electrónico á administración do concurso (ps@kidekom.com), que lles indicará, pola mesma vía, o procedemento que deben seguir.

2. Memoria da participación no concurso:

Cada equipo elaborará unha memoria en soporte dixital, cunha extensión máxima de 5 páxinas, en que expoña como foi a súa participación no concurso escolar 2015/16 Consumópolis-11 «Ti consomes: fano igual en todas as partes?».

Na memoria recollerase, de xeito resumido e esquemático, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe acadada como consecuencia da participación no concurso.

Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña Consumópolis-11 e cal foi, se é o caso, a documentación consultada.

b) Como se organizaron os membros do equipo para a realización do vídeo, as fontes documentais consultadas, as ferramentas dixitais e os demais materiais empregados.

c) A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso anteriormente descritas.

d) Xuntarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

A memoria realizarase en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada.

b) Índice.

c) Corpo da memoria, no que se diferencie de xeito claro a primeira fase, a segunda fase e a valoración da experiencia e da aprendizaxe.

d) Anexo bibliográfico e fotográfico, se é o caso.

Artigo 11. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da Presidencia do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Un/unha asesor/a de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego de Consumo.

d) Secretario/a:

A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 12. Criterios de valoración

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

1. A puntuación obtida no xogo pedagóxico «Ti consomes: fano igual en todas as partes?», que representará o 45 % da puntuación total que deberá conseguir cada equipo. A avaliación das probas incluídas no xogo interactivo a través da internet Consumópolis 11 quedará establecida de forma automática pola propia plataforma web que soporta o xogo en liña.

2. Para a valoración dos traballos en equipo da segunda parte do concurso teranse en conta os criterios seguintes:

– Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso.

– Creatividade, orixinalidade e presentación na composición do traballo en equipo.

3. Para a valoración dos equipos que optan aos premios autonómicos, o traballo en equipo valorarase cun máximo de 50 puntos, coa seguinte ponderación:

a) Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: ata 15 puntos.

b) Claridade na mensaxe: ata 10 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade na composición: ata 10 puntos.

d) Presentación e calidade técnica: ata 10 puntos.

e) Memoria explicativa: ata 5 puntos.

Artigo 13. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non son resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á Presidencia do Instituto Galego de Consumo e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra as resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria, que porán fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Este procedemento realizarase segundo o establecido na Lei 29/1998, da xurisdición contencioso-administrativa,

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro dereito, que xulguen procedente.

Artigo 14. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2016, onde existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das modalidades de participación representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal, que terá lugar en Madrid.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración posterior nos traballos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 15. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría que concursarán na fase estatal.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que poidan resultar da utilización dos textos, das imaxes e doutros elementos creativos utilizados na realización do traballo e cuxa a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego de Consumo e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados en que se poderán introducir as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 16. Retirada da documentación

A dirección do centro educativo e/ou as persoas coordinadoras dos traballos presentados ao concurso, poderán solicitar a retirada daqueles non premiados da páxina web que soporta o concurso, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario, quedarán expostos de forma permanente mentres se manteña o concurso.

Tamén poderán solicitar ao Instituto Galego de Consumo a devolución dos traballos non premiados na convocatoria.

Artigo 17. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente, perante a presidenta do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 18. Protección de datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado: «relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego de Consumo, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego de Consumo, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, 1-3-5, baixo, 15707, Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.es.

Disposición derradeira

Facúltase a presidenta do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016

Sol María Vázquez Abeal Román Rodríguez González
Presidenta do Instituto Galego Conselleiro de Cultura, Educación
de Consumo e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file